Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Venres, 14 de xullo de 2017 Páx. 34176

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 7 de xullo de 2017 polo que se someten ao trámite de información pública os estudos de ordenación da delimitación de treitos urbanos de solo de núcleo rural na Rede autonómica de estradas de Galicia dos seguintes concellos da provincia de Pontevedra: Baiona, Cerdedo, A Estrada, Fornelos de Montes, Marín e Valga.

Con data do 6 de xullo de 2017, mediante resolución da Axencia Galega de Infraestruturas, aprobáronse provisionalmente os estudos de ordenación da delimitación dos treitos urbanos arriba mencionados. Estes estudos teñen por obxecto a identificación e recoñecemento dos treitos urbanos nos solos clasificados como solo de núcleo rural, que forman parte da Rede autonómica de estradas de Galicia, para aplicarlles o réxime especial de protección do dominio público viario que se prevé para eles nos artigos 23.3 e 38.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia. Este réxime especial consiste fundamentalmente en que a ordenación detallada das marxes da estrada, para construcións, instalacións ou edificacións nos treitos urbanos, regularase só mediante o correspondente instrumento de planeamento urbanístico.

Simultaneamente co anterior e para unha correcta ordenación das marxes da estrada, é preciso adaptar a normativa urbanística ás prescricións introducidas polo artigo 135 do Decreto 66/2016, do 26 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de estradas de Galicia, que regula a posición e tipoloxía de peches permitidos nas marxes das estradas autonómicas.

Por todo isto, de conformidade co disposto no artigo 63 do Decreto 66/2016 antes mencionado, sométense a información pública os estudos de ordenación da delimitación de treitos urbanos de solo de núcleo rural na Rede autonómica de estradas de Galicia dos seguintes concellos da provincia de Pontevedra: Baiona (GA/17/047.09.4.1), Cerdedo (GA/17/047.09.4.2), A Estrada (GA/17/047.09.4.3), Fornelos de Montes (GA/17/047.09.4.4), Marín (GA/17/047.09.4.5) e Valga (GA/17/047.09.4.6).

Simultaneamente e para incorporar na normativa urbanística a ordenación dos peches nos treitos anteriores, os documentos sométense tamén a información pública para os efectos do artigo 23.1 da Lei 8/2013, antes mencionada, que establece que os estudos e proxectos sometidos ao trámite de información pública en materia de estradas e informe das administracións afectadas, unha vez aprobados definitivamente, teñen a consideración de proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal e terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente.

A duración da información pública será de trinta días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, período en que os estudos poderán ser examinados polas persoas que o desexen, co obxecto de formularen as alegacións que consideren oportunas, que deberán versar sobre a xustificación do establecemento da liña límite de edificación na forma proposta no expediente, así como dos usos permitidos entre a estrada e a liña límite de edificación.

A exposición ao público, para os efectos do presente anuncio, realízase na Axencia Galega de Infraestruturas (San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela) e nas respectivas casas dos concellos antes relacionados. Así mesmo, na páxina web da Consellería de Infraestruturas e Vivenda (http://civ.xunta.gal/seccion-organizacion/c/CIV_Axencia_Galega_de_Infraestruturas) atópase á disposición dos interesados o documento completo de cada un dos estudos referenciados.

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2017

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas