Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Venres, 16 de xuño de 2017 Páx. 29576

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 2 de xuño de 2017 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais de produción galega e se convocan para o ano 2017.

BDNS (Identif.): 350625.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas ou xurídicas constituídas como produtoras audiovisuais independentes cunha antigüidade mínima e sen interrupcións dun ano (epígrafe IAE 9611), e con sucursal ou oficina permanente polo menos un ano, previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia.

Segundo. Finalidade

A finalidade das subvencións é o fomento dos traballos previos á produción audiovisual, nas modalidades establecidas na base seguinte, que se atopen en fase inicial de desenvolvemento e que se prevexa que se levará a cabo nos exercicios 2017 e 2018, nas modalidades seguintes:

1. As modalidades de subvención que comprende esta convocatoria son as seguintes:

a) Desenvolvemento de proxectos de ficción para cine e televisión (longametraxes, series e miniseries).

b) Desenvolvemento de proxectos de animación (longametraxes cinematográficas e series de animación para televisión).

c) Desenvolvemento de proxectos de documental para cine e televisión.

d) Desenvolvemento de proxectos de pilotos de programas para televisión que destaquen por ofrecer formatos innovadores e alto potencial de internacionalización.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 2 de xuño de 2017 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais de produción galega e se convocan para o ano 2017.

Cuarto. Importe

O importe máximo da subvención concedida pola Agadic non poderá superar o 75 % do importe subvencionable.

En todo caso, as cantidades máximas que se poderán conceder segundo o tipo de proxecto son as seguintes:

Longametraxe cinematográfica de ficción/serie ou miniserie de ficción para televisión: 20.000 euros.

Longametraxe cinematográfica de animación/serie de animación: 20.000 euros.

Longametraxe de ficción para televisión/longametraxe cinematográfica documental/longametraxe documental para televisión/piloto de programa para televisión: 10.000 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2017

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais