Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Venres, 9 de xuño de 2017 Páx. 28263

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 29 de maio de 2017, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural do patrimonio inmaterial as técnicas construtivas da carpintaría de ribeira.

As embarcacións tradicionais en Galicia son unha mostra viva, variada, diversa e abondosa do resultado dunha técnica experta, depurada ao longo do seu territorio, en numerosos obradoiros, estaleiros e carpintarías de ribeira que, desde modelos de moita antigüidade e orixe diversa, adaptaron os materiais e os procesos construtivos ás condicións da navegación e aos seus requirimentos funcionais. Como resultado desta evolución Galicia atesoura un patrimonio cultural singular e propio, que se materializa nos botes, bucetas, carochos, chalanas, dornas, galeóns, gamelas, lanchas, racús, traíñas; nas múltiples variacións e adaptacións ás augas, ao porto ou ás preferencias do cliente; así como noutras embarcacións históricas destinadas ao lecer, e que son a mostra dos coñecementos técnicos e do enxeño dos mestres carpinteiros, homologables aos requirimentos técnicos da construción naval industrializada e coherentes coas características propias das súas comunidades. Mostra disto é o recoñecemento dos usuarios e propietarios de embarcacións de todo o mundo e o prestixio internacional do bo facer dos carpinteiros de ribeira galegos na construción, na conservación e restauración do patrimonio cultural marítimo.

A significación desta capacidade técnica mergúllase en profundidade na historia de Galicia e na súa cultura, pero todos os grandes episodios ou mostras singulares ao longo do tempo son só o expoñente dun conxunto de coñecementos e técnicas atesouradas por xeracións que produciron barcos e botes útiles para a vida cotiá das súas comunidades, cunha variedade e unha depuración técnica que son merecentes de respecto, eloxio, conservación e salvagarda.

Tendo en conta a significativa actividade de grupos e asociacións en prol da conservación e o fomento do uso das embarcacións tradicionais e dos barcos históricos en Galicia, principalmente manifestadas tanto na celebración de xa doce edicións bianuais dos Encontros de embarcacións tradicionais de Galicia iniciados en 1993, os encontros e regatas que contribúen ao mantemento e navegabilidade dos barcos; e as iniciativas de máis de 40 asociacións que se teñen materializado na inestimable recuperación de contidos, experiencias, fenómenos, lugares, técnicas e mesmo embarcacións, mais, por riba de todo isto, no incremento da súa valoración social polo indubidable atractivo que xera a difusión da cultura marítima e a presenza das embarcacións nas augas e nos portos galegos.

Tomando en consideración o difícil contexto para o uso e mantemento nas actividades lúdicas e económicas actuais das embarcacións tradicionais, condicionadas por factores estratéxicos ou económicos e mesmo sociais, que non souberon atopar un lugar para os valores potenciais desta singular manifestación do patrimonio cultural inmaterial, e aproveitando que aínda se conserva vivo nas mans e na memoria de moitas das súas xentes, que teñen o compromiso e o reto de mantelo, cómpre colaborar na tarefa de encontrar unha funcionalidade á conservación e fomento das técnicas tradicionais da carpintaría de ribeira.

Manter en activo as embarcacións tradicionais e os barcos históricos nun contexto actual tan pouco favorable, condicionado polos avances da enxeñaría naval e da construción marítima e o emprego de deseños e materiais cada día máis complexos, resalta o amor e o recoñecemento á sabedoría e á beleza das embarcacións tradicionais, así como doutros barcos históricos, como testemuñas da historia social e marítima das comunidades, e a unhas técnicas construtivas que permitiron que, anos despois da súa botadura, estes barcos continúen en uso, contribuíndo dun xeito único á súa conservación e mantemento como patrimonio vivo que, sen os carpinteiros de ribeira galegos, non poderían sobrevivir. Protexer estas técnicas conduce directamente á salvagarda do patrimonio cultural galego.

Considerando o que dispón a Convención da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco) para Salvagardar o Patrimonio Cultural Inmaterial, ratificada por España no ano 2006 (BOE núm. 31, do 5 de febreiro de 2006) e vixente desde o 14 de abril de 2015, que define o patrimonio inmaterial como os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas –xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que son inherentes a eles– que as comunidades, os grupos e, nalgúns casos, os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural, e que se transmite de xeración en xeración, recreado constantemente polas comunidades e grupos en función do seu ambiente, a súa interacción coa natureza e a súa historia, introducindo un sentimento de identidade e continuidade e contribuír, deste xeito, ao respecto da diversidade cultural e á creatividade humana.

Tendo en conta que na devandita convención se entende a salvagarda como o conxunto de medidas encamiñadas a garantir a viabilidade do patrimonio cultural inmaterial, comprendidas a identificación, documentación, investigación, preservación, protección, promoción, valorización, transmisión e revitalización deste patrimonio nos seus distintos aspectos.

Coa base nos obxectivos fixados pola Constitución española para garantir a protección dos pobos de España no exercicio da súa cultura e promover o seu progreso; facilitar a participación da cidadanía na vida cultural e o seu acceso; e nas obrigas dos poderes públicos de garantiren a conservación e promoveren o enriquecemento do seu patrimonio cultural, cuxo fomento pode corresponder ás comunidades autónomas en función do seu artigo 148.1.17.

Á vista do Plan Nacional de Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial, desenvolto despois do acordo do Consello de Patrimonio Histórico Español celebrado en Santiago de Compostela en 2010 e redactado por unha comisión de expertos das comunidades autónomas, da Administración do Estado e de recoñecido prestixio no ámbito da antropoloxía, a etnoloxía e as manifestacións culturais inmateriais; que ten por obxecto coordinar e colaborar na implementación do desenvolvemento da devandita convención da Unesco e que afonda na importancia de valorizar o protagonismo das comunidades, grupos e individuos, posuidores e titulares das iniciativas e actuacións encamiñadas á investigación, documentación, promoción, transmisión, formación e difusión das manifestacións inmateriais da cultura.

No exercicio das competencias exclusivas en materia de fomento da cultura e da investigación en Galicia e a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego que o Estatuto de autonomía de Galicia define nos seus artigos 27.19 e 32.

Segundo o disposto na Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, que establece no seu artigo 1.2 que o patrimonio cultural de Galicia está constituído polos bens mobles, inmobles ou manifestacións inmateriais que, polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico, documental ou bibliográfico, deban ser considerados como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo, e tamén por aqueles bens ou manifestacións inmateriais de interese para Galicia en que concorra algún dos valores devanditos e que se atopen en Galicia, con independencia do lugar en que se teñan creado; e no artigo 8.2, que indica que terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de patrimonio cultural, e inscribiranse no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, despois da incoación e tramitación do expediente, segundo dispón o título I da Lei 5/2016, do 4 de maio, o Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural.

Ao abeiro do disposto artigo 9.3 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, que establece que se consideran bens do patrimonio cultural inmaterial os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas, xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que lles son inherentes, que as comunidades, os grupos e, nalgúns casos, os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural; e concretamente no punto a.7 deste artigo inclúense as técnicas artesanais tradicionais, actividades produtivas e procesos.

Considerando o que determina o artigo 91 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, que establece que integran o patrimonio etnolóxico de Galicia os lugares, bens mobles ou inmobles, as expresións, así como as crenzas, coñecementos, actividades e técnicas transmitidas por tradición que se consideren relevantes ou expresión testemuñal significativa da identidade, a cultura e as formas de vida do pobo galego ao longo da historia.

Á vista de que esta Dirección Xeral do Patrimonio Cultural é o órgano competente para incoar os procedementos de declaración de ben de interese cultural polas competencias que ten atribuídas polo artigo 13.1.d) do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

E, finalmente, tendo en consideración todo o exposto e o contido da documentación do expediente, por resultar unha manifestación sobranceira do patrimonio cultural inmaterial que en Galicia atopa unha profusión, variedade e orixinalidade enlazada con profundidade nas comunidades mariñeiras e tamén nas fluviais,

RESOLVE:

Primeiro. Incoar o procedemento para declarar ben de interese cultural, como manifestación do patrimonio inmaterial de Galicia, as técnicas construtivas da carpintaría de ribeira, segundo a definición básica que se recolle no anexo I desta resolución. O expediente deberá resolverse no prazo máximo de 24 meses, contados a partir da data desta resolución. Transcorrido ese prazo sen que se emitise resolución expresa, producirase a súa caducidade.

Segundo. Inscribir de forma preventiva as técnicas construtivas da carpintaría de ribeira en Galicia como manifestación do patrimonio cultural inmaterial de Galicia no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e comunicar a resolución ao Inventario Xeral do Patrimonio Cultural Inmaterial do Estado para a súa correspondente anotación preventiva.

Terceiro. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Cuarto. Notificar a resolución de incoación ás entidades identificadas como portadoras do coñecemento e das cales consta no expediente unha actividade relevante para a salvagarda da manifestación do patrimonio cultural inmaterial, solicitándolles o seu consentimento para a declaración, colaboración e información para completar a axeitada descrición e medidas da manifestación.

Quinto. Abrir un período de información pública polo prazo de tres meses, contado desde o seguinte día ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para que calquera persoa física ou xurídica poida consultar o expediente e presentar as alegacións e informacións que considere oportunas. O expediente poderá examinarse na Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural (Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Edificio Administrativo San Caetano, bloque, 2º andar, en Santiago de Compostela), con petición de cita previa.

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2017

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral do Patrimonio Cultural

ANEXO I
Técnicas construtivas da carpintaría de ribeira

1. Denominación: carpintaría de ribeira.

2. Manifestación: técnicas tradicionais, actividades construtivas e procesos (artigo 9.3.a.7º).

3. Definición:

As embarcacións son a extensión das persoas na auga. Ademais da súa ferramenta de traballo, a embarcación é a imaxe e o símbolo da súa vida e da súa comunidade, identificándose de cotío a barca tradicional e o seu mar, as súas costas ou o seu río. Na actualidade as embarcacións tradicionais –ás cales se suman outros barcos con valor histórico, denominados clásicos e de época que son merecentes polos seus deseños e técnicas construtivas do mesmo recoñecemento– son conservados nos portos galegos polo esforzo dos seus propietarios e grazas ás técnicas dos carpinteiros de ribeira que manteñen a súa actividade viva en Galicia.

Alá onde foron necesarios, as comunidades desenvolveron uns coñecementos e uns procesos propios e orixinais que variaron no tempo, depurándose e adaptándose a diversas circunstancias, e son o resultado da experiencia dos seus construtores e dos seus usuarios, das condicións da auga e da súa función concreta, ben para a pesca, para o paso, para o transporte ou para o lecer, con variacións tamén segundo a carpintaría e o lugar en que se empregaban, pero tamén das relacións de Galicia coa historia marítima xeral e dos países da súa contorna. Este conxunto de saberes que a experiencia amosa como perfectamente acaídos para a súa función, foi, e aínda é, transmitido de forma tradicional, de xeración en xeración, de persoa a persoa. O saber da carpintaría de ribeira, na actualidade, é tamén a única ferramenta para manter vivas embarcacións que pertencen á historia pasada e presente das comunidades, das persoas e tamén da propia navegación, e que non poderían seguir en uso e ter un futuro sen eses coñecementos.

Os lugares para a súa creación adaptáronse sempre a un espazo físico variable, con instalacións lixeiras, precarias e en ocasións efémeras, exemplo da optimización dos medios e dos recursos e paradigma da mínima disposición do material, do que resultan construcións expresivas e emotivas pola súa sinceridade e habitual ausencia de calquera recurso ornamental e pola utilización da madeira como material construtivo principal, o mesmo con que se constrúen ou reparan as embarcacións, e á súa medida.

A capacidade técnica para a construción de embarcacións en Galicia está presente desde momentos moi antigos na historia, como as manifestacións dos petróglifos do río Vilar en Oia ou da Borna en Moaña, que poden representar as primeiras embarcacións documentadas en Galicia e que chegan hogano, e outorgan a esta manifestación cultural unha das secuencias máis longas e ricas da nosa cultura, que proxecta e define o futuro desde a síntese do pasado, cun forte carácter identitario que, ao mesmo tempo que nos define, nos conecta con moitos outros lugares costeiros, en especal da Europa atlántica, nun fluxo mutuo de divulgación e transmisión de coñecementos en formas e técnicas de navegación no curso da historia.

Este conxunto de técnicas e coñecementos, e os lugares en que se desenvolven, seguen a existir, malia as dificultades que para as embarcacións de madeira, como plataforma de traballo, medio de desprazamento ou para o propio pracer da navegación, supón a súa adaptación aos criterios e aos estándares derivados de normativas de carácter xeral na súa construción, ao réxime e rendementos necesarios para a actividade, ou as políticas concretas que nun momento puideron promover outro tipo de alternativas construtivas e materiais, e son as carpintarías de ribeira as garantes da salvagarda da técnica tradicional e a axeitada conservación en Galicia das embarcacións tradicionais e dos barcos históricos.

Seguen a existir froito do esforzo dos propios portadores do saber, da súa adaptación aos oficios da pesca e tamén polo desexo de moitas persoas que incorporan á súa vida a tarefa da conservación e mantemento de embarcacións tradicionais e barcos históricos, e dun conxunto de usuarios que encaran a dificultade cun espírito semellante ao que supón encarar o mar ou un paso fluvial, un reto ás capacidades humanas que é tamén respecto polo medio natural nas súas condicións e a súa propia herdanza cultural.

Existe en Galicia, desde hai xa máis de vinte anos, unha importante actividade de grupos e asociacións que teñen entre os seus obxectivos a protección, mantemento e difusión das embarcacións tradicionais, dos barcos históricos e da cultura marítima e fluvial, que evidencian a súa vitalidade e a súa importancia e que están a procurarlle un lugar na actualidade, entre as que cómpre destacar a Asociación Galega de Carpintaría de Ribeira (Agalcari), que reúne uns 20 estaleiros e carpintarías de ribeira, e a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar), que agrupa uns 45 colectivos de dinamización cultural. Tales entidades teñen desenvolvido actividades de inventario, difusión e investigación para recuperar embarcacións e actividades co obxectivo de buscar o valor engadido nas embarcacións tradicionais, como son os proxectos Dorna e Proamare, e outras tarefas de difusión e formación entre as cales cómpre destacar as concentracións, encontros e regatas en que as embarcacións locen na súa máxima expresión.

A profusión de actividades e iniciativas para a valoración deste patrimonio cultural na sociedade evidencia a súa vixencia e vitalidade, así como as posibilidades para as embarcacións tradicionais e os barcos históricos na sociedade actual, cun papel fundamental nos procesos de reforzo da identidade local, da historia propia e da común dos espazos marítimos que compartimos e da cohesión social, capaz de promover recursos económicos alternativos no marco dun desenvolvemento sustentable con materiais autóctonos e tecnoloxía accesible e, en definitiva, facer viable a súa propia continuidade.

4. Ámbito de desenvolvemento: toda a Galicia costeira, en especial as rías, así como espazos relacionados cos pasos e aproveitamentos fluviais, en especial os ríos Miño, Sil e Ulla.

5. Tipos e técnicas de construcción.

En Galicia destacan dúas grandes clases de embarcacións: as embarcacións con quilla estrutural e as embarcacións con quilla non estrutural (postiza ou engadida).

As embarcacións de quilla estrutural caracterízanse por teren a peza así chamada, que é un bloque de madeira paralelepipédico rectangular disposto sobre unha das súas caras máis curtas, sobresaíndo cara a abaixo. A función da quilla é a de servir de punto de partida da construción do casco e tamén, dependendo de como sexa a sección transversal do barco, de equilibrio hidrostático e hidrodinámico do barco.

As embarcacións que non teñen quilla estrutural son en Galicia de fondo plano e arqueado. Presentan case sempre unha prancha disposta en sentido lonxitudinal como a quilla pero esta peza, aínda que fai as funcións de quilla, non é unha quilla propiamente dita senón que é unha peza, en moitos casos, máis ancha que alta que ten a función de reforzo e de facer que a embarcación non derive.

Hai algunhas embarcacións de fondo plano ás cales se engade unha peza que as habilita para navegar a vela. Esta táboa chámase falsa quilla (fai de orza) e carece da importancia estrutural dunha verdadeira quilla porque se coloca na embarcación despois de construída, co único fin de poder navegar a vela.

Coexisten en Galicia dous métodos de construción distintos; o nórdico ou principio de construción a partir do forro e o mediterráneo ou principio de construción a partir do esqueleto ou cadernas.

O primeiro empeza por construír o casco da embarcación polos costados (bordos), que son os que moldean a figura e a forma que vai ter o barco e logo coloca as partes estruturais internas (cadernas). Nas embarcacións pequenas tipo gamela ou chalana tamén se chaman calcadores. A inmensa maioría das embarcacións construídas por este sistema teñen o fondo plano.

O segundo, en cambio, empeza primeiro poñendo os madeiros de armar, a estrutura interna, o esqueleto, que é o que vai dar a forma do barco, e despois remátase revestíndoo co costado. Así, deste xeito o primeiro actúa desde o exterior para o interior e o segundo actúa desde interior para o exterior; un, o primeiro, concibe o casco lonxitudinalmente, e outro, o segundo, transversalmente. Un caso distinto é o das embarcacións de fondo plano.

• As embarcacións de fondo plano.

Caracterízanse pola ausencia de quilla estrutural e por teren un fondo plano. Son embarcacións de maior simplicidade estrutural e de menor tamaño en xeral. Hai neste grupo dous modos de construílas. O primeiro consiste en pór en primeiro lugar o fondo de táboas dispostas lonxitudinalmente, despois os extremos e, finalmente, os costados; como é o caso da gamela de Coruxo.

O segundo, polo contrario, comeza por montar primeiro os costados e os extremos e, por último, o fondo, que aquí case sempre é de táboas dispostas transversalmente. É dicir, que neste segundo caso é a colocación dos costados a que dará a forma da embarcación. Así se observa na construción das chalanas e gamelas de costados en tingladillo.

• As embarcacións con quilla.

– A construción en calime ou a partir do forro.

Actualmente está representada pola dorna, o barco do río Miño e algunhas chalanas e gamelas; sen embargo estivo no pasado máis estendida en Galicia, xa que tamén houbo nas rías altas embarcacións realizadas neste sistema construtivo.

Existen testemuñas de trincados construídos en tingladillo, que non hai que confundir co tipo de vela que tamén levaba a mesma denominación. O seu principio de construción é o de construción polo forro coas táboas –bances– solapados nos seus cantos, que van cravados entre si.

Ten paralelos no norte de Europa e en Escandinavia, onde se documenta xa con anterioridade á Idade Media e perdura ata hoxe.

En orixe a construción en calime construía todo o casco modelándoo só cos mesmos bances empregando medidas de ángulos e anchuras para obter a forma desexada. Os elementos da estrutura interna –cadernas– tiñan un papel pasivo na configuración, no moldeado do casco. Poríanse despois de rematar a forma. Agora ben, tanto na dorna como no barco do río Miño teñen un proceso construtivo diferente. Neles métense elementos de estrutura transversal, as varengas, durante a realización da construción e cun papel activo na configuración do casco, posto que son moldes.

– A construción a tope, rixideira ou por vágaras.

Este sistema construtivo é o máis amplamente desenvolvido nas embarcacións tradicionais de Galicia.

Atópase representado por numerosos tipos de embarcacións grandes e pequenas como galeóns, lanchas, botes, bucetas e outros. Baséase na concepción do casco a partir do esqueleto interno, no cal sobre unha columna vertebral formada por quilla, codastes, rabitos e roda de proa, se van colocando as costelas –cadernas– que son as que estruturan a forma do barco postas en sentido transversal.

O forro, as táboas do costado, teñen aquí un papel pasivo na conformación do casco. Unicamente actúan de revestimento, ao contrario do que ocorre na construción de principio a partir do forro, en que actúan de modo activo e estruturan a figura do barco. Desa maneira enténdese que a concepción neste principio é a dunha estrutura transversal, oposta á do principio de construción polo forro, que é pola súa parte a dunha estrutura lonxitudinal.

Este sistema ten paralelos no Mediterráneo e no litoral atlántico da Europa do oeste, onde é predominante.

Historicamente observouse que debía diferenciarse neste sistema construtivo unha concepción gráfica, a que se desenvolveu a partir de planos gráficos, facendo un levantamento exhaustivo de todas as pezas que se ían facer na construción do barco, como acontecía nos estaleiros da Armada Real en Ferrol desde o século XVIII, da dos carpinteiros de ribeira, que en bastantes casos usaban métodos non gráficos.

Estes eran os máis antigos e os que dominan. O contraste entre ambos os dous métodos é semellante ao que existe entre a arquitectura académica, que utiliza planos para a súa construción, e a arquitectura tradicional que non os emprega, con excepción dalgúns mestres carpinteiros de ribeira que si empregaron métodos gráficos a partir da táboa de mando.

Neste sentido, a carpintaría de ribeira utiliza en xeral dous métodos. Un deles é a elaboración previa a escala dun medio casco que servirá de guía de como poderá ser a embarcación que se desexa construír. O medio casco é a expresión volumétrica –non gráfica– do carpinteiro de ribeira, por iso algún deles se refire a este como maqueto. Realízase simetricamente e represéntanse as cadernas. Deste modelo pódese obter as formas das cadernas.

En Galicia hai dous tipos de medios cascos, o de seccións horizontais, que é o máis usado, e o de seccións verticais, utilizado nas carpintarías de ribeira do fondo da Ría de Vigo (Domaio, Os Cobres...).

O outro método é o da utilización de formas ou gálibos –moldes– que poden ser ou ben só da sección central ou ben desta e dos zapatóns de proa e de popa. Son formas predeterminadas que se empregan combinadamente con listóns tendidos polo costado en sentido lonxitudinal e que serven para modelar o volume e saber qué aspecto presentará cambiando de posición as formas ou ben variando o lugar deses listóns.

Este procedemento de construción denomínase rixideira ou tamén por vágaras.

• Secuencia construtiva xeral e terminoloxía especifica.

Para os efectos deste documento, as técnicas construtivas da carpintaría de ribeira poden describirse atendendo á secuencia construtiva xeral dunha embarcación tradicional de madeira:

– Gálibo ou medio casco: sacar ou facer o medio casco ou gálibo é a primeira tarefa con que se enfronta o mestre carpinteiro de ribeira á hora de construír un barco. O gálibo é o modelo a escala do barco que se proxecta facer; este realízase con varias pezas segundo as liñas de auga que queiran facerse, cantas mais liñas de auga se teñan máis exactitude á hora de trazar as formas e patróns de todas as pezas da embarcación. O gálibo sempre se fai de medio casco, é dicir, da liña de cruxía para un costado, que normalmente é o de estribor. Un bo gálibo é o piar fundamental dunha boa construción, xa que de aquí nacen as formas do barco, as súas características, o seu ensille, o seu trimado, o seu calado, as súas proporcións... en definitiva, a súa presenza no mar, o que os mestres carpinteiros de ribeira denominan como a fasquía do barco.

– Montea: denomínase montea o trazado da embarcación. Unha vez feito e dado por bo o gálibo da embarcación, este desmóntase en pezas e elabórase a táboa de mando, que ven ser o plano do barco, plano transversal, plano lonxitudinal e plano en planta; as pezas do medio casco (modelo) desmontadas darannos as liñas de auga e demais referencias para o seu trazado a escala natural. As táboas de mando que existen nos vellos estaleiros de toda Galicia atesouran as formas e tipoloxías das embarcacións tradicionais galegas.

– Corrixido: unha vez trazado o barco, xa se dispón a tamaño real das distintas cadernas e demais pezas a escala real da embarcación. Esta tarefa de trasladar do gálibo á montea os datos a escala está suxeita a erros que poden complicar o labor de que todas as cadernas e demais pezas encaixen perfectamente no conxunto, de xeito que as formas que inicialmente se procuran se vexan alteradas. Para tal efecto emprégase a técnica do corrixido, que consiste en trazar unhas liñas de corrección (catro ou máis) nas cadernas de popa e de proa da embarcación de maneira que corten as cadernas nas zonas de curvatura máis pronunciada e mesmo noutros puntos; de cantas mais liñas de corrección se dispoña máis perfecto será o traballo. O proceso debe ser moi meticuloso, pois trátase de que cada liña de corrección nos dea tantos puntos de intersección como cadernas teña o barco. Estes deben ser levados ao taboleiro de trazado, que deberá ser o máis longo posible; o mellor sistema de corrixir é contar cun taboleiro de trazado de igual lonxitude que a eslora do barco, o que nos permitiría, mediante o chamado xunquillo de trazado, colocado nos puntos de intersección, ver a curva que forma o barco a tamaño real en tantas zonas como liñas de corrección existan. A curva que xera o xunquillo de trazado ten que ser perfecta e alí onde se detecten erros serán corrixidos no trazado orixinal e procederase á elaboración das formas.

– Cortamóns: unha vez que se dispón das formas das cadernas, necesítase coñecer as inclinacións que se deben practicar en cada punto da caderna para que, unha vez posta a escuadro na quilla, reciba o bance sen alteracións; ou sexa o ángulo que forma o seu plano coa superficie do casco. Dito doutra maneira, os cortamóns son as distintas inclinacións que dan forma ao casco. A técnica para acadar estas inclinacións e bastante complexa e debe realizarse esta tarefa con esmero para que o resultado final sexa o adecuado; pódense coller tantos cortamóns en cada caderna como se queira pero, para un barco convencional de madeira, entre catro e seis por caderna sería o ideal. Estes trasladaranse á táboa de mando ou poden anotarse nas mesma formas. Os cortamóns da parte da varenga serán crecidos e os da parte dos chenoles serán abatidos, sendo isto de vital importancia para que á hora de montar as distintas pezas da caderna (varenga, chenoles, pezas altas...) estas coincidan co ángulo de inclinación axeitado.

– Fasquiado: para poder facer calquera traza de bordos, varadoiro, cordas, durmintes, cintas, cintillas, etc. hai que fasquiar. O fasquiado é un procedemento mediante o cal, a través dunha peza máis delgada e de menos largura que a que quere facerse e coa axuda dun compás, lapis e escuadro, se acadan todas as medidas e referencias necesarias para construíla e que se adapte e encaixe perfectamente no sitio. Pode dicirse que a adaptación do contorno dunha peza para a súa posterior colocación nun lugar determinado da embarcación recibe o nome de fasquiar. Quizais sexa esta a técnica mais xenuína da construción naval en madeira. Dominar esta técnica require de certa experiencia e coñecemento da madeira, xa que a fasquía utilizada non debe de ser forzada porque senón pode alterar as formas da peza final e causar problemas á hora de encaixala no sitio que se procura.

– Calafateo: a técnica utilizada para garantir a impermeabilización do barco de madeira chámase calafateo; esta técnica consiste en introducir estopa, algodón ou outro material similar entre bance e bance da embarcación, mediante unha ferramenta chamada ferro de calafate e un mazo. A estopa ten que ser previamente fiada de acordo co grosor das xuntas que se van impermeabilizar. A profesión de calafate require de moita practica. Coñécese polo son se o calafate está a facer un bo labor de impermeabilización do barco. Existen moitos tipos de ferro de calafate en función do grosor da xunta que se quere estancar ou da zona do barco a calafatear.

6. Mestre carpinteiro de ribeira.

O mestre carpinteiro de ribeira é a persoa capaz de adaptar contextualmente a herdanza cultural da tradición tecnolóxica construtiva das embarcacións tradicionais, aplicando coñecementos e saberes que xurdiron ao socairo dun lento e longo proceso histórico, e empregala na súa actividade actual, tanto no deseño como nas actividades de conservación e mantemento.

O mestre carpinteiro de ribeira é a persoa capaz de concibir a embarcación sobre a base dalgún dos modelos tipolóxicos tradicionais, dirixir e executar os traballos para a súa construción e realizar tamén as intervencións para o mantemento e conservación de embarcacións en xeral, empregando as técnicas tradicionais da carpintería de ribeira, coa posibilidade de incorporar deseños e materiais acaídos para a navegación actual.

7. Modelos tipolóxicos de embarcacións tradicionais galegas.

Os modelos tipolóxicos das embarcacións tradicionais galegas son as representacións abstractas e conceptuais que responden ás características descritas de forma sucinta nesta declaración, que se materializan en embarcacións concretas coa aplicación das técnicas construtivas empregadas polos mestres carpinteiros de ribeira en calquera momento, e que veñen sendo transmitidas e desenvolvidas ao longo do tempo en ámbitos territoriais concretos e con determinadas funcións, adaptándose ás súas condicións e características.

A descrición dos modelos tipolóxicos das embarcacións tradicionais galegas recollerá as características técnicas e formais das que deben ser consideradas como tales en aspectos cuantitativos e cualitativos, e establecerá o marco de identificación dunha embarcación tradicional.

8. Embarcación tradicional galega.

Terá consideración de embarcación tradicional galega toda a construída en madeira antes do ano 1950 nalgún obradoiro, carpintaría ou estaleiro situado en Galicia e que responda a algún dos modelos tipolóxicos de embarcacións tradicionais galegas recoñecidas, sempre que non sufrisen modificacións substanciais que alterasen as características esenciais da devandita tipoloxía.

Terá tamén a consideración de embarcación tradicional a construída posteriormente por algún mestre carpinteiro de ribeira recoñecido, sempre que fose realizada en Galicia e construída segundo algún dos modelos tipolóxicos recoñecidos.

9. Barcos históricos.

Os barcos históricos teñen orixe na súa maior parte en barcos de traballo, adaptados ou modificados para se converteren en embarcacións de lecer, empregadas principalmente para a navegación particular e as regatas. Comparten non só unha orixe común coas embarcacións tradicionais en xeral senón tamén as mesmas técnicas construtivas e solucións similares ou adaptadas, como o caso da dorna nai, adaptación da dorna tradicional para o cruceiro e as regatas, ou as series como Iberium ou Delfín, deseñadas e construídas en Galicia en madeira en estaleiros galegos tradicionais.

Recoñeceranse como barcos históricos de interese para o patrimonio cultural de Galicia os denominados barcos clásicos e barcos de época, embarcacións que se teñan deseñado ou adaptado para o seu uso de lecer e que se atopen na actualidade matriculados en Galicia, con independencia da súa orixe, en función da súa antigüidade:

– Barco clásico, o posto en servizo antes de 1950.

– Barco de época, a embarcación posta en servizo entre 1950 e 1975.

Excepcionalmente poderán ter a consideración de barcos históricos os construídos con posterioridade ás datas sinalas, sempre que fosen construídos segundo o deseño dun barco histórico que poida acreditarse convenientemente e co uso de técnicas e materiais tradicionais da carpintaría de ribeira.

ANEXO II
Medidas de salvagarda

O artigo 1 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, ten como obxectivo a protección, conservación, difusión e fomento do patrimonio cultural de Galicia constituído polos bens e manifestacións inmateriais que, polo seu valor, deban ser considerados como de interese para a cultura galega a través do tempo, e tamén por aqueles bens e manifestacións inmateriais de interese para Galicia en que concorra algún dos valores sinalados e que se encontren en Galicia, con independencia do lugar en que se teñan creado.

O artigo 9.3 da devandita Lei 5/2016 establece que se consideran bens do patrimonio cultural inmaterial os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas, xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que lles son inherentes, que as comunidades, os grupos e nalgúns casos os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural; e concretamente no punto a.7 deste artigo inclúense as técnicas artesanais tradicionais, actividades produtivas e procesos.

Asemade, o artigo 91 dispón que integran o patrimonio etnolóxico de Galicia os lugares, bens mobles ou inmobles, as expresións, así como as crenzas, coñecementos, actividades e técnicas transmitidas por tradición, que se consideren relevantes, ou expresión testemuñal significativa da identidade, a cultura e as formas de vida do pobo galego ao longo da historia.

As medidas xerais de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial comprometen as administracións públicas para garantir a súa viabilidade, nomeadamente a súa identificación, documentación, investigación, preservación, protección, promoción, valorización, transmisión e revitalización.

É conveniente o arquivamento e sistematización dos documentos relacionados con este patrimonio cultural para poder ter unha comprensión máis eficaz e completa del, e a súa difusión debe ser incorporada ao ensino tanto formal como non regulamentado, para mellorar a súa transmisión.

As administracións públicas incluirán entre as súas actividades, no relativo ás súas competencias, responsabilidades e dispoñibilidades orzamentarias, as medidas que correspondan co rexistro, difusión e valoración da técnica de construción tradicional da carpintaría de ribeira, coas accións que permitan a súa permanencia, coa busca dunha funcionalidade activa na sociedade e unha imaxe positiva e representativa das súas comunidades e do pobo galego en xeral.

Con este obxecto, ademais das medidas de carácter xeral para a investigación, documentación, inventario e rexistro das diferentes manifestacións de carácter inmaterial e os bens mobles e inmobles asociados a ela, proponse o desenvolvemento das seguintes medidas específicas de salvagarda da carpintaría de ribeira:

1. Órgano de xestión para as medidas de salvagarda das técnicas construtivas da carpintaría de ribeira.

Consonte o establecido no artigo 71 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, para cada ben do patrimonio cultural inmaterial que sexa declarado de interese cultural poderá establecerse o recoñecemento ou a creación dun órgano de xestión específico que, por resultar representativo das comunidades e organizacións recoñecidas, estea lexitimado para propoñer e establecer as medidas de salvagarda que resulten máis adecuadas para a conservación e transmisión dos seus valores culturais.

Os portadores do patrimonio inmaterial deben ser os seus xestores principais a través de persoas, comunidades ou organizacións que teñan unha representación lexítima e a vontade da súa continuidade e transmisión, polo que a Administración debe reservar a súa actividade neste eido en materia de apoio e asesoramento.

Enténdese como portador o depositario da memoria, habelencia técnica e recoñecida mestría tradicional para o deseño, a dirección e execución da construción e os traballos de mantemento das embarcacións, e por tal motivo e de xeito provisional, estímase que debe estar conformada pola entidade que representa os carpinteiros de ribeira, que é a Asociación Galega de Carpintaría de Ribeira (Agalcari) e polos usuarios das embarcacións que fan do seu uso a mellor medida para a súa conservación e difusión, para as cales se propón o recoñecemento tanto das confrarías de pescadores como dos usuarios de lecer agrupados en diversas asociacións na Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar).

Así mesmo, co obxecto de ofrecer asesoramento técnico e apoio organizativo, estímase que deben formar parte do órgano de xestión persoas de recoñecido prestixio que poidan mellorar a eficacia e o alcance das medidas de salvagarda propostas, e persoal responsable en diferentes aspectos relacionados coa administración das propias embarcacións e a protección do patrimonio cultural de Galicia.

• Obxectivos e tarefas do órgano de xestión.

Sen prexuízo do establecido no artigo 71 devandito, e sen que a relación supoña unha limitación pechada ou excluínte de todas aquelas actividades que poidan redundar na mellor salvagarda da manifestación, os obxectivos e tarefas específicas deste órgano de xestión, que contarán co apoio técnico e organizativo da Administración autonómica, serán:

– Recoñecer ou propoñer o recoñecemento, de ser o caso, dos mestres carpinteiros de ribeira, e colaborar na elaboración dun censo de portadores do coñecemento das técnicas construtivas, co consentimento das persoas interesadas.

– Validar os documentos técnicos en que se definan os modelos tipolóxicos das embarcacións tradicionais galegas e nos que se estableza a descrición detallada dos materiais, do proceso, técnicas e ferramentas para a súa construción e as súas características morfolóxicas e de navegación.

– Colaborar na elaboración do Censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia.

– Recoñecer singularmente modelos e embarcacións, despois da petición motivada do seu propietario, como embarcacións tradicionais galegas ou barcos históricos.

– Informar e valorar os riscos que poidan afectar a integridade e salvagarda das técnicas construtivas da carpintaría de ribeira, e trasladar á Administración o informe que os detalle e, se for o caso, as medidas correctoras e de salvagarda que consideren acaídas.

– Informar sobre novas técnicas, materiais ou procesos que poidan ser aplicados ás embarcacións tradicionais por petición de mestres carpinteiros de ribeira recoñecidos, e a súa compatibilidade cos valores culturais identificados.

Outras tarefas complementarias:

– Poñer en común a información de que se dispoña sobre embarcacións que, polas súas características, merezan un recoñecemento específico e concreto.

– Colaborar no rexistro doutras manifestacións do patrimonio cultural inmaterial relacionadas co patrimonio marítimo e fluvial e propoñer o seu recoñecemento ou medidas de salvagarda, fomento e transmisión complementarias.

– Elaborar unha guía de boas prácticas en materia de preservación, seguindo os criterios descritos na Declaración de Barcelona do European Maritime Heritage no tocante a traballos de restauración.

– Colaborar na transmisión dos coñecementos técnicos dos carpinteiros de ribeira, desde a recolla e sistematización ata a súa difusión.

– Representar os portadores da manifestación do patrimonio cultural inmaterial con respecto e conforme os criterios e desexos que estes manifesten no eido da súa interpretación e salvagarda.

• Proposta de composición.

O órgano de xestión estará composto por un número non superior a nove membros que acrediten o seu coñecemento na materia, con voz e voto, sen prexuízo de que poidan asistir e ser asistidos polas persoas que se considere necesario en función dos obxectos ou tarefas que se desenvolvan nun momento concreto, e nos cales os portadores da manifestación teñan unha maioría dos membros. Estímase que unha composición axeitada, sen prexuízo da que resulte do proceso de información pública ou que poida ser variada pola propia decisión do órgano de xestión, sería:

– Tres persoas en representación dos portadores e mestres carpinteiros de ribeira (propostas pola Asociación Galega de Carpintaría de Ribeira, Agalcari).

– Dúas persoas en representación dos usuarios das embarcacións tradicionais (propostas unha por Culturmar e outra pola Federación Galega de Confrarías de Pescadores).

– Unha persoa en representación do Colexio de Enxeñeiros Navais de Galicia.

– Unha persoa designada por Portos de Galicia na súa representación, departamento competente na planificación e xestión dos portos dependentes da Xunta de Galicia.

– Unha persoa de prestixio recoñecido no campo das técnicas construtivas da carpintaría de ribeira e das embarcacións tradicionais, nomeada pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

– Unha persoa do persoal técnico da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, que exercerá, asemade, as funcións de secretariado e dará traslado á Administración da información que corresponda.

2. Censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia.

Para o coñecemento e difusión das embarcacións que teñan a consideración de embarcación tradicional galega e dos barcos históricos de Galicia, así como para promover outras medidas de fomento para a súa conservación e protección, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural xestionará un Censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia, de rexistro voluntario, no cal as embarcacións serán anotadas despois do informe do órgano de xestión, que avaliará a antigüidade, autoría ou correspondencia cos modelos tipolóxicos.

O devandito censo, entendido como unha sección do Censo do patrimonio cultural, conterá información sobre a súa denominación, a súa tipoloxía, os datos descritivos e dimensionais básicos e a localización do seu porto habitual, e completarase cando menos con dúas fotografías significativas da embarcación (unha en seco e outra navegando), ben que o formato e contidos concretos poderán ser revisados e actualizados segundo as orientacións e recomendacións do órgano de xestión.

A anotación no Censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia será voluntaria, sempre, co consentimento explícito das persoas propietarias, e os seus datos de contacto serán protexidos conforme a lexislación vixente. Corresponderá á persoa solicitante acreditar a natureza da embarcación e a súa consideración de embarcación tradicional galega segundo os termos que aquí se describen, sen prexuízo do posterior recoñecemento que corresponde ao órgano de xestión que se estableza como garante das medidas de salvagarda das técnicas construtivas da carpintaría de ribeira.

O Censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia será obxecto de continua actualización, e as súas incorporacións serán anunciadas no Diario Oficial de Galicia e difundidas por medio das tecnoloxías da información e a comunicación, segundo o establecido no artigo 14 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. Para estes efectos o órgano de xestión terá a consideración de órgano asesor segundo o determinado no artigo 7.2.g) da devandita Lei 5/2016, do 4 de maio.

A súa inclusión non implica nin a declaración de ben de interese cultural nin a catalogación da embarcación, o que será, no caso de que concorran circunstancias que a así o xustifiquen, obxecto dun expediente independente conforme o determinado no título I da devandita Lei 5/2016, do 4 de maio, e os decretos que desenvolven as proteccións segundo os diferentes niveis e réximes.

Posto que a función do censo é documentar e difundir os valores culturais das técnicas construtivas da carpintaría de ribeira, a incorporación non suporá, en ningún caso, a cesión dos dereitos, deberes ou responsabilidades dos titulares das embarcacións nin implicará a obriga do seu mantemento nin conservación para a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, responsable da xestión do censo.

As embarcacións incluídas no Censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia, para os efectos de promover a súa salvagarda, terán a consideración de embarcacións tradicionais ou buques históricos e serán obxecto das exencións e bonificacións previstas na lexislación vixente en materia de navegación marítima e portos dependentes da comunidade autónoma, sen prexuízo do cumprimento do resto das condicións que nas devanditas normas se establezan, así como das axudas que, en función das dispoñibilidades orzamentarias, as administracións poidan establecer para a súa conservación e mantemento.

3. Bens mobles, inmobles e espazos de interese vinculados.

A Administración promoverá a inclusión das carpintarías de ribeira no Censo do Patrimonio Cultural recollido no artigo 14 da Lei 5/2016, do 4 de maio, con especial interese naquelas en que se siga a manter a actividade tradicional, así como naquelas en que, a pesar de teren sido abandonadas, fican aínda de forma recoñecible e maioritaria elementos de interese para a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial.

Será de especial interese para a protección que se conserven os lugares en que se producen as actividades, coas necesarias medidas para facilitar a vixencia e prórroga das concesións administrativas ou títulos baixo os cales operan as carpintarías de ribeira, sempre que non supoñan unha deturpación grave da súa contorna e valores de carácter natural da costa, e procurando a súa compatibilidade co uso público e o goce do medio e a paisaxe, tanto no marco das dinámicas ou limitacións dos ámbitos naturais como dos urbanizados.

No caso de que poida considerarse acaída a protección dos bens inmobles e mobles relacionados coas carpintarías de ribeira, deberá terse en conta o criterio xeral de que a salvagarda non implica necesariamente a protección material das súas construcións, que como se vén de definir, en moitas ocasións teñen un carácter efémero e non dispoñen de valores arquitectónicos, industriais ou técnicos de seu. Si deben manterse aqueles aspectos que son necesarios para a súa actividade, como é o acceso ao material, o espazo para a realización dos traballos e o acceso á saída da embarcación, moitas veces materializado en ramplas e cantís.

En cada caso deberán avaliarse cales son os valores culturais concretos das construcións, procurando o mantemento das súas características esenciais, pero sen que iso poida determinar a imposibilidade da realización da actividade ou a súa adaptación, nin a compatibilidade con outros usos, especialmente os públicos e culturais ou os previstos noutras figuras de planificación ou protección do medio.

A inclusión no censo das carpintarías de ribeira non implica a súa protección como patrimonio cultural inmoble polos seus valores culturais propios, o que será, no caso de que concorran circunstancias que así o xustifiquen, obxecto dun expediente independente conforme o determinado no título I da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, e os decretos que desenvolven as proteccións segundo os diferentes niveis e réximes.

Non suporá tampouco en ningún caso a cesión dos dereitos, deberes ou responsabilidades derivados da súa titularidade, nin implica a obriga para o responsable da xestión do rexistro do seu mantemento nin conservación, xa que a súa función é a de documentar e difundir os seus valores culturais. Estes valores culturais son necesariamente o de ser representativos da manifestación do patrimonio cultural inmaterial que se protexe, así como os de carácter histórico e etnolóxico.

En cada caso en particular deberá avaliarse tamén a posibilidade de incluír a relación de bens mobles asociados, nomeadamente as formas, gálibos e ferramentas empregadas na actividade.

4. Investigación e recollida doutras manifestacións inmateriais relacionadas coa carpintaría de ribeira, con especial mención á terminoloxía asociada ás técnicas construtivas, embarcacións, navegación, aparellos, artes e toponimia da costa e o mar.

A Administración promoverá tamén a realización dun Censo de mestres carpinteiros de ribeira, entendido como unha sección do Censo do patrimonio cultural mencionado no artigo 14 da Lei 5/2016, de 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

O recoñecemento dun mestre carpinteiro de ribeira poderá ser solicitado por calquera persoa, comunidade ou organización, sempre que conste o consentimento explícito da persoa e algunha proba significativa do seu traballo.

A súa tarefa e saber deberá ser recoñecida polo órgano de xestión que se estableza como garante das medidas de salvagarda das técnicas construtivas da carpintaría de ribeira, procurando con especial interese recoller os detalles propios de cada unha das persoas identificadas e que constituirán o retrato auténtico dos portadores do saber.

Así mesmo, promoverase o estudo, investigación e desenvolvemento de actividades que permitan a identificación e rexistro, para unha posterior difusión, doutras manifestacións culturais relacionadas con este patrimonio cultural, en especial aquelas de carácter inmaterial que se refiran a modos e técnicas de navegación para a pesca e a cabotaxe, coñecementos de meteoroloxía e estado do mar, terminoloxía propia da actividade, como a toponimia do mar e das localizacións de referencias.

En calquera caso, os devanditos traballos poderán estenderse, na medida en que a información dispoñible ou os indicadores sobre a eficacia das medidas de salvagarda o aconsellen, á identificación de bens mobles e inmobles relacionados coa carpintaría de ribeira (instalacións e ferramentas) e as embarcacións tradicionais, nas condicións indicadas nos puntos 2 e 3 devanditos.

5. Difusión nas plataformas dixitais institucionais da Xunta de Galicia.

A información, rexistros e censos que se elaboren, así como outra información sobre actividades de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial da técnica de construción das embarcacións tradicionais, será posta ao dispor de calquera persoa interesada a través das plataformas dixitais institucionais da Xunta de Galicia, sen prexuízo de que poida chegarse aos acordos necesarios para que toda a información, ou parte dela, poida ser empregada por asociacións, grupos ou colectivos cos mesmos obxectivos de protección, conservación e difusión do patrimonio cultural.

Así mesmo, procurarase a colaboración destas organizacións na elaboración das medidas de salvagarda, na monitorización da súa eficacia e na necesaria revisión e implementación de medidas complementarias de salvagarda que se conclúan como necesarias.

6. Outras actividades de salvagarda.

Recoñécense como actividades que colaboran na salvagarda da manifestación do patrimonio cultural inmaterial das técnicas construtivas da carpintaría de ribeira aquelas que promovan o encontro e participación ao redor dos procesos, os lugares, as embarcacións e a súa navegación, en especial os encontros, as concentracións e as regatas de embarcacións tradicionais e de barcos históricos, así como todas aquelas actividades culturais que se centren nas persoas portadoras do saber, no seu traballo e nas embarcacións, tanto con carácter científico como de divulgación.