Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Mércores, 31 de maio de 2017 Páx. 26200

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 18 de maio de 2017, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, pola que se revoga a delegación, do 5 de decembro de 2016, ao titular da Xefatura Territorial da Coruña do exercicio de determinadas competencias en materia de patrimonio cultural e se delegan no titular do Servizo de Coordinación da Área Cultural.

Mediante Resolución do 5 de decembro de 2016, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural delegou no titular da Xefatura Territorial da Coruña o exercicio de determinadas competencias en materia de patrimonio cultural debido a que estaba vacante por xubilación a xefatura do Servizo de Coordinación da Área Cultural que dela depende.

En coherencia, unha vez cuberta a vacante mencionada, procédese a deixar sen efecto a delegación en cuestión e normalizar coa mesma publicidade o traslado das funcións en análogo sentido ao recollido con carácter xeral na resolución de delegación, do 3 de febreiro de 2012, pero adaptado expresamente á normativa actualmente vixente.

En consecuencia, co fin de evitar unha concentración excesiva do traballo e lograr unha maior axilidade administrativa que redunde en beneficio tanto da Administración como dos administrados, faise conveniente que, dentro do respecto aos principios informadores da actuación administrativa e con suxeición á normativa legal vixente, se delegue na xefatura do Servizo de Coordinación da Área Cultural da Coruña, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o exercicio de determinadas competencias. Estas competencias aparecen reflectidas, entre outros, no artigo 13.1.f) do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; nos artigos 34, 39, 52, 54, 57, 58, 61, 66, 96, 100, 101, 102 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, e nos artigos 1.1.a), 1.2 e 3.1 do Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia.

Por outra banda, o artigo 30.1.f) do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, recolle a posiblilidade do exercicio de funcións delegadas por parte das xefaturas territoriais.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confire o artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público, e o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dispoño delegar na persoa titular da xefatura do Servizo de Coordinación da Área Cultural da Coruña, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o exercicio das seguintes competencias:

1. Autorizar os proxectos de obras e intervención que se pretendan realizar en bens de interese cultural ou catalogados, así como, se é o caso, no seu contorno de protección ou zona de amortecemento, sometidos ao informe das comisións territoriais do patrimonio histórico galego, de conformidade co artigo 2.a) do Decreto 39/2007, do 8 de marzo, polo que se regula a composición e o funcionamento das comisións territoriais do patrimonio histórico galego, modificado polo Decreto 103/2010, do 17 de xuño, así como aqueles relativos a obras de entidade menor que se proxecten sobre os devanditos bens ou nas súas contornas de protección.

2. A autorización e o informe relativos ás intervencións que afecten conxuntos históricos declarados bens de interese cultural que aprobasen un plan especial de protección, cando este estableza expresamente a necesidade de obter a autorización ou o informe favorable do órgano autonómico competente en materia de patrimonio cultural.

3. Autorizar as actuacións arqueolóxicas preventivas (controis, prospeccións, sondaxes e escavacións) derivadas de proxectos de obra ou plans que afecten o patrimonio cultural e a súa contorna, que sexan exixidas polos informes e autorizacións aprobados na propia xefatura de coordinación de conformidade con esta resolución; as que determinen as figuras de planeamento especial aprobadas nos conxuntos históricos e as que deriven das determinacións adoptadas en relación coas propostas dos departamentos territoriais na tramitación dos expedientes sobre os cales emitiu informe a Subcomisión de Conservación do Patrimonio Histórico-Artístico da Igrexa Católica en Galicia e dos instrumentos do plan.

4. Emitir informes sobre os plans, programas e proxectos relativos a ámbitos como a paisaxe, o desenvolvemento rural, as infraestruturas ou calquera outro que poida supoñer unha afeccción ao patrimonio cultural de Galicia pola súa incidencia sobre o territorio, nos cales se establecerán as medidas protectoras, correctoras e compensatorias que se consideren necesarias.

5. Adoptar, en caso de urxencia, as medidas cautelares necesarias para salvagardar os bens do patrimonio cultural de Galicia que se vexan ameazados.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural poderá avocar para si, en calquera momento, o exercicio das competencias delegadas nesta resolución, de acordo co establecido no artigo 7 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 10 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público.

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta resolución farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas pola autoridade que as concedeu.

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2017

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral do Patrimonio Cultural