Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Luns, 17 de xullo de 2017 Páx. 34297

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 4 de xullo de 2017 pola que se regulan as bases que rexerán a concesión de axudas económicas para a creación de escolas infantís 0-3 en polígonos industriais e parques empresariais, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2017 e 2018.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece, no seu artigo 3, os obxectivos do sistema galego de servizos sociais, incluíndo entre estes o de proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, así como o de garantir o apoio ás familias como marco de referencia no que se desenvolven as persoas.

Así mesmo, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, recoñece no seu artigo 6 como un dos principios de responsabilidade pública o de atender, apoiar e protexer as familias como núcleo fundamental da sociedade no cumprimento das súas funcións.

De conformidade co Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, atribúese á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica o exercicio das políticas públicas de apoio á familia e á infancia, así como a promoción e adopción das medidas de conciliación que garantan un ambiente favorable para o libre desenvolvemento das familias. No marco das ditas políticas, a Xunta de Galicia considera unha prioridade investir na educación infantil para que sexa accesible e de calidade pois non só mellora os resultados educativos posteriores dos nenos e nenas, senón que tamén facilita a conciliación da vida persoal, familiar e laboral e a participación feminina no mercado de traballo contribuíndo á consecución de tres dos obxectivos principais da Estratexia Europa 2020: reducir o abandono escolar prematuro por baixo do 10 %, acadar unha taxa de emprego do 75 % das persoas de 20 a 64 anos e sacar a 20 millóns de persoas da pobreza.

Deste xeito, a mellora e ampliación dos recursos de atención educativa 0-3 anos postos á disposición das familias galegas é unha das actuacións clave do Programa de apoio á natalidade (PAN), un programa posto en marcha pola Administración autonómica co obxectivo de dar unha resposta global ás necesidades das nais e dos pais galegos de forma que se garanta o benestar das familias e estas sexan apoiadas dun xeito integral e continuo.

As políticas de conciliación son, como sinalou a Comisión Europea (Eurofound, 2010, pp. 6), a resposta clave aos retos económicos e demográficos a longo prazo e, neste sentido, teñen un impacto significativo na mellora da calidade de vida e de traballo das persoas, no aumento da produtividade das empresas e na igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

As medidas de conciliación levan, ademais, asociadas vantaxes que contribúen á mellora do clima laboral e ao incremento da rendibilidade das empresas, pois axudan entre outras cuestións a diminuír o absentismo e a rotación de persoal, sendo un factor de fidelización e de retención do talento.

Neste sentido a Consellería de Política Social proponse avanzar na corresponsabilidade da Administración pública e das empresas no desenvolvemento de medidas de conciliación e fomentar a posta en marcha de escolas infantís en polígonos industriais e parques empresariais, no convencemento de que esta iniciativa pode contribuír a crear contornos laborais máis atractivos e eficientes e a que as e os galegos poidan ter os fillos e fillas que desexen.

Para esta finalidade, proponse iniciar unha actuación conxunta da Administración autonómica e das asociacións empresariais ou entidades representativas dun polígono industrial ou parque empresarial onde, a solicitude destas últimas, a Xunta de Galicia financie parte do gasto derivado da construción dunha escola infantil no recinto dun polígono industrial ou parque empresarial e a asociación empresarial ou entidade representativa se encargue da súa xestión.

En consonancia co anterior, esta orde de convocatoria diríxese a apoiar que as familias poidan ter un lugar para a atención educativa dos seus fillos e fillas menores de tres anos preto do lugar do seu posto de traballo, actuación que contribuirá tanto a que as persoas compatibilicen a súa vida persoal e familiar coa profesional, como a que as empresas melloren a súa posición no mercado a través dunha mellor administración do seu capital humano.

A xestión desta orde realízase por convocatoria pública de axudas baixo o procedemento de concorrencia competitiva, amparado no réxime de axudas de minimis e cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no programa operativo de Galicia 2014-2020, eixe prioritario 10, prioridade de investimento 05, obxectivo específico 01.

Esta orde de convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Así mesmo, enmárcase no programa operativo Feder Galicia para o período 2014-2020, de conformidade co disposto no artigo 125.3 e) do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, e no Regulamento (UE) nº 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013 sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas económicas para a posta en funcionamento de escolas infantís 0-3 en polígonos industriais e parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia e proceder á súa convocatoria para o período 2017/2018 (código BS403D).

Artigo 2. Requisitos das escolas infantís 0-3

As escolas infantís que se poñan en marcha ao abeiro desta orde reunirán os seguintes requisitos:

a) Disporán dun mínimo de 3 unidades con 41 prazas.

b) Adaptaranse ao establecido no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia e no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, no Decreto 192/2015, do 29 de outubro, polo que se define a carteira de servizos sociais de familia, infancia e adolescencia, así como, de ser o caso, na normativa de desenvolvemento, sen prexuízo do cumprimento da normativa sectorial que sexa de aplicación.

c) A parcela onde se localicen estará separada da actividade industrial, preferentemente nunha zona axardinada que protexa o edificio das condicións exteriores, e non estará acaroada a naves ou establecementos susceptibles de actividades perigosas.

d) A parcela e o patio de xogos estarán cercados e protexidos ata unha altura mínima de 1,50 m.

e) Os elementos de xogo do patio cumprirán os requisitos establecidos no Decreto 245/2003, do 24 de abril, polo que se establecen as normas de seguridade nos parques infantís.

f) O inmoble contará coas medidas correctoras precisas de protección contra o tráfico, ruído, contaminación e outras actividades molestas ou prexudiciais.

Artigo 3. Financiamento

1. Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total dun millón catrocentos mil euros (1.400.000 €) que se imputará á aplicación orzamentaria 12.02.312B.781.0 distribuído en dúas anualidades, correspondendo 350.000 € á anualidade 2017 e 1.050.000 € á anualidade 2018.

2. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as asociacións empresariais ou entidades representantes dun parque empresarial ou polígono industrial, a título individual ou agrupadas, que reúnan os seguintes requisitos:

a) Desenvolver a súa actividade no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Dispoñer dunha parcela de terreo apta para o establecemento dunha escola infantil nun polígono industrial ou parque empresarial ou nas súas inmediacións.

c) Achegar un estudo que reflicta que existe un mínimo de 50 nenos/as menores de tres anos potenciais usuarios/as da escola infantil 0-3, incluídos/as os/as non nados/as e en proceso de adopción.

d) Achegar un plan de viabilidade que permita a posta en funcionamento e o mantemento do centro durante un mínimo de 5 anos.

Cando se trate de agrupacións de asociacións empresariais ou entidades representativas dun parque empresarial ou polígono industrial deberán facerse constar expresamente na solicitude os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de entidade beneficiaria. En calquera caso, deberá nomearse unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As entidades solicitantes deberán acreditar mediante declaración responsable que non están incursas en ningunha das causas de prohibición previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, para obter a condición de beneficiarias.

Artigo 5. Permanencia mínima da actividade

O período mínimo de permanencia da actividade da escola infantil 0-3 subvencionada será de 5 anos desde a data do pagamento final da axuda.

Artigo 6. Accións e gastos subvencionables

1. De acordo co disposto no artigo 65.6 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 só serán subvencionables aquelas operacións que non estean totalmente finalizadas no momento da presentación da solicitude de axuda e sexan efectivamente pagadas dentro da anualidade 2017 respecto da cantidade anticipada consonte o previsto no artigo 21, e con anterioridade ao 1 de outubro de 2018 respecto do resto da subvención obtida, relativas ás seguintes actuacións:

a) A realización do proxecto básico e de execución para a construción ou reforma dun inmoble destinado á creación dunha escola infantil 0-3.

b) O acondicionamento da parcela e a construción ou reforma dun inmoble para creación dunha escola infantil 0-3.

c) O equipamento da escola infantil 0-3, incluíndo o mobiliario e o material didáctico e de xogo.

As actuacións sinaladas no apartado c), sempre que sexa pertinente, deberán realizarse aplicando a perspectiva de xénero para asegurar que promoven o benestar equilibrado de nenas e nenos e unha construción da personalidade libre de estereotipos.

2. Non serán en ningún caso subvencionables os xuros debedores nin outros gastos financeiros. Tampouco o imposto sobre o valor engadido (IVE) que sexa recuperable.

3. Os gastos previstos deberán ser especificados na solicitude (anexo I).

Artigo 7. Tipos de axuda e contías

As axudas consistirán nunha subvención de ata o 100 % do custo total do investimento realizado, cun límite máximo global por escola infantil e entidade beneficiaria de 200.000 euros.

Artigo 8. Procedemento e réxime de concesión

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

2. Estas axudas estarán cofinanciadas nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, eixe prioritario 10-Investir en educación, formación e formación profesional para a adquisición de capacidades e unha aprendizaxe permanente, prioridade de investimento 10.05-Investir en educación, formación e formación profesional para a adquisición de capacidades e a aprendizaxe permanente, mediante o desenvolvemento das infraestruturas de educación e formación, obxectivo específico 10.05.01-Mellorar as infraestruturas de educación e formación, actuación 10.5.1.5-Creación de centros de 1º ciclo de educación infantil 0-3 anos en contornos empresariais, e están sometidas ao disposto no Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013 polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello e no Regulamento (UE) nº 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013 sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006, así como ao previsto na Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020. Así mesmo, estas axudas ampáranse no réxime de minimis establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013). Esta circunstancia farase constar expresamente na resolución de concesión. Polo tanto, de recibir a persoa xurídica outras axudas baixo o réxime de minimis deberase garantir que non se supera o límite de 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

Artigo 9. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. De acordo co disposto no artigo 65.11 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, no caso de concorreren no proxecto outras axudas financiadas con fondos EIE ou outros instrumentos da Unión, serán compatibles a condición de que o mesmo concepto de gasto non estea subvencionado por outro instrumento da Unión, nin polo mesmo fondo Feder conforme a un programa operativo distinto.

2. No caso de percibírense outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente á execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

3. En ningún caso o importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutros entes privados, nacionais ou internacionais, supere o custo do investimento.

4. As entidades solicitantes cubrirán o apartado correspondente da solicitude relativo á declaración de todas as axudas e subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade.

Artigo 10. Solicitudes

1. As solicitudes, presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requeriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. De acordo co previsto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

3. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano responsable da tramitación requirirá as entidades interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, teranse por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos previstos no artigo 21 da mesma lei.

4. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45 da indicada Lei 39/2015, do 1 de outubro, os citados requirimentos de emenda faranse a través do portal de Benestar da Consellería de Política Social (http://politicasocial.xunta.gal/). Excepcionalmente, no suposto de existir imposibilidade de realizar a dita publicación, poderase substituír esta por outro medio de notificación, ben individual ou colectiva.

Sen prexuízo do anterior, os requirimentos poderán ser comunicados aos enderezos electrónicos que se indiquen na solicitude. Esta comunicación non afectará ao prazo establecido no punto 3 deste artigo.

Artigo 11. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Acreditación da personalidade e representación da entidade solicitante.

b) Documentación acreditativa da dispoñibilidade dos terreos durante, cando menos, o período mínimo de permanencia da actividade subvencionada.

c) Certificación acreditativa asinada polo representante da entidade solicitante de que no orzamento da entidade existe crédito para cofinanciar a contía correspondente, de propoñerse unha achega orzamentaria propia.

d) Memoria urbanística xustificativa da viabilidade dos investimentos propostos coa situación xurídica, catalogación e permisos dos usos dos terreos.

e) Certificado ou informe municipal sobre as actividades da zona e a súa compatibilidade coa escola infantil 0-3.

f) Estudo que reflicta que existe un mínimo de 50 nenos/as menores de tres anos potenciais usuarios/as da escola infantil 0-3, incluídos/as os/as non nados/as e en proceso de adopción.

g) Plan de viabilidade que permita a posta en funcionamento e o mantemento do centro durante un mínimo de 5 anos.

2. Para o caso de que a asociación empresarial ou entidade representativa dun parque ou polígono industrial presenten solicitude de forma agrupada deberán achegar, ademais:

a) Documento cos compromisos de execución asumidos por cada asociación empresarial ou entidade representativa dun parque ou polígono industrial membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles.

b) Nomeamento e apoderamento da persoa que ostenta a representación única da agrupación.

3. A Consellería de Política Social reservará para si a facultade de solicitar a información complementaria que considere conveniente para a correcta definición, avaliación, seguimento e comprobación da solicitude presentada.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que vai presentar a entidade solicitante de forma electrónica supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a entidade interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

7. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das entidades interesadas unha serie de modelos normalizados para a facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da entidade interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) Certificación de estar ao corrente das obrigas tributarias emitida pola Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT).

c) Certificación de estar ao corrente das obrigas coa Seguridade Social.

d) Certificación de estar ao corrente das obrigas tributarias coa facenda da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Instrución dos procedementos

1. A instrución dos procedementos corresponde á Subdirección Xeral de Demografía e Conciliación, quen realizará as correspondentes propostas de resolución.

2. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aquelas que reúnan todos os requisitos e acheguen a documentación necesaria serán remitidas á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo 14.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación ou, de ser o caso, non a presenten nos modelos normalizados, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase ao arquivo, sen posibilidade de emenda, das solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na convocatoria.

Artigo 14. Comisión de valoración

1. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, unha vez instruídos os expedientes constituirase como órgano colexiado unha comisión de valoración que, de acordo cos criterios de baremación de solicitudes establecidos, realizará a selección e emitirá o correspondente informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada, indicando a puntuación e a axuda aplicable en cada caso.

A comisión rexerase polo establecido na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público e mais na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, no relativo aos órganos colexiados, e estará integrada polos seguintes membros:

a) Presidencia: a persoa titular da Servizo de Conciliación Familiar da Consellería de Política Social ou persoa que a supla.

b) Vogais: a persoa titular do Servizo de Planificación para o Impulso Demográfico e dúas persoas funcionarias por proposta da persoa titular da presidencia.

c) Unha das persoas vogais, por proposta da persoa titular da presidencia, actuará como secretaria.

Se, por calquera causa, algunha das persoas que compoñen a comisión de valoración non puider asistir cando esta se reúna para o exame das solicitudes, será substituída pola/o funcionaria/o designada/o para estes efectos pola persoa que exerza a presidencia.

2. A avaliación realizarase segundo os datos que resulten da documentación presentada coa solicitude ou recabada de oficio polo órgano instrutor. Nos casos de solicitudes con igualdade de puntuación terase en conta, para os efectos de resolver o empate, a puntuación obtida criterio a criterio, seguindo a orde en que figuran relacionados, empezando polo primeiro, ata que se produza o desempate; no caso de esgotarse os criterios e persistir o empate, a preferencia determinarase pola data de presentación da solicitude.

3. Unha vez avaliados os expedientes e determinada a axuda que lle corresponde a cada proxecto, a comisión fixará o limiar mínimo de puntuación necesario para acadar axuda, tendo en conta o crédito orzamentario e os topes xerais establecidos nestas bases, e presentaralle á persoa responsable do departamento a correspondente proposta de adxudicación. Este limiar mínimo será publicado no portal da Consellería de Política Social.

Así mesmo, a comisión emitirá informe no que se concrete o resultado da avaliación efectuada. A Subdirección Xeral de Demografía e Conciliación elevará o informe da comisión xunto coa proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou denegación da subvención solicitada.

4. No caso de existiren solicitudes susceptibles de axuda pero que non se inclúen na proposta anterior por terse esgotado o crédito dispoñible, quedarán en reserva para seren atendidas, ben co crédito que quedase libre ben por non terse enviado a documentación no prazo establecido nos supostos de resolución condicionada ben por producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ou ben por incremento do crédito orzamentario destinado a esta subvención. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución ata a fin do exercicio 2017 conforme o sinalado neste artigo.

Artigo 15. Criterios de valoración

A comisión de valoración examinará as solicitudes presentadas e avaliaraas cun máximo de 120 puntos conforme os seguintes criterios:

a) Número de persoas traballadoras do polígono industrial ou parque empresarial, ata 30 puntos coa seguinte desagregación:

1º. Ata 1.500 traballadores/as: 10 puntos.

2º. Entre 1.500 e 3.000 traballadores/as: 20 puntos.

3º. Máis de 3.000 traballadores/as: 30 puntos.

b) Número de fillos/as menores de tres anos do cadro de persoal das empresas do polígono ou parque empresarial.

1º. Entre 50 e 100: 15 puntos.

2º. Máis de 100: 30 puntos.

c) Adecuación do número de unidades da escola infantil 0-3 proposta ao número de nenos/as potenciais usuarios/as:

1º. Cobertura de ata o 50 %: 2 puntos.

2º. Cobertura entre o 51 % e o 75 %: 5 puntos.

3º. Cobertura entre o 76 % e o 99 %: 8 puntos.

4º. Cobertura do 100 %: 10 puntos.

d) Porcentaxe de traballadores/as menores de 45 anos: outorgarase 5 puntos por cada 10 % de traballadores/as neste suposto, cun máximo de 20 puntos.

e) Orzamento destinado pola entidade solicitante a cofinanciar o proxecto segundo o custo total da obra establecido no artigo 7.1: outorgaranse un máximo de 20 puntos coa seguinte desagregación:

1º. Ata un 25 % do custo total do proxecto: 5 puntos.

2º. Máis dun 25 % e ata o 50 % do custo total do proxecto: 10 puntos.

3º. Máis dun 50 % e ata o 75 % do custo total do proxecto: 15 puntos.

4º. Máis do 75 % do custo total do proxecto: 20 puntos.

f) Presentación dunha solicitude conxunta para a posta en marcha dunha escola infantil que dea cobertura a máis dun parque empresarial ou polígono industrial: 10 puntos.

Artigo 16. Resolución e notificación

1. A resolución dos expedientes de axudas, que será debidamente motivada e se realizará logo da fiscalización da proposta, corresponde á persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, quen resolverá por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social.

Con anterioridade a ditarse a resolución de concesión deberá quedar acreditado que as entidades beneficiarias están ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O prazo para resolver será de cinco meses, que se computará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que recaese resolución expresa, entenderase desestimada.

3. A publicidade das subvencións realizarase segundo dispón a normativa vixente. Na páxina web oficial da Consellería de Política Social publicarase unha relación na que constará a entidade beneficiaria, a contía e a finalidade da axuda, segundo indica o artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

4. A resolución de concesión comprenderá a identificación da entidade beneficiaria, a contía da subvención e as obrigas que corresponden á entidade beneficiaria, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución con indicación do método que se aplica para determinar os custos da operación, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección da operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA). Tamén incluirá a comunicación de que a aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión das entidades beneficiarias na lista de operacións que se publicará co contido previsto no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e establecerá as condicións detalladas para o intercambio electrónico de datos.

5. As notificacións das resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://notifica.xunta.gal). De acordo coa normativa vixente en materia de desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e a hora en que se produza a posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como o acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación entenderase practicada para todos os efectos legais. Sen prexuízo do anterior, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia poderá remitir ás persoas interesadas avisos de posta á disposición das notificacións, mediante correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada.

Se transcorren dez días naturais desde a posta á disposición dunha notificación sen que se accedese ao seu contido, entenderase que esta foi rexeitada, terase por efectuado o trámite e continuarase o procedemento, salvo que de oficio ou por instancia da persoa destinataria se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

Se a notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración practicará a notificación polos medios previstos na normativa vixente en materia de procedemento administrativo.

Artigo 17. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro da presente orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, ben recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a súa notificación, se esta fose expresa, ou de seis meses a partir do día seguinte ao que se produza o acto presunto.

No caso de interpoñer o recurso de reposición, non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se producira a desestimación presunta do dito recurso de reposición interposto.

Artigo 18. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 19. Obrigas das persoas beneficiarias

1. De conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable, as persoas beneficiarias destas axudas están obrigadas a:

a) Executar e acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención e o cumprimento dos requisitos e das condicións desta ante o órgano que a concede, sen prexuízo da facultade da Consellería de Política Social de comprobar a realización material das actuacións.

b) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder e conservar toda a documentación relativa a esta subvención durante un período de tres anos que se contará a partir do 31 de decembro seguinte á presentación destas contas perante a Comisión Europea, data esta que se comunicará á persoa beneficiaria.

c) Ter unha permanencia mínima ininterrompida na actividade e manter as infraestruturas e equipamentos subvencionados destinados ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención por un período non inferior ao establecido no artigo 5 desta orde, tal como recolle o artigo 29.4.a) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013. O incumprimento deste requisito dará lugar á revogación da subvención, co reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora legalmente establecidos desde o momento do pagamento da subvención. Ademais, deberá garantirse a durabilidade dos investimentos financiados con Feder nos termos previstos no artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013.

d) Facer constar, en todo tipo de publicidade e información relativos aos programas e actuacións realizados a condición de subvencionados pola Consellería de Política Social e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional 2014/2020 segundo o establecido no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013 e mais nos artigos 3 a 5 do Regulamento de execución (UE) nº 821/2014 polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

e) Informar o público durante un período non inferior a cinco anos de que a infraestrutura está financiada pola Xunta de Galicia e polo Feder, así como dos obxectivos dos fondos. No lugar de prestación do servizo colocarase nun lugar destacado e visible un cartel informativo dun tamaño mínimo A3 no cal aparezan os anagramas da Xunta de Galicia e do Feder.

f) Efectuar a xustificación para a percepción da axuda conforme o establecido nesta orde.

g) Facilitar toda a información que lles requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

h) Informar sobre o nivel de logro do indicador de produtividade asociados a esta convocatoria de axudas. Este indicador é o seguinte: identificador: C035, nome: capacidade de coidado de nenos ou de infraestruturas de educación subvencionadas, unidade de medida: persoas.

i) Someterse ás actuacións de comprobación e facilitar toda a información requirida pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica e polos servizos de inspección da Consellería de Política Social; polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 72, 73 e 74 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas, e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

j) Comunicarlle á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera ente privado, nacional ou internacional, e non superar as porcentaxes máximas de acumulación establecidas na normativa aplicable.

k) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, estar ao día nas obrigas tributarias estatais e autonómicas e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Cando as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, desen como resultado que a entidade solicitante ou a beneficiaria ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase para que regularice a situación e presente por si mesma os correspondentes certificados.

l) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

m) Comunicar á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica a concesión da autorización de creación/construción do centro, segundo o previsto no Decreto 254/2011, do 23 de decembro.

n) Poñer en funcionamento a escola infantil 0-3 antes do 31 de decembro de 2018 e manter a actividade subvencionada como mínimo 5 anos desde a data do pagamento final da axuda.

ñ) Todas aquelas obrigas e requisitos que se desprendan do articulado desta orde e dos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e da súa normativa de desenvolvemento.

2. As persoas beneficiarias teñen a obriga de subministrar información nos termos previstos no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro.

Artigo 20. Xustificación da subvención

1. Con base no establecido no título III, artigo 48.3, do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e tendo en conta o obxecto e a natureza destas axudas, as persoas beneficiarias deberán xustificar con data límite do 1 de outubro de 2018 as actuacións realizadas, mediante a presentación da solicitude de pagamento (anexo II), acompañada da seguinte documentación:

a) Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e de pagamento.

b) Facturas orixinais (ou documentos de valor probatorio equivalente) do total dos gastos realizados xunto cos xustificantes bancarios que acrediten o seu pagamento: transferencias e certificacións bancarias ou extractos de pagamento onde deberán constar claramente identificados o receptor e emisor do pagamento, o número de factura obxecto do pagamento e a súa data. En todo caso, as facturas correspondentes ao anticipo previsto no artigo 21 deberán estar efectivamente pagadas na anualidade 2017.

c) Acreditación documental, material e/ou gráfica (fotografías, fotocopias, captura de pantallas ...) do cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da acción subvencionada.

d) Declaración de axudas actualizada, na que consten expresamente as axudas de minimis solicitadas ou concedidas nos últimos 3 exercicios fiscais, no suposto de que haxa variacións respecto da declaración de axudas realizada no anexo I da solicitude.

e) Se o importe do gasto subvencionable supera as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, para o contrato menor, a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, 3 ofertas de distintos provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación de servizo ou entrega do ben. A elección dunha das ofertas fundamentarase sempre en criterios de aforro.

Non será necesario acreditar as 3 ofertas no caso de que polas especiais características dos gastos que se subvencionan non exista no mercado suficiente número de entidades que o fornezan ou presten, debendo a persoa beneficiaria neste suposto prestar declaración expresa motivada en tal sentido.

Se a persoa beneficiaria denega expresamente ao órgano xestor a autorización para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, deberá achegar a documentación acreditativa de estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que a xustificación fose incorrecta e/ou incompleta, requirirase a persoa beneficiaria para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndolle que, de non facelo, se procederá, logo de resolución, á revogación da axuda e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de mora.

Para os efectos desta orde, os gastos de investimento teñen que cumprir os seguintes requisitos: ser gastos da acción subvencionada, adecuados aos obxectivos da medida a que pertence a actuación, ser verificable documentalmente a súa realización e ser realizados e efectivamente pagados dentro do período establecido no parágrafo 1 deste artigo.

De acordo co artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados.

Artigo 21. Pagamento

1. Realizarase un primeiro pagamento do 25 % da totalidade da subvención, en concepto de anticipo. Con este anticipo financiaranse exclusivamente as actuacións realizadas na anualidade 2017. Así mesmo, no momento da súa concesión poderanse facer pagamentos a conta a medida que a entidade beneficiaria xustifique os investimentos efectuados sempre que xunto co pagamento anticipado non se supere o 90 % da subvención concedida nin se exceda do crédito orzamentario previsto nesta convocatoria para cada anualidade.

Os pagamentos parciais quedarán condicionados ao resultado da liquidación definitiva da subvención.

2. Unha vez xustificada a totalidade da subvención, o órgano instrutor antes de proceder ao seu pagamento, requirirá da Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais da Consellería de Política Social a comprobación material do cumprimento da actividade subvencionada, da que quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada tanto pola persoa representante da administración como pola entidade beneficiaria, segundo o sinalado no artigo 30.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 22. Incumprimento, revogación e reintegro de axudas

1. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida calquera incumprimento das obrigas previstas no artigo 19 desta orde e concretamente:

a) O incumprimento da finalidade ou do obxectivo para a que se concedeu a subvención ou da obriga de xustificar a realización da actuación e a non permanencia mínima da actividade subvencionada nos termos dispostos no artigo 5 e tendo en conta o disposto no artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013.

b) A obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

c) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, ou incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos.

2. Supostos de reintegro parcial:

2.1. Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas e os investimentos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos Feder.

2.2. Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non dar publicidade ao financiamento dos investimentos que sexan obxecto de subvención, de acordo co establecido no artigo 16.1.c) destas bases.

2.3. Suporá a perda dun 5 % da subvención concedida non comunicar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención. Esta porcentaxe do 5 % aplicarase, de ser o caso, unha vez descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

2.4. Non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período de 5 anos suporá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período no que se incumprira este requisito.

No caso de condicións que constitúan obrigas que a entidade beneficiaria debe acreditar en fase de xustificación, tales como obrigas de publicidade ou comunicación doutras axudas, estas deberán xustificarse en todo caso para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a graduación fixada neste punto só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso de que se detecte en controis posteriores ao pagamento algún incumprimento relativo ás ditas obrigas.

3. Deberá reembolsarse a contribución dos Fondos EIE se, nos 10 anos seguintes ao pagamento final á entidade, a actividade produtiva se somete a unha localización fóra da Unión.

4. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os puntos anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

5. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as persoas beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro.

Esta devolución efectuarase mediante ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia ES82-2080-0300-87-3110063172, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 23. Infraccións e sancións

Ás persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 24. Control e verificación

Todas as axudas concedidas ao abeiro desta orde estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento; ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e ás de comprobación e control obrigadas pola normativa comunitaria de aplicación.

Artigo 25. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación son autorizados polas persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a dita secretaría xeral, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n,15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxt.politicasocial@xunta.gal

Así mesmo, serán incluídos no ficheiro denominado Xestión, seguimento e control de proxectos e fondos europeos, cuxo obxecto, entre outras finalidades, é a xestión, seguimento, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europa. O órgano responsable deste ficheiro é a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a dx.politica.financeira.tesouro.fondos.europeos.facenda@xunta.gal.

Artigo 26. Publicidade e información

1. Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos estruturais da Unión Europea, de conformidade co previsto no anexo XII, punto 2.2, do Regulamento (UE) n° 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, a entidade local beneficiaria deberá cumprir os seguintes requisitos de publicación e comunicación:

1.1. Recoñecer en todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo o apoio da Xunta de Galicia e do Feder ao proxecto, incluíndo a imaxe institucional da Xunta de Galicia e mostrando:

a) O emblema da Unión e unha referencia á Unión Europea.

b) Referencia ao Fondo Feder que dá apoio ao proxecto.

c) Referencia ao lema do Fondo «Unha maneira de facer Europa».

1.2. Durante a realización do proxecto e durante o período de duración dos compromisos de mantemento do investimento:

a) Mostrar unha breve descrición do proxecto na páxina de inicio do seu sitio da internet, no caso de que dispoña dun, de xeito proporcionado ao nivel de apoio prestado, dos seus obxectivos e resultados e destacando o apoio financeiro da Xunta de Galicia e da Unión.

b) Colocar polo menos un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3) no que se mencionará a axuda financeira da Xunta de Galicia e da Unión, nun lugar visible para o público, por exemplo, na entrada do edificio.

1.3. De facer uso de aplicacións informáticas, deberán facerse as citadas referencias na zona de inicio ou menú principal da aplicación informática, así como na epígrafe de información da aplicación: «axuda», «acerca de» ou similares; así mesmo, cando se elaboren materiais divulgativos da escola infantil 0-3 (cadernos, folletos, notas informativas) deberán constar na contraportada das devanditas publicacións as citadas referencias.

2. No portal da Consellería de Política Social informarase das características do devandito cartel e dos logos e lendas de obrigada inclusión.

3. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, programa e crédito orzamentario, listaxe de entidades beneficiarias, nome das operacións, contía de fondos públicos asignados a cada operación e finalidade da subvención, en aplicación do disposto no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Igualmente, publicarase na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro.

Artigo 27. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideran impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a referida publicidade.

2. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 28. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código BS403D, poderase obter documentación normalizada ou información na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal ou do portal da Consellería de Política Social https://politicasocial@xunta.gal, na Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, dos teléfonos 012, no enderezo electrónico demografiaeconciliacion@xunta.gal, ou de forma presencial.

Disposición adicional única. Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica a actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o ditado de instrucións

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento desta convocatoria, as cales serán obxecto de publicación no portal da Consellería de Política Social.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orden entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2017

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file