BDNS (Identif.): 351429.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Entidades beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias das axudas previstas neste programa os/as empregadores/as e as empresas, calquera que sexa a súa forma xurídica, incluídas persoas traballadoras autónomas, sociedades civís e comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, fundacións, asociacións e outras institucións sen fin de lucro que contraten persoas traballadoras con discapacidade para prestaren servizos en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos no capítulo II da orde.
Segundo. Obxecto
Este programa ten por obxecto incentivar a contratación de traballadores e traballadoras con discapacidade nas empresas ordinarias coa finalidade de fomentar e favorecer a súa integración laboral no sistema ordinario de traballo.
Terceiro. Tipos de axudas
a) Subvención pola contratación indefinida.
b) Subvención pola contratación indefinida de persoas traballadoras con discapacidade dun enclave laboral.
c) Subvención pola contratación temporal (mínimo 1 ano de duración).
d) Subvención pola contratación de persoas con discapacidade no marco de proxectos de emprego con apoio.
Cuarto. Bases reguladoras
Orde do 5 de xuño de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de promoción da integración laboral das persoas con discapacidade na empresa ordinaria.
Quinto. Importe
Para a concesión destas axudas destínanse un millón catrocentos vinte mil euros (1.420.000 euros).
Sexto. Contía
Entre 6.000 e 13.000 euros para a contratación indefinida e a transformación.
Entre 2.000 e 4.000 euros para a contratación temporal.
902 euros para a adaptación dos postos de traballo.
Estas contías poderanse incrementar polas contratacións indefinidas que se realicen con persoas traballadoras con discapacidade procedentes dun enclave laboral ou no caso de contratacións realizadas a persoas con discapacidades severas, incluídas en proxectos de emprego con apoio subvencionados.
Sétimo. Prazo de presentación de solicitudes
a) As solicitudes de axudas á contratación poderán presentarse ata o último día do mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral ou se produza a transformación do contrato temporal en indefinido, respectando, en todo caso, o prazo xeral de presentación de solicitudes, que finalizará o 30 de setembro de 2017.
b) As solicitudes de axuda pola adaptación de postos de traballo poderán presentarse antes do inicio desta adaptación, respectando, en todo caso, o prazo xeral de presentación de solicitudes, que finalizará o 30 de setembro de 2017.
c) As contratacións ou transformacións de contratos temporais en indefinidos e as adaptacións de postos de traballo realizadas entre o 1 de outubro de 2016 e a data de publicación desta orde poderanse acoller ás súas axudas, aínda que transcorrese o prazo establecido desde a contratación ou se tivese iniciado a execución do proxecto de investimento. O prazo para a presentación destas solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2017
Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria