Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Xoves, 6 de xullo de 2017 Páx. 32825

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 19 de xuño de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a renovación de cubertas con tella cerámica, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (código de procedemento IN423B).

Os produtos cerámicos e a tella cerámica, en particular, como material de cubrición, caracterízase por ter unhas elevadas prestacións técnicas, fundamentalmente desde o punto de vista da resistencia mecánica, do illamento térmico, do aforro de custos e enerxía, da facilidade de colocación e do respecto ao ambente, ao empregar como materia prima a arxila e, polo tanto, tratarse dun mineral 100 % natural e ecolóxico.

Así mesmo, a súa elaboración en múltiples e variados tamaños e formatos comerciais permiten satisfacer as exixencias das diferentes construcións.

Por outra banda, o vixente código técnico de edificación establece unha serie de requisitos con obxecto de cumprir as exixencias básicas de aforro de enerxía nos edificios. Neste senso, os fabricantes do sector nos últimos anos desenvolveron tecnoloxía para ofrecer produtos e sistemas construtivos cerámicos con prestacións melloradas, adoptando novas tecnoloxías e perfeccionando os procesos de fabricación, facéndoos máis eficientes desde o punto de vista enerxético, que fan que as cubricións con tella cerámica teñan un comportamento, en canto á densidade e transmisión térmica, moi similares a outros materiais de cubrición, que sumados a súa montaxe con cámara de aire ou con materiais illantes, ofrecen unha gran resistencia térmica, contribuíndo á redución dos consumos enerxéticos.

Neste marco, a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia considera do máximo interese potenciar as actuacións de renovación de cubertas con tella cerámica que leven consigo, ademais, a mellora do aforro e a eficiencia enerxética en Galicia.

En virtude do exposto, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión de subvencións da Consellería de Economía, Emprego e Industria en réxime de concorrencia non competitiva, para a renovación de cubertas con tella cerámica na Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento IN423B).

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2017.

Artigo 2. Solicitudes. Lugar e prazo de presentación

1. Para poder ser persoa beneficiaria das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 5 das bases reguladoras.

2. O prazo para cubrir e validar as solicitudes será de tres meses desde o día seguinte ao da publicación desta orde no DOG, agás que se produza o suposto de esgotamento de crédito.

3. No suposto de que antes de finalizar o prazo de presentación de solicitudes se esgotase o crédito establecido na convocatoria, o órgano concedente acordará a inadmisión de solicitudes e publicará tal circunstancia no DOG e na páxina web da Consellería.

4. As solicitudes de axuda cubriranse a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web https://appsdxem.xunta.gal/renovetella.

Unha vez validada a solicitude e sempre e cando existan fondos dispoñibles, a aplicación informática reflectirá o estado de «Reservada». O estado de «Reservada» significa que na aplicación se reservou a contía da axuda correspondente para esa solicitude, a expensas da comprobación do cumprimento dos requisitos exixidos na convocatoria.

Unha vez que a cantidade reservada sexa equivalente á cantidade máxima destinada a esta convocatoria poderanse seguir cubrindo formularios de solicitude de axuda, ata que remate o prazo máximo de presentación establecido no punto 2 deste artigo. Estas solicitudes aparecerán na listaxe de espera, indicando a posición que ocupa na mesma (Núm. Listaxe de espera), e se é o caso, no momento no que se liberen os fondos como consecuencia da cancelación de actuacións reservadas, pasarán ao estado de «Reservadas».

As solicitudes en estado de «Reservada» disporán dun prazo máximo de cinco días hábiles para a súa presentación. De non presentarse no referido prazo, procederase á súa cancelación na aplicación informática e anularase a reserva de fondos.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica. Para a presentación das solicitudes por esta vía, poderase empregar o documento nacional de identidade electrónico ou os certificados dixitais emitidos polas autoridades de certificación Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT) e certificados Camerais (Camerfirma).

5. A presentación electrónica será obrigatoria para as entidades sen personalidade xurídica (tales como comunidades de veciños, entre outras) e as persoas representantes das anteriores.

Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

6. Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en soporte papel en calquera dos lugares ou rexistros establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario normalizado xerado pola aplicación informática https://appsdxem.xunta.gal/renovetella.

7. A Consellería de Economía, Emprego e Industria velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para tal efecto procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e adoptará tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recollida e o tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros; non obstante, a Consellería de Economía, Emprego e Industria revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso.

Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito enviando identificación suficiente ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, San Caetano s/n, 15704 Santiago de Compostela, a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.gal, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que poderá encontrar na guía do cidadán da páxina web da Xunta de Galicia.

8. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos logo da presentación das solicitudes. Estes modelos presentaranse a través da aplicación informática, desde https://appsdxem.xunta.gal/renovetella. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalas presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 3. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a tres meses.

Artigo 4. Comunicación á Base de datos nacional de subvencións (BDNS)

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

Artigo 5. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN423B, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Enerxía e Minas, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería: http://ceei.xunta.gal.

b) Os teléfonos da devandita dirección xeral: 981 95 70 92 ou 981 54 55 88.

c) O enderezo electrónico: cei.dxiem.axudasminas@xunta.gal.

d) https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos.

e) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase o director xeral de Enerxía e Minas para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2017

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva, para a renovación de cubertas con tella cerámica
(código de procedemento IN423B).

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto fomentar a renovación de cubertas con tella cerámica acadando melloras significativas na demanda enerxética dos edificios cos conseguintes aforros en termos económicos.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que no seu artigo 19.2 establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Artigo 2. Actuacións e gastos subvencionables

1. A actuación subvencionable será a renovación de cubertas existentes de edificios de vivenda colectiva ou vivendas unifamiliares, xunto coas súas instalacións anexas, de ser o caso, por unha cuberta de tella cerámica. Non se admitirán as solicitudes que consistan na realización de obras ou traballos de renovacións parciais da cuberta.

2. A renovación ten que cumprir ou mellorar as exixencias mínimas que fixa o Código técnico da edificación no documento «DB HE-1 Limitación da demanda enerxética».

3. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionable.

As actuacións e os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados con anterioridade á data de xustificación establecida no artigo 17.

Consideraranse custos subvencionables, aqueles gastos que se xeren e que sexan directamente imputables ás actuacións de renovación de cubertas, realizados desde o 1 de xaneiro de 2017 ata a data de xustificación establecida no artigo 17, en concreto:

• Custos de materiais das novas cubertas de tella cerámica.

• Custos de desmontaxe das cubertas existentes.

• Custos de montaxe das novas cubertas de tella cerámica.

• Custos das memorias básicas, informes técnicos e certificados necesarios ou proxectos de arquitectura ou enxeñaría na parte correspondente ás actuacións que se vaian subvencionar.

• Custos de licenzas.

• Custos non subvencionables:

• A sustitución ou instalación de carpintarías exteriores (fiestras, canalóns, etc.) e vidros, así como chemineas.

• Os gastos e custos financeiros, como consecuencia do investimento.

• Os gastos realizados en bens usados.

O imposto sobre o valor engadido (IVE) subvencionarase cando non sexa susceptible de recuperación ou compensación.

4. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, para o contrato menor, a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren ou salvo que o gasto se tivese realizado con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberá achegarse xunto coa solicitude, realizarase conforme os criterios de eficacia e economía, e no suposto de non recaer a adxudicación na proposta económica máis vantaxosa, deberán achegar unha memoria na que se xustifique expresamente a elección do adxudicatario do contrato.

5. Permítese a subcontratación total ou parcial, pola persoa beneficiaria das actuacións subvencionables, sempre que se axusten ás previsións dispostas no artigo 27 da Lei 9/2007 do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Financiamento e concorrencia

1. As subvencións que se establezan para as actuacións obxecto desta orde serán con cargo á aplicación orzamentaria 09.20.734A.780.2 «Plan renove de cubertas con tella cerámica». O orzamento máximo destinado a esta convocatoria será de 856.884,76 euros.

2. Poderase ampliar o crédito máximo destinado a esta convocatoria cando o aumento veña derivado:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

3. Para as actuacións incluídas nesta convocatoria, o custo subvencionable máximo será de 55 € por m2 de cuberta. A contía da subvención será do 40 % dos custos totais subvencionables (IVE incluído, cando tal imposto sexa subvencionable).

4. O importe da subvención regulada nesta orde, en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións das distintas administracións ou calquera dos seus entes público ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total do investimento subvencionable.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas ou as comunidades de propietarios, sempre que a actuación subvencionable descrita no artigo 2 se realice en vivendas ou edificios de vivenda colectiva e nas súas edificacións anexas da súa titularidade, sitos na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Non poderán obter a condición de persoa beneficiaria, as persoas físicas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e na súa normativa de desenvolvemento.

3. En ningún caso o obxecto da subvención se destinará nin se adscribirá a ningunha actividade empresarial ou profesional.

4. As persoas beneficiarias obríganse a facilitar canta información lles sexa requirida pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas no exercicio das súas funcións de fiscalización do destino das axudas.

Artigo 5. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

A. Documentación xenérica:

a) No caso de que o solicitante sexa unha comunidade de propietarios, achegarase:

• Copia da acta da xunta de propietarios onde conste o nomeamento do presidente ou certificado do secretario.

• Copia da acta da xunta de propietarios aprobatoria da renovación da cuberta ou certificado do secretario.

• Copia da acta da xunta de propietarios aprobatoria da solicitude da subvención ou certificado do secretario.

b) Acreditación da titularidade do edificio ou vivenda mediante certificación do Rexistro da Propiedade, escritura pública de obra nova, escritura pública de compravenda, escritura pública de aceptación ou partición da herdanza, escritura pública de doazón e aceptación, ou sentenza xudicial, segundo corresponda. Non se admitirán como acreditación da titularidade recibos do imposto de bens inmobles ou certificacións do Catastro inmobiliario.

B. Documentación técnico-económica que deberá incluír o seguinte:

a) Memoria explicativa segundo o anexo III.

b) Cadro de gastos para os que solicita a subvención segundo o anexo IV, acompañado dos orzamentos ou facturas pro forma que xustifiquen os anteditos gastos.

c) Proxecto técnico visado polo órgano correspondente cando sexa preciso segundo a entidade da obra.

d) Reportaxe fotográfica antes da rehabilitación que inclúa imaxes do conxunto da vivenda e concretamente da cuberta a renovar, así como da fachada principal do edificio ou vivenda unifamiliar onde se aprecie o número de portal ou rúa.

e) Cando resulte de aplicación, segundo o indicado no punto 4 do artigo 2, copia das tres ofertas solicitadas e, en caso de non se optar pola máis vantaxosa, memoria xustificativa da diferente elección. No caso de non presentar as ofertas por concorrer algunha das circunstancias indicadas na citada base, deberá indicar o motivo.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en soporte papel en calquera dos lugares ou rexistros establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario normalizado xerado pola aplicación informática (https://appsdxem.xunta.gal/renovetella).

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) NIF da comunidade de propietarios.

c) Certificacións de estar ao día coas obrigas tributarias e económicas que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social, e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes

Artigo 7. Consentimentos e autorizacións

1. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 53.d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que corresponda. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

3. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

4. A cesión de datos de carácter persoal que, en virtude do establecido no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado non requirirá o consentimento do afectado. Neste ámbito non será de aplicación o disposto no apartado 1 do artigo 21 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 8. Órganos competentes

A Dirección Xeral de Enerxía e Minas será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións, e correspóndelle ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria ditar a resolución da concesión.

Artigo 9. Instrución do procedemento

1. De acordo co establecido no artigo 71.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a instrución das solicitudes efectuarase seguindo a orde correlativa de entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación, sempre que exista consignación orzamentaria.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase ao interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, terase por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

3. Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 6.3 resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, ou no suposto de que sexa necesario achegar calquera outra documentación, logo de aplicarse o disposto na liña d) do artigo 53 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse ao solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 10. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse a través da aplicación informática, desde https://appsdxem.xunta.gal/renovetella. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo que conste na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 12. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia o órgano instrutor formulará a proposta de resolución, que se elevará ao conselleiro.

2. O conselleiro, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, canto menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía, ou, se é o caso, a causa de denegación.

3. En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que vai desenvolver a persoa beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable establecida nestas bases.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de tres meses, que se contará a partir do seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 13. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo V destas bases reguladoras, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94. da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 14. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Artigo 15. Modificación da resolución

1. Toda alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, tal e como se establece no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Ademais, a Consellería de Economía, Emprego e Industria poderá rectificar de oficio a resolución cando exista un erro material, de feito ou aritmético, tal e como se recolle o artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba el Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Poderase acordar a modificación da resolución de concesión, por instancia da persoa beneficiaria, sempre que estea presente a solicitude de modificación con anterioridade á data de finalización do prazo de xustificación do investimento obxecto da subvención, e se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.

3. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria logo da instrución do correspondente expediente, no que se lle dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 9.

Artigo 16. Obrigas das persoas beneficiarias

a) Executar as actuacións que fundamenten a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización das actuacións e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o goce da subvención.

c) Obter todos os permisos e licenzas que se requiran para o desenvolvemento dos traballos obxecto da axuda, así como cumprir cos requisitos establecidos nas normativas de aplicación, especificamente as relativas á marcaxe CE e á colocación.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que serán efectuadas polo órgano concedente, así como a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Dispoñer dos documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación de fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) En cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, no caso da promoción ou difusión pública que as persoas beneficiarias realicen da actuación subvencionada por calquera soporte, deberá constar o cofinanciamento con fondos da Xunta de Galicia a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que se efectuará incorporando de forma visible o símbolo e logotipo da Xunta de Galicia.

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) Se é o caso, non disolver a comunidade de propietarios ata que transcorra o prazo de prescrición establecido nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

k) En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo gobernó, a que se atopen vinculadas, logo de requerimento, toda a información necesaria para ao cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 17. Xustificación da subvención

1. Para cobrar a subvención concedida, a persoa beneficiaria deberá presentar nos lugares sinalados no artigo 2 da convocatoria, tendo de prazo máximo ata o 1 de decembro de 2017 (inclusive), a documentación sinalada nas seguintes epígrafes, en orixinal ou copia compulsada, non sendo necesario esgotar o prazo máximo.

2. A documentación que hai que presentar como xustificación da realización das actuacións obxecto da subvención será a que se indica a continuación.

a) Declaración expresa por parte da persoa beneficiaria de que o proxecto foi executado conforme o indicado na solicitude. De existir modificacións no proxecto, achegarase un informe técnico ou documento cos datos e incidencias máis significativas ocorridas durante a execución.

b) Documentación xustificativa do gasto:

• Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e data de pagamento, indicando, se é o caso, as desviacións acaecidas sobre o orzamento subvencionado (anexo VI).

• As facturas, ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior, emitidas polos provedores en relación coa actuación subvencionada, incluíndo a descrición das operacións.

As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación (BOE nº 289, do 1 de decembro). Os gastos subvencionables deberán de figurar de forma separada nos conceptos das facturas, xunto cos correspondentes importes unitarios.

c) Documentación xustificativa do pagamento:

• Para cada un dos documentos xustificativos de gasto: transferencias bancarias, certificacións bancarias ou extractos bancarios, nos que deberán estar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, así como o documento xustificativo de gasto obxecto do dito pagamento. O emisor do pagamento deberá ser a persoa beneficiaria da subvención.

• Non se admitirán como xustificantes os documentos acreditativos de pagamentos en metálico nin os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade.

d) Acreditación da calidade comercial da tella cerámica utilizada mediante certificado do produtor.

e) Certificación de fin de obra expedida polo técnico responsable no caso de que fose preceptivo.

f) Certificación por técnico competente de que se cumpren ou melloran as exixencias mínimas que fixa o Código técnico da edificación no documento «DB HE-1 Limitación da demanda enerxética», agás das levadas a cabo para o exclusivo mantemento do inmoble para as que se exixirá a acreditación da mellora da eficiencia enerxética.

g) Reportaxe fotográfica coas mesmas imaxes que as presentadas coa solicitude logo da renovación realizada.

h) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para as mesmas actuacións subvencionadas, tanto as aprobadas ou concedidas, como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais (anexo VII).

i) Certificacións expedidas polos organismos competentes, acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, no caso de que o solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio estas certificacións.

3. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen que a persoa beneficiaria presentase a documentación solicitada, a Consellería de Economía, Emprego e Industria requirirá a persoa beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste punto non eximirá a persoa beneficiaria das sancións que conforme a lei correspondan.

4. Os órganos competentes da Consellería de Economía, Emprego e Industria poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. No caso de que non fosen remitidos pola persoa beneficiaria dentro do prazo que se sinale, poderá entenderse que renuncia á subvención.

Artigo 18. Pagamento

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento das actuacións subvencionadas.

2. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución da concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto. No caso de concorrer con outras axudas, aplicarase o disposto no artigo 3.4 respecto ás intensidades máximas de axuda.

Artigo 19. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativas aplicables, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. Conforme o disposto no artigo 36.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os membros da comunidade de propietarios responderán solidariamente da obriga de reintegro en proporción ás súas respectivas participacións.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases reguladoras seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Conforme o disposto no artigo 68.1 da Lei 9/2007, os membros da comunidade de propietarios responderán solidariamente da sanción pecuniaria en proporción ás súas respectivas participacións.

Artigo 20. Control

1. A Consellería de Economía, Emprego e Industria poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, se é o caso, dos servizos da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 21. Publicidade.

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, persoa beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Malia o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Artigo 22. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións Administrativas coa Cidadanía» e Entidades cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Economía, Emprego e Industria, Secretaría Xeral Técnica. San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.gal.

Artigo 23. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases observarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e demais normativa de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file