Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Martes, 4 de xullo de 2017 Páx. 32460

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 58/2017, do 8 de xuño, polo que se aproba o cambio de titularidade de dous treitos da estrada PO-409 Salvaterra (PO-403)-A Rañada (PO-510), a prol do Concello de Salvaterra de Miño.

A tenor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos que estean incluídos no inventario de travesías da súa administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O borrador do Plan de estradas de Galicia recolle a transferencia da estrada PO-409 Salvaterra (PO-403)-A Rañada (PO-510) a prol do Concello de Salvaterra de Miño.

A estrada que se transfire pertence á rede secundaria de estradas de Galicia e conta cunha alternativa viaria clara, constituída pola PO-510 Atios (N-550)-Oleiros (PO-400) da rede primaria básica e a PO-403 Salvaterra (PO-400)-Ponteareas (N-120) da rede primaria complementaria. Esta estrada está composta por dous treitos:

Un primeiro treito de lonxitude de 1.570 metros, que comeza no p.q. 0+000 da estrada PO-403 e remata no p.q. 1+570.

Un segundo treito, correspondente cun ramal 1r, que comeza no p.q. 12+100 da estrada PO-510 na súa marxe dereita e que acaba no p.q. 1+570 do primeiro treito, cunha lonxitude de 220 metros.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade de dous treitos da estrada PO-409 Salvaterra (PO-403)-A Rañada (PO-510):

Treito 1: desde o p.q. 0+000 ao p.q. 1+570. Lonxitude de 1.570 metros.

Treito 2: ramal 1r p.q. 0+000 ao p.q. 0+220 que entronca coa PO-510 no seu p.q. 12+100 e co treito 1 no p.q. 1+570 e cunha lonxitude de 220 metros.

O Concello de Salvaterra de Miño, na sesión do Pleno da corporación levada a cabo o día 24 de abril de 2017, aceptou o cambio de titularidade proposto.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de xuño de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello de Salvaterra de Miño PO-409 Salvaterra (PO-403)-A Rañada (PO-510):

Treito 1: desde o p.q. 0+000 ao p.q. 1+570. Lonxitude de 1.570 metros.

Treito 2: ramal 1r p.q. 0+000 ao pq 0+220 que entronca coa PO-510 no seu p.q. 12+100 e co treito 1 no p.q. 1+570 e cunha lonxitude de 220 metros.

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Salvaterra de Miño deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire o presente decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderán ao Concello de Salvaterra de Miño, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que poida corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de xuño de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda