Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Mércores, 5 de xullo de 2017 Páx. 32732

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello da Coruña

ANUNCIO de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal no polígono industrial da Grela-Bens, fábrica de armas e campo de fútbol de Eirís (expediente 631/2015/99).

En cumprimento do disposto no artigo 82.1 da Lei 2/2016, do 10 de febrero, do solo de Galicia, e no artigo 199.2, do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o regulamento de desenvolvemento da lei anterior, infórmase de que o Pleno municipal, na sesión que tivo lugar o 8 de maio de 2017, adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

«Primeiro. Aprobar definitivamente o documento denominado “Modificación puntual do PXOM no polígono industrial da Grela-Bens, Fábrica de armas da Coruña e campo de fútbol de Eirís. Documento para aprobación definitiva. Abril 2017”, redactado polos servizos técnicos e xurídicos municipais.

Segundo. Ordenar a dilixencia do documento co selo de aprobación definitiva.

Terceiro. Realizar os trámites previstos nos artigos 82 e 88 da Lei 2/2016, do solo de Galicia; nos artigos 199 e 212 do Decreto 143/2016, regulamento para o desenvolvemento da lei anterior; e na Orde do 10 de marzo de 2017, pola que se establecen os modelos normalizados de solicitudes para a inscrición de datos no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia, na procura da entrada en vigor do documento aprobado.

Cuarto. En cumprimento do disposto no artigo 29.7 do Real decreto 297/2013, do 26 de abril, sobre servidumes aeronáuticas, achegar unha copia do documento aprobado definitivamente, xunto coa certificación do acto de aprobación, á Dirección Xeral de Aviación Civil do Ministerio de Fomento.

Quinto. Notificar este acordo ás áreas e departamentos municipais interesados na súa tramitación».

Medidas adoptadas para o seguimento dos efectos no ambiente:

Á vista da Resolución do 3 de xuño de 2016, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula o informe ambiental estratéxico, inseríronse no documento da modificación puntual do PXOM da Coruña as seguintes medidas:

• Respecto das observacións e suxestións da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural do 18 de maio de 2016:

O informe da Dirección Xeral de Patrimonio sinalou os bens do patrimonio cultural afectados polo ámbito da modificación puntual e o seu réxime de protección:

– Parte dos terreos da fábrica de armas, obxecto de recualificación, incluídos na delimitación do Camiño de Santiago Inglés e na área de protección integral dun hórreo (BIC) identificado na ficha 012 dos elementos etnográficos do catálogo do PXOM.

– Os terreos do barrio de Eirís, tamén obxecto da modificación, están incluídos no xacemento romano de Eirís (ben inventariado) e na contorna de protección do forte de Valparaíso (BIC), fichas 012 e 014 dos elementos arqueolóxicos do catálogo do PXOM.

Para dar cumprimento ao sinalado no informe, introducíronse no documento aprobado as oportunas correccións, recollendo expresamente que sobre os ámbitos anteriores resultará de aplicación a normativa correspondente contida na LPCG/16, así como a regulación específica contida na normativa do PXOM.

Para os efectos de dar cumprimento á cuestión exposta no informe respecto do previsto na determinación 9.3 das DOT «Calquera actuación sobre o territorio debe atender á súa compatibilidade cos bens do patrimonio cultural que se vexan afectados, o que require a súa identificación, o recoñecemento das súas características e das súas relacións co territorio e a análise das posibilidades de integralos como un elemento máis da actuación. Os traballos de análise referidos incorporarán unha prospección, entendida como a exploración e recoñecemento sistemático do ámbito de estudo, para a detección de elementos do patrimonio cultural non identificados no Inventario de patrimonio cultural de Galicia, con especial incidencia sobre o patrimonio etnográfico e arqueolóxico», inclúese no anexo IV da presente modificación o documento denominado «Catalogación e delimitación planimétrica dos xacementos arqueolóxicos do concello da Coruña cara á elaboración do novo PXOM. Informe preliminar», que contén a prospección arqueolóxica de todo o termo municipal da Coruña (traballo de campo entre as datas 6.9.2010 e 17.9.2010) autorizada pola Xunta de Galicia, realizada pola empresa Tomos Conservación-Restauración, S.L., para os efectos de identificar os posibles xacementos arqueolóxicos existentes no Concello.

Incluíronse, ademais, as fichas do catálogo correspondentes aos elementos arqueolóxicos 012 e 014, coincidentes co Forte de Valparaíso e o xacemento romano de Eirís, respectivamente, así como a referencia á súa normativa de aplicación.

A modificación puntual inclúe nas fichas correspondentes ás zonas afectadas no seu ámbito a remisión ao cumprimento da normativa sobre os usos e actividades prohibidas na delimitación do Camiño de Santiago Inglés, consonte o artigo 78 da Lei 5/2016, de PCG, e sinala, ademais, que calquera actuación nun ben catalogado ou na súa contorna de protección deberá de ser autorizada pola consellería competente en materia de protección do patrimonio cultural (artigo 39 L5/16 PCG).

No informe do 18.5.2016, baixo a invocación do artigo 27 do Regulamento de planeamento, aprobado polo Real decreto 2159/1978, do 23 de xuño, e do artigo 91 da LSG/16, incorpórase a seguinte suxestión: «semella oportuno garantir a posición illada da fábrica de armas, para o que as normas previstas pola modificación do plan poden permitir instalacións descubertas pero deben limitar as instalacións cubertas dos equipamentos deportivos no seu contorno dun xeito máis restritivo que a norma zonal».

Ao respecto razoouse que, ben que o PXOM/13 no artigo 5.2.6.2 permite que nos espazos libres nos que se autoricen parques deportivos se poidan autorizar instalacións deportivas cubertas cun máximo do 15 % da súa superficie total, a parcela acaroada á Fábrica de Armas, obxecto da recualificación, ademais de estar incluída parcialmente no ámbito delimitado do territorio histórico do Camiño de Santiago Inglés, está afectada polas zonas de protección das estradas estatais da avenida de Pedralonga e avenida da Vedra, e incluída en parte na zona de limitación á edificabilidade, na cal ten limitada a posibilidade de realizar este tipo de edificacións.

Non obstante, co obxecto de dar cumprimento á cuestión sinalada pola Dirección Xeral de Patrimonio, incluíuse na ficha da acción correspondente (EL-9) a obriga de tramitar, no caso de realización de obras de nova edificación na parcela que supoñan un incremento dos volumes construídos nela, un estudo de detalle de ordenación de volumes que garanta a integración da nova edificación no conxunto e a non afección das novas edificacións sobre os bens obxecto de protección.

De xeito adicional, incorporouse unha nova ficha de catálogo, a 012a (hórreo de Pedralonga), complementaria da 012 (Palavea, Pedralonga) contida no Catálogo do PXOM/13, na cal se establecen as condicións de protección do elemento catalogado de xeito individualizado, entre as cales se inclúen as correspondentes á eliminación dos elementos descontextualizados no seu eido, para a autorización de futuras actuacións neles.

Por último, seguindo as indicacións da dirección xeral, procedeuse á recualificación da parcela en que se atopa o hórreo, cunha tipoloxía de núcleo tradicional en solo urbano (NZ-4.5), de uso característico residencial, facendo, ademais, as oportunas observacións na correspondente ficha do catálogo (elemento etnográfico 012a).

• Instituto de Estudos do Territorio do 26 de maio de 2016:

Sinala unha serie de recomendacións para os efectos de minimizar o impacto que poidan ocasionar as novas edificacións industriais que se permitirán facer na parcela recualificada do polígono da Grela, Bens no seu eido, polo que se inclúe a correspondente regulación nas disposicións normativas do presente documento.

Respecto da parcela da fábrica de armas, sinala que as actuacións propostas non teñen incidencia paisaxística ningunha, polo que non se establecen medidas adicionais.

Por último, na parcela correspondente ao parque de Eirís sinala a necesidade de incorporar ao proxecto de acondicionamento un estudo de impacto e integración paisaxística (EIIP), exixencia que se incorporou na correspondente ficha da acción (EL-9).

De xeito adicional, o informe ambiental estratéxico da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental sinalou a necesidade de adoptar as seguintes medidas:

• Respecto dos efectos na mobilidade:

Establecer medidas correctoras para minimizar os efectos das propostas na mobilidade, posto que se modifican as rutas dos desprazamentos dos usuarios dos equipamentos deportivos (rutas do transporte público e densidade do tráfico das vías afectas, accesibilidade ás novas parcelas a través doutros modos de transporte, etc).

Para os efectos de dar cumprimento á condición anterior, comunicarase á Área de Mobilidade Sostible a aprobación definitiva da modificación puntual para os efectos de que sexan tidas en conta as súas determinacións, na elaboración do Plan de mobilidade sostible do Concello.

A documentación íntegra da modificación do PXOM aprobada poderase consultar no enderezo electrónico www.coruna.gal/urbanismo, na parte «planeamiento/planeamiento vigente».

Contra este acordo, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

A Coruña, 2 de xuño de 2017

O alcalde
P.D. (Decreto do 15.6.2015)
Xiao Varela Gómez
Tenente de alcalde da Área de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda