Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Luns, 12 de xuño de 2017 Páx. 28366

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 2 de xuño de 2017 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para investimento na mellora das infraestruturas e equipamento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social sen ánimo de lucro e se convocan para o ano 2017, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

A primeira infancia ten unha importancia crucial en todas as facetas da vida dun ser humano. Segundo sinala a Comisión Europea na Comunicación do 17 de febreiro de 2011, denominada Educación e coidados da primeira infancia: ofrecer a todos os nenos e nenas a mellor preparación para o mundo de mañá, a educación e os coidados da primeira infancia constitúen o fundamento da educación e a formación das persoas e un piar esencial para o éxito en materia de aprendizaxe permanente, desenvolvemento persoal e empregabilidade futura.

No mesmo sentido pronunciouse o Consello da Unión Europea, quen nas Conclusións sobre educación infantil e atención á infancia: ofrecer a todos os nenos e nenas a mellor preparación para o mundo de mañá, recoñece que establecer unhas bases sólidas durante os primeiros anos de vida incrementa a eficacia das aprendizaxes posteriores e a probabilidade de que continúe ao longo da vida, aumentando a equidade dos resultados educativos e reducindo os custos para a sociedade en perda de talento e en gasto público en benestar, sanidade e incluso xustiza.

Investir na educación infantil para que sexa accesible e de calidade ten significativos retornos económicos e sociais pois non só mellora os resultados educativos posteriores, a nivel global e dos nenos e nenas nunha situación máis desfavorecida en particular, senón que tamén facilita a conciliación da vida persoal, familiar e laboral e a participación feminina no mercado de traballo. Deste xeito, o investimento na educación infantil contribúe á consecución de tres dos obxectivos principais da Estratexia Europa 2020: reducir o abandono escolar prematuro por baixo do 10% , acadar unha taxa de emprego do 75 % das persoas de 20 a 64 anos e sacar a 20 millóns de persoas da pobreza.

O compromiso coa calidade da atención educativa na etapa 0-3 implica que debe prestarse atención, entre outras cuestións, ás infraestruturas en que se desenvolve e ao equipamento co que estas están dotadas para asegurar que se favorecen ambientes adecuados ás necesidades, intereses e competencias dos nenos e nenas destas idades.

Contar con espazos apropiados contribúe ao benestar físico e psíquico tanto dos nenos e nenas como do persoal educativo e, polo tanto, incide favorablemente no desenvolvemento dos procesos de aprendizaxe e na mellora da súa efectividade. A creación dun ambiente de aprendizaxe estimulante e máis efectivo pódese acadar por medio de intervencións menores como a mellora da accesibilidade ou o reacondicionamento dos espazos, o cambio da tonalidade e colores das paredes, a dotación de puntos de luz e de aperturas ao exterior, ou coa dotación de conexión á internet e coa dispoñibilidade de dispositivos para a integración das novas tecnoloxías na aula.

O mobiliario, interior e exterior, e os materiais didácticos e de xogo tamén son unha peza clave dos procesos de aprendizaxe e socialización. Os nenos e nenas na súa aprendizaxe vanse relacionando coa súa contorna inmediata e os mobles e o equipamento en xeral deben formar parte desta contorna e acompañar neste proceso; de aí a importancia de contar con mobiliario e con materiais didácticos e de xogo funcionais e seguros, adaptados ás características psicoevolutivas dos nenos e das nenas e que favorezan o desenvolvemento infantil en todas as súas dimensións.

En consonancia co anteriormente exposto, a través desta convocatoria outorgaranse, baixo o réxime de concorrencia competitiva, axudas ás entidades privadas de iniciativa social sen ánimo de lucro para actuacións de adecuación e mellora das escolas infantís 0-3 da súa titularidade coa finalidade de contar con recursos de atención á infancia accesibles, sustentables e de calidade en todo o territorio da nosa comunidade. Para poder optar a estas axudas, as ditas entidades deberán estar debidamente inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Política Social e prestar unha atención educativa con prezos sometidos ao réxime de prezos públicos regulado polo Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar.

Esta actuación forma parte do Programa de apoio á natalidade (PAN), un programa integral da Administración autonómica que ten como obxectivo apoiar as familias galegas ofrecendo respostas globais ás súas necesidades, de acordo co disposto na Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, que recoñece no seu artigo 6 como un dos principios de responsabilidade pública o de atender, apoiar e protexer as familias como núcleo fundamental da sociedade no cumprimento das súas funcións.

De conformidade co Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, atribúese á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica o exercicio das políticas públicas de apoio á familia e á infancia, así como a promoción e adopción das medidas de conciliación que garanten un ambiente favorable para o libre desenvolvemento das familias.

Esta orde de convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, enmárcase no programa operativo Feder Galicia para o período 2014-2020, de conformidade co disposto no artigo 125.3.e) do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello, e no Regulamento (UE) nº 1301/2013, do Parlamento Europeo e do Consello do 17 de decembro sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia a da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas económicas ás entidades privadas de iniciativa social sen ánimo de lucro para a adecuación e mellora das escolas infantís 0-3 da súa titularidade a través da realización das obras menores e da compra de equipamentos precisos, na consideración de que a calidade das infraestruturas e do mobiliario e recursos educativos utilizados son un factor básico de impulso da calidade da atención prestada (código de procedemento BS403F).

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as ditas axudas para o ano 2017.

Artigo 2. Financiamento

1. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de seiscentos mil euros (600.000 €), que se imputará á aplicación orzamentaria 12.02.312B.781.1.

2. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderán optar a estas axudas as entidades privadas de iniciativa social sen ánimo de lucro que teñan en funcionamento unha ou máis escolas infantís 0-3 que desenvolva/n a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia sempre que a/s escola/s para a/s que solicita/n a axuda cumpra/n os seguintes requisitos:

a) Os establecidos no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, no Decreto 192/2015, do 29 de outubro, polo que se define a Carteira de servizos sociais de familia, infancia e adolescencia, así como na normativa de desenvolvemento, se é o caso.

b) Aplicar unha tarifa de prezos axustada ao réxime de prezos públicos regulado polo Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar.

A entidade beneficiaria non poderá ter recibido axudas financiadas con fondos estruturais e de investimento europeos (EIE) 2007-2013 para o mesmo concepto de gasto.

2. Non se poderá obter a condición de entidade beneficiaria destas subvencións cando concorra algunha das circunstancias ou prohibicións sinaladas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Todos os requisitos e condicións exixidos deberán cumprirse na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 4. Accións e gastos subvencionables e contía da axuda

1. De acordo co disposto no artigo 65.6 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 só serán subvencionables aquelas operacións que non estean totalmente finalizadas no momento da presentación da solicitude de axuda e sexan efectivamente pagadas con anterioridade á finalización do período de xustificación previsto no artigo 17, relativas ás seguintes actuacións:

a) Obras menores de adecuación e mellora das infraestruturas dos centros de atención á primeira infancia, así como obras novas de escasa contía que melloren a accesibilidade ou doten o edificio de servizos necesarios. Para os efectos desta orde consideraranse obras menores aquelas de escasa entidade, sinxeleza construtiva e pequena contía, que non precisan de proxecto técnico.

b) Adquisición e mellora do equipamento preciso para o desenvolvemento da actividade, incluída a compra de mobiliario interior e exterior e de material didáctico e de xogo.

c) Dotación de conexión á internet e compra de dispositivos para a integración das novas tecnoloxías na aula, tales como ordenador, encerado dixital, gravadoras, cámaras de vídeo ou similares.

2. As actuacións recollidas na letra b) deberán realizarse aplicando a perspectiva de xénero para asegurar que promoven o benestar equilibrado de nenas e nenos e unha construción da personalidade libre de estereotipos.

3. Considerarase subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) cando non sexa recuperable pola entidade solicitante.

O custo da adquisición dos gastos subvencionables non poderá ser superior ao valor de mercado.

Para seren subvencionables, os gastos deberán ser necesarios e corresponderse de maneira indubitada á operación cofinanciada.

4. Financiarase ata o 100 % do investimento subvencionable e unha contía máxima por cada centro de 15.000 euros para as actuacións destinadas á realización de obras e de 10.000 euros para as destinadas á compra de equipamento e mais á integración das novas tecnoloxías na aula.

Cada entidade poderá percibir unha axuda máxima de 25.000 euros, con independencia do número de centros para os que presente solicitude.

5. En ningún caso serán subvencionables os gastos derivados de actuacións de mantemento xeral das infraestruturas nin a mera substitución de materiais deteriorados polo uso. Tampouco se considerará subvecionable o material consumible ou non inventariable, entendendo por tal aquel cuxa duración estimada sexa inferior a un ano.

Artigo 5. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

2. As axudas estarán cofinanciadas nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, eixe prioritario 10, prioridade de investimento 10.05, obxectivo específico 10.05.01, actuación 10.5.1.4b - Actuacións de investimento en centros de atención á primeira infancia 0-3 anos, e están sometidas ao disposto no Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, e no Regulamento (UE) nº 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006, así como ao previsto na Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

Artigo 6. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. De acordo co disposto no artigo 65.11 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, no caso de concorreren no proxecto outras axudas financiadas con fondos EIE ou outros instrumentos da Unión, serán compatibles a condición de que o mesmo concepto de gasto non estea subvencionado por outro instrumento da Unión, nin polo mesmo Fondo Feder conforme un programa operativo distinto.

2. No caso de percibírense outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

3. En ningún caso o importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo do investimento ou dos gastos de mantemento da actividade.

4. As entidades solicitantes deberán presentar, xunto coa solicitude, unha declaración comprensiva de todas as axudas e subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade (anexo I), usando o formulario establecido para o efecto nesta orde, o cal terán que volver achegar actualizado no suposto de variar as circunstancias inicialmente declaradas.

Artigo 7. Solicitudes

1. As solicitudes, presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

3. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano responsable da tramitación requirirá as entidades interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos previstos no artigo 21 da mesma lei.

4. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45 da indicada Lei 39/2015, do 1 de outubro, os citados requirimentos de emenda faranse a través do portal de Benestar da Consellería de Política Social (http://politicasocial.xunta.gal/). Excepcionalmente, no suposto de existir imposibilidade de realizar a dita publicación, poderase substituír esta por outro medio de notificación, ben individual ou colectiva.

Sen prexuízo do anterior, os requirimentos poderán ser comunicados aos enderezos electrónicos que se indiquen na solicitude. Esta comunicación non afectará o prazo establecido no punto 3 deste artigo.

Artigo 8. Documentación

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Certificación da contía que a entidade achega á finalidade para a que se solicita a axuda, de propoñerse unha achega orzamentaria propia.

b) Memoria xustificativa da necesidade da actuación proposta e da súa incidencia na mellora da infraestrutura desde o punto de vista da accesibilidade, eficiencia ou sustentabilidade no consumo de recursos e/ou na mellora da calidade da atención prestada ás nenas e nenos segundo o tipo de actuación de que se trate. Sempre que a actuación proposta teña impacto de xénero desde o punto de vista da atención prestada aos nenos e nenas a memoria recollerá expresamente como se atende este aspecto.

c) Tarifa de prezos axustada ao réxime de prezos públicos regulado polo Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar.

2. Ademais, no punto correspondente do anexo I farase constar:

a) O conxunto de todas as axudas concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, polas distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados.

b) Que a entidade non ten recibido axudas financiadas con Fondos Estruturais e de Investimento Europeos (EIE) 2007/2013 para o mesmo concepto de gasto.

c) Que a entidade non está incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10.2 e 10.3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, para obter a condición de beneficiaria dunha subvención.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que vai presentar a entidade solicitante de forma electrónica supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a entidade interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

6. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das entidades interesadas unha serie de modelos normalizados para a facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á Carpeta do cidadán da entidade interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– NIF da entidade solicitante.

– Permiso de inicio de actividades do centro para o que se solicita a subvención.

– Certificados de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado para esta finalidade no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Instrución do procedemento

1. A instrución dos procedementos corresponde á Subdirección Xeral de Demografía e Conciliación, quen realizará as correspondentes propostas de resolución.

2. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Instruído o procedemento e inmediatamente antes de ditar proposta de resolución, poñerase de manifesto ás entidades interesadas, para que no prazo de dez días poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polas entidades interesadas.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, que non conteñan a documentación necesaria ou, de ser o caso, non a presenten nos modelos normalizados, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 11. Comisión de valoración

1. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, unha vez instruídos os expedientes constituirase como órgano colexiado unha comisión de valoración que, de acordo cos criterios de baremación de solicitudes establecidos, realizará a selección e emitirá o correspondente informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada, indicando a puntuación e a axuda aplicable en cada caso.

A comisión rexerase polo establecido na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público e mais na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, no relativo aos órganos colexiados, e estará formada polos seguintes membros:

a) A persoa titular do Servizo de Conciliación Familiar, ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente/a.

b) A persoa titular do Servizo de Planificación para o Impulso Demográfico.

c) Un/unha funcionario/a por proposta da persoa titular da presidencia, que actuará como secretario/a.

Se, por calquera causa, algunha das persoas que compoñen a comisión de valoración non puidera asistir cando esta se reúna para o exame das solicitudes, será substituída pola/o funcionaria/o designada/o para estes efectos pola persoa que exerza a presidencia.

2. Avaliadas as solicitudes seguindo os criterios establecidos no artigo 12, a comisión de valoración fixarán o limiar mínimo de puntuación necesario para acadar axuda, tendo en conta o crédito orzamentario e os topes xerais establecidos nestas bases. Este limiar mínimo será publicado no portal de Política Social. Así mesmo, emitirán un informe segundo o cal o órgano instrutor formulará a proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou denegación da subvención solicitada, propoñendo a concesión de subvención segundo a orde de puntuación e polo importe da axuda que corresponda ata esgotar o crédito dispoñible.

No suposto de que algunha entidade non acepte a axuda ou renuncie a esta, o órgano instrutor poderá formular proposta de resolución complementaria, e adxudicar o importe dispoñible ás solicitudes avaliadas pola comisión e que non acadaron axuda por límites orzamentarios, de acordo coa orde de puntuación obtida.

Artigo 12. Criterios de valoración de solicitudes

A comisión de valoración examinará as solicitudes presentadas e as avaliará cun máximo de 100 puntos conforme os seguintes criterios:

a) Porcentaxe de achega económica da entidade sobre o orzamento total do investimento, ata 25 puntos coa seguinte desagregación:

1º. O 10 %: 10 puntos.

2º. O 15 %: 15 puntos.

3º. O 20 %: 20 puntos.

4º. O 25 % ou superior: 25 puntos.

b) Tipoloxía da actuación (só para obras), ata 25 puntos coa seguinte desagregación:

1º. Obras menores para adecuación dos espazos de atención aos nenos e nenas ou para mellora da eficiencia e sostibilidade no consumo de recursos: 25 puntos.

2º. Outras obras menores: 10 puntos.

c) Tipoloxía da actuación (só para equipamento), ata 25 puntos coa seguinte desagregación:

1º. Mobiliario dirixido aos nenos e nenas usuarias do centro, material didáctico e de xogo: 25 puntos.

2º. Dotación de conexión á internet e compra de dispositivos para a integración das novas tecnoloxías na aula: 15 puntos.

3º. Outros: 10 puntos.

d) Número de unidades en funcionamento do centro: 5 puntos por unidade ata un máximo de 25.

No caso de empate na puntuación, cando algunha solicitude quede na lista de espera, para o desempate, en primeiro lugar terá preferencia a solicitude que maior puntuación obteña na letra d) do baremo; se persiste o empate, resolverase en función da data de presentación da solicitude.

Artigo 13. Resolución e notificación

1. A resolución dos expedientes de axudas, logo da fiscalización da proposta, facendo uso do previsto no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, corresponde, por delegación, á directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social, que deberá resolver no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta.

2. A resolución fixará os termos da axuda e considerarase ditada polo órgano delegante. O seu contido será notificado ás persoas interesadas de acordo co establecido no artigo 40.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. O prazo máximo para resolver e notificar é de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da data de publicación desta orde. Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes poderanse entender desestimadas.

Notificada a resolución polo órgano competente, as entidades propostas como beneficiarias dispoñerán dun prazo de 10 días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa se entenderá tacitamente aceptada.

4. A resolución de concesión comprenderá a identificación da entidade beneficiaria, a contía da subvención e as obrigas que corresponden á entidade beneficiaria, os requisitos específicos relativos aos productos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección da operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA). Tamén incluirá a comunicación de que a aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión das entidades beneficiarias na lista de operacións que se publicará co contido previsto no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013 e establecerá as condicións detalladas para o intercambio electrónico de datos.

5. As notificacións das resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As notificacións realizaranse mediante a plataforma de notificación electrónica dispoñible a través da sede da Xunta de Galicia (https://notifica.xunta.gal). De acordo coa normativa vixente en materia de desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e a hora en que se produza a posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como o acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais. Sen prexuízo do anterior, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia poderá remitir ás persoas interesadas avisos de posta á disposición das notificacións, mediante correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes para os efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada.

Se transcorren dez días naturais desde a posta á disposición dunha notificación sen que se accedese ao seu contido, entenderase que esta foi rexeitada, terase por efectuado o trámite e continuarase o procedemento, salvo que de oficio ou por instancia da persoa destinataria se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

Se a notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración practicará a notificación polos medios previstos na normativa vixente en materia de procedemento administrativo.

Artigo 14. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro da presente orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a súa notificación, se esta for expresa, ou seis meses a partir do día seguinte ao que se produza o acto presunto.

Artigo 15. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 16. Obrigas das entidades beneficiarias

1. As entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, cos requisitos e obrigas exixidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como coas condicións e obrigas establecidas nesta orde e demais que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación, en particular, as seguintes:

a) Executar e acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención e o cumprimento dos requisitos e das condicións desta ante o órgano que a concede, sen prexuízo da facultade da Consellería de Política Social de comprobar a realización material das actuacións.

b) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder e conservar toda a documentación relativa a esta subvención durante un período de tres anos que se contará a partir do 31 de decembro seguinte á presentación destas contas perante á Comisión Europea, data esta que se comunicará á persoa beneficiaria.

c) Ter unha permanencia mínima ininterrompida na actividade e manter as infraestruturas e equipamentos subvencionados destinadas ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención por un período non inferior a cinco anos, tal como recolle o artigo 29.4.a) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013. O incumprimento deste requisito dará lugar á revogación da subvención, co reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora legalmente establecidos desde o momento do pagamento da subvención. Ademais, deberá garantirse a durabilidade dos investimentos financiados con fondos Feder nos termos previstos no artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

d) Facer constar, en todo tipo de publicidade e información relativos aos programas e actuacións realizados a condición de subvencionados pola Xunta de Galicia e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional 2014/2020 segundo o establecido no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello.

e) Informar o público durante un período non inferior a cinco anos de que a infraestrutura está financiada pola Xunta de Galicia e polo Feder, así como dos obxectivos dos fondos. No lugar de prestación do servizo colocarase nun lugar destacado e visible un cartel informativo dun tamaño mínimo A3 no cal aparezan os anagramas da Xunta de Galicia e do Feder.

f) Efectuar a xustificación para a percepción da axuda conforme o establecido nesta orde.

g) Facilitar toda a información que lles requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

h) Someterse ás actuacións de comprobación e facilitar toda a información requirida pola Consellería de Política Social, polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 72, 73 e 74 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas, e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

i) Comunicarlle á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, e non superar as porcentaxes máximas de acumulación establecidas na normativa comunitaria europea.

j) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, estar ao día nas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Cando as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, desen como resultado que a solicitante ou a beneficiaria ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase para que regularice a situación e presente por si mesma os correspondentes certificados.

k) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

l) Todas aquelas obrigas e requisitos que se desprendan do articulado desta orde e dos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e da súa normativa de desenvolvemento.

2. Ademais, as entidades beneficiarias teñen a obriga de subministrar información nos termos previstos no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Artigo 17. Xustificación da subvención

1. Con base no establecido no título III, artigo 48, do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e tendo en conta o obxecto e a natureza destas axudas, as persoas beneficiarias con cada solicitude de pagamento (anexo II) deberán presentar a seguinte documentación:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención.

b) Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e de pagamento.

c) Facturas, orixinais ou copias compulsadas (ou documentos de valor probatorio equivalente) do total dos gastos realizados.

d) Acreditación documental, material e/ou gráfica (fotografías, fotocopias, captura de pantallas) do cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da acción subvencionada.

e) Se a entidade beneficiaria denega expresamente ao órgano xestor a autorización para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, deberá achegar a documentación acreditativa de estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.

De acordo co artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias asinados e selados, onde deberán constar claramente identificados o receptor e emisor do pagamento, o número de factura obxecto do pagamento e a súa data.

2. A documentación correspondente á xustificación do investimento realizado presentarase de forma electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal).

3. Requisitos formais das facturas:

a) Deberán ser orixinais ou fotocopias compulsadas e cada factura deberá conter unha explicación detallada do gasto en relación coa acción subvencionada, así como o prezo unitario de cada actividade da acción realizada, aplicable igualmente para o caso de subcontratar cun terceiro a execución parcial ou total.

b) Conterán os datos identificativos do expedidor (nome, apelidos, denominación ou razón social, NIF e enderezo), así como do destinatario, que deberá ser a entidade subvencionada.

c) Incluirán o IVE correspondente ou o imposto equivalente. Cando a cota se repercuta dentro do prezo, deberá indicarse «IVE incluído», así como o lugar e a data.

d) Xuntarase o comprobante bancario do seu pagamento (orixinal ou fotocopia compulsada).

Se a transferencia engloba varias facturas, achegarase a relación destas. Non se admitirán xustificantes de aboamento en metálico. Os pagamentos mediante transferencia bancaria, salvo que sexan telemáticos, deberán vir conformados ou verificados pola entidade bancaria.

e) As facturas deberán indicar a conformidade da entidade beneficiaria coa prestación recibida. Esta conformidade manifestarase mediante selo para o efecto na propia factura.

4. A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 5 de decembro de 2017.

Artigo 18. Pagamento

1. As entidades beneficiarias das axudas percibirán ata o 20 % da cantidade concedida en concepto de pagamento anticipado, con anterioridade á súa xustificación, que se fará efectivo a partir da notificación da concesión. O 80 % restante librarase unha vez xustificada a realización da actividade para a que se concedeu a axuda nos termos establecidos nesta orde.

2. Para a xustificación do gasto, a entidade presentará certificación da persoa que teña a representación legal en que se especifique a cantidade exacta do gasto realizado na finalidade obxecto da axuda.

En todo caso, o importe certificado debe indicar o tipo de gasto (obras ou equipamento) e ten que ser igual á axuda concedida máis a achega á que se comprometese a entidade, de ser o caso.

Artigo 19. Incumprimento, revogación e reintegro de axudas

1. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida calquera incumprimento das obrigas previstas no artigo 16 desta orde e concretamente:

a) O incumprimento da finalidade ou do obxectivo para a que se concedeu a subvención ou da obriga de xustificar a realización da actuación e a non permanencia mínima da actividade subvencionada, tendo en conta o disposto no artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

b) A obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

c) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, ou incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos.

2. Supostos de reintegro parcial:

2.1. Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas e os investimentos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos Feder.

2.2. Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non dar publicidade ao financiamento dos investimentos que sexan obxecto de subvención, de acordo co establecido no artigo 16.1.c) destas bases.

2.3. Suporá a perda dun 5 % da subvención concedida non comunicar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención. Esta porcentaxe do 5 % aplicarase, de ser o caso, unha vez descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

2.4. Non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período de 5 anos suporá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período en que se incumprira este requisito.

No caso de condicións que constitúan obrigas que a entidade beneficiaria debe acreditar en fase de xustificación, tales como obrigas de publicidade ou comunicación doutras axudas, estas deberán xustificarse en todo caso para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a graduación fixada neste punto só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso de que se detecte en controis posteriores ao pagamento algún incumprimento relativo ás ditas obrigas.

3. Deberá reembolsarse a contribución dos Fondos EIE se nos 10 anos seguintes ao pagamento final á entidade a actividade produtiva se somete a unha localización fóra da Unión.

4. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os puntos anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

5. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as persoas beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro.

Esta devolución efectuarase mediante ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia ES82-2080-0300-87-3110063172, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xullo.

Artigo 20. Infraccións e sancións

Ás persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 21. Control e verificación

Todas as axudas concedidas ao abeiro desta orde estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento; ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e ás de comprobación e control obrigadas pola normativa comunitaria de aplicación.

Artigo 22. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación son autorizados polas persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos no ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social. Os dereitos de acceso, rectificación,cancelación e oposición poderanse exercer ante a dita secretaría xeral, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a sxt.politicasocial@xunta.gal

Así mesmo, serán incluídos no ficheiro denominado «Xestión, seguimento e control de proxectos e fondos europeos», cuxo obxecto, entre outras finalidades, é a xestión, seguimento, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europea. O órgano responsable deste ficheiro é a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a dx.politica.financeira.tesouro.fondos.europeos.facenda@xunta.gal

Artigo 23. Publicidade e información

1. Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos estruturais da Unión Europea, de conformidade co previsto no anexo XII, punto 2.2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, a entidade beneficiaria deberá cumprir os seguintes requisitos de publicación e comunicación:

1.1. Recoñecer en todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo o apoio da Xunta de Galicia e do Feder ao proxecto, incluíndo a imaxe institucional da Xunta de Galicia e mostrando:

a) O emblema da Unión e unha referencia á Unión Europea.

b) Referencia ao Fondo Feder que dá apoio ao proxecto.

c) Referencia ao lema do Fondo «Unha maneira de facer Europa».

1.2. Durante a realización do proxecto e durante o período de duración dos compromisos de mantemento do investimento:

a) Mostrar unha breve descrición do proxecto na páxina de inicio do seu sitio da internet, no caso de que dispoña dun, de xeito proporcionado ao nivel de apoio prestado, dos seus obxectivos e resultados e destacando o apoio financeiro da Xunta de Galicia e da Unión.

b) Colocar polo menos un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3) no que se mencionará a axuda financeira da Xunta de Galicia e da Unión, nun lugar visible para o público, por exemplo, na entrada do edificio.

1.3. De facer uso de aplicacións informáticas, deberán facerse as citadas referencias na zona de inicio ou menú principal da aplicación informática, así como na epígrafe de información da aplicación: «axuda», «acerca de» ou similares; así mesmo, cando se elaboren materiais divulgativos do recurso (cadernos, folletos, notas informativas) deberán constar na contraportada das devanditas publicacións as citadas referencias.

2. No portal da Consellería de Política Social informarase das características do devandito cartel e dos logos e lendas de obrigada inclusión.

3. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, programa e crédito orzamentario, listaxe de beneficiarias, nome das operacións, contía de fondos públicos asignados a cada operación e finalidade da subvención, en aplicación do disposto no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Do mesmo xeito, de conformidade co previsto no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puider impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 24. Comunicación á Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 25. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código BS403F, poderase obter información adicional na Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, nos servizos de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social; no portal de Benestar http://politicasocial.xunta.gal, no teléfono 012, no enderezo electrónico demografiaeconciliacion@xunta.gal, ou de xeito presencial.

Disposición adicional primeira. Límite orzamentario

A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito orzamentario consignado para estes fins. En todo caso, as actuacións que se subvencionen deberán realizarse dentro do exercicio económico de 2017.

Disposición adicional segunda. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións do conselleiro de Política Social na persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o ditado de instrucións

Autorizase a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para ditar as instrucións necesarias para o desenvolvemento desta orde, as cales serán obxecto de publicación no Portal de Benestar.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2017

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file