Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Mércores, 7 de xuño de 2017 Páx. 27505

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 23 de maio de 2017 pola que se convoca o curso monográfico sobre os 60 anos da Unión Europea: balance e perspectivas.

Conforme aos fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo),

RESOLVO:

Convocar, en colaboración coa Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, o curso monográfico «60 anos da Unión Europea: balance e perspectivas», de acordo coas bases que se indican a seguir:

1. Obxectivos.

En conmemoración do 60 aniversario da sinatura dos Tratados de Roma, o curso ten como finalidade analizar os fitos acadados pola Unión Europea desde a súa constitución ata a actualidade e o futuro do proceso de integración, tendo en conta as incertezas derivadas do Brexit e demais retos que a Unión deberá afrontar os próximos anos.

2. Contidos.

Neste curso monográfico trataranse, entre outros, os seguintes temas:

• Europa: estado de saúde e enfermidades.

• A economía na encrucillada europea.

• O 60 aniversario dos Tratados de Roma, o obxectivo de cohesión social-balance e perspectivas.

• O devir da UE e das políticas comunitarias.

• A Europa das rexións.

• Europa, simplificacións, liberalizacións.

• Europa hoxe: se non progresa, regresa.

• Da Europa dos 6 á dos 28: triunfos e desfeitas.

• A participación dos parlamentos autonómicos na construción da Unión Europea.

3. Destinatarios.

Persoal ao servizo das administracións públicas de Galicia e dos entes do sector público autonómico, da Administración de xustiza, das universidades galegas, xuristas, profesionais, docentes, alumnos/as universitarios/as e persoas interesadas en xeral.

4. Desenvolvemento.

Lugar: EGAP, rúa Madrid, 2-4. Santiago de Compostela.

Data: 22 e 23 de xuño de 2017.

Horario: día 22, en horario de mañá e tarde; día 23, en horario de mañá.

Duración: 12 horas lectivas.

5. Número de prazas.

Limitado pola capacidade do local.

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP (https://egap.xunta.gal/matricula/).

O prazo para a inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.00 horas do día 20 de xuño de 2017.

Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 horas ata as 14.30 horas, nos teléfonos 981 54 62 39-981 54 62 41.

7. Modificacións.

A EGAP resérvase a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

8. Certificado electrónico de asistencia.

Ao final do curso expedirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2017

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública