Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Venres, 23 de xuño de 2017 Páx. 31100

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 14 de xuño de 2017 pola que se convoca o curso monográfico Cambio e motivación na Función Pública.

Conforme os fins que lle asigna a Escola Galega de Administración Pública a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo),

RESOLVO:

Convocar o curso monográfico Cambio e motivación na Función Pública, de acordo coas bases que se indican a continuación:

1. Obxectivos.

Dado o momento actual no que vivimos, con saturación de compromisos tanto persoais como profesionais, deixamos nun segundo plano o noso propio desenvolvemento persoal. Este curso persegue, dunha forma totalmente práctica e experiencial, que as persoas participantes, poidan xestionar mellor o seu tempo, incrementar a súa motivación e acadar así, dun xeito máis doado, os obxectivos que se propoñan.

A través dunha metodoloxía moi práctica e dinámica, este curso centra as súas accións nos seguintes obxectivos:

– Definir de maneira eficaz os fins que farán que a felicidade e motivación das persoas participantes aumenten.

– Tomar conciencia da importancia dos seus pensamentos ante os acontecementos do día a día.

– Descubrir as capacidades necesarias para superar a maioría dos desafíos nos ámbitos persoal e profesional.

– Gozar da oportunidade de experimentar a propia enerxía interior enfrontándose a un dos retos máis impactantes da súa vida.

– Experimentar unha nova sensación de poder interior para enfrontarse a calquera proceso de cambio e acción.

2. Contidos.

Defínense unha serie de puntos que servirán como fío condutor do evento:

– O mito da caverna: o que nos contaron.

– Saíndo da caverna: descubrindo un novo mundo.

– Enfrontando novos retos: oportunidade ou ameaza?

– O medo: amigo ou inimigo?

– Decidindo e aceptando: queres seguir?

– O reto: o teu primeiro paso.

– Dinámica de alto impacto: glasswalking.

3. Persoas destinatarias.

O curso diríxese ao persoal empregado das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local e de xustiza, e dos entes instrumentais da Comunidade Autónoma.

4. Desenvolvemento.

Lugar: EGAP, rúa Madrid, 2-4. Santiago de Compostela.

Data: mércores, 12 de xullo de 2017.

Horario: de mañá.

Duración: 4 horas lectivas.

5. Número de prazas: 24.

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP (https://egap.xunta.gal/matricula/).

O prazo para a inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.00 horas do día 5 de xullo de 2017.

Excepto as persoas que pertenzan á Administración autonómica ou á Administración de xustiza, todos/as os/as solicitantes deberán enviar un correo a novas.egap@xunta.gal, achegando a certificación acreditativa da súa condición de persoal empregado público e do grupo e/ou categoría á que pertencen. Esta certificación será expedida pola persoa que realice as tarefas de certificación da Administración na que preste os seus servizos. Serán excluídas aquelas solicitudes que non acompañen a dita certificación ou que sexa recibida con posterioridade ao último día habilitado para a inscrición, isto é, 5 de xullo de 2017.

Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 ata as 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41 - 981 54 62 39.

7. Criterios de admisión.

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes.

8. Publicación da listaxe de persoas seleccionadas e prazo de presentación de alegacións.

1. A listaxe de persoas seleccionadas publicarase no punto deste curso da páxina web da EGAP (http://egap.xunta.gal/), así como un número adecuado de reservas no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas.

O prazo de presentación de alegacións será de dous días naturais desde a súa publicación.

2. Transcorrido o prazo de alegacións, publicarase no punto deste curso da páxina web da EGAP (http://egap.xunta.gal/), a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso.

9. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

1. En ningún caso, serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de tres días hábiles anteriores ao comezo da actividade formativa. Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto, poderá utilizarse, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico novas.egap@xunta.gal

c) As persoas que incumpran o previsto nas liñas a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia:

c.1) Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante os responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contado a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

c.2) Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

10. Modificacións.

A EGAP resérvase a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

11. Certificado electrónico de asistencia.

Ao final do curso expedirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2017

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública