Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Xoves, 3 de agosto de 2017 Páx. 36663

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 20 de xullo de 2017 pola que se convocan cursos para persoal da Administración local de Galicia.

De acordo co convenio de colaboración subscrito, con data do 4 de xaneiro de 2017, entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e a Deputación Provincial de Ourense para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación, convócanse cursos para persoal da Administración local de Galicia.

RESOLVO:

Convocar os cursos para persoal da Administración local de Galicia que figuran no anexo II, que deberán desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2017

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos dos participantes

Persoal ao servizo da Administración local de Galicia e, en caso de vacante, persoal de Administración autonómica e estatal que se atope en situación de servizo activo, permiso por maternidade, adopción ou excedencia polo coidado dun fillo ou dun familiar e que reúna os requisitos establecidos na presente convocatoria.

Toda persoa solicitante que ao inicio do curso estea en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

As actividades formativas realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que para cada un deles se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <http://egap.xunta.gal>.

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será de dez días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <http://egap.xunta.gal/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil e, ao tratarse de actividades impartidas na modalidade de teleformación, deberán dispor dun equipamento informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Un computador con conexión á internet.

– Un navegador web co plugin de flash.

6. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade, permiso de maternidade, etc) de acordo cos criterios de selección deberán remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ou ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). A devandita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 62 54 e 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

Cuarta. Criterios de selección

1. Con carácter xeral, darase prioridade no proceso de selección dos participantes aos solicitantes que presten servizos na Administración local da provincia de Ourense.

2. Os criterios selectivos que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na Resolución da Escola Galega de Administración Pública do 4 de xaneiro de 2008 (DOG do 10 de xaneiro).

Para os efectos do previsto no punto segundo da citada resolución, o baremo que se empregará para a selección establécese sobre unha base de 100 puntos, dos cales o 60 % estará vinculado ao número de horas de formación recibidas nos dous últimos anos e o 40 % restante á antigüidade na Administración.

Os empates desfaranse de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG do 25 de marzo). Para o ano 2017, segundo a Resolución da Consellería de Facenda do 20 de xaneiro de 2017 (DOG núm. 20, do 30 de xaneiro), comezarase pola letra K.

3. No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpran os requisitos do curso poderá completarse o número de alumnos/as asignado mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP.

Quinta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

A EGAP publicará no enderezo <http://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas.

O prazo de presentación de alegacións será de cinco días naturais desde a súa publicación.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda, todo isto de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Sexta. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de tres días hábiles anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e mais a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia nas actividades presenciais:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante os responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas presenciais pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

d) Seguimento das actividades de teleformación:

As persoas que non completen o 75 % das actividades e tarefas propostas pola titoría pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

4. A asistencia e a puntualidade:

a) É obrigatoria a asistencia con puntualidade ás probas de avaliación. Para estes efectos, realizarase un único chamamento por orde alfabética. En ningún caso se admitirán cambios na asignación de quendas das probas.

b) As persoas participantes deberán vir provistas de DNI ou dun documento fidedigno acreditativo da súa identidade.

c) Para poder facer a proba de avaliación, cada participante debe lembrar o contrasinal que lle permite entrar na aula virtual, que coincide co que lle dá acceso á zona de matrícula.

d) Non se permitirá o uso de dispositivos electrónicos durante o desenvolvemento das probas.

e) As faltas de asistencia:

Deberán xustificarse documentalmente ante os responsables das probas das actividades formativas nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización das probas.

Sétima. Realización de probas

Para poder superar as actividades de teleformación é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:

– A asistencia á sesión presencial, se a houber.

– A adecuada realización de todas as actividades que o/a titor/a propoña. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito a participar no exame final presencial.

– A superación das probas de avaliación que para os efectos se establezan. Para superaren as probas de avaliación, os alumnos deberán responder de forma correcta un 50 % das preguntas da proba. As respostas incorrectas non descontarán acertos.

Ao inicio da actividade formativa publicarase o correspondente programa na plataforma de teleformación e indicaranse as probas de avaliación previstas, así como as datas e o horario en que estas terán lugar. A EGAP informará a través da súa páxina web e tamén a través da plataforma de teleformación das datas concretas e do horario da proba final.

Para poder aprobar a actividade formativa, o alumnado deberá superar unha proba final de avaliación. As datas e o lugar de realización desta serán os indicados no anexo II.

Oitava. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto ou non apto cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Novena. Facultades da EGAP

1. A EGAP e a Deputación Provincial de Ourense poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e a Deputación Provincial de Ourense reservan para si o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, caso en que empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e a Deputación Provincial de Ourense garantirán na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código: CV17020

Curso de sistemas operativos e busca de información: internet/intranet e correo electrónico-Windows 7.

1. Obxectivos.

Realizar unha aproximación ao funcionamento dos sistemas operativos, redes intranet e internet e xestores de correo electrónico no contorno Windows.

2. Destinatarios.

Persoal da Administración local da provincia de Ourense e, en caso de vacantes, persoal da Administración local, autonómica e do Estado.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: mixta (7,5 horas presenciais e 22,5 horas de teleformación).

Duración: 30 horas.

Datas: do 11 de setembro ao 2 de outubro de 2017.

Datas das sesións presenciais: 11 e 25 de setembro e 2 de outubro de 2017, en horario de 17.00 a 19.30 horas.

Lugar: aulas de informática de Postal Escuela de Negocios (rúa Reza nº 3, Ourense).

Prazas: 25.

4. Contido.

Módulo 1. Introdución ao ordenador (hardware e software).

Módulo 2. Utilización básica do sistema operativo.

Módulo 3. Personalizar o ámbito.

Módulo 4. Introdución á internet.

Módulo 5. Navegación pola world wide web.

Módulo 6. Utilización e configuración do correo electrónico.

Módulo 7. Transferencia de ficheiros FTP.

Código: CV17021

Curso de aplicacións informáticas de tratamento de textos: Microsoft Word’2010.

1. Obxectivos.

Coñecer a aplicación informática de tratamento de textos Microsoft Word 2010 e o seu manexo.

2. Destinatarios.

Persoal da Administración local da provincia de Ourense e, en caso de vacantes, persoal da Administración local, autonómica e do Estado.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: mixta (7,5 horas presenciais e 22,5 horas de teleformación).

Duración: 30 horas.

Datas: do 3 ao 31 de outubro de 2017.

Datas das sesións presenciais: 3, 7 e 31 de outubro de 2017, en horario de 17.00 a 19.30 horas.

Lugar: aulas de informática de Postal Escuela de Negocios (rúa Reza nº 3, Ourense).

Prazas: 25.

4. Contido.

Módulo 1. Introdución a Word.

Módulo 2. Formatado de texto e páxina.

Módulo 3. Inserción de imaxes e táboas.

Módulo 4. Combinar correspondencia.

Módulo 5. Revisión, coautoría e control de cambios de documentos.

Código: CV17022

Curso de aplicacións informáticas de follas de cálculo: Microsoft Excel’2010.

1. Obxectivos.

Proporcionar coñecemento práctico avanzado na folla de cálculo Excel.

2. Destinatarios.

Persoal da Administración local da provincia de Ourense e, en caso de vacantes, persoal da Administración local, autonómica e do Estado.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: mixta (10 horas presenciais e 40 horas de teleformación).

Duración: 50 horas.

Datas: do 2 ao 29 de novembro de 2017.

Datas das sesións presenciais: 2, 9, 16 e 29 de novembro de 2017, en horario de 17.00 a 19.30 horas.

Lugar: aulas de informática de Postal Escuela de Negocios (rúa Reza nº 3, Ourense).

Prazas: 25.

4. Contido.

Módulo 1. Introdución a Excel.

Módulo 2. Follas de datos. Celas e rangos.

Módulo 3. Formatados.

Módulo 4. Fórmulas e funcións.

Módulo 5. Imaxes e obxectos.

Módulo 6. Gráficas.

Módulo 7. Traballo con datos.

Módulo 8. Macros e modelos.

Módulo 9. Impresión.

Módulo 10. Utilidades de Excel.

Código: CV17023

Curso de aplicacións informáticas de bases de datos relacionais: Microsoft Access’2010.

1. Obxectivos.

Proporcionar uns coñecementos introdutorios no manexo do xestor de bases de datos relacionais.

2. Destinatarios.

Persoal da Administración local da provincia de Ourense e, en caso de vacantes, persoal da Administración local, autonómica e do Estado.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: mixta (10 horas presenciais e 40 horas de teleformación).

Duración: 50 horas.

Datas: do 30 de novembro ao 28 de decembro de 2017.

Datas das sesións presenciais: 30 de novembro e 14, 21 e 28 de decembro de 2017, en horario de 17.00 a 19.30 horas.

Lugar: aulas de informática de Postal Escuela de Negocios (rúa Reza nº 3, Ourense).

Prazas: 25.

4. Contido.

Módulo 1. Introdución ás bases de datos e a Microsoft Access 2010

Módulo 2. Bases de datos avanzadas.

Módulo 3. Formularios en Microsoft Access 2010.

Módulo 4. Consultas en Microsoft Access 2010.

Módulo 5. Informes en Microsoft Access 2010.

Código: CV17024

Curso de aplicacións informáticas de tratamento de textos (LibreOffice Writer).

1. Obxectivos.

Proporcionar coñecementos do programa de tratamento de textos Writer.

2. Destinatarios.

Persoal da Administración local da provincia de Ourense e, en caso de vacantes, persoal da Administración local, autonómica e do Estado.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: mixta (7,5 horas presenciais e 22,5 horas de teleformación).

Duración: 30 horas.

Datas: do 4 de outubro ao 6 de novembro de 2017.

Datas das sesións presenciais: 4 e 18 de outubro e 6 de novembro de 2017, en horario de 17.00 a 19.30 horas.

Lugar: aulas de informática de Postal Escuela de Negocios (rúa Reza nº 3, Ourense).

Prazas: 25.

4. Contido.

1. Conceptos xerais e características fundamentais do programa de tratamento de textos.

2. Introdución, desprazamento do cursor, selección e operacións co texto do documento.

3. Arquivos da aplicación de tratamento de textos, localización, tipo e operacións con eles.

4. Utilización das diferentes posibilidades que ofrece o procesador de textos para mellorar o aspecto do texto.

5. Configuración de páxina en función do tipo de documento que se vaia desenvolver utilizando as opcións da aplicación. Visualización do resultado antes da impresión.

6. Creación de táboas como medio para mostrar o contido da información, en todo o documento ou en parte del.

7. Corrección de textos coas ferramentas de ortografía e gramática, utilizando as diferentes posibilidades que ofrece a aplicación.

8. Impresión de documentos creados en distintos formatos de papel e soportes como sobres e etiquetas.

9. Creación de sobres e etiquetas individuais e sobres, etiquetas e documentos modelo para creación e envío masivo.

10. Inserción de imaxes e autoformas no texto para mellorar o seu aspecto.

11. Creación de estilos que automatizan tarefas de formato en parágrafos con estilo repetitivo e para a creación de índices e persoais.

12. Utilización de persoais e asistentes que incorpora a aplicación e creación de persoais propios baseándose nestas ou de nova creación.

13. Traballo con documentos longos.

14. Fusión de documentos procedentes doutras aplicacións do paquete ofimático utilizando a inserción de obxectos do menú Inserir.

15. Utilización das ferramentas de revisión de documentos e traballo con documentos compartidos.

16. Automatización de tarefas repetitivas mediante gravación de macros.