Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Mércores, 7 de xuño de 2017 Páx. 27445

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 53/2017, do 18 de maio, polo que se aproba o cambio de titularidade duns restos da antiga estrada C-533 (actual PO-533) na súa marxe dereita (puntos quilométricos 7+970 e 8+310) e na súa marxe esquerda (puntos quilométricos 6+800 e 7+540) a prol do Concello de Dozón.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Dozón solicita a Consellería de Infraestruturas e Vivenda o cambio de titularidade dun resto da estrada C-533 á altura do alto da Rocha. Este treito atópase na marxe dereita da actual estrada PO-533, comezando e rematando nun camiño de servizo, aproximadamente á altura dos pp.qq. 7+970 e 8+310.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade a prol do Concello de Dozón de:

– Resto da antiga estrada C-533 (actual PO-533), que non ten conexión directa coa propia estrada PO-533 senón que parte e remata nunha vía de servizo pertencente a dita PO-533, e que xa non se usa para a explotación do servizo público viario autonómico senón que serve de acceso aos predios e camiños lindeiros co dito resto, está situado entre os pp.qq. 7+970 e 8+310, e presenta unha lonxitude de 375 metros.

– Resto da antiga estrada C-533 (actual PO-533) situado na súa marxe esquerda entre os pp.qq. 6+800 e 7+540, e cunha lonxitude de 602 metros.

O Concello de Dozón en data 28 de febreiro de 2017 manifesta a súa conformidade cos cambios de titularidade propostos.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaoito de maio de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello de Dozón:

– Resto da estrada PO-533, que conecta coa súa vía de servizo, e que está situado entre os pp.qq. 7+970 e 8+310, cunha lonxitude de 375 metros.

– Resto da estrada PO-533, situado entre os pp.qq. 6+800 e 7+540, na súa marxe esquerda e cunha lonxitude de 602 metros.

Artigo 2

En aplicación dos apartados 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Dozón deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade ao que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderanlle ao Concello de Dozón, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de maio de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda