Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Martes, 4 de xullo de 2017 Páx. 32463

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 59/2017, do 22 de xuño, polo que se transforman institutos de educación secundaria da Comunidade Autónoma de Galicia en centros integrados de formación profesional.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece que é competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis, graos, modalidades e especialidades, competencia que o Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, atribúe á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, define os centros integrados de formación profesional como centros nos cales se imparten todas as ofertas formativas referidas ao Catálogo nacional de cualificacións profesionais que conduzan a títulos de formación profesional e certificados de profesionalidade e determina que a súa creación e autorización corresponderá ás administracións nos seus respectivos ámbitos competenciais.

O Real decreto 1558/2005, do 23 de decembro, polo que se regulan os requisitos básicos que deben reunir os centros integrados de formación profesional, concibe estes centros como un instrumento para asegurar unha nova oferta integrada que capacite para o desempeño cualificado das distintas profesións e sirva de recurso formativo permanente á poboación adulta para mellorar as súas condicións de empregabilidade.

O Decreto 266/2007, do 28 de decembro, que regula os centros integrados de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, establece como accións formativas que se inclúen nestes centros as ensinanzas propias da formación profesional inicial, as accións de inserción e reinserción laboral das persoas traballadoras e as dirixidas á formación permanente da poboación traballadora ocupada. En canto á forma de creación dos centros integrados, o dito decreto sinala no seu artigo 3 que poderán ser de nova creación ou proceder da transformación de centros xa existentes.

O Instituto de Educación Secundaria Imaxe e Son da Coruña é un centro que imparte unicamente ciclos de formación profesional de réxime ordinario e réxime para persoas adultas nas modalidades presencial, semipresencial e a distancia, tendo como obxectivo fundamental o fomento das relacións e o intercambio de experiencias entre o centro e o ámbito produtivo do sector audiovisual. A transformación do centro en centro integrado de formación profesional permite adaptar ao seu sistema organizativo a súa configuración actual, superando as estruturas propias do ensino secundario e sentando as bases para o seu recoñecemento como centro de referencia nacional na familia profesional da Imaxe e Son, dada a súa traxectoria e implantación no sector audiovisual.

A conversión deste centro e a súa incorporación á Rede de centros integrados de formación profesional de Galicia permite, ademais, reforzar o seu papel como instrumento fundamental de formación nun sector estratéxico para Galicia, configurándose como sede dos procedementos de acreditación das competencias profesionais correspondentes.

Así mesmo, en execución da Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia número 436/2015, do 30 de xuño de 2015, procédese a declarar a transformación do Instituto de Educación Secundaria As Mercedes de Lugo en centro integrado de formación profesional. A dita conversión desenvólvese no marco dos compromisos establecidos no Plan de impulso económico da provincia de Lugo, que permite a incorporación dun novo centro de referencia para promover a innovación, a transferencia de coñecemento e o desenvolvemento produtivo para adaptarse ás novas necesidades educativas previstas para a zona, na cal se observa un aumento considerable da demanda da formación profesional como queda constatado no expediente tramitado para o efecto.

A transformación do Instituto de Educación Secundaria As Mercedes en centro integrado de formación profesional permite reforzar as ensinanzas regradas de formación profesional que se ofertaban no centro ao tempo que se amplía a súa oferta formativa a través da incorporación de distintas accións, como a formación a persoas desempregadas, o establecemento de sistemas de acreditación de competencias profesionais e a implantación de viveiros de empresas, contribuíndo de forma clave a fomentar a actividade emprendedora dentro dos niveis non universitarios do sistema educativo galego, así como á inserción e orientación laboral para o progreso nos distintos itinerarios formativos e profesionais.

Os centros resultantes da transformación inclúense na Rede de centros integrados de formación profesional de Galicia, canle fundamental na consecución de solucións formativas aos principais sectores da economía e base para a formación profesional de calidade na nosa comunidade autónoma.

De conformidade coa Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, o artigo 1.3 do Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria, aprobado polo Decreto 324/1996, do 26 de xullo, establece que a creación e a supresión destes centros docentes se realizará mediante decreto aprobado polo Consello da Xunta de Galicia.

Os centros integrados de formación profesional da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o establecido polo Decreto 266/2007, do 28 de decembro, serán ademais autorizados pola consellería competente en materia de educación e a consellería competente en materia de traballo, logo de ditame do Consello Galego de Formación Profesional.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día vinte e dous de xuño de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Artigo único. Transformación de institutos de educación secundaria en centros integrados de formación profesional

Transfórmanse en centros integrados de formación profesional, incorporándose á Rede de centros integrados de formación profesional de Galicia, os seguintes centros:

– Instituto de Educación Secundaria Imaxe e Son da Coruña (código 15027800).

-– Instituto de Educación Secundaria As Mercedes de Lugo (código 27006528).

Disposición adicional única. Situación do profesorado dos centros

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria determinará as necesidades e a situación do profesorado dos centros afectados por este decreto, en aplicación do Decreto 140/2006, do 31 de agosto, polo que se determinan os criterios de perda do destino definitivo polas funcionarias e funcionarios docentes que prestan servizos nos centros educativos que imparten ensinanzas distintas das universitarias e o cómputo de antigüidade no centro en función das causas de acceso a el e demais normativa de aplicación.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

1. Quedan derrogados os artigos 2.1, parágrafo primeiro, e 2.2, parágrafo primeiro, do Decreto 49/2013, do 21 de marzo, polo que se crean e transforman institutos de educación secundaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Así mesmo, quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da consellería con competencias en materia de educación para ditar, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para a execución e o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de xuño de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria