Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Mércores, 31 de maio de 2017 Páx. 26197

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 12 de maio de 2017 pola que se autoriza o bloque común, na modalidade a distancia, no centro de ensinanzas deportivas Acadef, de Vigo.

A Orde do 24 de xullo de 2015 autoriza a apertura e funcionamento do centro de ensinanzas deportivas Acadef, de Vigo, para impartir as ensinanzas deportivas de grao medio conducentes á obtención do título de técnico deportivo en Fútbol (2 unidades de 30 postos escolares cada unha) e de grao superior conducentes á obtención do título de técnico superior en Fútbol (1 unidade de 30 postos escolares).

O representante de Acadef (Asociación Académica de Entrenadores de Fútbol), solicita autorización para impartir o bloque común a distancia das ensinanzas deportivas de grao medio e superior de fútbol.

O Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, que establece a ordenación xeral das ensinanzas deportivas de réxime especial, no seu artigo 24 sinala a posibilidade de ofertar ensinanzas deportivas de xeito modular ou parcial, ben sexa en réxime presencial ou a distancia.

O Decreto 410/2003, do 6 de novembro, regula os requisitos e o procedemento para a autorización a centros privados e a centros públicos que non sexan de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para impartir ensinanzas de técnicos deportivos na Comunidade Autónoma de Galicia; norma desenvolvida polas ordes desta consellería do 12 de abril de 2004 e do 23 de abril de 2004, nas que se determinan o procedemento de autorización e os requisitos mínimos dos espazos administrativos e docentes xenéricos cos que deben contar os centros.

Por isto, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Primeiro. Autorizar o bloque común a distancia no centro de ensinanzas deportivas Acadef, de Vigo, que queda configurado como se sinala a seguir:

Denominación xenérica: centro autorizado de ensinanzas deportivas.

Denominación específica: Acadef.

Código do centro: 36024914.

Titular: Acadef (Asociación Académica de Entrenadores de Fútbol).

Domicilio: Camiño Escola Andersen, 28.

Localidade: Valadares.

Código postal: 36315.

Concello: Vigo.

Provincia: Pontevedra.

Composición resultante:

a) Ensinanzas na modalidade presencial:

• Grao medio: ensinanzas conducentes á obtención do título de técnico deportivo en Fútbol.

• Grao superior: ensinanzas conducentes á obtención do título de técnico deportivo superior en Fútbol.

b) Ensinanzas na modalidade a distancia:

• Módulos do bloque común.

Segundo. Antes da posta en funcionamento das ensinanzas que se autorizan, a Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de Pontevedra, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que impartirá a docencia, así como o equipamento axeitado.

Terceiro. Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Cuarto. A titularidade da rede de centros queda obrigada ao cumprimento da normativa vixente e a solicitar a oportuna revisión cando teña que modificarse calquera dos datos que se sinalan nesta orde.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo de un mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2017

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria