Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Venres, 16 de xuño de 2017 Páx. 29543

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 2 de xuño de 2017 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais de produción galega e se convocan para o ano 2017.

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) é unha entidade de dereito público con personalidade xurídica propia, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, que ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, segundo o previsto nos artigos 3, 4 e 5 da Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais. A Axencia Galega das Industrias Culturais é o organismo en que a Xunta de Galicia, coa participación necesaria dos sectores culturais implicados, centraliza os programas de apoio destinados a reforzar o papel dos creadores individuais, empresas e industrias culturais privadas, dentro do obxectivo xenérico de promoción e fomento da cultura galega impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O obxectivo da axencia é consolidar o tecido industrial no sector cultural galego para promover un tecido empresarial capitalizado, competitivo e innovador, fomentar a creación e potenciar a comercialización de bens e servizos culturais de calidade, favorecendo a difusión da lingua e da cultura galegas como elementos singulares.

Primeira. Obxecto, finalidade e principios de xestión

1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais, que contribúa a asegurar a madureza dos produtos audiovisuais galegos, dentro do marco das competencias deste organismo, e proceder á súa convocatoria para este ano 2017 (código de procedemento CT207B).

A finalidade das subvencións é o fomento dos traballos previos á produción audiovisual, nas modalidades establecidas na base seguinte, que se atopen en fase inicial de desenvolvemento, e que se prevexa que se levará a cabo nos exercicios 2017 e 2018.

2. As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

3. Estas subvencións son compatibles con outras axudas para a mesma finalidade polo mesmo proxecto da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e dos seus organismos dependentes.

4. Estas subvencións son compatibles con outras axudas polo mesmo proxecto do resto da Administración da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas ou privadas, e con outros ingresos ou recursos para a mesma finalidade. A suma das distintas axudas públicas para a mesma finalidade non pode superar o 100 % do custo do evento.

5. No desenvolvemento desta resolución aplicarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. E, supletoriamente:

d) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que regula os requisitos de concesión e xustificación de subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico, que son de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta resolución de convocatoria.

e) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

f) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e Lei 40/2015, de réxime xurídico do sector público.

6. A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

7. As subvencións serán concedidas, de acordo cos principios sinalados no parágrafo anterior, mediante o procedemento de concorrencia competitiva.

Segunda. Beneficiarios

1. Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas ou xurídicas constituídas como produtoras audiovisuais independentes cunha antigüidade mínima e sen interrupcións dun ano (epígrafe IAE 9611), e con sucursal ou oficina permanente polo menos un ano, previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia. Por produtor independente enténdese, para os efectos desta convocatoria, toda persoa física ou xurídica privada, que teña a iniciativa e asuma a responsabilidade na produción audiovisual e non sexa obxecto de influencia dominante por parte dun prestador de servizo de comunicación/difusión audiovisual nin dun titular de canal televisivo privado nin, pola súa parte, exerza unha influencia dominante, tal e como establece a Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, artigo 4.n). Para os efectos da presente convocatoria, quedan excluídas as agrupacións de interese económico.

2. Os beneficiarios deberán ter un contrato cun director e/ou un guionista para desenvolver algún proxecto dos tipos sinalados na base terceira.

3. Non poderán acceder ás subvencións os solicitantes que se encontren afectados por algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Así mesmo, quedan excluídos aqueles solicitantes que fosen beneficiarios de axudas nas convocatorias de subvencións da Agadic nos dous exercicios anteriores aos da presente convocatoria e incumprisen as bases ou as finalidades establecidas nela, sempre e cando fosen sancionados por iso. As condicións exixidas no número 1 do presente artigo deberase manter durante todo o período de execución do proxecto subvencionado. A perda dalgunha destas condicións suporá a perda da condición de beneficiario e, se é o caso, o reintegro das cantidades percibidas.

Terceira. Modalidades

1. As modalidades de subvención que comprende esta convocatoria son as seguintes:

a) Desenvolvemento de proxectos de ficción para cine e televisión (longametraxes, series e miniseries).

b) Desenvolvemento de proxectos de animación (longametraxes cinematográficas e series de animación para TV).

c) Desenvolvemento de proxectos de documental para cine e televisión.

d) Desenvolvemento de proxectos de pilotos de programas para televisión que destaquen por ofrecer formatos innovadores e alto potencial de internacionalización.

2. Para os efectos das presentes bases, terase en conta o seguinte:

• Consideraranse longametraxes cinematográficas (ficción, animación e documental) aqueles proxectos dunha duración de sesenta minutos ou superior.

• Os proxectos de documental para televisión deberán ter unha duración mínima de 50 minutos e conter un marcado potencial de internacionalización.

• No caso de series de ficción para TV os proxectos corresponderanse con primeiras temporadas e estarán formulados para unha duración máxima global de 400 minutos.

• Consideraranse miniseries de ficción para TV aqueles proxectos dun mínimo de dous capítulos de polo menos 50 minutos de duración cada un.

• Os proxectos de series de animación para TV deberán ter unha duración mínima global de 130 minutos.

• O director e o guionista serán considerados noveis cando no seu currículo profesional non figuren obras que se correspondan coa categoría a que se presenta a solicitude.

3. O importe máximo da subvención concedida pola Agadic non poderá superar o 75 % do importe subvencionable. En todo caso, as cantidades máximas que se poderán conceder segundo o tipo de proxecto son as seguintes:

Proxecto

Longametraxe cinematográfica de ficción/serie ou miniserie de ficción para TV

Longametraxe cinematográfica de animación/serie de animación

Longametraxe de ficción para TV/longametraxe cinematográfica documental/longametraxe documental para TV/piloto de programa para TV

Cantidade máxima

20.000 €

20.000 €

10.000 €

4. Sen prexuízo da posible presentación de varios proxectos, poderá ser obxecto de subvención un máximo de dous proxectos por solicitante. Non poderán presentar o mesmo proxecto distintas empresas ou entidades. Non poderá presentarse un mesmo proxecto a distintas modalidades.

5. En todos os casos, o importe que se vai xustificar será o correspondente ao total dos custos do proxecto de desenvolvemento.

6. O importe das subvencións reguladas nesta resolución en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas ou patrocinios concedidos por outras administracións públicas ou entes públicos, autonómicos, nacionais ou internacionais, superen o 100 % do custo da actividade subvencionada que desenvolverá o beneficiario, isto sen prexuízo das particularidades e especificidades previstas para cada tipo ou modalidade de axuda, previstas nas cláusulas que seguen.

Cuarta. Procedemento, orzamento e imputación de créditos e contía

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2. Estas subvencións terán carácter bianual e admitiranse aqueles gastos que fosen realizados dentro do período comprendido desde o un de xaneiro de 2017 ata a data máxima de xustificación establecida na presente convocatoria.

3. O importe global máximo das subvencións anteriormente detalladas será de 200.000 euros, suma que irá con cargo á aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770.0 do orzamento de gastos da Agadic, distribuído entre as anualidades 2017 e 2018: 25.000 euros con cargo ao exercicio 2017 e 175.000 euros con cargo ao exercicio 2018.

4. Os importes previstos poderán ser incrementados ao longo do exercicio, nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei de subvencións de Galicia, e tras declaración previa de dispoñibilidade de crédito, logo da modificación orzamentaria que proceda. Se é o caso, a ampliación de crédito deberase publicar nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver. A alteración da distribución establecida nesta convocatoria non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

Quinta. Solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas e as persoas representantes delas.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Para aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Estas bases, as solicitudes e os anexos que se xuntan, así como a guía de procedementos e servizos, estarán dispoñibles no seguinte enderezo web https://sede.xunta.es/guia-de-procedementos, nas dependencias desta axencia e na súa páxina web, e tamén quedarán expostas no taboleiro de anuncios da Agadic e debidamente publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG).

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para a facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sexta. Prazo

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Se a solicitude non está debidamente cuberta, non se achega a documentación exixida ou non se reúnen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o interesado será requirido para que no prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indícase ademais que, de non o facer, se considerará que desiste na súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos na lei.

Sétima. Documentación requirida aos solicitantes

1. Ademais da solicitude (anexo I), os interesados nestas subvencións presentarán, con carácter xeral, a seguinte documentación:

• Se a persoa solicitante é persoa xurídica, certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade.

• Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro mercantil ou o que corresponda.

• Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

2. Os documentos relacionados serán obxecto de consulta electrónica automatizada. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente e achegar os devanditos documentos.

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– NIF da persoa xurídica solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

– Estar ao día das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

– Estar ao día de pagamento coa Seguridade Social.

– Estar ao día de pagamento coa Consellería de Facenda.

3. Ademais da documentación anterior, achegarase ordenadamente, segundo se detalla, a seguinte documentación técnica:

3.1º. Documentación relativa á empresa, na cal deberá constar:

a) Historial creativo, profesional e financeiro da empresa produtora. No caso de compañías de recente creación, historial da persoa que exerza a produción executiva no proxecto.

b) De ser o caso, documentación que acredite a traxectoria das obras realizadas pola empresa en canto a presenza en festivais nacionais e internacionais, distribución en salas, vendas internacionais, repercusión en televisión. Se se trata de compañías de recente creación, traxectoria nese aspecto da persoa que exerza a produción executiva no proxecto.

3.2º. Documentación relativa ao proxecto, que deberá conter:

a) Acordo asinado co guionista e/ou director para a realización das tarefas de desenvolvemento.

b) Datos identificativos do proxecto.

c) Documentación compulsada ou cotexada e acreditativa de que o proxecto é obra orixinal e/ou de posuír os dereitos suficientes do guión, obra literaria ou calquera outro medio que requira a obtención de dereitos ou opción de compra sobre eles.

d) Información sobre o tipo de proxecto, intencións artísticas e público obxectivo.

e) Sinopse argumental cunha extensión máxima dunha páxina.

f) Guión ou, de ser o caso, tratamento secuencial do proxecto de non menos de 20 páxinas.

g) Currículo e historial profesional do guionista e do director propostos, no cal se deberán detallar os traballos audiovisuais previos, especificando aqueles que se correspondan coa modalidade a que se presenta a solicitude.

h) Cronograma do proceso de desenvolvemento e calendario desagregado de gasto para a execución.

i) Orzamento dos traballos de desenvolvemento para os cales se solicita a subvención segundo o modelo que figura no anexo II destas bases.

j) Orzamento estimado da produción audiovisual.

k) De ser o caso, relación e currículo dos profesionais e/ou empresas propostas para levar a cabo os traballos de desenvolvemento obxecto da subvención.

4. As seguintes declaracións e/ou compromisos responsables, recollidos no anexo I:

a) Declaración responsable de ser empresa de produción independente, así como de ter sucursal ou oficina permanente polo menos un ano, previo a esta convocatoria, e desenvolver a súa actividade habitual en Galicia, de conformidade coa cláusula segunda.

b) Declaración en que consten as obras realizadas pola empresa solicitante ou, de ser o caso, produtor executivo, que se correspondan coa mesma modalidade a que se presenta a solicitude.

c) Declaración en que consten as obras realizadas polo director proposto que se correspondan coa mesma modalidade a que se presenta a solicitude.

d) Declaración en que consten as obras realizadas polo guionista proposto que se correspondan coa mesma modalidade a que se presenta a solicitude.

e) De ser o caso, declaración en que conste a antigüidade de máis de dous anos de residencia en Galicia do director proposto.

f) De ser o caso, declaración en que conste a antigüidade de máis de dous anos de residencia en Galicia do guionista proposto.

g) De ser o caso, compromiso en que figuren os nomes das mulleres que desempeñarán os postos de directora, guionista e produtora executiva.

h) Declaración relativa á condición de novel do guionista e/ou do director, segundo a consideración das presentes bases.

i) Declaración en que consten os proxectos rematados pola empresa solicitante nos últimos catro anos e que recibisen previamente unha axuda ao desenvolvemento da Agadic ou da Xunta de Galicia.

j) De ser o caso, declaración responsable de que o guión proposto tivo subvención da Agadic á creación audiovisual nas anualidades 2013, 2014, 2015 ou 2016.

k) Declaración en que se especifique a lingua orixinal da futura obra audiovisual.

5. Calquera outra documentación que o solicitante xulgue conveniente para a mellor defensa do proxecto.

6. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que for realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vai presentar a persoa solicitante ou representante, de forma electrónica, superase os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Oitava. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Novena. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Subvencións, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia Galega das Industrias Culturais. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Agadic, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Cidade da Cultura de Galicia, Monte Gaiás, s/n, 15707, Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a agadic@xunta.gal.

Décima. Procedemento de concesión das subvencións: instrución e competencia para a avaliación das solicitudes

1. A Dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

1.1. Examinar as solicitudes e a documentación presentadas.

1.2. Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resultase de obrigado cumprimento.

1.3. Formular a proposta de resolución, debidamente motivada.

2. Co fin de facilitar unha mellor avaliación das solicitudes, poderáselles pedir información complementaria aos interesados, así como a outros servizos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ou aos profesionais ou expertos consultados. En todo caso, a Dirección da Agadic poderá requirir aos solicitantes para que proporcionen calquera información aclaratoria que resulte necesaria para a xestión da súa solicitude.

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da comunidade autónoma, a Dirección da Agadic e as unidades administrativas encargadas da tramitación e seguimento do expediente respectivo poderán comprobar en todo momento a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados, e levará a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos labores e demais actuacións que deriven destas bases. Para estes efectos, os beneficiarios deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na de adxudicación da subvención.

3. A comisión de valoración avaliará as solicitudes consonte os criterios de valoración establecidos nestas bases, emitirá un informe relacionando os proxectos examinados por orde de prelación, indicará a puntuación asignada a cada un deles e fará unha proposta dos que se consideran subvencionables.

4. Unha vez entregado o informe preceptivo por parte da comisión de valoración, a Dirección da Agadic elaborará a proposta de resolución e indicará o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico da subvención correspondente a cada unha delas.

Décimo primeira. Comisión de valoración

1. Para a avaliación dos proxectos presentados constituirase unha comisión de valoración que será nomeada polo director da Agadic e que será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes, de acordo cos criterios fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados.

2. A comisión de valoración estará formada polas seguintes persoas, nomeadas pola Dirección da Agadic: tres profesionais de recoñecido prestixio nos ámbitos audiovisual e/ou cultural en xeral, e un profesional pertencente ao cadro de persoal da Agadic de entre os grupos I, II e III. Actuará como secretaria ou secretario unha persoa do cadro de persoal da Agadic.

3. A condición de vogal da comisión ten carácter persoal e non pode actuar por delegación nin ser substituído en ningún caso. Os membros da comisión declararán por escrito non ter relación cos solicitantes ou, se é o caso, cos partícipes das persoas xurídicas solicitantes na correspondente convocatoria.

4. A comisión puntuará cada un dos criterios e para cada unha das solicitudes, de forma motivada, fará a proposta dos proxectos subvencionables.

5. O resto das actuacións subvencionables quedará en reserva para seren atendidas ben co crédito que quede libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións.

Décimo segunda. Criterios de valoración

Na valoración realizada pola comisión de valoración teranse en conta os seguintes criterios (máximo 80 puntos):

1. Calidade e orixinalidade do guión ou do tratamento secuencial achegado: terase en conta o interese e creatividade da proposta, a presentación narrativa, a súa contribución á diversificación do panorama audiovisual galego ou calquera outro aspecto diferenciador con respecto a obras xa existentes: ata 20 puntos, que se outorgarán con valoración motivada, por cada un dos membros da comisión.

2. Traxectoria de produtora/director/guionista: máximo 25 puntos.

a) Historial da produtora e do produtor executivo. Terase en conta o número de obras audiovisuais realizadas que se correspondan coa modalidade a que se presenta a solicitude e que cumpran algunha das seguintes condicións: percorrido das ditas obras en festivas e outros certames audiovisuais de recoñecido prestixio, distribución nacional, vendas internacionais e/ou repercusión en televisión: 1 punto por cada obra cun máximo de 3 puntos.

b) Historiais do guionista e/ou director. Terase en conta a experiencia e traxectoria profesional en canto a anteriores traballos audiovisuais que se correspondan coa modalidade a que se presenta a solicitude e a súa repercusión: máximo 2 puntos por cada un asignados proporcionalmente aos aspectos citados (se as dúas funcións recaen na mesma persoa asignarase un máximo de 3 puntos).

c) Director e guionista residentes en Galicia: 2 puntos por cada un (se recae na mesma persoa, máximo 3 puntos).

d) Dirección, guión e produción executiva a cargo de mulleres: 1 punto por cada unha (se recae na mesma persoa, máximo 2 puntos).

e) Primeiro proxecto para o director e/ou o guionista: 2 puntos por cada un (se recae na mesma persoa, máximo 3 puntos).

f) Proxectos rematados nos 4 últimos anos que recibiran previamente unha axuda ao desenvolvemento da Agadic/Xunta de Galicia: 1 punto por proxecto ata un máximo de 3 puntos.

g) Guión subvencionado na convocatoria 2013, 2014, 2015 ou 2016 da Agadic de axudas á creación audiovisual: 4 puntos.

3. Viabilidade do proxecto e adecuación dos traballos de desenvolvemento previstos, potencialidade en canto ao fomento do sector audiovisual galego e posibilidades de coprodución e de difusión e comercialización nacional e internacional: máximo 25 puntos que se outorgarán con valoración motivada por cada un dos membros da comisión, atendendo á seguinte distribución:

a) Relación entre o tipo de proxecto e o orzamento estimado, e adecuación do orzamento de desenvolvemento segundo o modelo que figura no anexo II: máximo 5 puntos.

b) Realización de teaser do proxecto audiovisual: 5 puntos.

c) Potencial achega ao fomento do sector audiovisual galego en canto a localizacións e recursos técnicos e artísticos, segundo as características do proxecto: máximo 5 puntos.

d) Potencialidade do proxecto para a coprodución nacional e/ou internacional: máximo 5 puntos.

e) Potencialidade do proxecto para a difusión e a comercialización nacional e internacional: máximo 5 puntos.

4. Contribución do proxecto ao fomento da cultura e lingua galegas: máximo 10 puntos.

a) Versión orixinal da futura obra audiovisual en galego: 5 puntos.

b) Proxecto que contribúe ao enriquecemento da cultura audiovisual galega, pon en valor o talento creativo e artístico galego, a trama narrativa baséase nunha obra literaria galega e/ou escrita en lingua galega, versa sobre personaxes reais ou de ficción residentes en Galicia, aborda temas referidos á realidade cultural, social ou política de Galicia ou reflicte o patrimonio arquitectónico, arqueolóxico ou natural galego: 5 puntos se cumpre dous dos aspectos mencionados.

Décimo terceira. Resolución da convocatoria

1. O presidente do Consello Reitor da Agadic deberá ditar resolución expresa, no prazo de 15 días desde a data de elevación das propostas de resolución. As citadas resolucións deberanse ditar e notificar no prazo máximo de cinco meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria pública no Diario Oficial de Galicia, serán motivadas e farán mención expresa dos beneficiarios, da contía da axuda e dunha desestimación xeneralizada do resto dos proxectos solicitantes.

2. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

7. Transcorrido o prazo máximo previsto para resolver o procedemento sen que se dite ou publique resolución expresa, poderase entender que esta é desestimatoria por silencio administrativo da solicitude de concesión da subvención.

8. A resolución da convocatoria porá fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a presidencia do Consello Reitor da Agadic, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

9. Unha vez notificada a resolución, os beneficiarios comunicarán á Agadic a aceptación por escrito da subvención concedida no prazo máximo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. Transcorrido este prazo sen comunicarse esta aceptación ou sen producirse manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada. Ademais, a entidade beneficiaria deberalle remitir á Agadic o orzamento (anexo II), adaptado á subvención concedida (só no suposto de que a subvención recibida sexa inferior á solicitada, e como máximo, pola diferenza entre ambas as cantidades, a recibida e a solicitada). A dita documentación deberase remitir no prazo máximo de 10 días, contados desde a notificación da resolución de concesión.

Deberá comunicarse por escrito ao beneficiario o importe da axuda (en equivalente bruto de subvención) e o seu carácter de axuda de minimis exenta en aplicación do Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

Décimo cuarta. Obrigas dos beneficiarios

1. Sen prexuízo das obrigas dispostas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios das subvencións quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o que foron concedidos.

2. As producións subvencionadas deberán axustarse fielmente ao proxecto presentado. Calquera alteración relevante do proxecto, cambio de título, modificación substancial de contidos ou trocos nos responsables do equipo técnico deberalle ser notificada con anterioridade á Agadic, que adoptará as medidas que considere procedentes.

3. Na futura documentación do proxecto (materiais de promoción e distribución) e nos títulos de crédito da produción resultante, páxina web, etc. farase constar que recibiu unha subvención ao desenvolvemento ou produción por parte da Agadic coa súa imaxe corporativa.

4. No caso dos pilotos de series de animación e formatos de programas de TV, nos títulos de crédito iniciais da produción deberá figurar en cartón único: «Coa subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais», de conformidade coa normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

Décimo quinta. Gastos subvencionables

1) Só se consideran gastos subvencionables:

1. Dereitos e asesorías relacionadas co guión ou concepto.

1.1. Adquisición de dereitos de autor.

1.1.1. Obra preexistente.

1.1.2. Obra original.

1.2. Adaptación e diálogos.

1.2.1. Guionistas.

1.2.2. Dialoguista.

1.2.3. Asesor/a de escritura de guión.

1.3. Asesores especialistas.

1.3.1. Márketing.

1.3.2. Produción.

1.3.2. Outros (especificar e xustificar).

1.4. Outros dereitos.

1.4.1. Imaxes de arquivo.

1.4.2. Fotografías e documentación.

1.4.3. Documentos sonoros.

1.4.4. Outros (especificar e xustificar).

1.5. Tradutores (excepto para o español ou o galego)

2. Persoal (límite do 15 % do proxecto subvencionable presentado).

2.1. Produción (salarios).

2.1.1. Produción executiva.

2.1.2. Dirección de produción.

2.2. Dirección (salarios).

2.2.1. Dirección da obra.

2.2.2. Outros/as (precisar e xustificar).

2.3. Seguridade Social.

2.3.1. Produción executiva.

2.3.2. Dirección de produción.

2.3.3. Director/a.

2.3.4. Outros/as.

3. Produción en desenvolvemento.

3.1. Materiais de produción e promocionais.

3.1.1. Elaboración de teaser.

3.1.2. Elaboración de piloto.

3.1.3. Storyboard.

3.1.4. Web.

3.1.5. Expedientes.

3.1.6. Outros (especificar e xustificar).

4. Gastos de transporte e aloxamento: deberá estar plenamente xustificada a relación destes gastos co desenvolvemento do proxecto, tanto no relativo ao seu contido como ao período de execución. Quedan excluídas as participacións en foros nos cales a Agadic promova delegación de empresas e aquelas polas que se teñan recibido achegas públicas sobre os mesmos conceptos. Quedan excluídas as axudas de custo.

4.1. Viaxes nacionais.

4.2. Viaxes internacionais.

4.3. Hoteis.

4.4. Acreditacións e inscricións.

5. Gastos xurídicos e asesoramento contable.

5.1. Asesoramento xurídico.

5.2. Actos xurídicos.

5.3. Asesoramento contable.

6. Gastos xerais: límite dun 7 % sobre o total dos capítulos 1-5.

7. Imprevistos: límite dun 5 % sobre o total dos capítulos 1-6.

2) Non serán gastos subvencionables:

a) O importe do imposto sobre o valor engadido e outros impostos de carácter recuperable.

b) Os gastos suntuarios, as gratificacións, as provisións de gastos e as capitalizacións.

c) Gastos de subcontratación con empresas vinculadas.

d) Custos de persoal propio da empresa superiores ao 15 % do importe do proxecto subvencionable.

Décimo sexta. Xustificación da subvención

O beneficiario deberá presentar no Rexistro da Agadic, para o que ten de prazo máximo ata o 1 de setembro do ano 2018, a conta xustificativa da realización do desenvolvemento do proxecto subvencionado, que conterá:

1. Memoria final:

a) Guión.

b) O contrato definitivo co guionista.

c) Xustificante de inscrición do proxecto no Rexistro de Propiedade Intelectual.

d) Plan de financiamento coas diferentes entradas comprometidas ou en negociación, debidamente xustificadas.

e) Orzamento de produción.

f) Calendario de produción.

g) Materiais de produción e promoción elaborados, se os gastos están consignados no orzamento presentado coa solicitude.

h) Plan de márketing, se o gasto está consignado no orzamento presentado coa solicitude.

i) Memoria explicativa dos contactos realizados durante a fase de desenvolvemento, situación actual e evolución do proxecto.

j) A proposta de equipo técnico-artístico, que incluirá, como mínimo, a identidade do director e o produtor executivo e tamén a listaxe dos xefes do equipo técnico e unha proposta do elenco. Achegaranse, sempre que sexa posible, cartas de aceptación/interese por parte dos profesionais incluídos nestas listaxes.

k) Na modalidade de pilotos de series de animación para televisión e programas de televisión, copia en DVD da produción final en que figure a imaxe corporativa da Agadic.

2. Memoria xustificativa, que conterá:

a) Memoria descritiva das actuacións realizadas.

b) Relación numerada e ordenada por capítulos de gastos que inclúan o número de documento, identificación do acredor, o importe e a data de emisión, a suma parcial (folla por folla) e a suma do total da relación de gastos, excluído o IVE. O modelo deberá descargarse na páxina web da Agadic, www.agadic.gal.

c) Contratos mercantís e relativos á adquisición de dereitos.

d) Xustificantes do ingreso na Facenda pública das cantidades retidas á conta do imposto sobre a renda das persoas físicas correspondentes aos contratos formalizados, de acordo coas porcentaxes de retención legalmente establecidas, así como, se é o caso, os xustificantes de pagamento das cotas da Seguridade Social correspondentes aos ditos contratos.

e) Facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa e, se é o caso, contratos, que acrediten os custos de servizos, subministracións e calquera outra prestación que non sexa de persoal contratado directamente pola empresa produtora, así como o xustificante de ter efectuado a declaración das facturas ante a Facenda pública nos casos en que así o exixa a súa normativa específica.

f) Billetes, facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, xustificativos dos gastos de viaxes, aloxamento e inscrición en foros profesionais.

En todo caso, deberá enviarse a documentación xustificativa do pagamento. Non se terán en conta os pagamentos en efectivo.

3. Declaración actualizada sobre subvencións solicitadas, percibidas ou concedidas e pendentes de percepción para o mesmo obxecto por outras administracións públicas, así como declaración das axudas concedidas en réxime de minimis durante os dous últimos exercicios fiscais e durante o exercicio fiscal en curso, ou ben declaración de que a información facilitada ao respecto na solicitude non sufriu variacións desde a data da súa presentación.

Os gastos deberán corresponder ao período subvencionable, que comprende desde o día 1 de xaneiro de 2017 ata a data máxima de xustificación establecida na convocatoria.

Décimo sétima. Pagamento

1. Tras a resolución de concesión, a Agadic poderá aboar, en concepto de pagamento anticipado, o importe adxudicado na anualidade 2017, sempre e cando non supere o 50 % da subvención concedida a aqueles que obtiveron a condición de beneficiarios. Para facer efectivos os pagamentos, o beneficiario deberá enviar unha declaración de axudas, e unha memoria do estado de execución do proxecto.

2. Os beneficiarios que reciban pagamentos anticipados, cando estes excedan a cantidade de 18.000 euros, deberán constituír unha garantía, mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que deberá cubrir o 110 % do importe do anticipo e deberá alcanzar como mínimo ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación. Quedan exonerados da constitución de garantía os beneficiarios e os casos establecidos no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O importe restante será aboado tras o cumprimento dos requisitos enumerados na cláusula décimo cuarta e décimo quinta destas bases.

4. O prazo de xustificación da subvención rematará o 31 de agosto de 2018. Transcorrido este prazo sen que se presente a xustificación ante a Agadic, requirirase o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de xustificación neste prazo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

5. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención outorgada en canto o beneficiario non figure ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias estatais, autonómicas e coa Seguridade Social, sexa debedor en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha outra débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración pública da Comunidade autónoma galega, estando autorizada a Agadic para proceder á comprobación e conseguinte verificación destes datos.

6. Sen prexuízo das obrigas dispostas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios das subvencións quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para os que foron concedidos. As producións subvencionadas deberán axustarse fielmente ao proxecto presentado. Calquera alteración relevante do proxecto deberá ser autorizada pola Axencia Galega das Industrias Culturais e non poderá afectar aspectos avaliados pola Comisión.

7. Será requisito necesario para o pagamento da subvención outorgada a entrega dunha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo III).

Décimo oitava. Modificación, incumprimento, reintegros e sancións

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras subvencións, axudas ou recursos –ou doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras–, poderá dar lugar á modificación da resolución inicial de concesión e, eventualmente, á súa revogación nos termos establecidos na súa normativa reguladora, e, en tal caso, a Agadic pode proceder á reclamación e conseguinte reintegro, total ou parcial, da suma concedida á compañía adxudicataria nos termos anteriormente estipulados.

2. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes, nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Décimo novena. Control

1. Os solicitantes e beneficiarios quedan sometidos ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido título III da Lei 9/2007, ou polo Consello de Contas ou Tribunal de Contas, segundo a súa normativa.

2. Ademais, deberanlle facilitar á Agadic toda a información e documentación complementaria que esta considere precisa para a concesión ou aboamento do importe da subvención.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2017

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file