Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Venres, 21 de xullo de 2017 Páx. 35190

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 6 de xullo de 2017, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, sobre a resolución do recurso de reposición contra a clasificación dos montes denominados Gramil, Coto do Gato e outros, da parroquia de Oliveira, no concello de Ponteareas, solicitados a favor dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Santiago de Oliveira.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 14 de xuño de 2017, adoptou a seguinte resolución:

Examinado o expediente de clasificación como veciñal en man común dos montes denominados Gramil, Coto do Gato e outros a favor dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Santiago de Oliveira, da parroquia de Oliveira, no concello de Ponteareas, resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Con data do 2.2.2017, publícase no DOG núm. 23 o Anuncio do 19 de xaneiro de 2017, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, sobre resolución do expediente de clasificación dos montes denominados Gramil, Coto do Gato e outros, da parroquia de Oliveira, no concello de Ponteareas, solicitado a favor dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Santiago de Oliveira.

Instruído o expediente e vistos a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, a instrutora propón e o Xurado acorda por unanimidade dos seus membros clasificar como veciñais en man común as parcelas C, E, F, G, H, I, J, K, L, M, N, Ñ e O a favor dos veciños da CMVMC de Santiago de Oliveira, da parroquia de Oliveira, de acordo coa descrición reflectida no antecedente de feito cuarto e a planimetría elaborada para o efecto polo Servizo de Montes que forma parte inseparable desta resolución, e non clasificar como monte veciñal en man común as parcelas B e D solicitadas a favor da CMVMC de Santiago de Oliveira, Ponteareas.

Segundo. Con data do 13.2.2017, Francisco Carballo Rivas, en calidade de presidente da CMVMC de Santiago de Oliveira, dentro do prazo establecido, interpón recurso potestativo de reposición contra o anuncio da resolución citada no punto primeiro por entender que non se axusta a dereito, provocando indefensión, en resumo nos seguintes fundamentos de dereito.

Parcela D, ocupada polo CEIP de Santiago de Oliveira e, polo tanto, sen uso forestal neste momento. Porén, é necesario precisar que o terreo foi posto á disposición do Ministerio de Educación e Ciencia polo Concello de Ponteareas o 4.12.1980, é dicir, un ano despois da primeira clasificación dos montes veciñais en man común de Santiago de Oliveira, entre os cales se encontraba a parcela número 1 do monte Coto Gramil. Xunta copia da Resolución de clasificación de 1979, certificado do Concello de Ponteareas que acredita o dito feito e a inscrición no Rexistro da Propiedade do monte, segundo resolución de clasificación, polo que a parcela D era en 1979 monte veciñal en man común da parroquia de Oliveira e un ano máis tarde o Concello de Ponteareas a cedeu de xeito anormal ao Ministerio de Educación para a construción do colexio e que o esbozo da carpeta-ficha é manifestamente deficiente.

Parcela B. Que a Resolución de clasificación de 1979 do monte Coto do Gato e Gramil di que o monte estrema polo oeste con predios particulares, predios definidos na cartografía actual e por muros de pedra. Xunta copias das facturas de limpeza e plantación dos montes Gramil, Castro Mao e Albelle.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter segundo o establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. O artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, define o monte veciñal en man común:

Son montes veciñais en man común e rexeranse por esta lei os que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando de xeito consuetudinario en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños.

Deste xeito, para que un monte sexa declarado veciñal en man común o aproveitamento debe quedar acreditado non só nun pasado, senón tamén no presente e de forma continuada; así o establecen o dito artigo 1 da Lei 13/1989 e as diversas resolucións xudiciais que o interpretan, concluíndo que o decisivo para a inclusión dun monte na categoría de veciñal en man común é que resulte acreditada a constante posesión continuada do aproveitamento dos montes polos veciños promotores de xeito continuado.

Terceiro. As alegacións presentadas neste recurso de reposición son totalmente contraditorias coa documentación achegada pola CMVMC de Santiago de Oliveira durante a tramitación do expediente, xa que presentaron a planimetría das 32 hectáreas que consideran monte veciñal clasificado na Resolución do ano 1979 e deixan fóra desa clasificación as parcelas D e B, das cales instaron a clasificación e obxecto deste recurso de reposición. Hai que ter en conta que:

A parcela D, ocupada polo CEIP de Santiago de Oliveira, non ten un uso ou aproveitamento veciñal na actualidade, polo que non se dan as circunstancias para a súa clasificación en vía administrativa por incumprir o establecido no punto segundo dos fundamentos de dereito.

A parcela B, que se corresponde coa referencia catastral 36042A084002690000DP, segundo a información catastral estrema polo NOE coa referencia catastral 36042A084006890000DF (CMVMC de Celeiros) que foi excluída da primeira en virtude do procedemento de menor contía número 144/95 do Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Ponteareas. Coa documentación achegada queda acreditada a realización de traballos de limpeza e plantación no Coto Gramil.

En consecuencia, vistos a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, o Xurado, de xeito unánime,

ACORDA:

Non clasificar como monte veciñal en man común a parcela D ao non concorreren os requisitos exixidos no artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e clasificar como monte veciñal en man común a parcela B: 36042A084002690000DP, solicitada a favor da CMVMC de Santiago de Oliveira da parroquia de Oliveira, Ponteareas, de acordo coa descrición reflectida no antecedente de feito cuarto da Resolución do 14.12.2016 e a planimetría elaborada para o efecto polo Servizo de Montes que forma parte inseparable da presente resolución.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente notificación, de acordo co disposto nos artigos 114.c) e 123.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 6 de xullo de 2017

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra