Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Luns, 12 de xuño de 2017 Páx. 28406

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 1 de xuño de 2017 pola que se convoca a oitava edición dos premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) foi creada pola disposición adicional sexta da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, como o instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia no fomento e na coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego, para mellorar as condicións de vida e contribuír a frear o despoboamento deste territorio.

No exercicio das funcións que ten encomendadas, compételle á Agader impulsar a formulación, por parte dos axentes socioeconómicos locais das zonas rurais, de iniciativas de desenvolvemento. Neste marco, resulta de interese pór en marcha as actuacións que animen a participación pública e privada no proceso de desenvolvemento rural e que contribúan a conservar e dinamizar o contorno rural facendo del un medio máis atractivo.

Por estas razóns, considérase conveniente convocar os premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural, coa finalidade de premiar aquelas actuacións que fomenten a xeración dunha sociedade rural máis viva e cohesionada.

A facultade para aprobar as bases dos premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural e para convocalo está delegada na persoa titular da Dirección Xeral da Agader, segundo o acordo do Consello de Dirección da Agader do 11 de xullo de 2013, sobre delegación de funcións do Consello de Dirección (DOG núm. 148, do 5 de agosto).

De acordo co exposto,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Aprobar as bases reguladoras dos premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural, que se xuntan a esta resolución como anexo I, co seguinte código de procedemento administrativo MR709A.

2. Convocar para o ano 2017, en réxime de concorrencia competitiva, a oitava edición dos premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural. Os premios que se convocan son os seguintes:

– O primeiro premio constará dun diploma e unha dotación en metálico de 25.000 euros.

– O segundo premio constará dun diploma e unha dotación en metálico de 15.000 euros.

– O terceiro premio constará dun diploma e unha dotación en metálico de 12.000 euros.

– O cuarto premio constará dun diploma e unha dotación en metálico de 8.000 euros.

– O quinto premio constará dun diploma e unha dotación en metálico de 5.000 euros.

– O premio especial para mozos e/ou mozas constará dun diploma e unha dotación en metálico de 15.000 euros. Para estes efectos, terán a consideración de mozos ou mozas os que non teñan máis de corenta anos na data en que finalice o prazo para presentar a candidatura ou, no caso de persoas xurídicas, cando polo menos o 25 % dos seus membros cumpran este requisito.

3. Aprobar os anexos que se xuntan a esta resolución para a xestión da convocatoria.

Artigo 2. Financiamento

Para o financiamento desta convocatoria está previsto un crédito de 80.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 2017-13-A1-712A-770.0 dos orzamentos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para o ano 2017 (código de proxecto 2017-00002).

Artigo 3. Prazo para presentar as solicitudes de axuda

O prazo para presentar as solicitudes de axuda será dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, LPACAP), entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación; se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Artigo 4. Obriga de relacionarse electronicamente

Nos termos previstos no artigo 14.2 da LPACAP, as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a que se requira colexiación obrigatoria para os trámites e actuacións que realicen coas administracións públicas no exercicio da súa actividade profesional e as persoas que representen un interesado que estea obrigado a relacionarse electronicamente coa Administración están obrigadas a relacionarse a través de medios electrónicos coas administracións públicas.

Tendo en conta o anterior, tanto a presentación das solicitudes, como os demais trámites necesarios para a xestión deste procedemento administrativo, incluídos os requirimentos de emenda e as notificacións, faranse a través de medios electrónicos, nos termos previstos nas bases reguladoras.

Disposición adicional primeira. Recursos

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o Consello de Dirección da Agader, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ou recurso contencioso-administrativo ante a Xulgado de Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da citada publicación no DOG.

Disposición adicional segunda. Información

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:

a) Na páxina web da Agader: http://agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda

b) Na Guía de procedementos e servizos, no enderezo https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos

c) No teléfono 981 54 58 58 (Agader).

d) De xeito presencial, na Agader (lugar da Barcia, 56, Laraño, 15897 Santiago de Compostela), con cita previa no teléfono 981 54 58 58.

Disposición adicional terceira. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento.

O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral da Agader mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: lugar da Barcia, 56, Laraño, 15897 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a secretaria.xeral.agader@xunta.gal

Disposición adicional cuarta. Actualización de modelos normalizados

Os modelos normalizados aplicables na tramitación do procedemento regulado nesta disposición poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.

Disposición derradeira primeira

A persoa titular da Dirección Xeral da Agader poderá ditar os actos necesarios para asegurar a correcta aplicación desta convocatoria.

Disposición derradeira segunda

Esta resolución será aplicable desde o día da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2017

Miguel Ángel Pérez Dubois
Director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

ANEXO I
Bases reguladoras dos premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural

Artigo 1. Obxecto

1. Estas bases teñen por obxecto regular a concesión dos premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural.

2. O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, nos termos previstos nos artigos 20 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en adiante, LSG).

3. En todo o non previsto nestas bases será de aplicación a LSG, así como o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da citada LSG.

4. O código identificativo do procedemento administrativo na sede electrónica da Xunta de Galicia será o MR709A.

Artigo 2. Persoas destinatarias

Poderán presentar candidaturas aos premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas.

Artigo 3. Iniciativas que poden ser premiadas

1. Nos termos desta resolución poderanse conceder os premios ás iniciativas que cumpran os seguintes requisitos:

– Que se localicen no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

– Que contribúan de xeito singular a promocionar o medio rural e a xerar unha sociedade rural máis dinámica e cohesionada.

– Que estean executadas con carácter previo á data de publicación da convocatoria.

2. Exclúense destes premios as iniciativas:

– Que obtivesen premio nalgunha das anteriores edicións dos premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural ou do premio Agader ao embelecemento do medio rural.

– Que se encontren en fase de deseño ou execución na data de publicación da convocatoria dos premios.

– Que se desenvolvan nos sectores da pesca e acuicultura, nos da produción, transformación e comercialización dos produtos agrícolas incluídos no anexo I do Tratado constitutivo da CE, e noutros sectores e supostos segundo o previsto no artigo 1 do Regulamento (UE) nº 1407/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE nº L 352, do 24 de decembro), en que se ampara o procedemento de concesión dos premios.

Artigo 4. Compatibilidade con outras axudas

Para os efectos de determinar a compatibilidade e acumulación das axudas, a persoa beneficiaria deberá declarar outras axudas solicitadas, concedidas e/ou pagadas para a mesma iniciativa, nos termos previstos na solicitude de axuda (anexo II).

Artigo 5. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

2. A presentación electrónica será obrigatoria para as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a que se requira colexiación obrigatoria para os trámites e actuacións que realicen coas administracións públicas no exercicio da súa actividade profesional e as persoas que representen un interesado que estea obrigado a relacionarse electronicamente coa Administración.

3. Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requerirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

4. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16 da LPACAP, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Documentación complementaria necesaria para tramitar o procedemento

1. As persoas interesadas deben achegar coa solicitude a seguinte documentación:

– Anexo III (descrición da iniciativa, cun máximo de 2.000 caracteres, que poña de manifesto os seus aspectos máis relevantes, valiosos ou atractivos).

– Documentos acreditativos da personalidade e, de ser o caso, da representación do solicitante:

No caso de persoas xurídicas, certificado expedido polo Rexistro Mercantil ou outros rexistros públicos que correspondan en función da personalidade xurídica de que se trate, en que se identifique a constitución e a representación correspondente, con indicación do seu alcance e vixencia. De non achegarse o dito certificado, deberán presentar copia das correspondentes escrituras de constitución e do poder de representación, debidamente inscritas no rexistro público que corresponda segundo o tipo de personalidade xurídica de que se trate. Así mesmo, deberanse presentar as modificacións posteriores dos documentos indicados.

No caso de que as persoas físicas actúen a través de representante, deberán xuntar, debidamente cuberto, o anexo IV (autorización de representación), asinado pola persoa solicitante e pola designada como representante.

– No caso de que o solicitante sexa un concello, certificación da persoa titular da secretaría ou da intervención municipal que acredite que a entidade solicitante remitiu ao Consello de Contas as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente está obrigada.

– Calquera outra documentación que o promotor considere interesante, tal como cartas de apoio, publicacións, fotografías, outros documentos gráficos e, en xeral, calquera outra que contribúa a fortalecer a candidatura que se presenta.

2. Non será necesario que as persoas solicitantes presenten a documentación que xa conste en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, poderán acollerse ao establecido nos artigos 28.3 da LPACAP e 20.3 da LSG, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e sempre que non transcorresen máis de cinco anos desde que finalizou o procedemento o que corresponda. Presumirase que as persoas interesadas autorizan esta consulta, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir a persoa solicitante para que o presente ou, na súa falta, para que acredite por outros medios os requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

4. A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

5. As persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na LPACAP.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

1. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois de ter presentado a solicitude. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas a presentar electronicamente as solicitudes tamén poderán presentar os ditos modelos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na LPACAP.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos, elaborados polas administracións públicas:

– DNI/NIE da persoa física solicitante.

– NIF da persoa xurídica solicitante.

– DNI/NIE da persoa representante.

– Estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

– Estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.

– Estar ao día do pagamento coa Consellería de Facenda.

2. No caso de que a persoa interesada se opoña a estas consultas, deberá indicalo no cadro correspondente habilitado na solicitude de axuda e achegar os correspondentes documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 10. Instrución do procedemento

1. Os actos de instrución do procedemento en virtude dos que deba ditarse a resolución de concesión corresponderanlle á Secretaría Xeral da Agader.

2. A Agader poderá requirir o solicitante para que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios para tramitar e resolver o procedemento.

3. Logo de revisar as solicitudes e as emendas feitas, as candidaturas que reúnan todos os requisitos serán remitidas ao xurado ou, se é o caso, á comisión de preselección, encargados da súa valoración.

Artigo 11. Proceso de selección das candidaturas

1. Para a concesión dos premios constituirase un xurado, que será designado para o efecto por resolución da persoa titular da Dirección Xeral da Agader, no prazo máximo dun mes contado desde que se publique a convocatoria no DOG.

2. Competen ao xurado, entre outras actuacións:

– Avaliar as iniciativas de acordo cos criterios referidos no artigo 12 destas bases.

– Efectuar a proposta de resolución, que terá carácter vinculante para o órgano encargado de resolver a selección das iniciativas premiadas.

– Resolver as incidencias que puidesen presentarse no curso do procedemento de selección de candidaturas naqueles supostos non previstos nestas bases.

3. A actuación do xurado rexerase polo disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2015, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

4. Con carácter previo á primeira xuntanza do xurado, poderase constituír unha comisión de preselección, integrada por aqueles membros do xurado que designe a persoa titular da Dirección Xeral da Agader mediante resolución ditada para o efecto. A comisión de preselección encargarase, de ser o caso, de estudar e revisar a documentación que integra as candidaturas e de preseleccionar as iniciativas, de acordo cos criterios establecidos no artigo 12 destas bases, así como de decidir sobre aquelas incidencias que poidan xurdir no exercicio destas funcións.

5. No curso do procedemento de selección, o xurado ou, de ser o caso, a comisión de preselección poden solicitar canta información consideren oportuna respecto das candidaturas presentadas e poden, para estes efectos, realizar visitas sobre o terreo.

6. O xurado poderá propor que se declare deserto calquera dos premios. Así mesmo, poderá propor a concesión compartida dun premio entre varias candidaturas, que repartirán entre si a dotación económica.

7. Tramitado o procedemento nos termos anteriormente previstos, a persoa titular da Dirección Xeral da Agader resolverá a concesión dos premios, nos termos previstos na proposta motivada efectuada polo xurado. Esta resolución notificarase no prazo de catro meses desde que se publique a convocatoria no DOG. En caso de silencio administrativo, este producirá efectos desestimatorios.

Artigo 12. Criterios de valoración

Os premios outorgaranse ás iniciativas que se adecuen aos requisitos exixidos nestas bases, conforme os seguintes criterios de valoración:

1. Contribución da iniciativa á actividade económica do territorio en que se desenvolve (máximo 15 puntos).

2. Grao de contribución á creación de emprego (máximo 15 puntos).

3. Grao de sustentabilidade da iniciativa desde o punto de vista económico, ambiental e sociocultural (máximo 10 puntos).

4. Contribución á incorporación e inserción laboral da muller (máximo 10 puntos).

5. Grao de consolidación da iniciativa (máximo 10 puntos).

6. Grao de innovación, excelencia e orixinalidade (máximo 10 puntos).

7. Grao de contribución á inserción de colectivos ou persoas socialmente desfavorecidas (máximo 10 puntos).

8. Grao de implicación en políticas de igualdade (máximo 10 puntos).

9. Grao de apoio social (máximo 10 puntos).

Artigo 13. Obrigas das persoas premiadas

Son obrigas das persoas premiadas:

– Destinar o importe dos premios a realizar melloras, conservación ou actuacións complementarias respecto das iniciativas premiadas. As persoas premiadas deberán poder acreditar o cumprimento desta obriga, ante a Agader ou ante os órganos da Administración autonómica competentes para realizar o control financeiro, durante o ano seguinte ao pagamento do premio.

– Acreditar, con carácter previo á concesión e ao pagamento dos premios, que están ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e que non teñen débeda pendente de ningunha natureza coa Comunidade Autónoma de Galicia.

– Reintegrar, total ou parcialmente, o importe do premio no suposto de incumprimento dos requisitos e condicións establecidas para a súa concesión.

– Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

– Comunicar á Agader todos os cambios que se produzan nos requisitos e condicións que determinaron a concesión do premio.

Artigo 14. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da LSG, a Agader publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas premiadas e o importe dos premios concedidos. Incluirá, igualmente, as sancións que, como consecuencia deles, puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En cumprimento do disposto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao DOG do extracto da convocatoria para a súa publicación.

3. Non obstante, os interesados poderán pedir que non se publiquen os seus datos cando poidan afectar a honra e a intimidade persoal e familiar das persoas físicas, segundo o establecido na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, sobre protección civil do dereito á honra, a intimidade persoal e familiar e a propia imaxe.

4. Á marxe do anterior, a Agader fará unha difusión axeitada dos premios concedidos, a través dos medios que, en cada caso, se consideren convenientes, co fin de dar a coñecer as iniciativas premiadas.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file