BDNS (Identif.): 351435.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Entidades beneficiarias
1. As asociacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro que subscriban o correspondente convenio de colaboración coa empresa que vai contratar as persoas traballadoras con discapacidade ás cales se lles vai prestar o emprego con apoio.
2. Os centros especiais de emprego, cualificados e inscritos como tales no rexistro correspondente, que subscriban un convenio de colaboración coa empresa que vai contratar persoas traballadoras con discapacidade procedentes do cadro de persoal do mesmo centro ou doutros centros especiais de emprego.
3. As empresas do mercado ordinario de traballo, incluídos os traballadores e traballadoras autónomos, que contraten as persoas traballadoras con discapacidade beneficiarias das ditas accións sempre que conten no seu cadro de persoal con preparadores e preparadoras laborais especializados ou se comprometan a incorporalos, e que dispoñan dos recursos materiais necesarios que garantan un desenvolvemento adecuado dos programas de emprego con apoio.
Segundo. Obxecto
O obxecto deste programa é subvencionar as entidades promotoras de proxectos de emprego con apoio para financiar os custos laborais e de seguridade social derivados da contratación dos preparadores e das preparadoras laborais que leven a cabo as accións de emprego con apoio.
Terceiro. Tipos de axudas
1. A subvención establecida neste programa destinarase a financiar custos laborais e de seguridade social derivados da contratación dos preparadores e das preparadoras laborais que se xeren durante o período de desenvolvemento do proxecto de emprego con apoio, dentro do período subvencionable. A dita contratación poderase realizar tanto durante o desenvolvemento do proxecto como con anterioridade ao seu inicio.
2. No suposto das entidades promotoras de proxectos de emprego con apoio sinaladas nos números 1 e 2 do artigo 40, cando un mesmo preparador ou preparadora laboral teña que prestar apoios a persoas con discapacidade en centros de traballo ou empresas de distintos concellos, poderase conceder unha subvención en concepto de custos de desprazamento.
Cuarto. Bases reguladoras
Orde do 5 de xuño de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de emprego con apoio como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.
Quinto. Importe
Para a concesión destas axudas destínanse cento oitenta mil euros (180.000 euros).
Sexto. Contía
Entre 2.500 e 13.200 euros anuais por cada persoa traballadora con discapacidade apoiada.
Sétimo. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes do Programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, regulado no capítulo III da orde, é dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2017
Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria