Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Luns, 19 de xuño de 2017 Páx. 29719

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 12 de xuño de 2017 pola que se amplía a dotación económica e se modifica o prazo de execución e xustificación dos proxectos subvencionados, establecidos na Orde do 30 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinados a concellos de Galicia para o ano 2017, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.

Mediante a Orde do 30 de decembro de 2016 establecéronse as bases reguladoras e convocáronse subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinados a concellos de Galicia para o ano 2017, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (DOG núm. 14, do 20 de xaneiro de 2017).

Esta orde tramitouse como expediente anticipado de gasto de acordo coa Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001 e consonte o establecido no Proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, aprobado polo Consello da Xunta na súa reunión do 2 de decembro de 2016, na cal se acordou a remisión ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación.

No seu artigo 4, a orde prevé a posibilidade de ampliación de crédito nos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Nestes casos, o órgano concedente deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

No actual exercicio orzamentario produciuse unha incorporación de crédito na aplicación 05.23.141A.760.2 polo importe de 956.326,69 €, procedente do exercicio 2016.

Adicionalmente, a Comunidade Autónoma de Galicia, con cargo a fondos propios libres, asignará 600.000,00 € de remanente existente na mesma aplicación orzamentaria para ampliar o crédito que financia esta convocatoria de subvencións.

Considerando esta dispoñibilidade, co fin de poder amparar un maior número de solicitudes presentadas, coonsidérase conveniente ampliar a dotación orzamentaria de referencia a través do suposto previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, recollido expresamente no artigo 4.1 da Orde do 30 de decembro de 2016.

A ampliación total da dotación orzamentaria da orde será de 1.556.326,69 € con cargo á aplicación orzamentaria 05.23.141A.760.2 (C.P. 2016 00023) do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, co que queda establecida en 3.542.992,69 € a contía máxima das subvencións que se concedan.

O incremento está cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), estando incluídos os fondos Feader no Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 na medida 7 (servizos básicos e renovación de poboacións en zonas rurais); submedida 7.40 (creación, ampliación e mellora de servizos básicos locais).

Por outra banda, no artigo 15 da orde establécese como prazo para a realización e xustificación das actuacións subvencionadas o 30 de setembro de 2017. Tendo en conta o número de solicitudes presentadas e a complexidade do proceso de tramitación e de avaliación, considerando que as bases reguladoras non conteñen precepto en contra e que non se causa prexuízo a terceiros, é procedente ampliar o devandito prazo de execución e xustificación das actuacións subvencionadas ata o 31 de outubro de 2017 para facer viable o proceso de execución dos proxectos subvencionados e posibilitar o cumprimento do procedemento de xestión.

Esta ampliación do prazo está amparada no artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, segundo o cal o órgano concedente da subvención poderá outorgar, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación que non exceda a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

En consecuencia co exposto, de acordo co Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, co Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, e co disposto na Orde do 30 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinados a concellos de Galicia para o ano 2017, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.

DISPOÑO:

Artigo 1

1. Amplíase a dotación orzamentaria determinada na Orde do 30 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinados a concellos de Galicia para o ano 2017, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.

2. O incremento da dotación será de 956.326,69 € (717.245,02 € do Feader e 239.081,67 € de cofinanciamento) con cargo ás previsións contidas na medida 7 do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (servizos básicos e renovación de poboacións en zonas rurais), submedida 7.40 (creación, ampliación e mellora de servizos básicos locais).

3. Adicionalmente, a Comunidade Autónoma de Galicia, con cargo a fondos propios libres, incrementará a ampliación de crédito en 600.000,00 € máis, de forma que o incremento total da dotación será de 1.556.326,69 € con cargo á aplicación orzamentaria 05.23.141A.760.2 do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, co que queda establecida en 3.542.992,69 € a contía máxima das subvencións que se concedan.

4. Esta ampliación de crédito non afecta o prazo establecido no artigo 5 da Orde do 30 de decembro de 2016 para a presentación de solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo para resolver.

Artigo 2

Modifícase o artigo 15.1 da Orde do 30 de decembro de 2016, que queda redactado nos seguintes termos:

«1. As entidades beneficiarias terán de prazo para executar as actuacións subvencionadas e presentar a documentación xustificativa ata o 31 de outubro de 2017».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2017

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza