Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Luns, 24 de xullo de 2017 Páx. 35316

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 12 de xullo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento das actividades integradas en plans de innovación enmarcados en prioridades estratéxicas da RIS3, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (código de procedemento IN848D).

A Constitución española, no seu artigo 44.2, obriga ós poderes públicos a promover a ciencia e a investigación científica e técnica en beneficio do interese xeral. Ademais, establece no artigo 149.1º.15 que o fomento e a coordinación da investigación científica e técnica son competencia exclusiva do Estado.

Pola súa banda, o Estatuto de autonomía de Galicia recolle no seu artigo 27.19 que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia do fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución.

A Estratexia Europa 2020 (EE2020) fixa o marco xeral de actuación cara ao que se deben enfocar os esforzos da política de cohesión europea, que financian os fondos estruturais e de investimento europeos, entre eles, o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). A EE2020 fixa tres modelos de crecemento e desenvolvemento que basea, pola súa vez, en varios criterios de intervención para lograr os devanditos tipos de crecemento: Desenvolvemento intelixente: favorecer unha economía baseada no coñecemento e a innovación; Desenvolvemento sustentable: promoción dunha economía máis eficiente no uso dos recursos, máis ecolóxica e competitiva e Desenvolvemento integrador: fomento dunha economía con altas taxas de emprego que permita o desenvolvemento da cohesión social territorial. A EE2020 fixa cinco obxectivos para ser cumpridos a nivel europeo con fitos específicos para cada país.

Trátase duns obxectivos que se asocian directamente aos obxectivos temáticos (OT) que aparecen recollidos no artigo 9 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello (en diante, Regulamento (UE) nº 1303/2013); e as prioridades de investimento fixadas no Regulamento (UE) nº 1301/2013, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006 do Consello (en diante, Regulamento (UE) nº 1301/2013).

A Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, no seu artigo 1, establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promover o desenvolvemento económico, social e produtivo de Galicia. Esta lei, no seu capítulo III, crea o Plan galego de investigación e innovación como unha ferramenta encamiñada ao logro deste obxectivo, e atribúelle no seu artigo 15.3 a consideración de plan estratéxico de subvencións, para os efectos do establecido no artigo 5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvenciones de Galicia.

O primeiro plan que iniciou a senda de definición de políticas de innovación asociadas ao concepto de especialización intelixente foi o Plan de innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C). Este plan é o antecedente inmediato da vixente estratexia de especialización Intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3 Galicia) que foi aprobada polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 7 de novembro de 2013, e que define o marco para as políticas de investigación e innovación en Galicia para o período 2014-2020 para a selección de prioridades de investimento, subobxectivos temáticos e actuacións do obxectivo temático 1 do Feder e recolle entre os seus instrumentos de desenvolvemento o Programa de fomento de capacidade de absorción das empresas. Este instrumento pretende incidir no déficit das empresas, sobre todo das pemes, respecto da súa capacidade de innovar por falta de recursos idóneos para a absorción de coñecementos que se poidan orientar ao desenvolvemento de novos produtos ou á mellora de produtos existentes. Para iso propiciarase acceso a activos e recursos tanxibles e intanxibles, que contribúan obxectivamente a mellorar a súa capacidade de absorción de coñecemento.

Pola súa vez, esta actuación tamén se encadra na Axenda de competitividade industrial: Industria 4.0, máis concretamente no número 5.4 dedicado ao impulso da innovación no ámbito empresarial, así como na Estratexia galega de impulso á biotecnoloxía, que inclúe como un dos seus eixes prioritarios o eixe 2: Fortalecemento e consolidación empresarial, no cal se integra o programa de actuación B1: Capacitación e competitividade innovadora.

O Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos, establece que a Axencia Galega de Innovación ten como finalidade fomentar e vertebrar as políticas de innovación nas administracións públicas galegas e o apoio e impulso do crecemento e da competitividade das empresas galegas a través da implementación de estratexias e programas de innovación eficientes. Entre os seus obxectivos destacan o de definir e desenvolver as políticas públicas que permitan ás empresas e ao resto de axentes o desenvolvemento de iniciativas de innovación construídas a partir de coñecementos que incrementen a súa competitividade e fomenten o seu crecemento; definir e desenvolver as políticas públicas orientadas á valorización do coñecemento desenvolvido polas empresas, universidades e centros de investigación de Galicia; fomentar a investigación e o desenvolvemento científico e tecnolóxico, a través de iniciativas e programas específicos na Comunidade Autónoma galega; promover as relacións de colaboración entre os distintos axentes do Sistema galego de innovación impulsando a creación e o fortalecemento de redes de coñecemento entre axentes públicos e privados desde unha perspectiva de intercambio e de investigación aberta; favorecer a transferencia de coñecemento e tecnoloxía entre os diferentes axentes e, particularmente, entre os organismos públicos de investigación e as empresas.

O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e as axudas concedidas no marco da presente resolución axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, publicado no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) núm. 187, do 26 de xuño de 2014 (en diante, Regulamento (UE) nº 651/2014).

Como complemento ás axudas previstas nesta orde, ademais, as empresas que implementen un plan de innovación poderán solicitar acompañamento financeiro a través dos fondos de capital risco vinculados á innovación xestionados por XesGalicia Sociedade Xestora de Entidades de Investimento de Tipo Pechado, S.A.U.

Consecuentemente con todo o anterior, a directora da Axencia Galega de Innovación, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación,

DISPÓN:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación dirixidas ás pemes, destinadas ao financiamento das actividades integradas en plans de innovación que lles permitan o fortalecemento naquelas áreas que sexan relevantes para a sistematización e internacionalización dos procesos de innovación da empresa, e estean aliñados coas prioridades establecidas na RIS3 para Galicia.

2. Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse as devanditas axudas para o ano 2017 en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IN848D), e as axudas concedidas no marco da presente resolución axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) nº 651/2014.

Artigo 2. Definicións

1. Empresa: segundo o artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, considerarase empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas as entidades que exerzan unha actividade artesanal ou outras actividades a título individual ou familiar, así como as sociedades de persoas e as asociacións que exerzan unha actividade económica de forma regular.

2. Microempresa, pequena e mediana empresa: segundo o artigo 2 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, consideraranse pemes as empresas que ocupan a menos de 250 persoas e o seu volume de negocio anual non excede dos 50 millóns de euros ou o seu balance xeral non excede dos 43 millóns de euros. Dentro das pemes, considerarase pequena empresa aquela que ocupa a menos de 50 persoas e o seu volume de negocio anual ou balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros; e microempresa, aquela que ocupa a menos de 10 persoas e o seu volume de negocio anual ou balance xeral anual non supera os 2 millóns de euros.

Para o calculo destes efectivos deberán seguirse as indicacións incluídas nos artigos 3, 4, 5 e 6 do citado anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

3. Empresa en crise: a que así se defina consonte o previsto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014 e as Directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise , DOUE C 249, do 31.7.2014, ou documento que o substitúa.

4. Entidade vinculada: son empresas vinculadas segundo o artigo 3.3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 aquelas empresas entre as cales existe algunha das seguintes relacións:

a) Unha empresa posúe a maioría dos dereitos de voto dos accionistas ou socios da outra empresa.

b) Unha empresa ten dereito a nomear ou revogar a maioría dos membros do órgano de administración, dirección ou control da outra empresa.

c) Unha empresa ten dereito a exercer unha influencia dominante sobre outra, en virtude dun contrato subscrito con ela ou dunha cláusula estatutaria da segunda empresa.

d) Unha empresa, accionista ou asociada a outra, controla soa, en virtude dun acordo subscrito con outros accionistas ou socios da segunda empresa, a maioría dos dereitos de voto dos seus accionistas ou socios.

Presumirase que non existe influencia dominante, cando os investidores enunciados no artigo 3.2 (segundo parágrafo) do citado anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 non teñan implicación directa ou indirecta na xestión da empresa en cuestión, sen prexuízo dos dereitos que lles correspondan na súa calidade de accionistas.

As empresas que manteñan calquera das relacións establecidas no parágrafo primeiro do artigo 3 do citado anexo I a través doutra ou doutras empresas, ou cos investidores enumerados no número 2 do mesmo artigo, consideraranse tamén vinculadas.

Tamén se considerarán empresas vinculadas as que manteñan algunha das ditas relacións a través dunha persoa física ou un grupo de persoas físicas que actúen de común acordo, se as ditas empresas exercen a súa actividade ou parte dela no mesmo mercado de referencia ou en mercados contiguos, considerándose mercado contiguo o mercado dun produto ou servizo situado nunha posición inmediatamente anterior ou posterior á do mercado en cuestión.

5. Reto estratéxico: sintetiza o conxunto de prioridades tecnolóxicas e de innovación da Estratexia RIS3 de Galicia, baseadas tanto en actividades existentes como en oportunidades de futuro. Os retos estratéxicos son:

Reto 1: Xestión innovadora de recursos naturais e culturais. Modernización dos sectores tradicionais galegos a través da introdución de innovacións que incidan no melloramento da eficiencia e rendemento no uso dos recursos endóxenos e a súa reorientación cara a usos alternativos con maior valor engadido en actividades enerxéticas, acuícolas, farmacolóxicas, cosméticas, alimentarias e culturais.

Reto 2: O modelo industrial da Galicia do futuro. Aumentar a intensidade tecnolóxica da estrutura industrial de Galicia, a través da hibridación e das tecnoloxías facilitadoras esenciais.

Reto 3: Novo modelo de vida saudable baseado no envellecemento activo. Posicionar Galicia para o ano 2020 como a rexión líder no sur de Europa na oferta de servizos e produtos intensivos en coñecemento relacionados cun modelo de vida saudable: envellecemento activo, a aplicación terapéutica de recursos hídricos e mariños e a nutrición funcional.

Artigo 3. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as microempresas, pequenas e medianas empresas, conforme as definicións contidas no artigo 2, con domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades para as cales se solicitan a axuda.

2. Non poderán acceder á condición de beneficiarias as persoas ou entidades nas cales concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, nin tampouco as empresas en crise, nin aquelas que están suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Artigo 4. Financiamento

1. As axudas reguladas nesta resolución imputaranse ás aplicacións orzamentarias que se indican neste artigo, nas cales existe crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma galega, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria segundo o disposto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, o cal poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitudes que resulte da aplicación dos criterios de valoración.

Procedemento IN848D.

Eixe

OE

Beneficiarios

Desagregación

medida

CE_Actividade

Aplicación

Código do proxecto

2017

2018

Total

01

1.2.1

Pemes

064_68

09.A3.561A.770.0

2016 00007

1.070.185

3.929.815

5.000.000

2. Estas axudas estarán cofinanciadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, que ten unha taxa de cofinanciamento Feder do 80 %, computándose como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible dos beneficiarios polo 20 % restante. Eixe 1 «Potenciar a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación»; Prioridade de inversión 1.2 «O fomento do investimento empresarial en I+D+i, o desenvolvemento de vínculos e sinerxías entre as empresas, os centros de investigación e desenvolvemento e o sector do ensino superior, en particular mediante o fomento do investimento no desenvolvemento de produtos e servizos, a transferencia de tecnoloxía, a innovación social, a innovación ecolóxica, as aplicacións de servizo público, o estímulo da demanda, a interconexión en rede, as agrupacións e a innovación aberta a través dunha especialización intelixente, e mediante o apoio á investigación tecnolóxica e aplicada, liñas piloto, accións de validación precoz dos produtos, capacidades de fabricación avanzada e primeira produción, en particular, en tecnoloxías facilitadoras esenciais e difusión de tecnoloxías polivalentes»; Obxectivo específico 1.2.1. «Impulso e promoción de actividades de I+i lideradas por empresas, apoio á creación e consolidación de empresas innovadoras e apoio á compra pública innovadora»; Actuación 1.2.1.2 «Desenvolvemento de medidas de fomento da capacidade de absorción das empresas de coñecementos orientados ao desenvolvemento de novos produtos ou á mellora de produtos existentes, propiciándolles acceso a activos e recursos tanxibles e intanxibles».

Artigo 5. Actividades subvencionables

1. Serán actividades subvencionables aquelas incluídas nun plan de innovación que deberá reunir, necesariamente, as seguintes características:

a) Deberá reunir unha serie de actividades que constitúan un conxunto completo e homoxéneo que permita implementar ou incrementar as capacidades innovadoras da empresa solicitante.

b) As actividades incluídas no plan deben implicar unha ou varias destas opcións, desagregadas no catálogo que se achega como anexo I:

b.1) Actividades de innovación, destinadas principalmente a corrixir deficiencias de mercado relacionadas con externalidades positivas (desbordamento do coñecemento), deficiencias de coordinación e, en menor medida, información asimétrica; estas actividades comprenderán a obtención, validación e defensa de patentes e outros activos inmateriais, o envío en comisión de servizo de persoal altamente cualificado e a adquisición de servizos de asesoramento e apoio á innovación.

b.2) Innovación en materia de procesos: a aplicación dun método de produción ou subministración novo ou significativamente mellorado (incluídos cambios significativos en canto a técnicas, equipamentos ou programas informáticos). Non se inclúen os cambios ou melloras de importancia menor, os aumentos das capacidades de produción ou servizo mediante a introdución de sistemas de fabricación ou loxística moi similares aos xa utilizados, o abandono dun proceso, a simple substitución ou ampliación de capital, os cambios exclusivamente derivados de variacións do prezo dos factores, a produción personalizada, a adaptación aos usos locais, os cambios periódicos de carácter estacional ou outros cambios cíclicos e o comercio de produtos novos ou significativamente mellorados.

b.3) Innovación en materia de organización: a aplicación dun novo método organizativo ás prácticas comerciais, a organización do centro de traballo ou as relacións exteriores dunha empresa. Non se inclúen os cambios baseados en métodos organizativos xa empregados na empresa, os cambios na estratexia de xestión, as fusións e adquisicións, o abandono dun proceso, a simple substitución ou ampliación de capital, os cambios exclusivamente derivados de variacións do prezo dos factores, a produción personalizada, a adaptación aos usos locais, os cambios periódicos de carácter estacional ou outros cambios cíclicos e o comercio de produtos novos ou significativamente mellorados.

c) Deberá estar aliñado con algunha das prioridades da RIS3 para Galicia (anexo II).

d) O orzamento subvencionable deberá atoparse entre os seguintes tramos:

Tipo empresa

Orzamento mínimo

Orzamento máximo

Peme

150.000 euros

300.000 euros

Microempresa

100.000 euros

200.000 euros

e) A súa duración mínima será dun ano e a máxima estenderase ata o 30 de novembro de 2018.

2. Só se financiarán as actividades do plan desenvolvidas na Comunidade Autónoma galega.

3. De acordo co artigo 6 do Regulamento (UE) nº 651/2014 considerarase que as axudas teñen un efecto incentivador se a solicitude de axuda se presentou antes do comezo do plan. Prodúcese un efecto incentivador cando as axudas cambian o comportamento dunha empresa de tal maneira que esta emprenda actividades complementarias que non realizaría, ou que, sen as axudas, realizaría dunha maneira limitada ou diferente. Con todo, as axudas non deben subvencionar os custos dunha actividade nos cales a empresa incorrería de todas formas nin deben compensar o risco empresarial normal dunha actividade económica.

En consecuencia, o inicio das actividades integradas no plan deberá ser sempre ser posterior á data de presentación da solicitude da axuda e en ningún caso se financiarán gastos realizados con anterioridade á dita presentación.

Artigo 6. Intensidade das axudas e concorrencia

1. As axudas concederanse en forma de subvencións. A contía máxima da axuda que pode ser concedida aos proxectos seleccionados determinarase sobre o investimento subvencionable de cada beneficiario e será conforme os límites de intensidade previstos nos artigos 28 e 29 do Regulamento (UE) nº 651/2014 de acordo coa seguinte táboa:

Microempresa, pequena empresa e mediana empresa

Axudas á innovación en favor das pemes

50 %

Axudas á innovación en materia de procesos e organización

50 %

2. As axudas concedidas pola Axencia Galega de Innovación ao abeiro desta convocatoria serán compatibles coa percepción doutras axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional, salvo que se superen as intensidades máximas de axuda establecidas no Regulamento (UE) nº 651/2014 que se indican na táboa anterior.

De acordo co establecido no artigo 65.11 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, o plan poderá recibir axuda doutros fondos EIE, dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión, a condición de que a partida de gasto incluída nunha solicitude de pagamento para o reembolso por un dos fondos EIE non estea subvencionada por outro fondo ou instrumento da Unión, nin polo mesmo fondo conforme un programa distinto.

3. As entidades beneficiarias destas axudas poderán solicitar acompañamento financeiro posterior para a comercialización e industralización da innovación a través dos fondos de capital risco vinculados á innovación xestionados por XesGalicia.

Artigo 7. Conceptos subvencionables

1. Terán a consideración de gastos subvencionables aqueles que respondan á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento do plan para o que foron concedidos. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

2. Para a anualidade de 2017, só se admitirán aqueles gastos que fosen realizados dentro do período comprendido entre a data de presentación da solicitude de subvención e o 30 de novembro de 2017. Para a anualidade 2018, admitiranse os gastos realizados dentro do período comprendido entre o 1 de decembro de 2017 e o 30 de novembro de 2018.

3. Os gastos subvencionables deberán respectar o disposto na Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020 e serán exclusivamente custos directos, entendendo como tales aqueles que estean directa e inequivocamente relacionados coa actividade subvencionada e cuxo nexo con esta actividade se poida demostrar.

Consideraranse custos directos subvencionables os seguintes:

a) Para actividades de innovación (artigo 5.1.b.1):

a.1) Custos de obtención, validación e defensa de patentes e outros activos inmateriais; incluiranse os custos derivados da obtención de certificacións oficiais vinculadas co plan de innovación, como a especificación EA0047 «Requisitos para a consideración como pequena ou mediana empresa innovadora», EA0043 » Requisitos da xove empresa innovadora. XEI» e as incluídas na serie de normas UNE 166000 dedicadas a apoiar a optimización da «Xestión da I+D+i».

a.2) Custos de envío en comisión de servizo de persoal altamente cualificado procedente dun organismo de investigación e difusión de coñecementos ou unha grande empresa, que traballe en actividades de investigación, desenvolvemento e innovación nunha función recentemente creada na entidade beneficiaria e que non substitúa outro persoal.

Entenderase por persoal cualificado o persoal que posúa un título universitario e un mínimo de cinco anos de experiencia profesional pertinente, que poderá incluír a formación en doutoramento, e por comisión de servizo o emprego temporal de persoal por parte do beneficiario con dereito do persoal a regresar ao anterior empregador.

Incluiranse todos os custos derivados da comisión de servizo (contrato, mobilidade...) en que incorra a empresa beneficiaria, tendo en conta, en calquera caso, os requisitos de compatibilidade e concorrencia de axudas establecidos no artigo 6.2 desta resolución.

a.3) Custos de servizos de asesoramento en materia de innovación: consultoría, asistencia e formación nos ámbitos da transferencia de coñecementos, a adquisición, protección e explotación de activos inmateriais, o uso de normas e regulamentos que os incorporan.

a.4) Custos de servizos de apoio en materia de innovación: bancos de datos, bibliotecas, investigación de mercados, laboratorios, etiquetaxe de calidade, ensaio e certificación, co fin de desenvolver produtos, procesos ou servizos máis eficaces.

b) Para innovación en materia de procesos e organización (artigo 5.1.b.2) e b.3)):

b.1) Custos de persoal: poderanse subvencionar os custos de persoal propio e de nova contratación, no tempo imputado ao desenvolvemento das actividades do plan de innovación. Cando esta imputación non sexa do 100 %, na memoria que se xunta á solicitude deberán xustificarse os motivos das porcentaxes sobre a base das tarefas concretas que se van desenvolver no plan, sen que sexa suficiente unha xustificación xenérica que non permita valorar a adecuación, pertinencia e verificabilidade do tempo imputado.

Os custos de persoal propio non poderán superar o límite do 50 % do orzamento subvencionable.

De acordo coa norma 6.1 da Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, só serán subvencionables aqueles gastos do persoal relacionado con actividades que a entidade non levaría a cabo se non realizase a operación en cuestión.

Os custos de persoal serán subvencionables na medida en que se incorreu neles efectivamente e se xustifiquen mediante os correspondentes documentos acreditativos do gasto e do pagamento. Neste sentido, considerarase gasto subvencionable o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización dos prazos de xustificación establecidos no artigo 27 desta resolución. Exceptúanse aqueles gastos cuxos pagamentos se deban efectuar nun momento posterior por se axustaren aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade ás datas de xustificación, que se poderán xustificar nos termos indicados no artigo 28.

Os custos de viaxe, indemnizacións ou axudas de custo non teñen natureza de gastos de persoal.

Non serán subvencionables os custos de persoal administrativo relacionados con tarefas de xestión da empresa.

b.2) Custos de equipamento e material instrumental de nova adquisición e non adquirido con fondos ou axudas públicas: na medida en que se utilicen para as actividades do plan de innovación.

Se o equipamento e material se dedica exclusivamente ao plan de innovación e a súa vida útil se esgota ao termo do período subvencionable, considerarase como gasto o custo de adquisición. Deberá xustificarse na solicitude a vida útil deste equipamento.

Se o equipamento e material non se utiliza exclusivamente para as actividades do plan, por exceder a súa vida útil da duración deste, só serán imputables os custos de amortización que correspondan ao período subvencionable, calculados sobre a base das boas prácticas contables. Para que este custo sexa considerado como gasto, deberá detallarse na solicitude o procedemento de cálculo seguido para calcular os custos de amortización tendo en conta o tempo concreto de imputación ás actividades do plan.

– A instalación do equipamento sempre e cando sexa estritamente necesaria para a súa posta en funcionamento.

– As licenzas e renovacións de licenzas de software se son de uso específico para as actividades de I+D+i e non de uso xeral.

Nesta parte non se considerarán os seguintes gastos:

– Instalacións de edificios (electricidade, climatización, redes de telecomunicacións...).

– Equipamento para espazos ou usos alleos ás actividades de I+D+i: zonas de administración ou xestión, salas de reunións, despachos, mobiliario de oficina...

– Licenzas de software xeral.

b.3) Custos de adquisición de licenzas de propiedade industrial: as licenzas deberán ser adquiridas ou obtidas de fontes externas, sempre e cando a operación se realice en condicións de plena competencia e sen elemento ningún de colusión.

b.4) Custos de material, subministracións e produtos similares, que deriven directamente do desenvolvemento do plan.

4. De acordo co establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable iguale ou supere a contía de 18.000 euros, no suposto de subministración de bens de equipamento e servizos por empresas de consultaría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto fose realizado con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán presentarse na xustificación, deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

5. Consideraranse subcontratacións as actuacións contratadas con organismos de investigación ou outras entidades, que supoñan a execución dunha parte das actividades incluídas no plan de innovación que constitúe o obxecto da subvención.

A subcontratación deberá estar debidamente xustificada e motivada na memoria técnica e deberá cumprir co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta que, en todo caso, esta non poderá superar o límite do 50 % do custo total da actividade subvencionada.

6. No suposto de que o importe do IVE non sexa recuperable, poderá ser considerado un gasto subvencionable. Neste caso, deberase presentar un certificado relativo á situación da entidade co respecto ao IVE.

Artigo 8. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse, obrigatoriamente, por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderse que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Artigo 9. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Memoria técnica do plan de innovación proposto, que incluirá a desagregación do seu orzamento, segundo o guión-modelo que se inclúe como anexo IV, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal e páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), na súa epígrafe de axudas.

b) Copia do informe de benchmarking de innovación Innobench, que poderá obter no enlace http://www.zfv.es/innobench/ e que servirá de referencia para a avaliación da idoneidade do plan.

c) No caso de ter concedida algunha axuda, copia da resolución de concesión.

Non será necesario presentar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Certificados de estar ao día nas seguintes obrigas: coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social e coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Poder do representante que presenta a solicitude inscrito no rexistro competente.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e xuntar os devanditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuarase só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora e do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Información aos interesados

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten como código IN848D, poderase obter información adicional na Axencia Galega de Innovación, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), na súa epígrafe de axudas.

b) Nos teléfonos 981 95 73 93/ 881 99 94 71 da devandita axencia.

c) No enderezo electrónico servizos.gain@xunta.gal.

d) Persoalmente.

e) Na guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo http://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

3. De acordo co establecido no artigo 14 letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos aspectos previstos no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 14. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou o representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá achegar coa solicitude estas certificacións que deberán estar en vigor.

No caso de que o solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta por parte do órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de consulta polo órgano xestor, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

3. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Axencia Galega de Innovación publicará na súa web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se poidan impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

4. Consonte o disposto no artigo 20.8 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a cesión de datos que debe efectuar á Intervención Xeral do Estado para a súa inclusión na Base nacional de subvencións non requirirá o consentimento do afectado. Neste ámbito non será de aplicación o disposto no artigo 21.1 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 15. Datos de carácter persoal

1. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos no ficheiro denominado «Plans de innovación», cuxo obxecto é xestionar os presentes procedementos, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia Galega de Innovación. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Axencia Galega de Innovación, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: praza de Europa, nº 10 A/6º, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a gain@xunta.gal.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos. Todo isto consonte co establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

3. Así mesmo, os datos serán incluídos no ficheiro denominado «Xestión, seguimento e control de proxectos e fondos europeos», creado pola Orde do 31 de marzo de 2016 (DOG núm. 68, do 11 de abril) cuxo obxecto, entre outras finalidades, é a xestión, seguimento, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europa. O órgano responsable deste ficheiro é a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Complexo Administrativo San Caetano s/n, 15781 de Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a dx.politica.financeira.tesouro.fondos.europeos.facenda@xunta.gal.

Artigo 16. Instrución do procedemento e tramitación

1. A Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións. Corresponderalle á directora da Axencia Galega de Innovación ditar a resolución de concesión.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria ou non se xunta a documentación exixida, requirirase o interesado mediante anuncio publicado na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), para que nun prazo de dez días hábiles emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución. Se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación na web pola notificación individualizada.

A documentación requirida presentarase electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 14 da Lei 39/2015.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que forneza cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión de valoración.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

6. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como ocultar datos, alteralos ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007.

Artigo 17. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes e estará composto por:

a) Un director de área da Axencia Galega de Innovación, ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente.

b) Un xefe de departamento da Axencia Galega de Innovación ou persoa en quen delegue.

c) Dous empregados públicos da Axencia Galega de Innovación, un dos cales como secretario, con voz e sen voto.

2. A Comisión realizará a súa avaliación mediante a comparación de cada solicitude de contratación individual de acordo cos criterios de valoración establecidos no artigo seguinte e emitirá un informe final no cal se concretará o resultado da avaliación efectuada, e que remitirá ao órgano instrutor.

No informe que elabore a comisión de valoración figurarán, de forma individualizada, as solicitudes propostas para obter a subvención, especificándose a avaliación que lles corresponde. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada unha delas, sen superar o crédito dispoñible.

Proporase a concesión das solicitudes por orde decrecente ata esgotar os créditos dispoñibles e quedarán, de ser o caso, como suplentes aquelas para as cales non se dispón de crédito suficiente pero que acadaron unha puntuación igual ou superior á puntuación mínima indicada no artigo 18.2.

Artigo 18. Criterios de valoración

1. A valoración de cada plan, que reúna os requisitos exixidos nesta convocatoria, realizarase sobre un total de 100 puntos que se outorgarán atendendo aos obxectivos e aspectos técnicos e económico-financeiros do plan así como a súa potencialidade para xerar valor económico, segundo os seguintes criterios de valoración:

A. Mellora da capacidade innovadora da empresa (máximo 45 puntos). Nesta parte avaliarase o plan presentado desde a perspectiva do grao en que aumenta o desempeño innovador da empresa, así como a idoneidade das actividades incluídas nel, de acordo cos seguintes subcriterios:

A.1. Obxectivos e impacto do plan de innovación: grao de incremento dos indicadores de medición incluídos no índice sintético de innovación (Innobench) como esforzo en I+D, capacitación en I+D, recursos humanos, cooperación... (máximo 30 puntos).

A.2. Viabilidade do plan de innovación: metodoloxía e plan de traballo, equipo humano e custos (máximo 15 puntos).

a. Adecuación do plan de traballo: ata 5 puntos.

b. Adecuación do equipo humano: ata 5 puntos.

c. Adecuación económico-financeira do plan (xustificación da necesidade e adecuación das distintas partidas en que se distribúe o orzamento do plan): ata 5 puntos.

B. Mellora da competitividade da empresa a través da innovación (máximo 30 puntos). Nesta parte avaliarase como aumentará o mercado e a competitividade da empresa grazas ás actividades de innovación incluídas no plan, de acordo cos seguintes subcriterios:

B.1 Mercado potencial dos resultados do desenvolvemento do plan (máximo 25 puntos):

– Implementación de novos productos ou servizos innovadores; desenvolvemento de novos proxectos de I+D+i: ata 15 puntos.

– Apertura de novos mercados: ata 10 puntos.

B.2. Capacidade de internacionalización dos resultados do plan (máximo 5 puntos).

C. Impacto socioeconómico do plan (máximo 25 puntos). Nesta parte avaliaranse os beneficios da implementación do plan desde a perspectiva da sociedade e o ecosistema de innovación da nosa comunidade autónoma:

C.1. Impacto nos retos e prioridades da RIS3 para Galicia (máximo 10 puntos).

C.2. Colaboración con organismos de investigación públicos e privados (máximo 15 puntos): outorgaranse 15 puntos a aqueles plans en que se colabore cun organismo de investigación con sede en Galicia.

2. Será requisito necesario para ser subvencionado acadar un mínimo de 50 puntos.

3. No caso de empate nas puntuacións, como criterio de desempate terán preferencia as empresas que presentasen un plan de igualdade dos previstos no capítulo I do título III do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

No caso de persistir o empate, terase en conta a puntuación obtida do criterio de valoración establecido en primeiro lugar, e así sucesivamente.

Artigo 19. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 20. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elevará a proposta de resolución e o informe emitido pola comisión de valoración á directora da Axencia Galega de Innovación para ditar a resolución de concesión, que deberá estar debidamente motivada.

Na proposta de resolución figurarán de forma individualizada as solicitudes propostas para obteren a subvención e especificarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos nestas bases reguladoras. Indicarase, así mesmo, o importe da subvención para cada unha delas.

2. Á vista da proposta formulada e segundo o que dispón o artigo 21.4 da Lei 9/2007, ao non seren tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados, a directora da Axencia Galega de Innovación ditará as correspondentes resolucións definitivas de concesión ou denegación, que serán motivadas de acordo cos criterios de valoración establecidos.

3. As resolucións expresarán, cando menos, e para cada procedemento:

a) A relación de entidades beneficiarias da axuda.

b) O importe global da axuda para cada entidade e a desagregación do dito importe por anualidades.

c) A lista de solicitudes denegadas, xunto coa súa causa de denegación.

d) A desestimación expresa do resto das solicitudes.

4. En todo caso, deberá notificarse a cada beneficiario un documento en que deberán figurar, como mínimo, a identificación do beneficiario, a contía da subvención e obrigas que correspondan, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que se deban obter coa axuda, o plan financeiro e o calendario de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA).

5. A aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión dos beneficiarios na lista de operacións que se publicará de acordo co previsto no artigo 151.2 e no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

6. No expediente da subvención tamén se fará constar o informe do órgano instrutor en que conste que da información que ten no seu poder se desprende que os beneficiarios cumpren os requisitos necesarios para acceder ás axudas.

7. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de tres meses contados a partir do día seguinte ao de remate do prazo para a presentación de solicitudes. De non mediar resolución expresa no dito prazo mediante a publicación da correspondente resolución no Diario Oficial de Galicia, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

8. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45.1 desa lei, a notificación individual de concesión da axuda poderase substituír pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web http://gain.xunta.gal, con indicación da data da convocatoria, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade da axuda outorgada.

Artigo 21. Modificación da resolución

1. As actuacións subvencionadas deben executarse no tempo e forma que se determinen nas resolucións de concesión e débese obter autorización da Axencia Galega de Innovación para realizar cambios no plan.

2. Porén, cando xurdan circunstancias concretas que alteren as condicións técnicas ou económicas tidas en conta para a concesión da axuda, e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión polo órgano concedente.

3. Tamén se poderá acordar a modificación da resolución de concesión por instancia do beneficiario se cumpren os seguintes requisitos:

a) Que a modificación sexa autorizada expresamente polo órgano concedente.

b) Que a modificación non afecte os obxectivos perseguidos coa axuda, os seus aspectos fundamentais ou que fosen determinantes para a concesión da axuda, a determinación do beneficiario, nin dane dereitos de terceiros.

c) Que as modificacións obedezan a causas sobrevidas que non se puideron prever no momento da solicitude. Os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non poderían supor a denegación da subvención, nin poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

4. A solicitude de modificación debe formulala o representante legal da entidade beneficiaria, expresando os motivos dos cambios que se propoñen e xustificando a imposibilidade de cumprir as condicións expostas na resolución de concesión.

Salvo naqueles supostos en que proceda a aplicación do establecido no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvenciones de Galicia, non se admitirán cambios con data anterior á entrada no rexistro da solicitude de modificación.

5. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola directora da Axencia Galega de Innovación, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia ao interesado. A autorización da modificación deberá realizarse de forma expresa e notificaráselle ao interesado.

Artigo 22. Réxime de recursos

1. Segundo o disposto no artigo 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, contra as resolucións ditadas ao abeiro desta resolución de convocatoria, os interesados poderán interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se o acto non for expreso, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpor o recurso de alzada en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co previsto nesta resolución, se produzan os efectos do silencio administrativo.

2. Contra as resolucións de reintegro, que poñen fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta for expresa. Se o acto non for expreso, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpor o recurso de alzada en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co previsto nesta resolución, se produzan os efectos do silencio administrativo. Todo isto segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015.

Artigo 23. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer axustándose aos modelos publicados na web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal) e por calquera outro medio que permita a súa constancia, sempre que incorpore as sinaturas que correspondan, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. A directora da Axencia Galega de Innovación ditará a correspondente resolución nos termos do artigos 21.1 da dita norma.

Artigo 24. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como daqueloutras específicas que se indican nesta convocatoria, os beneficiarios das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigados a:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención e acreditalo ante o órgano concedente, así como ao cumprimento dos requisitos, prazos e condicións establecidos nas normas reguladoras, na convocatoria e na resolución de concesión ou documento en que se establecen as condicións de axuda.

b) Xustificar ante a Axencia Galega de Innovación, de acordo co previsto nestas bases de convocatoria e na normativa reguladora de subvencións, o cumprimento dos requisitos e condicións, a realización da actividade e dos gastos subvencionables e o cumprimento da finalidade que determinan a concesión e desfrute da subvención.

c) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto de casos previstos na Lei 9/2007.

d) Subministrarlle á Administración, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

e) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión, ás comprobacións do artigo 125.5 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello e, de ser o caso, dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

f) Comunicar á Axencia Galega de Innovación a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

g) Desenvolver as actividades do plan na Comunidade Autónoma de Galicia.

h) Solicitarlle á Axencia Galega de Innovación autorización para realizar aquelas modificacións no desenvolvemento das actuacións aprobadas que estean suxeitas á autorización previa. A realización de modificacións non autorizadas no orzamento financiable suporá a non admisión das cantidades desviadas.

l) Dar publicidade ás axudas recibidas nos contratos de servizos, así como en calquera outro convenio ou contrato relacionado coa execución da actuación, incluída a subcontratación, e en axudas, publicacións, relatorios, equipos, material inventariable e actividades de difusión de resultados financiadas con elas, mencionando expresamente a súa orixe e o cofinanciamento con fondos estruturais da Unión Europea. Ademais, deberán publicar a concesión da axuda na páxina web da empresa e mantela actualizada. Concretamente, na documentación, carteis, propaganda ou publicacións que se elaboren para a súa difusión pública deberá figurar o logotipo da Axencia Galega de Innovación e a frase «Subvencionado pola Axencia Galega de Innovación» así como cofinanciado no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. Así mesmo, deberá informarse que foi apoiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

m) Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos estruturais da Unión Europea, en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, número 2.2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013, o beneficiario deberá, durante a realización da operación:

1. Recoñecer o apoio do Feder á operación mostrando en todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo o emblema da Unión, así como unha referencia á Unión Europea, e unha referencia ao Fondo que dá apoio á operación.

2. Informar o público do apoio obtido do Feder durante a realización do proxecto facendo unha breve descrición na web da empresa, de forma proporcionada ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio financeiro da Unión.

3. Colocar, nun lugar ben visible para o público, por exemplo á entrada das dependencias da empresa, un cartel ou placa permanente de tamaño mínimo A3. O cartel ou a placa indicarán o nome e o obxectivo principal da operación. Elaboraranse de acordo coas características técnicas adoptadas pola Comisión no Regulamento de execución (UE) nº 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

4. No caso de persoal de nova contratación para a empresa, a mención expresa no contrato ao cofinanciamento Feder no marco do eixe 1 do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (obxectivo específico 1.2.1) e a presente convocatoria.

Para o resto de persoal dedicado ás actividades do plan, a empresa deberá comunicar por escrito ao traballador que parte do seu salario está a ser cofinanciado con fondos Feder no marco do eixe 1 do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (obxectivo específico 1.2.1) e incluirá unha mención expresa á presente convocatoria e á porcentaxe de imputación do seu tempo ás actividades do plan.

o) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos realizados ao abeiro desta resolución, e conservar a documentación xustificativa relativa aos gastos financiados durante un prazo de tres anos, a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación; o órgano concedente informará o beneficiario da data de inicio a que se refire este obriga.

p) Calquera outra obriga imposta de maneira expresa aos beneficiarios na resolución de concesión ou no documento en que se establecen as condicións da axuda.

Artigo 25. Xustificación da subvención

1. A xustificación deberá facerse electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Prazos de xustificación:

Períodos de emisión das facturas (realización de gastos) e realización de pagamentos dos gastos executados:

Primeira anualidade: desde a data de presentación da solicitude ata o 30 de novembro de 2017.

Segunda anualidade: desde o 1 de decembro de 2017 ata o 30 de novembro de 2018.

Prazos de presentación da documentación:

Primeira anualidade: ata o 15 de decembro de 2017.

Segunda anualidade: ata o 15 de decembro de 2018.

3. Documentación xustificativa: debe presentarse a documentación económica xustificativa do custo das actividades e a documentación técnica.

As instrucións detalladas e os formularios correspondentes para a presentación da documentación xustificativa estarán dispoñibles na páxina web da Axencia Galega de Innovación, (http://gain.xunta.gal) e será preciso presentar a documentación de forma ordenada seguindo a estrutura establecida nas instrucións.

4. Sen prexuízo da documentación indicada nos artigos seguintes, poderá requirirse que se acheguen cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. Se transcorrido o prazo establecido para a xustificación da subvención, a empresa non presenta a documentación pertinente segundo o indicado, a Axencia Galega de Innovación requiriraa para que no prazo improrrogable de dez días a presente, advertíndolle de que a falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito á subvención e a exixencia do reintegro no caso de ter recibido cantidades en concepto de anticipo, e as demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007.

Artigo 26. Documentación xustificativa económica

1. A empresa beneficiaria deberá presentar un resumo global de execución para a totalidade do plan en que conste:

a) Solicitude, no modelo que estará ao seu dispor na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), no cal constarán as seguintes declaracións responsables:

1ª. Conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade e tamén aquelas solicitadas ou concedidas, para os mesmos custos aínda que a finalidade fose diferente, de todas as administracións públicas. De ser o caso, deberá achegarse unha copia simple da resolución de concesión desas outras axudas.

2ª. Un resumo da execución do plan en que conste o concepto subvencionable, o provedor, o importe (IVE excluído) e a data de cada un dos xustificantes presentados agrupados por conceptos de gastos.

3ª. A titularidade da conta da entidade beneficiaria onde se deba efectuar o pagamento.

b) Documentación xustificativa do gasto: os gastos xustificaranse con facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa pagados, en orixinal ou copias auténticas electrónicas.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá presentar unha copia autentica electrónica dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

c) Documentación xustificativa do pagamento: os pagamentos xustificaranse con orixinais ou copias auténticas electrónicas de transferencias bancarias, certificacións bancarias, extractos bancarios, ou documentos obtidos a través da banca electrónica sempre que conten co selo do banco. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor.

Nestes documentos deberán estar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, o número e a satisfacción do importe total da factura (IVE incluído), así como o concepto a que se refiren. No caso en que no documento de pagamento non se faga referencia ás facturas, deberá ir acompañado da documentación complementaria que permita verificar a correspondencia entre gasto e pagamento.

No caso en que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas, xuntarase unha relación detallada delas en que se poida apreciar que o pagamento se corresponde coas devanditas facturas. No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao plan, será necesario xuntar o correspondente extracto bancario acompañado da orde de pagamento da empresa selada polo banco coa relación detallada das facturas.

En ningún caso se admitirán pagamentos xustificados mediante recibos do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

d) Certificado relativo á situación da entidade co respecto ao IVE, só para os casos de que o IVE non sexa recuperable.

e) Para a xustificación de custo de persoal, deberá presentarse:

1º. Certificación dos custos de persoal emitida polo responsable de recursos humanos co visto e prace representante legal da empresa, consistente nunha relación detallada por meses do persoal dedicado as actividades do plan, que deberá incluír os seguintes datos: DNI, nome, apelidos, posto na entidade, retribución bruta e líquida mensual, data de pagamento das retribucións, importe da Seguridade Social con cargo ao organismo de investigación/empresa, data de pagamento da Seguridade Social e custo total imputado (retribucións e seguridade social) segundo a dedicación de cada traballador ás actividades do plan.

2º. Follas mensuais comprensivas da totalidade das horas efectivamente dedicadas ao plan subvencionado asinadas por cada traballador/a e a persoa responsable da entidade. Estas follas irán acompañadas dun resumo onde conste o número total de horas efectivamente dedicadas ao programa no período subvencionable (total de meses e de traballadores).

3º. Xustificación da comunicación por escrito ao traballador de que parte do seu salario está a ser cofinanciado con fondos Feder, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

4º. Declaración asinada polo responsable de recursos humanos cos importes mensuais de retencións do IRPF dos traballadores dedicados ás actividades do plan, xunto cos modelos 111 e dos seus correspondentes xustificantes bancarios. Nos documentos correspondentes a cotas liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe considerarase xustificado coa presentación da citada declaración e as entidades quedarán obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación no prazo máximo de dous meses desde a data límite de xustificación establecida na convocatoria.

5º. Orixinais ou copias auténticas electrónicas das nóminas do persoal dedicado ás actividades do plan e orixinais ou copias auténticas electrónicas dos xustificantes bancarios do seu pagamento. Nos xustificantes de pagamento das nóminas deberán vir detallados os seus receptores, así como as cantidades percibidas por cada un deles. Cando a documentación xustificativa deste gasto conste dun xustificante bancario da remesa total mensual, deberá achegarse a listaxe da orde de transferencia en que se detallen os distintos traballadores incluídos, que deberá estar selada pola entidade bancaria.

6º. Boletíns de cotización á Seguridade Social e os seus xustificantes de pagamento (orixinais ou copias auténticas electrónicas). Nos documentos correspondentes a cotas liquidables con posterioridade á data de xustificación, as entidades quedarán obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación no prazo máximo de dous meses desde a data límite de xustificación establecida na convocatoria.

7º. Informe de vida laboral emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social para cada un dos traballadores (orixinal ou copia compulsada).

8º. No caso de persoal de nova contratación deberá achegarse orixinal ou copia compulsada do contrato de traballo en que se poida verificar a contratación para o desenvolvemento de actividades do plan.

f) De acordo co establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable iguale ou supere a contía de 18.000 euros, no suposto de subministración de bens de equipamento e servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá presentar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso da prestación de servizo ou entrega do ben, salvo que polas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto fose realizado con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán presentarse na xustificación, deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

g) No caso de equipamentos e material instrumental, declaración asinada polo representante legal da empresa en que se detalle:

1º. Que o equipamento e material instrumental imputado á subvención non foi adquirido con fondos ou axudas públicas.

2º. De ser o caso, o cadro de amortización de cada equipamento calculado sobre a base de boas prácticas contables, así como informe técnico sobre o período de amortización. En todo caso, esta documentación deberá ir acompañada dos estados contables da entidade e dos correspondentes documentos xustificativos do gasto e pagamento da compra. A Axencia Galega de Innovación poderá comprobar a veracidade destes datos accedendo, en calquera momento, aos documentos contables da empresa.

h) No caso de subcontratacións deberá achegarse a seguinte documentación:

1º. Orixinal ou copia auténtica electrónicas da factura emitida pola entidade subcontratada en que se especifique claramente o título e o contido das actividades do plan financiadas.

2º. Xustificantes de pagamento da/das factura/s da subcontratación.

3º. Memoria realizada polo subcontratista das súas actividades no plan.

2. Non obstante o disposto neste artigo, no presente procedemento admitiranse os documentos en papel ou copias debidamente compulsadas debido a circunstancias funcionais e/ou tecnolóxicas derivadas da implantación progresiva por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma en relación coa organización da emisión das copias auténticas electrónicas.

Artigo 27. Documentación xustificativa técnica

1. A documentación xustificativa técnica das actividades desenvolvidas constará de:

a) Informe técnico normalizado en que constarán as actividades realizadas, as melloras producidas e os obxectivos acadados en relación co impacto do plan subvencionado no incremento do desempeño innovador da empresa.

b) Memoria sobre a evolución do plan, na cal se deberá incluír a xustificación do cumprimento das normas de publicidade do artigo 26, letra n), a través de:

1º. Fotografía/s do cartel ou placa colocado nun lugar visible das dependencias na empresa.

2º. Enlace á páxina web da empresa.

3º. Probas gráficas das medidas de información e comunicación realizadas.

Na páxina web da Axencia Galega de Innovación atoparanse as instrucións detalladas sobre as características e colocación do cartel ou placa e a elaboración desta memoria.

2. Sen prexuízo da documentación anteriormente indicada, poderá requirirse do solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Artigo 28. Pagamento

1. O pagamento farase efectivo, para cada anualidade, unha vez presentada e comprobada a correcta xustificación da execución do plan sen necesidade de achegar ningún tipo de garantías, de acordo co establecido nos artigos 65.2 e 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvenciones de Galicia.

De acordo co establecido no artigo 62.2 do dito regulamento, o importe conxunto dos pagamentos á conta non poderá ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, nin excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

2. Antes de proceder a cada pagamento, a Axencia Galega de Innovación comprobará, de oficio, a adecuada xustificación da subvención, así como a realización das actividades e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o seu desfrute.

3. Ademais, con carácter previo ao pagamento final da subvención, a Axencia Galega de Innovación, comprobará o impacto das actividades desenvolvidas no plan de innovación no desempeño innovador da empresa, tendo como referencia as previsións da entidade beneficiaria valoradas no artigo 18 desta resolución.

A comprobación dará lugar a un informe técnico positivo ou negativo. O segundo caso suporá, de acordo co disposto no artigo 29, unha minoración da axuda igual á porcentaxe de incumprimento sinalado no informe técnico, sempre e cando o incumprimento non supere o 75 por cento, suposto en que procederá o reintegro total.

Artigo 29. Gradación dos incumprimentos, reintegros e sancións

1. A entidade beneficiaria deberá cumprir cos obxectivos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da axuda, así como os compromisos asumidos nela durante o tempo de duración do plan. De non ser así, perderá o dereito ao seu cobramento e/ou, de ser o caso, procederá ao reintegro da subvención.

Tamén deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención e os xuros de mora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007. Para facer efectiva esta devolución tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada lei e no Decreto 11/2009.

2. Serán causas de reintegro as seguintes:

a) O falseamento, inexactitude ou omisión dos datos fornecidos polo beneficiario que servisen de base para a concesión da axuda ou ocultamento daqueles datos que a impedisen.

b) O incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou da finalidade para o que a axuda foi concedida.

c) O incumprimento da obrigación de xustificación, xustificación insuficiente, xustificación fóra do prazo establecido, falsidade, terxiversación ou ocultamento nos datos ou documentos que serven de base para xustificar os investimentos subvencionables ou outras obrigacións impostas na resolución de concesión da axuda.

d) O incumprimento da obrigación de adoptar as medidas de difusión contidas no artigo 24 da presente resolución.

e) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigacións contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) O incumprimento dos prazos de mantemento da actividade, do emprego ou do investimento.

g) A obtención de financiamento de distintas procedencias ou concorrencia de subvencións por riba do custo das actividades subvencionadas.

h) Calquera das demais causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007.

3. O incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, da realización do investimento financiable ou da obriga de xustificación, será causa de perda do dereito ao cobramento ou de reintegro total da subvención.

En todo caso, serán causas de incumprimento total:

– Non xustificar a execución dun orzamento para o plan de innovación dun mínimo de 90.000 € para microempresas ou 140.000 €, para pequenas e medianas empresas.

– A obtención dun informe final negativo que estableza unha porcentaxe de incumprimento superior ao 75 %, de acordo co disposto no artigo 28.3 desta resolución.

4. Sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, poderase apreciar un incumprimento parcial; deberase resolver sobre o seu alcance aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a. No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de realizar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables, e deberase, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción.

b. Se se incumprisen as tarefas, compromisos, obxectivos ou condicións do plan dando lugar a un informe final negativo, o incumprimento valorarase en función deste e suporá a aplicación dunha minoración da axuda igual á porcentaxe de incumprimento sinalado no informe técnico, sempre que se acade a porcentaxe mínima para non dar lugar ao reintegro total.

c. Non comunicar a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas suporá o reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora e a perda dun 5 % da subvención concedida, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

d. Non darlle publicidade ao financiamento do proxecto segundo a normativa comunitaria, de conformidade co artigo 24 destas bases, suporá a perda dun 2 % da subvención concedida.

e. Non comunicar a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención suporá a perda do 5 % da subvención concedida, sen prexuízo do reintegro total no caso de non cumprirse os límites establecidos no artigo 21.

f. Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, suporá a perda dun 2 % da subvención concedida.

No caso de condicións que constitúan obrigas que o beneficiario debe acreditar en fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas, etc.), estas deberán xustificarse, en todo caso, para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso en que se detecte en controis posteriores ao pagamento algún incumprimento relativo a esas obrigas.

A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á apreciación conxunta destas, aplicando a minoración conxunta correspondente.

5. Se o incumprimento deriva da inobservancia dalgunha condición ou suposto distinto dos anteriores, o seu alcance será determinado en función do grao e da entidade da condición incumprida.

6. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 30. Control

1. A Axencia Galega de Innovación poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxecto das subvencións.

2. A Axencia Galega de Innovación, polos medios que considere, poderá realizar en calquera momento aos beneficiarios as visitas, comprobacións e solicitudes de aclaracións que considere necesarias para o correcto desenvolvemento das actividades do plan, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade de orixe dos fondos. Se se constata unha incorrecta utilización dos fondos ou desvío dos obxectivos, poderá propoñer a suspensión da subvención concedida.

3. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión do programa operativo Feder, así como ás verificacións do artigo 125.5 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 31. Publicidade

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 32. Normativa aplicable

As axudas obxecto desta convocatoria réxense polas normas comunitarias aplicables por razón do cofinanciamento pola Unión Europea e polas normas nacionais de desenvolvemento ou transposición destas. En particular, seralles de aplicación a seguinte normativa comunitaria:

a) Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

b) Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello.

c) Regulamento (UE) nº 1301/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre as disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006.

Supletoriamente seralles de aplicación a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvenciones de Galicia, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, a normativa básica da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, así como, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e demais disposicións que resulten de aplicación.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a directora da Axencia Galega de Innovación para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2017

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación

ANEXO I
Catálogo de actividades subvencionables

Concepto xeral:

Desenvolvemento de actividades que permitan incrementar a capacidade innovadora das empresas, introducindo innovacións significativas no desenvolvemento de produtos, servizos e procesos, que melloren a eficiencia produtiva e das que deriven vantaxes competitivas.

As actividades definidas no plan deben incluír accións nalgún dos seguintes eidos de actividade:

I. Actividades de innovación.

I. Innovación en materia de procesos.

II. Innovación en materia de organización.

Tipos de actividade:

I. Actividades de innovación:

As actividades irán enfocadas principalmente a corrixir deficiencias de mercado relacionadas con externalidades positivas (desbordamento do coñecemento), deficiencias de coordinación e, en menor medida, información asimétrica, tales como:

– Auditoría/consultaría en produto/servizo. Análise da carteira de produtos/servizos dirixidos a actividades de innovación.

– Estudos de viabilidade técnica, económica e/ou de mercado previos ao desenvolvemento de produto/servizo; estudos de satisfacción e detección de necesidades dos mercados.

– Deseño e desenvolvemento de novos produtos/servizos ou mellora dos existentes; certificación e homologación de produto.

– Desenvolvemento de estratexias baseadas na diferenciación mediante o deseño e a innovación de produto.

– Protección da propiedade industrial:

a. Elaboración de estudos da estado da arte previos á xestión da propiedade industrial, á solicitude de patentes, modelos de utilidade e outras licenzas; vixiancia e prospectiva tecnolóxica.

b. Xestión da solicitude de patentes, modelos de utilidade, e outras licenzas.

c. Asesoramento para a transferencia de tecnoloxía.

– Obtención de certificacións oficiais vinculadas coa capacidade innovadora, como a especificación EA0047 «Requisitos para a consideración como pequena ou mediana empresa innovadora», EA0043 «Requisitos da Xove empresa innovadora. XEI» e as incluídas na serie de Normas UNE 166000 dedicadas a apoiar a optimización da «Xestión da I+D+i».

– Asesoramento para a xestión de proxectos colaborativos de I+D+i.

– Asesoramento para a aplicación de incentivos fiscais de I+D+i.

II. Innovacións en materia de procesos:

As actividades irán enfocadas á incorporación de solucións que incidan na mellora da eficacia dos procedementos internos da organización, tales como:

– A reenxeñaría de procesos de produción e de negocio.

– A implantación de melloras significativas e innovadoras nos procesos.

As actividades que se van realizar poderán incluír:

– Deseño e desenvolvemento de novos procesos produtivos e organización da produción:

a. Parámetros de operación.

b. Layout.

c. Probas.

– Innovación en tecnoloxías relacionadas coa simulación nos procesos produtivos para facelos máis eficientes e mellorar a súa produtividade como garante de competitividade a nivel internacional (fábrica do futuro); en particular:

a. Implantación de ferramentas de Lean Productivity, Lean Manufacturing ou similares.

b. Incorporación de tecnoloxías facilitadoras (TFE).

III. Innovacións en materia de organización:

As actividades irán dirixidas a implantar na organización cambios e/ou ideas innovadoras que incidan positivamente na modificación e mellora do posicionamento da empresa, como poden ser:

– Implementación de novos métodos de organización no negocio, na organización do traballo e/ou nas relacións cara ao exterior: definición e introdución de novas iniciativas de innovación que supoñan cambios na xestión interna da empresa e propicien a súa participación en redes empresariais, o establecemento de relacións de cooperación e innovación aberta, a redefinición das estratexias de comercialización e relación con clientes e provedores ou a apertura de novos mercados.

– Creación de departamentos/unidades de I+D+i: creación e ampliación da capacidade tecnolóxica estable dentro das empresas mediante a contratación de persoal especializado e creación de estruturas de investigación e innovación de dimensión apropiada para a xeración de desenvolvemento tecnolóxico e non asociadas á actividade produtiva.

ANEXO II
Retos, prioridades e obxectivos da Estratexia de especialización
intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3 Galicia)

Reto 1: Xestión innovadora de recursos naturais e culturais.

Modernización dos sectores tradicionais galegos a través da introdución de innovacións que incidan no melloramento da eficiencia e rendemento no uso dos recursos endóxenos e a súa reorientación cara a usos alternativos con maior valor engadido en actividades enerxéticas, acuícolas, farmacolóxicas, cosméticas, alimentarias e culturais.

Prioridades asociadas:

1.1. Valorización dos subprodutos e residuos xerados polas cadeas de produción vinculadas ao mar mediante a súa utilización como compoñentes de produtos cosméticos, aditivos alimentarios, aplicacións farmacolóxicas, para conseguir unha diminución significativa nos residuos xerados e acadar un posicionamento nos mercados de produtos innovadores con alto valor engadido (valorización-mar).

As áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva e articularanse arredor dos seguintes obxectivos específicos:

– Loxística da concentración, recollida e transporte de subprodutos e residuos ligados a actividades dos sectores primarios vinculados ao mar.

– Aplicación de residuos e subprodutos na produción de biocombustibles.

– Novas aplicacións para a valorización destes residuos (como compoñentes de produtos cosméticos, aditivos alimentarios e aplicacións farmacolóxicas, etc.) a partir de subprodutos e descartes da actividade pesqueira.

– Novas actividades e modelos de negocio de servizos relacionadas con estas novas aplicacións.

– Mellora significativa en un contexto global da produción ou comercialización de bens ou servizos asociados aos usos actuais dos residuos e subprodutos ligados ás actividades do sector primario.

– Mellora da capacidade de absorción de coñecemento nas empresas, en particular das pemes, orientado ao desenvolvemento endóxeno e colaborativo das actividades de innovación recollidas nesta epígrafe.

– Calquera outra que mellore a competitividade do sector e fomente a creación de emprego.

1.2. Desenvolvemento do sector acuícola galego para converter a rexión en referente internacional na xeración de novos produtos e servizos de base tecnolóxica aplicados á acuicultura (acuicultura).

As áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva e articularanse arredor de tres grandes áreas de actuación:

– Potenciar a diversificación con actuacións nos seguintes eidos: biodiversidade, sistemas produtivos (instalación de tecnoloxías de cultivo) e comercialización (produtos e presentacións).

– Reforzamento da capacidade de absorción de coñecemento das estruturas produtivas para emprego da biotecnoloxía como vector para acadar unha maior eficiencia produtiva e enerxética nas distintas fases dos cultivos; na optimización do uso da auga e xestión dos residuos da produción, na alimentación e na loita contra as patoloxías.

– Mellora da comercialización e rastrexabilidade. Co apoio de ferramentas TIC potenciar a imaxe de marca e incrementar o valor engadido achegando información da calidade alimentaria, rastrexabilidade do produto, das garantías hixiénico-sanitarias e, en definitiva, da seguridade alimentaria dos produtos procedentes da acuicultura.

– Calquera outra iniciativa que contribúa á mellora da competitividade do sector e fomente a creación de emprego estable e de calidade.

Modernización dos sectores.

1.3. Diversificación do sector enerxético galego para acadar un melloramento significativo da eficiencia no aproveitamento de recursos naturais galegos priorizando a biomasa e a enerxía mariña (biomasa e enerxías mariñas).

As áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva, de aí que se promovesen neste eido iniciativas de investigación, desenvolvemento e innovación en equipamentos, técnicas e tecnoloxías tanto de explotación e aproveitamento da biomasa como da propia produción de combustibles, entre as cales se poden salientar:

– Técnicas de explotación e aproveitamento forestal, innovando na maquinaria de recollida e tratamento de biomasa.

– Procesos asociados á fabricación e loxística de distribución de combustibles.

– Caldeiras de alta eficiencia e policombustibles.

– Gasificación de biomasa.

– Microcoxeración con biomasa.

– Calquera outra área de mellora que permita mellorar a competitividade do sector e xerar emprego.

Por outra banda, Galicia presenta unhas condicións naturais excelentes para a explotación das enerxías procedentes do mar e conta cun tecido industrial forte en tecnoloxías navais que podería atopar neste eido unha senda de diversificación cara a un novo nicho de mercado.

As áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva, de aí que se apoiará o desenvolvemento de tecnoloxías asociadas ao aproveitamento enerxético do medio mariño (concretamente a enerxía das ondas ou undimotriz, a das correntes mariñas e a eólica off-shore) o que permitirá aproveitar as sinerxías de coñecemento e capacitación doutros sectores galegos, coma o naval e o eléctrico, para a súa exportación a aqueles países onde o aproveitamento enerxético é unha oportunidade de negocio e calquera outra área de mellora que permita mellorar a competitividade e xerar emprego.

1.4. Modernización dos sectores primarios galegos (agricultura, pesca, gandaría e forestal) cara á mellora sustentable dos indicadores de eficiencia e rendibilidade das explotacións e á xeración de produtos e servizos innovadores (modernización de sectores primarios).

As áreas de mellora relacionadas con esta prioridade deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva e articularanse principalmente arredor de innovacións para optimizar o uso dos recursos (fertilizantes, concentrados, fitosanitarios, auga, enerxía, xenética ou poboación mariña), ampliar a base territorial das explotacións, mellorar a súa xestión económica, crear novos produtos e canles de comercialización, reducir e controlar os riscos ambientais e mellorar a eficiencia enerxética, avanzar na loita integrada de pragas e no control de enfermidades; reducir a contaminación das augas e do aire polos gases de efecto invernadoiro y protección e explotación sustentable de recursos hídricos (rías e continentais). Así mesmo, de forma transversal, realizaranse actuacións de conservación, reposición e restauración do ambiente e o equilibrio territorial, que contribúan á mellora, valorización e modernización dos recursos naturais e dos seus aproveitamentos.

1.5. Modernización do sector turismo e das industrias culturais galegas a través do uso intensivo das TIC para acadar un sector turístico competitivo a nivel europeo baseado no turismo cultural e nos recursos naturais (TIC-turismo).

Para acadar este obxectivo, as áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva e articularanse arredor de tres grandes áreas de actuación:

– Dotar de contidos innovadores mediante a aplicación das TIC e o fomento das ICC en todos os recursos dispoñibles na nosa comunidade: patrimonio, cultura, gastronomía, natureza, etc., respondendo así a unha demanda cada vez máis exixente e especializada.

– Fomentaranse iniciativas que desde o ámbito da tecnoloxía e da creatividade permitan xerar novos produtos turísticos e novas actividades económicas de dimensión internacional, xogando as administracións un papel de facilitador e provedor de contornos adecuados para este desenvolvemento por parte das empresas.

– Aumentar as canles de comercialización e a competencia apostando pola venda directa sen intermediarios turísticos e eliminando trabas á libre competencia.

– En xeral, calquera outra área de mellora susceptible de mellorar a competitividade e a xeración de emprego no sector turístico galego.

Reto 2: O modelo industrial da Galicia do futuro.

Aumentar a intensidade tecnolóxica da estrutura industrial de Galicia, a través da hibridación e das tecnoloxías facilitadoras esenciais.

Prioridades asociadas:

2.1. Diversificación en sectores tractores galegos e os seus sectores auxiliares a través dun uso intensivo das tecnoloxías facilitadoras (TFE), orientado ao fornecemento de novos procesos e produtos de alto valor engadido que permitan explorar novos mercados baseados na hibridación, no coñecemento e na tecnoloxía (diversificación dos sectores tractores).

Para acadar os obxectivos desta prioridade, as áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva e articularanse arredor de catro grandes áreas de actuación:

– Desenvolvemento de estratexias baseadas na diferenciación mediante o deseño e a innovación de produto incorporando o uso de materiais intelixentes aplicados á industria do transporte ou ao sector téxtil.

– Diversificación de industrias tradicionais vinculadas tradicionalmente a sectores tractores, como é o caso do sector do metal galego moi ligado ao naval e á automoción, cara a actividades de alta tecnoloxía, por exemplo como provedores do sector aeronáutico e aerospacial.

– Desenvolvemento de dinámicas de innovación colaborativas empresa-investigación-Administración, potenciando a capacidade de proxección tecnolóxica e comercialización a nivel internacional, por exemplo nos campos vinculados coas necesidades clave da Administración pública.

– En xeral, calquera outra área de mellora susceptible de incrementar a competitividade e a xeración de emprego nos sectores tractores galegos.

2.2. Potenciar a competitividade do sector industrial galego a través da optimización de procesos produtivos baixo o concepto de «fábrica do futuro» e a través da ecoinnovación para a mellora da eficiencia e do comportamento ambiental na industria (competitividade do sector industrial).

Para iso defínense como obxectivos específicos:

– Tecnoloxías de proceso: a fábrica do futuro. Potenciar a innovación en tecnoloxías relacionadas coa simulación nos procesos produtivos dos sectores industriais galegos para facelos máis eficientes e mellorar a súa produtividade como garante de competitividade a nivel internacional.

– Tecnoloxías limpas: ecoinnovación. É indubidable a importancia que os procesos industriais produtivos teñen na nosa sociedade e as implicacións de carácter ambiental que estes entrañan, por isto un dos obxectivos desta prioridade é apoiar a transformación dos modelos produtivos cara a unha produción máis ecoinnovadora e eficiente orientada á optimización de procesos e á xeración de produtos baseados en coñecemento respectuosos co ambiente.

– En xeral, calquera outra medida susceptible de mellorar a competitividade e a xeración de emprego nos sectores industriais galegos.

2.3. Impulso das TIC como sector tractor da economía do coñecemento en Galicia, o mesmo que outras tecnoloxías facilitadoras esenciais (TFE) (economía do coñecemento: [TIC e TFE]).

Nesta prioridade deberán implicarse todos os axentes do ecosistema de innovación rexionais para a consolidación eficiente dun sector tecnolóxico auxiliar cunha dobre perspectiva:

– Impulso dun sector competitivo, innovador e xerador de emprego cualificado capaz de facer fronte aos retos da nova economía do coñecemento.

– Fortalecemento dun sector tecnolóxico integrador que actúe non só como provedor auxiliar aos sectores estratéxicos de Galicia, senón tamén como elemento tractor debido á súa compoñente transversal.

Reto 3: Novo modelo de vida saudable baseado no envellecemento activo.

Posicionar Galicia para o ano 2020 como a rexión líder no sur de Europa na oferta de servizos e produtos intensivos en coñecemento relacionados cun modelo de vida saudable: envellecemento activo, a aplicación terapéutica de recursos hídricos e mariños e a nutrición funcional.

Prioridades asociadas:

3.1. Galicia como rexión líder no sur de Europa na aplicación das novas tecnoloxías ao ámbito do envellecemento activo e a vida saudable e na promoción da autonomía persoal (envellecemento activo).

As actividades principais vinculadas a esta prioridade centraranse en:

– Reforzar as áreas de xeración de coñecemento relacionadas con esta prioridade nas cales Galicia acredita unha capacidade competitiva internacional.

– Propiciar un ambiente adecuado para o florecemento de novas iniciativas empresariais de base tecnolóxica capaces de valorizar o coñecemento xerado en Galicia atendendo ás demandas tecnolóxicas do ecosistema sociosanitario.

– Consolidar o desenvolvemento e a comercialización de novos produtos ou servizos no ámbito das TIC vinculados ao envellecemento activo e á vida saudable.

– Apoiar o desenvolvemento e a introdución nos mercados de novos produtos ou servizos biotecnolóxicos de alto valor engadido dirixidos, sobre todo, á industria farmacéutica e biotecnolóxica.

– Apoiar o desenvolvemento e a comercialización de novos produtos intensivos en coñecemento baseados na valorización do potencial do termalismo e das actividades deportivas para usos terapéuticos e promoción da autonomía persoal.

– Potenciar calquera outra área de mellora que poida contribuír á xeración de novos nichos de mercado e emprego estable e de calidade, asociado ás actividades económicas comprendidas nesta prioridade, a través dun uso intensivo do coñecemento e a tecnoloxía.

3.2. Diversificación do sector alimentario galego para posicionalo como referente internacional arredor da innovación en nutrición como elemento clave para unha vida saudable (alimentación e nutrición).

Para acadar os obxectivos desta prioridade, as áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva e articularanse arredor das seguintes grandes áreas de actuación:

– Apoio á xeración de valor engadido a través da consolidación dunha estrutura produtiva e de investigación artellada arredor da nutrición, dos alimentos funcionais, nutracéuticos, da alimentación adaptada para etapas e condicións da vida como a terceira idade ou a obesidade, alimentación saudable para patoloxías específicas como a diabetes, a hipertensión e, en xeral, dos hábitos de vida saudable vinculados á alimentación.

– Apoio tamén á mellora de procesos de produción, apoiado no uso das TIC que permitan o seguimento integral da cadea produtiva-extractiva (rastrexabilidade), para garantir a seguridade e calidade dos produtos e a confianza do consumidor.

– Apoio ao desenvolvemento de proxectos de colaboración público-privada en Galicia, fomentando o cambio nun sector tradicional con potencial innovador non explotado e aproveitando a sólida base académica e institucional.

– Potenciarase calquera outra área de mellora que poida contribuír á xeración de novos nichos de mercado e emprego estable e de calidade neste sector tan relevante na nosa comunidade.

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO IV
Guión memoria técnica do plan de innovación
Número máximo de páxinas: 20 (excluídos apéndices)
Tamaño de letra: arial 11

1. Presentación da entidade solicitante.

Breve presentación da entidade solicitante: sector, actividade económica, ámbito territorial, experiencia en actividades de I+D+i...

2. Tipo e categoría da empresa.

Os datos para determinar a categoría da empresa, calculados segundo o artigo 2 do anexo I do do Regulamento (UE) nº 651/2014, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas son os seguintes:

PERÍODO DE REFERENCIA

EFECTIVOS (UTA)

VOLUME DE NEGOCIO

BALANCE XERAL

Último exercicio*

Exercicio anterior**

CATEGORÍA DA EMPRESA

TIPO DE EMPRESA SEGUNDO VINCULACIÓN

GRUPO EMPRESARIAL (se é o caso)

*Estes datos deberán corresponder ao último exercicio contable pechado e calcularanse con carácter anual. En empresas de nova creación que non pechasen aínda as súas contas utilizaranse datos baseados en estimacións fiables realizadas durante o exercicio financeiro.

**Datos do exercicio contable inmediatamente anterior ao último pechado.

3. Descrición do plan de innovación.

3.1. Breve resumo dos obxectivos do plan de innovación.

3.2. Impacto do plan de innovación no desempeño innovador da empresa:

a) Coherencia do plan co informe Innobench:

Data do informe:

Valoración obtida:

Accións de mellora propostas no informe Innobench

Actividade do plan de innovación relacionada

1.

2.

3.

4.

5.

Observacións:

b) Impacto da implementación do plan nos indicadores de innovación da empresa:

Indicador

Concepto

Valor 2015

Valor 2016

Valor estimado 2019

1. Gasto en I+D+i

Total de gastos en I+D+i, independentemente da orixe do financiamento (€)

2. Esforzo en I+D interna

Gasto I+D interna/facturación (%)

3. Compromiso orzamentario privado

Recursos de orixe privada/recursos de orixe pública (%)

4. Persoal en I+D+i

Nº de persoas dedicadas a actividades de I+D+i dentro da empresa

5. Cooperación en I+D+i

Nº de proxectos de I+D+i en actividades de cooperación*

* Especificar proxectos e socios en apéndice anexo.

3.3. Metodoloxía e plan de traballo:

a) Cadro-resumo das actividades (v. anexo I):

Obxectivo do plan

Actividade

Desenvolvemento interno/externo (subcontratación)

Entidade provedora (se é o caso)

Data inicio

(prevista)

Data fin

(prevista)

Custo estimado

TOTAL

b) Explicación do plan de traballo e metodoloxía.

3.4. Equipo humano:

Relación de persoas que participarán no plan. Breve CV de cada unha delas indicando, entre outros aspectos:

• Titulación/formación específica.

• Actividade que actualmente desempeña dentro da entidade.

• Actividade/s do plan en que vai a participar.

• Perfís de persoal de nova contratación que se vai incorporar.

4. Mercado potencial dos resultados do desenvolvemento do plan.

4.1. Novos produtos/servizos innovadores ou proxectos de I+D resultado da implementación do plan.

4.2. Apertura de novos mercados.

5. Capacidade de internacionalización dos resultados do plan.

6. Impacto socioeconómico.

6.1. Impacto nos retos e prioridades da RIS3 para Galicia.

6.2. Colaboración con organismos de investigación públicos e privados con sede en Galicia (achegaranse, en apéndice, cartas de compromiso ou acordos contractuais).