Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Venres, 21 de xullo de 2017 Páx. 35152

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 17 de xullo de 2017 pola que se amplía o crédito e o prazo de xustificación das subvencións convocadas en réxime de concorrencia competitiva ao abeiro da Resolución do 6 de abril de 2017 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de adquisición de maquinaria e equipamento en actividades non agrícolas, cofinanciadas co Feader no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

O 21 de abril de 2017 publicouse no DOG núm. 77, a Resolución do 6 de abril de 2017 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de adquisición de maquinaria e equipamento en actividades non agrícolas, cofinanciadas con Feader no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

Para o financiamento desta convocatoria estaba previsto un crédito de 2.000.000 €, con cargo á aplicación orzamentaria 2017-13-A1-712A-770.0 dos orzamentos de Agader para o ano 2017 (código de proxecto 2016-00004). Este crédito está cofinanciado nun 75 % polo Feader (no marco da medida 6, submedida 4 «Investimentos en actividades non agrícolas», do PDR de Galicia 2014-2020), nun 7,5 % pola Administración xeral do Estado (a través do Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente –MAPAMA-) en un 17,5 % pola Comunidade Autónoma de Galicia.

De acordo co disposto no artigo 2 da Resolución do 6 de abril de 2017 antes citada, a contía indicada poderase incrementar en función das solicitudes presentadas, sempre que teña lugar unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa, segundo prevé o artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei, e deberase publicar no DOG o aludido incremento da contía.

Así pois, unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, estando o procedemento en fase de instrución, e dispoñendo na partida orzamentaria que financia esta convocatoria dun crédito incorporado por importe de 985.000 €, considérase necesario ampliar o crédito inicialmente previsto, coa finalidade de financiar o maior número de proxectos que respondan aos obxectivos da propia medida 6.4 do PDR de Galicia, sempre e cando cumpran os requirimentos expresados nas propias bases reguladoras.

Por outra banda, o artigo 5 da citada Resolución do 6 de abril de 2017 establece como prazo límite para xustificar os investimentos o 15 de setembro de 2017. O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, contempla que o órgano concedente poida outorgar, agás precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo de presentación da xustificación que non exceda da metade deste, e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Así pois, tendo en conta o volume de solicitudes presentadas, a complexidade do proceso de tramitación e avaliación, e considerando que se cumpren as premisas que establece o artigo 45.3 antes citado, considérase necesario ampliar o devandito prazo de execución e xustificación das actuacións subvencionadas, co fin de facer viable e proceso de execución dos investimentos subvencionados.

Tendo en conta o anterior, o director xeral de Agader, no exercicio das competencias delegadas polo Acordo do Consello de Dirección de Agader do 11 de xullo de 2013 (Resolución do 24 de xullo de 2013, DOG núm. 148, do 5 de agosto).

RESOLVO:

Artigo 1

Amplíase a dotación orzamentaria que se establece na Resolución do 6 de abril de 2017 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de adquisición de maquinaria e equipamento en actividades non agrícolas, cofinanciadas con Feader no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o ano 2017, nos seguintes importes:

Concepto orzamentario

Código de proxecto

Taxa de cofinanciamento

2017-13-A1-712A-770.0

(2016-00004)

Feader

75 %

738.750 €

MAPAMA

7,5 %

73.875 €

Xunta de Galicia

17,5 %

172.375 €

Importe da ampliación

985.000 €

Conforme o exposto, a dotación orzamentaria total para o financiamento da convocatoria é a seguinte:

Concepto orzamentario

Código de proxecto

Taxa de cofinanciamento

2017-13-A1-712A-770.0

(2016-00004)

Feader

75 %

2.238.750 €

MAPAMA

7,5 %

223.875 €

Xunta de Galicia

17,5 %

522.375 €

Total crédito da convocatoria

2.985.000 €

Esta ampliación de crédito non afecta ao prazo establecido no artigo 3 da Resolución do 6 de abril de 2017 para presentar as solicitudes de axuda, nin supón o inicio dun novo cómputo do prazo para resolver.

Artigo 2

Modifícase o artigo 5 da Resolución do 6 de abril de 2017, que queda redactado como segue:

«O prazo límite para executar e xustificar os investimentos vinculados aos proxectos subvencionados será o 2 de outubro de 2017. Excepcionalmente, poderase ampliar o referido prazo ata o 30 de outubro de 2017, logo da solicitude debidamente xustificada da persoa ou entidade beneficiaria, no caso de maquinaria adquirida a empresas provedoras localizadas fóra do territorio nacional.

Para os proxectos que conforman a lista de espera, e activados nos supostos previstos no artigo 17 das bases reguladoras, o prazo límite para executar e xustificar os investimentos vinculados aos proxectos subvencionados será o 30 de outubro de 2017».

Disposición adicional

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela cabe interpor recurso potestativo de reposición ante o Consello de Dirección de Agader, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ou recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, ao abeiro do artigo 10.1.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da citada publicación no DOG.

Disposición final

Esta resolución será aplicable desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2017

Miguel Ángel Pérez Dubois
Director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural