Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Venres, 23 de xuño de 2017 Páx. 30895

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 22 de xuño de 2017 pola que se modifica a Orde do 30 de decembro de 2016 pola que se regulan os criterios de repartición e se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2017, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, destinadas a entidades locais de Galicia.

Mediante a Orde do 30 de decembro de 2016 reguláronse os criterios de repartición e establecéronse as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2017, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, destinadas a entidades locais de Galicia (DOG núm. 14, do 20 de xaneiro).

Esta orde tramitouse como expediente anticipado de gasto, de acordo coa Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, e co establecido no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, aprobado polo Consello da Xunta na súa reunión do 2 de decembro de 2016, en que se acordou a súa remisión ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación.

A distribución inicial do Fondo de Compensación Ambiental destina un total de 1.457.458,42 euros ao financiamento de subvencións en concorrencia competitiva. Tamén prevé a posibilidade de ampliación de crédito nos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Co fin de poder amparar un maior número de solicitudes presentadas, considérase conveniente ampliar a dotación orzamentaria consignada para a liña en concorrencia competitiva, que se financiará con remanente doutras aplicacións desta mesma orde, redistribuíndo a asignación inicial do Fondo para 2017, e con incorporacións de crédito procedente de exercicios anteriores, supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e nos artigos 2.1.b) e 37 da Orde do 30 de decembro de 2016.

De conformidade cos devanditos preceptos regulamentarios, o órgano concedente debe publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Asemade, para optimizar o uso dos fondos dispoñibles considerouse necesario redistribuír a asignación inicial do Fondo de Compensación Ambiental para o exercicio 2017, establecida no artigo 2.1.c) da Orde do 30 de decembro de 2016, nas aplicacións orzamentarias xestionadas pola Dirección Xeral de Administración Local, que se destina a financiar outras actuacións específicas de protección do ambiente. Este reaxuste non produce alteración ningunha a nivel de vinculación no importe total da aplicación orzamentaria afectada.

Tanto a ampliación do crédito como a redistribución garanten o cumprimento da normativa de aplicación ao canon eólico como ingreso afectado que debe xestionarse a través do Fondo de Compensación Ambiental e a execución do mandato legal de aplicar os ingresos derivados do canon eólico á finalidade determinada na orde anual distribuidora do Fondo, segundo determina o artigo 25 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (DOG núm. 252, do 29 de decembro).

Por outra banda, no artigo 31 da orde establécese como prazo para a realización e xustificación das actuacións subvencionadas o 30 de setembro de 2017. Tendo en conta o número de solicitudes presentadas e a complexidade do proceso de tramitación e de avaliación, considerando que as bases reguladoras non conteñen precepto en contra e que non se causa prexuízo a terceiros, é procedente ampliar o devandito prazo de execución e xustificación das actuacións subvencionadas ata o 15 de novembro de 2017, para facer viable o proceso de execución dos proxectos subvencionados e posibilitar o cumprimento do procedemento de xestión.

Esta ampliación do prazo está amparada no artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia, segundo o cal o órgano concedente da subvención poderá outorgar, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, que non exceda a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

En consecuencia co exposto, de acordo coa Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, co Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, co Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, e co disposto na Orde do 30 de decembro de 2016 pola que se regulan os criterios de repartición e se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2017, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida,

DISPOÑO:

Artigo 1

Modifícase a distribución da asignación inicial do Fondo de Compensación Ambiental para o exercicio 2017, establecida no artigo 2.1.c) da Orde do 30 de decembro de 2016, nas aplicacións orzamentarias xestionadas pola Dirección Xeral de Administración Local, que se destina a financiar outras actuacións específicas de protección do ambiente, ao abeiro do previsto no artigo 25.5 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, que queda fixada nas seguintes contías:

Aplicación orzamentaria

Código proxecto

Importe

Descrición

05.23.141A.461.0

2015 00168

150.000,00 euros

Outras actuacións específicas de protección ambiental

05.23.141A.461.1

2013 00770

560.000,00 euros

Fondo Compensación Ambiental. Convenios grupos de emerxencias

Total

710.000,00 euros

Artigo 2

1. Amplíase a dotación orzamentaria destinada a financiar a liña en concorrencia competitiva das subvencións do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2017, que se establece no artigo 2.a) e no artigo 13 da Orde do 30 de decembro de 2016 pola que se regulan os criterios de repartición e se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2017, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida.

2. O incremento da dotación será de 75.982,45 euros con cargo á aplicación orzamentaria 05.23.141A.461.0 e de 1.146.926,82 euros con cargo á aplicación orzamentaria 05.23.141A.761.0, ambas as dúas consignadas no estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017.

A contía máxima das subvencións que se concedan na liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2017 queda así establecida en 2.680.487,69 euros.

Aplicación orzamentaria

Crédito inicial

Importe adicional

Crédito total

05.23.141A.461.0

588.789,21

75.982,45

664.771,66

05.23.141A.761.0

868.789,21

1.146.926,82

2.015.716,03

Total

1.457.578,42

1.222.909,27

2.680.487,69

3. Esta ampliación de crédito non afecta o prazo establecido no artigo 19.6 da Orde do 30 de decembro de 2016 para a presentación de solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo para resolver.

Artigo 3

Modifícase o artigo 31.1 da Orde do 30 de decembro de 2016, que queda redactado nos seguintes termos:

«1. As entidades beneficiarias terán de prazo para executar o proxecto subvencionado e presentar a conta xustificativa ata o 15 de novembro de 2017».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2017

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza