O 3 de maio de 2017 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 2 de maio de 2017 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a empresas xornalísticas e de radiodifusión e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (código de procedemento PR852A).
O artigo 17.2 do anexo I destas bases reguladoras establece que o pagamento das axudas quedará condicionado á presentación da documentación nos termos que se establezan na resolución de concesión, nun prazo de 10 días contados a partir do seguinte ao da súa notificación.
Tendo en conta que a obtención de parte desta documentación presenta unha especial complexidade, considérase necesario modificar o prazo de presentación da documentación necesaria para o pagamento ata un mes.
En cumprimento do disposto no Decreto 71/1999, do 18 de marzo, no que se regulan as axudas a empresas xornalísticas e de radiodifusión e en uso das facultades que teño conferidas,
RESOLVO:
Artigo único
Modificación da Resolución do 2 de maio de 2017 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a empresas xornalísticas e de radiodifusión e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (código de procedemento PR852A).
A Resolución do 2 de maio de 2017 queda modificada como segue:
Un. O artigo 17.2. das bases queda redactado como segue:
«O pagamento das axudas quedará condicionado á presentación da documentación nos termos que se establezan na resolución de concesión, no prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da súa notificación. Utilizaranse os modelos normalizados que figuran como anexos numéricos desta resolución, incluíndo, en todo caso:».
Dous. Contra esta resolución poderá interpoñerse, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Alternativamente, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
A presente resolución entrará en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 23 de maio de 2017
Mar Sánchez Sierra
Secretaria xeral de Medios