Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Mércores, 12 de xullo de 2017 Páx. 33685

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 3 de xullo de 2017 pola que se determinan as bases reguladoras e se convocan prazas de persoas colaboradoras bolseiras para as residencias xuvenís dependentes da Consellería de Política Social para o curso 2017/18.

BDNS (identif.): 354454.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán solicitar as bolsas para residencia todas as persoas físicas que reúnan os seguintes requisitos:

1. Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea, ou ser estranxeiro/a residente en España no momento da solicitude de praza.

2. Ter unha idade mínima de 18 anos e menos de 30 en 31 de decembro do ano en curso.

3. Estar cursando estudos universitarios nunha facultade ou escola universitaria, estudos superiores en ensinanzas artísticas ou ciclo formativo de grao superior, que admitan polo seu contido e saídas profesionais a formación e a práctica a través de calquera das tarefas que se poden desenvolver nunha residencia xuvenil.

4. Non ter perdido con anterioridade a condición de colaborador/a por causa imputable á persoa solicitante.

5. Non padecer defecto físico ou psíquico que impida o desenvolvemento normal da actividade no centro.

6. Ter unha renda media familiar que non supere o 150 % do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) do ano en curso.

Segundo. Obxecto

O obxecto é convocar, en réxime de concorrencia competitiva, esta oferta de prazas para persoas colaboradoras bolseiras nas residencias xuvenís dependentes da Consellería de Política Social para o curso académico 2017/18 e establecer as bases para a súa concesión.

O número de prazas convocadas e a súa distribución por residencias é a seguinte:

Cidade

Residencia

Prazas

Lugo

Centro Residencial Xuvenil LUG

4 Home/muller

Ourense

Florentino L. Cuevillas

5 Home/muller

Vigo

Altamar

6 Home/muller

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 3 de xullo de 2017 pola que se determinan as bases reguladoras e se convocan prazas de persoas colaboradoras bolseiras para as residencias xuvenís dependentes da Consellería de Política Social para o curso 2017/18.

Cuarto. Financiamento

As actuacións recollidas nesta orde constitúen unha subvención en especie, regulada na disposición adicional terceira da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 3.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da lei, que se financiará con cargo aos gastos correntes da Consellería de Política Social.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Sexto. Outros datos

Coa realización desta convocatoria preténdese favorecer o acceso ao ensino universitario, aos estudos superiores en ensinanzas artísticas ou ciclos formativos de grao superior dos/das estudantes con escasos recursos e, ao mesmo tempo, dotar de persoal de apoio no eido educativo e asistencial as residencias xuvenís que se relacionan nesta orde.

Neste marco xeral hai que incardinar esta orde, que ten por obxecto establecer as bases reguladoras do procedemento de adxudicación de prazas e bolsas a persoas colaboradoras para as residencias xuvenís dependentes da Consellería de Política Social e proceder á súa convocatoria, de conformidade co establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, tendo en conta as posteriores modificacións, en relación co Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; na Lei 1/2017, do 8 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, e na normativa de desenvolvemento, na cal se establecen os requisitos e as normas necesarias e básicas para a xestión e actividade económico-financeira, normativa á cal, en consecuencia, se adaptará esta orde, tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2017

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social