Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Xoves, 13 de xullo de 2017 Páx. 33810

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 23 de xuño de 2017, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento de inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, da fábrica de electricidade da Ponte Nova sita na parroquia de Betanzos no concello de Betanzos.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución e a teor do disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. En exercicio desta, aprobouse a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia que, primeiramente, no seu artigo 8.1, clasificación dos bens do patrimonio cultural de Galicia, establece que os bens do patrimonio cultural poderán ser declarados de interese cultural ou catalogados e, a continuación, no parágrafo 3, define os bens catalogados como aqueles bens e manifestacións inmateriais, non declarados de interese cultural, que polo seu notable valor cultural sexan incluídos no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia.

Segundo o artigo 103.1 do capítulo V da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG), o patrimonio industrial está integrado polos bens mobles e inmobles e os territorios e paisaxes asociados que constitúen testemuños significativos da evolución das actividades técnicas, extractivas, tecnolóxicas, da enxeñaría, produtivas e de transformación cunha finalidade de explotación industrial, nos que se recoñeza a súa influencia cultural sobre o territorio e a sociedade e que manifesten de forma significativa e característica valor industrial e técnico; ademais, o artigo 103.2 menciona que o patrimonio industrial forma parte do patrimonio cultural de Galicia e os bens que o integran son expoñentes característicos da historia social, técnica e económica de Galicia.

Por outra parte, o artigo 104.1 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, manifesta que concorre un significativo valor industrial, entre outros, nas instalacións, lugares e paisaxes que constitúan expresión e testemuño dos avances da técnica e dos sistemas de produción das actividades extractivas e de explotación dos recursos naturais; nas fábricas e instalacións destinadas á transformación de produtos agrícolas, forestais ou da pesca e nos conxuntos de vivendas e equipamentos sociais asociados ás actividades produtivas; sempre que sexan anteriores a 1936.

Así mesmo, no parágrafo segundo do citado artigo, establece que se presumirá que presentan valor industrial, para a súa consideración como patrimonio industrial, os bens mobles como a maquinaria, ferramentas, instrumentos e calquera outra peza ou mobiliario utilizado ou vinculado ás actividades tecnolóxicas, de produción e transformación, fabrís ou da enxeñaría, relacionados coas obras e instalacións anteriores.

O 20.2.2017 o Concello de Betanzos solicitou á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural a inclusión da denominada «antiga fábrica da luz da Ponte Nova», no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia. Posteriormente, a Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural requiriu ao Concello de Betanzos a ampliación da documentación presentada, circunstancia que se levou a cabo o 7.4.2017. Con toda esta documentación, os servizos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural informaron que, aínda que as primeiras fábricas de electricidade de Galicia foron instalacións moi singulares e únicas, e que a súa valoración –como a do resto do patrimonio industrial– non tivo un gran desenvolvemento ata o momento, algunhas xa forman parte do Catálogo do patrimonio cultural de Galicia coa denominación de «fábrica da luz». Caso das existentes na cidade de Lugo; na parroquia de Santa Cruz de Lesón no concello da Pobra do Caramiñal ou na Casa das Máquinas, sita na rúa Galeras de Santiago de Compostela, proxectada por outro dos arquitectos máis sobresaíntes de principios do século XX, Jesús López de Rego. Ademais doutros numerosos exemplos de centrais hidroeléctricas, pero que non teñen a singularidade da produción non hidráulica da de Betanzos, xa que practicamente non queda en pé ningunha outra das primeiras centrais eléctricas de vapor de Galicia. No que respecta aos serradoiros de madeira, é unha tipoloxía moi pouco representada no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, aínda así, hai exemplos como o de Maceira, no concello de Covelo, ou de Tal, en Muros.

Desde o punto de vista da relevancia cultural, este ben considérase que o seu compoñente de autenticidade se ve reflectida principalmente polo feito de que esta fábrica de electricidade é testemuño significativo da introdución da electricidade en Galicia, xa que foi unha das primeiras instalacións deste tipo que se implantaron nas cidades galegas e das que apenas quedan exemplos. Así mesmo, a calidade do deseño, tanto do primeiro volume coma do engadido da fábrica de electricidade, fai que esteamos ante unha obra significativa da primeira arquitectura industrial galega, avalada pola suposta autoría dun dos arquitectos máis representativos da arquitectura galega dos primeiros anos do século XX: Rafael González Villar. A singularidade deste ben vese reforzada polo lugar no que se situou, que ocupou unha xunqueira na beira da ría de Betanzos, a carón da Ponte Nova de acceso á cidade medieval. Porén, a integridade do ben está seriamente ameazada polo seu estado de abandono, polo que se deberían adoptar medidas oportunas para garantir a súa conservación, comezando pola súa protección.

Polo tanto, en virtude do manifestado e da memoria achegada polos servizos técnicos desta Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, no que se manifesta o interese histórico e a súa inclusión no Catálogo do patrimonio Cultural de Galicia, e polo que, no exercicio da competencia que me atribúe o artigo 13 do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e, en virtude do disposto no artigo 28 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia

RESOLVO:

Primeiro. Incoar o procedemento para incluír no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia como ben inmoble coa categoría de monumento, a antiga fábrica de electricidade da Ponte Nova, sita no número 1 da avenida da Coruña, na parroquia de Betanzos no concello de Betanzos (A Coruña), segundo a descrición do ben que consta no anexo I; o réxime de protección recollido no anexo II; a delimitación gráfica contida no anexo III e, por último, as fotografías deste inmoble contidas no anexo IV.

Segundo. Ordenar a anotación preventiva no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia e aplicar, de forma provisional, o réxime de protección previsto para os bens catalogados mentres se tramite o expediente, que se deberá resolver no prazo máximo de dezaoito meses a partir da data desta resolución. Tras transcorrer ese prazo sen que se emitise resolución expresa, producirase a caducidade do procedemento.

Terceiro. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e abrir un período de información pública por un prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación para que calquera persoa física ou xurídica poida achegar as alegacións e informacións que xulgue oportunas. O expediente poderá examinarse na Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural (Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Edificio Administrativo San Caetano, bloque 3, 2º andar, de Santiago de Compostela), ou no servizo de Patrimonio Cultural da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria na Coruña (rúa Vicente Ferrer, 2, 15071 A Coruña).

Cuarto. Notificar esta resolución ás persoas interesadas e ao concello de Betanzos.

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2017

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO I
Descrición do ben

1. Descrición.

1.1. Denominación.

Fábrica de electricidade da Ponte Nova, tamén coñecida como «fábrica da luz».

1.2. Localización.

Provincia: A Coruña.

Concello: Betanzos.

Parroquia: Betanzos.

Lugar: cidade de Betanzos.

Topónimo menor: Xuncais de Cortadores, predio da Pesqueira.

Enderezo: avenida da Coruña, núm. 1.

Referencia catastral: 3625614NH6932N.

Coordenadas xeográficas UTM (ETRS 89 e fuso 29): 563748, 4792469.

1.3. Uso.

Función actual: abandonado, aínda que hai un centro de transformación eléctrico na planta baixa da fábrica de electricidade.

Uso orixinal: o edificio principal acolleu a primeira fábrica de electricidade Betanzos e o seguinte edificio en tamaño acolleu un serradoiro de madeira.

Cambios no uso: a principios de século deixouse de xerar electricidade nestas instalacións e empregouse como «subcentral» eléctrica, oficinas, almacén, muíños de fariña, venda de aceites e gasolina e outros.

1.4. Datos da propiedade e ocupación.

Propiedade do inmoble: privada.

Ocupación do inmoble: desocupado.

1.5. Descrición das características.

A fábrica de electricidade atópase na beira oeste do río Mendo, que delimita o conxunto histórico de Betanzos e linda coa Ponte Nova, na saída da cidade cara á Coruña. Ao norte, separados pola estrada nacional, están o parque Pablo Iglesias e diversos equipamentos docentes, ocupando os terreos gañados á ría durante a construción da liña de ferrocarril que vai a Ferrol. Ao oeste, separado por unha rúa de recente apertura, edificouse un edificio de vivendas e, tras del, hai unha nave industrial, a casa da Rega e outros equipamentos docentes. O sur e suroeste están ocupados por naves industriais e de almacenamento.

Na actualidade, este ben está composto por catro edificacións independentes asentadas sobre a mesma propiedade: a fábrica de electricidade na parte norte da parcela, o serradoiro no suroeste e un pequeno edificio e un depósito situados entre os anteriores. Así mesmo, existen outras construcións e instalacións auxiliares.

A fábrica de electricidade está composta por dous volumes apegados, o primeiro, construído polo enxeñeiro López-Cortón en 1895, é unha nave disposta en paralelo á avenida da Coruña. Nos planos do proxecto deste edificio consta un corpo semioctogonal apegado no extremo oeste da súa fachada norte e unha cheminea de ladrillo, hoxe desaparecida, na parte leste do seu alzado sur que seguramente servía á máquina de vapor que xeraba a electricidade inicialmente, ata que se substituíu pola forza hidroeléctrica a comezos do século XX.

Este volume está sustentado por unha estrutura de madeira (piares e tesoiras de cuberta transversais) e está pechado por un cerramento vertical de barrotiño, revestido con morteiro de xeso ou cal, e fiestras de grandes dimensións con carpintaría de madeira, colocados alternativamente en cada tramo estrutural, deixando vista á cara exterior dos piares, que marcan o ritmo da fachada principal. O pavimento é unha soleira de formigón. A cuberta, de tella plana, voa sobre as fachadas e os pinches dos lados leste e oeste resólvense con sendas reixas de listóns de madeira. Os elementos de madeira están pintados da característica cor verde, contrastando co resto paramentos, de cor branca. Aínda se conservan as luminarias orixinais baixo o beiril da cuberta. Todo isto confírelle ao volume unha singular estética industrial que contrasta cos materiais e coas técnicas construtivas tradicionais empregados e, como veremos, co estilo do seguinte volume.

O segundo volume da fábrica de electricidade –atribuído ao arquitecto Rafael González Villar e construído na década de 1910– diferenciase sensiblemente do anterior e está formado por dous corpos, un de planta baixa e cuberta a unha auga, apegado á fachada leste do primeiro volume, e outro corpo de dúas plantas, situado ao norte do anterior, que ocupa a parte da parcela máis próxima á Ponte Nova, que acollía as oficinas. O solo da planta baixa é de baldosas cerámicas, o da planta alta é de madeira, igual que o falso teito. Os muros portantes das fachadas son de tixolo macizo, revestidos con morteiro e conteñen dous ocos profusamente decorados por tramo. A fachada norte da planta alta deste volume resólvese cun grande oco singular tripartito conformando un arco rebaixado, que é o elemento máis salientable deste volume. A parte superior da planta alta está recuberta de azulexos cerámicos de cor branca, a mesma cor que se emprega no resto de paramentos, contrastando coa cor verde das carpintarías de madeira e dos pequenos peitorís metálicos dos ocos. A cuberta do corpo alto voa sobre as fachadas e resólvese con tella plana, a do corpo baixo é de fibrocemento. A estrutura horizontal do piso, da cuberta e da escaleira é de madeira, os materiais e as técnicas construtivas empregadas son tradicionais e o volume é moi sinxelo formalmente; no entanto, á fachada outórgaselle un tratamento que estilisticamente ten influencias modernistas na configuración do seu oco principal e nos elementos decorativos que adornan as fachadas.

Na fachada sur do edificio hai varios engadidos de distinto tipo: un pequeno volume que prolonga a cuberta do edificio principal, restos dunha estrutura de formigón de soporte dun depósito ou similar e unha torre metálica de grande altura que soporta antenas.

A nave que ocupaba o serradoiro atópase apegada ás naves industriais localizadas ao oeste da parcela. A altura é de 7 m e a estrutura portante é de piares de formigón armado de forma trapezoidal e tesoiras de madeira. O cerramento actual é, na parte inferior, de fábrica de bloque de formigón e, na parte superior, de táboas de madeira colocadas en vertical e separadas entre si para permitir a ventilación. A cuberta, a dúas augas, sobresae das fachadas e actualmente é de fibrocemento. O pavimento é de terra compactada. Na esquina noroeste da nave hai unha torre metálica –que atravesa a cuberta– de soporte dunha liña eléctrica.

O pequeno edificio de planta baixa, situado entre os anteriores na parte oeste da parcela, posúe muros de tixolo oco, con pilastras de reforzo e revestimento de morteiro de cemento, estrutura de madeira, dous ocos con arcos rebaixados en cada unha das fachadas laterais e un portón de acceso, tamén resolto cun arco rebaixado, na fachada oeste. O interior conta cunha lareira, tamén de tixolo oco. O depósito cilíndrico de formigón armado está apoiado nunha base cadrada de pequena altura. Consta que había outra edificación a carón do depósito, hoxe desaparecida.

Por último, tamén cómpre describir o piar illado localizado na esquina noroeste da parcela e a parte do muro de peche orixinal, e o embarcadoiro de pedra, formado por muros, ramplas e escaleiras de pedra, no límite da parcela co río Mendo.

1.6. Datos históricos.

Datación cronolóxica do ben: o primeiro volume da fábrica de electricidade constrúese no ano 1895 e o segundo na década de 1910. A finais do século XIX, tamén se construíu o serradoiro, porén, segundo as fotografías antigas, este ocupaba unha posición máis próxima ao anterior edificio, descoñecéndose a data de construción do actual, como tamén se descoñece a data dos outros edificios auxiliares.

Autoría do ben: non se puido acreditar quen foi o autor dos proxectos dos edificios. Pola estética industrial do primeiro volume da fábrica de electricidade, este podería atribuírse ao propio enxeñeiro López-Cortón. Varios autores atribúen a autoría do segundo volume da fábrica ao arquitecto Rafael González Villar.

Adscrición cultural, período histórico ou estilo artístico: hai unha mestura de estilos, xa que cada volume responde a unha estética particular, así a nave da fábrica de electricidade ten unha estética industrial, o engadido administrativo responde a un estilo ecléctico-modernista e o resto de edificios teñen un carácter tradicional ou popular.

Referencia ás persoas ou organizacións asociadas coa historia do ben: neste edificio estivo a sede das industrias da familia Núñez, unha das máis representativas da historia empresarial da provincia da Coruña de principios do século XX. Así mesmo, o seu promotor, o enxeñeiro José López-Cortón Viqueira, estivo vinculado con outros proxectos de modernización na Galicia de principios do século XX, como o tranvía da Coruña.

1.7. Estado de conservación.

O estado de abandono e a falta de mantemento das construcións provocaron a súa deterioración, así, parte da cuberta da nave da fábrica de electricidade está derrubada, o beiril oeste está apuntalado, desprendeuse parte do recubrimento do cerramento de barrotiño, as carpintarías requiren un mantemento severo, hai fendas nos muros de peche, etc.

Ante o estado deficiente de conservación descrito, hai un risco evidente de que o ben continúe degradándose, especialmente a cuberta da nave da fábrica de electricidade.

ANEXO II
Réxime de protección

1. Réxime de protección.

1.1. Clasificación e categoría:

Natureza: ben material inmoble.

Categoría: monumento.

Bens culturais específicos: patrimonio industrial.

1.2. Nivel de protección:

Edificio da fábrica de electricidade: nivel de protección integral, que garanta a conservación de todos os seus elementos.

Serradoiro, pequeno edificio intermedio, embarcadoiro, piar e muro descritos: nivel de protección estrutural, que garanta a conservación dos elementos máis significativos.

1.3. Uso do ben:

O actual estado de abandono e desuso destas construcións considérase prexudicial para a súa protección. Os usos principais deste ben, fábrica de electricidade e serradoiro de madeira, son un tipo de actividades que evolucionaron sensiblemente, transformándose na actualidade nun proceso industrial tecnificado con difícil cabida nas edificacións da Ponte Nova. Polo tanto, e agás que se opte por revivir o seu uso orixinal con fins educativos ou artesanais, será inevitable o cambio de uso. Considérase que o uso proposto deberá ser compatible co mantemento de todos os elementos característicos do complexo e adaptarse ás súas características, para o que sería recomendable que o uso proposto permita o acceso público ás instalacións. No momento oportuno valorarase a proposta de uso, sen que se prohiba ningún a priori.

A ordenación urbanística vixente non é compatible co mantemento e protección do ben, polo que se propón a modificación da ordenación da parcela, que debe ser respectuosa coa protección cultural do ben e co seu mantemento.

1.4. Actuacións sobre o ben:

– Intervencións prioritarias: é urxente a consolidación da estrutura da cuberta e dos cerramentos do edificio da fábrica de electricidade.

– Establecemento de previsións anteriores ás intervencións: considérase oportuno redactar, previamente a calquera intervención sobre o ben (agás as obras prioritarias descritas e as de conservación e mantemento), un plan ou proxecto integral de conservación, segundo o previsto no artigo 90 da LPCG.

– Actuacións autorizables segundo o nivel de protección: as previstas no artigo 42 da LPCG.

– Criterios das intervencións: os establecidos no artigo 44 da LPCG para os bens catalogados, no artigo 89 da LPCG para o patrimonio arquitectónico e no artigo 105 da LPCG para o patrimonio industrial. Ademais, cómpre concretar que a posición singular deste ben, nos límites do conxunto histórico da cidade medieval de Betanzos, ao ocupar un espazo natural gañado ao mar, na beira do río Mendo e a singularidade do uso e da arquitectura da fábrica de electricidade, aconsellan impedir as posibles ampliacións en planta da dita fábrica e, no caso de que sexan imprescindibles, deberanse implantar na parte suroeste da parcela. Deben descartarse as ampliacións en altura das construcións con valores.

Tamén cómpre eliminar o peche, os engadidos descritos e as torres metálicas, resolver adecuadamente o desfasamento da rasante e adoptar medidas para a mellora ambiental e estética do contorno inmediato (eliminación dos cables aéreos e das conducións vistas, tratamento das medianeiras, mellora da urbanización, etc.).

– Determinación detallada dos elementos construtivos que se van protexer: no edificio da fábrica de electricidade consideraranse protexidos todos os elementos estruturais, a cubrición, os cerramentos verticais, os ocos exteriores (incluíndo a carpintaría e a rexaría), os acabados exteriores (revestimentos decorativos exteriores) e os elementos singulares como as lámpadas de iluminación. No edificio do serradoiro consideraranse protexidos todos os elementos estruturais. No edificio intermedio consideraranse protexidos todos os elementos estruturais, a cubrición, os cerramentos verticais, os ocos exteriores e os elementos decorativos exteriores.

– Condicións para o tratamento dos elementos de fachada dos bens (artigo 196 do RLSG): non se considera admisible a instalación de rótulos de carácter comercial ou similar, pero si as obras de reforma parcial para eliminar as barreiras arquitectónicas.

1.5. Regulación das actuacións sobre o contorno de protección do ben:

Réxime das intervencións no contorno de protección: o establecido no artigo 45 da LPCG para os contornos de protección.

ANEXO III
Delimitación e contorno de protección

1. Delimitacións.

– Xustificación do trazado da delimitación do ben: a delimitación do ben axústase á realidade da parcela física na que se sitúa, que coincide coa parcela catastral, agás que esta última inclúa o tramo de nova rúa ao noroeste e uns terreos ao sueste, fóra do peche sur da parcela, os cales se exclúen da delimitación. A superficie do ben delimitada é de 7.880 m2.

– Xustificación do trazado da delimitación do contorno de protección do ben: en primeiro lugar cómpre indicar que para esta delimitación se toman como referencias os límites físicos (ríos e canles), as vías e infraestruturas públicas (rúas e vía do ferrocarril) e os ámbitos do planeamento vixente, axustándose principalmente á cartografía catastral. Así mesmo, simultaneamente a esta delimitación, estase traballando na da casa da Rega e na da fábrica da Madalena que, en parte, se solapan con esta. Tamén cómpre indicar que ao leste do ben se atopa o conxunto histórico da cidade de Betanzos e a súa zona de respecto, declarados e delimitados polo Decreto 3850/1970, polo que o contorno de protección da fábrica de electricidade se axusta ao contorno da «zona de protección» xa delimitado polo Plan especial de protección do conxunto histórico de Betanzos. Polo norte, este abrangue os terreos de recheo, tomando como límite a vía do ferrocarril e a antiga canle ao oeste do Grupo Martín Ballesteros, incluíndo as parcelas máis próximas da avenida da Coruña. Polo oeste e polo sur, considerouse oportuno axustarse á bolsa de solo rústico apto para urbanizar SAUR1, que delimitaron as vixentes Normas subsidiarias de planeamento urbanístico de Betanzos, aprobadas o 27.6.1996. A superficie delimitada deste contorno de protección é de 160.137 m2.

Plano de delimitación do ben e do seu contorno de protección sobre a cartografía catastral.

missing image file

ANEXO IV
Imaxes

missing image file