En desenvolvemento da autorización contida na disposición adicional terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, aprobouse o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (en diante Amtega) e se aproban os seus estatutos. A dita axencia pública autonómica, adscrita á Presidencia da Xunta de Galicia, ten por obxecto a definición, o desenvolvemento e a execución dos instrumentos da política da Xunta de Galicia relativa a tecnoloxías da información e comunicacións, así como innovación e desenvolvemento tecnolóxico.
O artigo 13 do Estatuto da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, tras a modificación efectuada polo Decreto 149/2014, do 20 de novembro, polo que se modifica o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos, prevé que cada consellería da Xunta de Galicia e a Secretaría Xeral da Presidencia da Xunta de Galicia estea representada no seu Consello Reitor por un vogal. Ademais, a persoa titular da Dirección da Amtega é membro nato do Consello Reitor, desempeñando unha das súas vogalías.
O DOG número 43, do 1 de marzo de 2013, publicou a Orde do 20 de febreiro de 2013 pola que se nomean novos vogais do Consello Reitor da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se derroga a Orde do 2 de marzo de 2012 pola que se nomean os vogais do Consello Reitor da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, e no DOG número 44, do 5 de marzo de 2015, publicouse a Orde do 3 de marzo de 2015 pola que se nomea vogal do Consello Reitor da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia en representación da Secretaría Xeral da Presidencia.
Os cambios producidos na estrutura orgánica da Xunta de Galicia (decretos 146/2016, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia) fan necesaria a modificación da Orde do 20 de febreiro de 2013 pola que se nomean novos vogais do Consello Reitor da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se derroga a Orde do 2 de marzo de 2012 pola que se nomean os vogais do Consello Reitor da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. Tendo en conta que esta orde consta dun único artigo («Nomear vogais do Consello Reitor da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia as seguintes persoas»), e co fin de garantir a maior seguridade xurídica, derrógase a Orde do 20 de febreiro de 2013. Así mesmo, derrógase a Orde do 3 de marzo de 2015 pola que se nomea vogal do Consello Reitor da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia en representación da Secretaría Xeral da Presidencia.
De acordo coa disposición adicional primeira do Decreto 176/2016, do 15 de decembro, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia «Corresponderán á persoa titular da Consellería de Facenda as funcións que os artigos 3 e 4, así como a disposición derradeira segunda do Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos, atribúen á persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza», e, polo tanto, correspóndelle o nomeamento dos membros do Consello Reitor, tal e como se recolle na letra b) do citado artigo 3.
Con base nas circunstancias anteriores, e de conformidade con cada unha das consellerías, cómpre facer o nomeamento de novos vogais do Consello Reitor da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia que, para xeral coñecemento, se publicará no Diario Oficial de Galicia.
Por todo isto, en virtude das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo único
Nomear vogais do Consello Reitor da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia as seguintes persoas:
a) En representación da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza:
Vogal titular: a persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.
Vogal suplente: a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.
b) En representación da Consellería de Facenda:
Vogal titular: a persoa titular da Consellería de Facenda.
Vogal suplente: a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda.
c) En representación da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio:
Vogal titular: a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.
Vogal suplente: a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.
d) En representación da Consellería de Infraestruturas e Vivenda:
Vogal titular: a persoa titular da Consellería de Infraestruturas e Vivenda.
Vogal suplente: a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda.
e) En representación da Consellería de Economía, Emprego e Industria:
Vogal titular: a persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria.
Vogal suplente: A persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria.
f) En representación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria:
Vogal titular: a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Vogal suplente: a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
g) En representación da Consellería de Sanidade:
Vogal titular: a persoa titular da Consellería de Sanidade.
Vogal suplente: a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade.
h) En representación da Consellería de Política Social:
Vogal titular: a persoa titular da Consellería de Política Social.
Vogal suplente: a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social.
i) En representación da Consellería do Medio Rural:
Vogal titular: a persoa titular da Consellería do Medio Rural.
Vogal suplente: a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural.
j) En representación da Consellería do Mar:
Vogal titular: a persoa titular da Consellería do Mar.
Vogal suplente: a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar.
k) En representación da Secretaría Xeral da Presidencia da Xunta de Galicia:
Vogal titular: a persoa titular da Secretaría Xeral da Presidencia da Xunta de Galicia.
Vogal suplente: a persoa titular da Vicesecretaría Xeral da Secretaría Xeral da Presidencia.
l) A persoa titular da Dirección da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
Disposición derrogatoria única
Derróganse as ordes do 20 de febreiro de 2013 pola que se nomean novos vogais do Consello Reitor da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se derroga a Orde do 2 de marzo de 2012 pola que se nomean os vogais do Consello Reitor da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, e do 3 de marzo de 2015 pola que se nomea vogal do Consello Reitor da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia en representación da Secretaría Xeral da Presidencia.
Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2017
Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda