Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Martes, 8 de agosto de 2017 Páx. 38105

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 20 de xullo de 2017, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento, no curso académico 2017/18, do currículo establecido no Decreto 86/2015, do 25 de xuño, da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

A modificación realizada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece unha nova organización da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato.

En desenvolvemento normativo posterior, o Real decreto 1105/2014, do 26 de decembro, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato, estableceu o currículo básico desas dúas etapas.

O Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, dítase en exercicio das competencias propias de Galicia no desenvolvemento dos aspectos básicos regulados a nivel estatal.

O Real decreto lei 5/2016, do 9 de decembro, de medidas urxentes para a ampliación do calendario de implantación da Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, establece medidas que afectan as avaliacións finais de educación secundaria obrigatoria e bacharelato.

O Real decreto 562/2017, de 2 de xuño, regula as condicións para a obtención dos títulos de graduado en Educación Secundaria Obrigatoria e de Bacharel, de acordo co disposto no mencionado Real decreto lei 5/2016, do 9 de decembro.

Este marco normativo fai necesario determinar algunhas medidas en relación coa avaliación e titulación do alumnado que cursa a educación secundaria obrigatoria e o bacharelato nos centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia e de conformidade co exposto, como director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

RESOLVO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Estas instrucións teñen por obxecto determinar nos centros docentes, para o curso académico 2017/18, aqueles aspectos organizativos necesarios para o adecuado desenvolvemento das ensinanzas da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, establecidas ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, na redacción dada pola Lei 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa.

2. O alcance destas instrucións refírese ao primeiro ciclo, cursos primeiro, segundo e terceiro, e ao cuarto curso da educación secundaria obrigatoria e aos cursos primeiro e segundo de bacharelato.

3. Esta resolución será de aplicación nos centros docentes correspondentes ao ámbito de xestión da Comunidade Autónoma de Galicia, nos cales se impartan as ensinanzas de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato.

CAPÍTULO II
Educación secundaria obrigatoria

Artigo 2. Materias e horario semanal

As materias e o horario semanal son as que figuran no Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, e na normativa específica publicada.

Artigo 3. Materias que debe cursar o alumnado no primeiro curso da educación secundaria obrigatoria

1. O alumnado cursará no primeiro curso de educación secundaria obrigatoria, e segundo o horario lectivo semanal establecido, as seguintes materias:

a) Dentro do bloque de materias troncais:

1º. Bioloxía e Xeoloxía.

2º. Xeografía e Historia.

3º. Lingua Castelá e Literatura.

4º. Matemáticas.

5º. Primeira Lingua Estranxeira.

b) Dentro do bloque de materias específicas:

1º. Educación Física.

2º. Relixión ou Valores Éticos, segundo a elección do pai, da nai, do/da titor/a legal ou, de ser o caso, do alumno ou da alumna.

3º. Segunda Lingua Estranxeira.

4º. Educación Plástica, Visual e Audiovisual.

c) Dentro do bloque de materias de libre configuración autonómica:

1º. Lingua Galega e Literatura.

d) Libre configuración do centro.

Artigo 4. Materias que debe cursar o alumnado no segundo curso da educación secundaria obrigatoria

1. O alumnado cursará no segundo curso de educación secundaria obrigatoria, e segundo o horario lectivo semanal establecido, as seguintes materias:

a) Dentro do bloque de materias troncais:

1º. Física e Química.

2º. Xeografía e Historia.

3º. Lingua Castelá e Literatura.

4º. Matemáticas.

5º. Primeira Lingua Estranxeira.

b) Dentro do bloque de materias específicas:

1º. Educación Física.

2º. Relixión ou Valores Éticos, segundo a elección do pai, da nai, do/da titor/a legal ou, de ser o caso, do alumno ou da alumna.

3º. Música.

4º. Tecnoloxía.

5º. Segunda Lingua Estranxeira.

c) Dentro do bloque de materias de libre configuración autonómica:

1º. Lingua Galega e Literatura.

d) Libre configuración do centro.

Artigo 5. Exención da segunda lingua estranxeira

O alumnado dos cursos primeiro e segundo que presente dificultades continuadas no proceso de aprendizaxe, en particular nas materias lingüísticas, poderá quedar exento de cursar a materia de Segunda Lingua Estranxeira. Neste caso recibirá reforzo educativo naqueles aspectos en que se detectasen as dificultades, logo do informe pertinente da persoa titora da etapa ou curso anterior, coa colaboración do Departamento de Orientación, no cal se fará explícito o motivo da medida adoptada. Nos seus documentos de avaliación figurará coa mención de exento/a.

A competencia da decisión recaerá na dirección do centro docente, oídas as nais, os pais ou os/as titores/as legais do alumnado afectado pola medida.

Artigo 6. Horario de libre configuración do centro

O horario establecido como de libre configuración do centro, en función da oferta formativa establecida polos centros docentes, poderá destinarse a:

a) Afondamento e/ou reforzo dalgunha materia.

b) Materia de libre configuración autonómica.

c) Materia de libre configuración do centro.

Cando no horario establecido como de libre configuración do centro se opte por dedicalo ao afondamento e/ou reforzo dalgunha materia, tal e como está disposto no punto 4 do artigo 13 do Decreto 86/2015, do 25 de xuño, a súa avaliación estará integrada na materia obxecto do afondamento e/ou reforzo.

Artigo 7. Materias que debe cursar o alumnado no terceiro curso da educación secundaria obrigatoria

1. O alumnado cursará no terceiro curso de educación secundaria obrigatoria, e segundo o horario lectivo semanal establecido, as seguintes materias:

a) Dentro do bloque de materias troncais:

1º. Bioloxía e Xeoloxía.

2º. Física e Química.

3º. Xeografía e Historia.

4º. Lingua Castelá e Literatura.

5º. Primeira Lingua Estranxeira.

6º. Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Académicas ou Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Aplicadas, segundo elección do pai, da nai, do/da titor/a legal ou, de ser o caso, do alumno ou da alumna.

b) Dentro do bloque de materias específicas:

1º. Educación Física.

2º. Relixión ou Valores Éticos, segundo elección do pai, da nai, do/da titor/a legal ou, de ser o caso, do alumno ou da alumna.

3º. Música.

4º. Tecnoloxía.

5º. Educación Plástica, Visual e Audiovisual.

6º. Unha materia a elixir entre Segunda Lingua Estranxeira e Cultura Clásica.

c) Dentro do bloque de materias de libre configuración autonómica:

1º. Lingua Galega e Literatura.

2. Os centros docentes ofrecerán tanto a materia de Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Académicas como a de Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Aplicadas.

Artigo 8. Materias que debe cursar o alumnado no cuarto curso da educación secundaria obrigatoria

1. Os pais, as nais, os/as titores/as legais ou, de ser o caso, os alumnos e as alumnas poderán escoller cursar o cuarto curso da educación secundaria obrigatoria por unha das seguintes opcións:

a) Opción de ensinanzas académicas para a iniciación ao bacharelato.

b) Opción de ensinanzas aplicadas para a iniciación á formación profesional.

Para estes efectos, non serán vinculantes as opcións cursadas en terceiro curso de educación secundaria obrigatoria.

2. Na opción de ensinanzas académicas, os alumnos e as alumnas deben cursar as seguintes materias:

a) Dentro do bloque de materias troncais deben cursar as materias xerais:

1º. Xeografía e Historia.

2º. Lingua Castelá e Literatura.

3º. Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Académicas.

4º. Primeira Lingua Estranxeira.

b) Dúas de entre as seguintes materias de opción do bloque de materias troncais:

1º. Bioloxía e Xeoloxía.

2º. Economía.

3º. Física e Química.

4º. Latín.

c) As seguintes materias do bloque de materias específicas:

1º. Educación Física.

2º. Relixión ou Valores Éticos, segundo elección dos pais, das nais, dos/das titores/as legais ou, de ser o caso, dos alumnos ou das alumnas.

d) En función da oferta dos centros docentes, dúas materias das seguintes do bloque de materias específicas:

1º. Artes Escénicas e Danza.

2º. Cultura Científica.

3º. Cultura Clásica (se non foi cursada en terceiro curso).

4º. Educación Plástica, Visual e Audiovisual.

5º. Filosofía.

6º. Música.

7º. Segunda Lingua Estranxeira.

8º. Tecnoloxías da Información e da Comunicación.

9º. Unha materia do bloque de materias troncais non cursada polo alumno ou alumna. Esta materia pode estar incluída nas troncais de opción, tanto de ensinanzas académicas como de ensinanzas aplicadas.

Se a materia troncal cursada como materia específica está incluída na opción diferente á elixida polo alumno ou pola alumna, para constituír grupo terase en conta o requisito do número mínimo de alumnado establecido para as materias troncais de opción no artigo 9.4. En calquera caso, a súa oferta deberá atender aos criterios de dispoñibilidade de profesorado no centro, ás posibilidades organizativas e á dispoñibilidade de recursos.

e) No bloque de materias de libre configuración autonómica, os alumnos e as alumnas deben cursar a materia de Lingua Galega e Literatura.

3. Na opción de ensinanzas aplicadas, os alumnos e as alumnas deben cursar as seguintes materias:

a) Dentro do bloque de materias troncais deben cursar as materias xerais:

1º. Xeografía e Historia.

2º. Lingua Castelá e Literatura.

3º. Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Aplicadas.

4º. Primeira Lingua Estranxeira.

b) Dúas de entre as seguintes materias de opción do bloque de materias troncais:

1º. Ciencias Aplicadas á Actividade Profesional.

2º. Iniciación á Actividade Emprendedora e Empresarial.

3º. Tecnoloxía.

c) As seguintes materias do bloque de materias específicas:

1º. Educación Física.

2º. Relixión ou Valores Éticos, segundo elección dos pais, das nais, dos/das titores/as legais ou, de ser o caso, dos alumnos ou das alumnas.

d) En función da oferta dos centros docentes, dúas materias das seguintes do bloque de materias específicas:

1º. Artes Escénicas e Danza.

2º. Cultura Científica.

3º. Cultura Clásica (se non foi cursada en terceiro curso).

4º. Educación Plástica, Visual e Audiovisual.

5º. Filosofía.

6º. Música.

7º. Segunda Lingua Estranxeira.

8º. Tecnoloxías da Información e da Comunicación.

9º. Unha materia do bloque de materias troncais non cursada polo alumno ou pola alumna. Esta materia pode estar incluída nas troncais de opción, tanto de ensinanzas académicas como de ensinanzas aplicadas.

Se a materia troncal cursada como materia específica está incluída na opción diferente á elixida polo alumno ou alumna, para constituír grupo terase en conta o requisito do número mínimo de alumnado establecido para as materias troncais de opción no artigo 9.4. En calquera caso, a súa oferta deberá atender aos criterios de dispoñibilidade de profesorado no centro, as posibilidades organizativas e a dispoñibilidade de recursos.

e) No bloque de materias de libre configuración autonómica, os alumnos e as alumnas deben cursar a materia de Lingua Galega e Literatura.

Artigo 9. Organización da oferta nos centros docentes

1. Para constituír grupo das materias de libre configuración autonómica, de libre configuración do centro do primeiro e do segundo curso, das Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Académicas, das Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Aplicadas, e das materias específicas Segunda Lingua Estranxeira e Cultura Clásica do terceiro curso, requirirase un mínimo de dez alumnos e/ou alumnas.

2. Os centros docentes poderán elaborar itinerarios para orientar o alumnado na elección de materias troncais de opción.

3. Os centros docentes ofertarán ao alumnado, no cuarto curso, as dúas opcións: ensinanzas académicas e ensinanzas aplicadas. Non obstante, para a súa impartición terase en conta o requisito do número mínimo de alumnado establecido no punto 4 deste artigo.

4. Para constituír grupo das materias de opción do bloque de materias troncais e das materias específicas do cuarto curso, requirirase un mínimo de dez alumnos e/ou alumnas.

5. Coa finalidade de atender á diversidade en ámbitos rurais, pequenos núcleos de poboación e/ou outras circunstancias que así o aconsellen, poderanse impartir as opcións e as materias recollidas nos puntos 1, 3 e 4 deste artigo cun número menor de alumnos ou alumnas que en ningún caso sexa inferior a cinco. Neste caso, precisarase a autorización expresa da xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

6. O alumnado procedente doutras comunidades autónomas ou dun país estranxeiro que se incorpore ao sistema educativo de Galicia en educación secundaria obrigatoria, poderá obter unha exención temporal da cualificación das probas de avaliación da materia de lingua galega durante un máximo de dous cursos escolares consecutivos.

Non terá dereito á exención o alumnado que tivese realizados estudos en Galicia e curse fóra da Comunidade Autónoma tres cursos completos ou menos e se reincorpore ao sistema educativo galego.

7. Tal e como establece a disposición adicional terceira do Decreto 86/2015, do 25 de xuño, as ensinanzas de Relixión incluiranse na educación secundaria obrigatoria, pero o alumnado maior de idade ou os seus pais, nais ou titores/as legais, de ser menor de idade, poderán optar por recibir ou non ensinanzas de Relixión.

Artigo 10. Programas de mellora da aprendizaxe e do rendemento

1. Os programas de mellora da aprendizaxe e do rendemento forman parte das medidas extraordinarias de atención á diversidade e teñen por finalidade facilitar que os alumnos e as alumnas, mediante unha metodoloxía específica e unha organización de contidos e materias do currículo diferente á establecida con carácter xeral, alcancen as competencias do primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria, poidan cursar o cuarto curso pola vía ordinaria e obteñan o título de graduado en educación secundaria obrigatoria.

2. Poderán incorporarse aos programas de mellora da aprendizaxe e do rendemento as alumnas e os alumnos nos cales concorran as circunstancias recollidas na letra a) e estean nalgunha das situacións recollidas na letra b).

a) Circunstancias.

Ter dificultades relevantes de aprendizaxe, ter sido obxecto doutras medidas de atención á diversidade, sen que estas resultasen suficientes para a recuperación das dificultades de aprendizaxe detectadas, existir expectativas razoables de que coa incorporación ao programa poderán cursar o cuarto curso pola vía ordinaria.

b) Situacións.

– Alumnado que teña cursado por primeira vez o primeiro curso da ESO, tendo repetido en primaria, ou que cursou por segunda vez o primeiro curso da ESO e non está en condicións de promocionar ao segundo curso da ESO; poderase incorporar ao programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento que se desenvolverá ao longo dos cursos segundo e terceiro.

– Alumnado que teña cursado por primeira vez o segundo curso da ESO e non está en condicións de promocionar ao terceiro curso da ESO, tendo repetido en Primaria e/ou en primeiro curso da ESO; poderá incorporarse ao programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento que se desenvolverá ao longo do terceiro curso.

– Alumnado que teña cursado por segunda vez o segundo curso da ESO, e non está en condicións de promocionar ao terceiro curso da ESO, poderá incorporarse ao programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento que se desenvolverá ao longo do terceiro curso.

– Con carácter excepcional, alumnado que cursase por primeira vez o terceiro curso da ESO e non está en condicións de promocionar ao cuarto curso da ESO, sen ter repetido ou tendo repetido unha vez na etapa, poderá incorporarse ao programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento que se desenvolverá ao longo do terceiro curso.

3. O procedemento para a incorporación dun alumno ou dunha alumna ao Programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento é o que segue:

a) Realizada a avaliación extraordinaria, o equipo docente realizará unha proposta razoada do alumnado que se podería incorporar ao programa para a mellora da aprendizaxe e do rendemento. Esa proposta concretarase nun informe individualizado, elaborado pola persoa titora, en que constará a competencia curricular do alumno ou da alumna en cada materia, as dificultades de aprendizaxe presentadas, as medidas de atención á diversidade aplicadas e os motivos polos cales o equipo docente considera a conveniencia de que o alumno ou a alumna se integre nun programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento. Ese informe trasladarase á xefatura do Departamento de Orientación.

b) A persoa que exerza a xefatura do Departamento de Orientación realizará unha avaliación psicopedagóxica a cada un dos alumnos e das alumnas propostos/as polo equipo docente para incorporar ao programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento. No informe correspondente a esa avaliación deben constar, entre outros aspectos, as conclusións das reunións co profesorado titor e, se se trata de alumnado menor de idade, cos pais, as nais ou titores/as legais de cada alumno e alumna, para lles formular a conveniencia da súa incorporación a un programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento.

Deixarase constancia escrita da opinión dos pais, nais ou titores/as legais respecto da proposta formulada.

c) Posteriormente, unha comisión formada polo/a xefe/a de estudos, que exerce a súa presidencia, a persoa que exerza a xefatura do Departamento de Orientación e o/a titor/a do alumno ou da alumna valorará os informes emitidos e a opinión, de ser o caso, do pai, a nai ou os/as titores/as legais, realizando unha proposta ao/á director/a sobre a incorporación ao programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento.

d) Compete ao director ou á directora do centro docente elevar a proposta de autorización sobre a incorporación do alumnado ao programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento ao servizo provincial de Inspección Educativa. Á solicitude achegaráselle a relación de alumnado proposto e a relación de profesorado que vai impartir cada un dos ámbitos do programa.

e) O servizo provincial da Inspección Educativa emitirá a autorización expresa para o desenvolvemento dos programas de mellora da aprendizaxe e do rendemento que cumpran os requisitos establecidos, e que será comunicada aos centros docentes antes do comezo do curso.

f) Para a impartición dos ámbitos destes programas conformaranse grupos que non superarán o número de dez alumnos/as e non serán, con carácter xeral, menos de cinco.

4. O currículo dos programas de mellora da aprendizaxe e do rendemento incluirá os seguintes ámbitos:

a) Ámbito lingüístico e social, que abrangue os aspectos básicos do currículo correspondente ás materias de Lingua Galega e Literatura, Lingua Castelá e Literatura e Xeografía e Historia do segundo curso e do terceiro curso.

b) Ámbito científico e matemático, que abrangue os aspectos básicos do currículo correspondente ás materias de Matemáticas e Física e Química do segundo curso e de Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Aplicadas, Bioloxía e Xeoloxía, e Física e Química do terceiro curso.

c) Ámbito de linguas estranxeiras, que abrangue os aspectos básicos do currículo correspondente á materia de Primeira Lingua Estranxeira.

Os alumnos e as alumnas que sigan un programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento terán un grupo ordinario de referencia co que cursarán as materias non pertencentes aos ámbitos.

As materias do segundo e do terceiro curso de educación secundaria obrigatoria cursaraas o alumnado co seu grupo de referencia.

O horario semanal dos ámbitos de coñecemento que compoñen o programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento, para cada un dos cursos, será o seguinte:

a) Ámbito lingüístico e social: nove horas.

b) Ámbito científico e matemático: oito horas.

c) Ámbito de linguas estranxeiras: tres horas.

5. Cada grupo de alumnado que integre un programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento contará cun/cunha profesor/a titor/a, que terá, entre as súas funcións, a orientación do alumnado do programa e a súa atención personalizada, a coordinación do equipo docente que imparte o programa, a relación coas familias e a coordinación co profesorado titor do grupo de referencia de cada alumna e alumno integrante do programa.

6. Cada ámbito específico será impartido por un único profesor ou profesora, pertencente a un dos departamentos didácticos a quen corresponda a atribución docente das materias que forman parte do ámbito, preferentemente con destino definitivo no centro.

7. O programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento concíbese desde un enfoque metodolóxico funcional, en que os contidos curriculares se deben tratar desde un punto de vista global, práctico, motivador e personalizado, priorizando as aprendizaxes que resulten necesarias para outras posteriores e que contribúan ao desenvolvemento das competencias clave e dos obxectivos xerais da etapa.

8. A concreción do currículo dos ámbitos, así como as correspondentes programacións didácticas, serán elaboradas nos distintos departamentos didácticos implicados e polas persoas designadas para impartir os ámbitos, coa colaboración da persoa que exerza a xefatura do Departamento de Orientación, a partir das directrices establecidas pola Comisión de Coordinación Pedagóxica e coordinadas polo/a xefe/a de estudos.

9. A avaliación do alumnado nos ámbitos que conforman o programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento terá como referente fundamental as competencias e os obxectivos da educación secundaria obrigatoria, así como os criterios de avaliación e os estándares de aprendizaxe avaliables. Esta avaliación será continua e diferenciada, segundo os ámbitos do programa e as materias.

10. O alumnado do programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento será avaliado polo profesorado que imparte cada un dos ámbitos e materias, baixo a coordinación do profesorado titor do programa e do profesorado titor do grupo de referencia. As cualificacións dos ámbitos realizaranse nos mesmos termos que as materias.

11. O alumnado que acceda a un programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento con materias pendentes de cursos anteriores realizará as actividades de reforzo e de apoio que lle permitan recuperalas ao longo do desenvolvemento do programa, e a avaliación será competencia do profesorado que o imparta, coa colaboración dos departamentos implicados.

12. O alumnado que curse o programa de mellora da aprendizaxe e o rendemento promocionará ao cuarto curso se supera todos os ámbitos e materias que integran o programa.

Non obstante, poderá promocionar o alumnado que, tendo superados os ámbitos lingüístico e social e científico e matemático, teña avaliación negativa nunha ou dúas materias, e de maneira excepcional en tres, sempre que o equipo docente considere que o alumno ou alumna pode seguir con éxito o curso seguinte, que ten expectativas favorables de recuperación e que a promoción beneficiará a súa evolución educativa. Para estes efectos, o ámbito de linguas estranxeiras terá a consideración dunha materia.

13. O alumnado poderá permanecer un ano máis no segundo curso do programa, sempre que o equipo docente considere esta medida como a máis adecuada para cursar cuarto curso da educación secundaria obrigatoria pola vía ordinaria, e obter o título de graduado en educación secundaria obrigatoria.

14. Para a recuperación das aprendizaxes non adquiridas, o alumnado que promocione a cuarto curso con materias ou co ámbito de linguas estranxeiras do programa pendentes, deberá seguir un programa de reforzo adaptado ás súas características e necesidades.

Artigo 11. Integración de materias en ámbitos de coñecemento no primeiro curso de educación secundaria obrigatoria

1. O artigo 18 do Decreto 86/2015, do 25 de xuño, determina que os centros docentes poderán agrupar as materias do primeiro curso en ámbitos de coñecemento, coa finalidade de facilitar o tránsito do alumnado entre a educación primaria e o primeiro curso da educación secundaria obrigatoria.

2. Este tipo de agrupación deberá respectar os contidos, os estándares de aprendizaxe avaliables e os criterios de avaliación de todas as materias que se agrupan, así como o horario asignado ao conxunto delas. Esta agrupación terá efectos na organización das ensinanzas, pero non nas decisións asociadas á avaliación e á promoción.

3. A adopción desta medida non condiciona todos os grupos do nivel, nin tampouco obriga a agrupar todas as materias en ámbitos.

4. A constitución destes agrupamentos requirirá autorización expresa do servizo provincial de Inspección Educativa.

Artigo 12. Título de graduado en educación secundaria obrigatoria

1. O alumnado que ao terminar a educación secundaria obrigatoria teña avaliación positiva en todas as materias e teña acadados os obxectivos da etapa e adquiridas as competencias correspondentes obterá o título de graduado en educación secundaria obrigatoria.

2. Así mesmo, obterá o título aquel alumnado que, unha vez realizadas as probas extraordinarias, finalice a etapa con avaliación negativa nun máximo de dúas materias, sempre que non sexan simultaneamente Lingua Galega e Literatura e Matemáticas, ou Lingua Castelá e Literatura e Matemáticas e que o equipo docente considere que o alumno ou alumna ten acadados os obxectivos da etapa e adquiridas as competencias correspondentes.

3. As materias coa mesma denominación en diferentes cursos consideraranse como materias distintas.

4. A nota media da etapa será a media das cualificacións numéricas obtidas en cada unha das materias cursadas na etapa, expresada nunha escala de 1 a 10 con dúas cifras decimais, redondeada á centésima máis próxima e, no caso de equidistancia, á superior. Para estes efectos, a situación de «non presentado/a» (NP) na avaliación extraordinaria equivalerá á cualificación numérica obtida para a mesma materia na avaliación ordinaria.

5. No caso do alumnado que finalice a etapa despois de cursar un programa de mellora da aprendizaxe e o rendemento, o cálculo da cualificación final farase sen ter en conta as cualificacións obtidas nas materias que non superase antes da data da súa incorporación ao programa, cando as ditas materias estivesen incluídas nalgún dos ámbitos previstos no artigo 19.3 do Real decreto 1105/2014, do 26 de decembro, polo que se establece o currículo básico da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato, e o alumno ou alumna superase o dito ámbito.

6. Os alumnos e as alumnas que obteñan un título de formación profesional básica poderán obter o título de graduado en educación secundaria obrigatoria, sempre que na avaliación final do ciclo formativo o equipo docente considere que teñen acadados os obxectivos da educación secundaria obrigatoria e adquiridas as competencias correspondentes. Nestes casos, a cualificación final de educación secundaria obrigatoria será a cualificación media obtida nos módulos asociados aos bloques comúns previstos no artigo 42.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio.

7. Os títulos de graduado en educación secundaria obrigatoria permitirán acceder indistintamente a calquera das ensinanzas postobrigatorias recollidas no artigo 3.4 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de acordo co establecido no artigo 2 do Real decreto 562/2017, do 2 de xuño.

Artigo 13. Matrícula de honra

O alumnado que, despois da avaliación ordinaria do mes de xuño do cuarto curso, obtivese unha nota media da etapa igual ou superior a 9, poderá obter a distinción de matrícula de honra (MH). Esta distinción concederase a un número non superior ao 5 % ou fracción resultante superior a quince do conxunto do alumnado matriculado no centro educativo no cuarto curso.

En todo caso, esta distinción adoptarase conforme os criterios previamente acordados e establecidos na Comisión de Coordinación Pedagóxica e consignarase nos documentos de avaliación mediante unha dilixencia específica.

Artigo 14. Avaliación das competencias clave

Na avaliación final de cada curso realizarase unha valoración das competencias clave. Os resultados reflectiranse no consello orientador, expresándose nos termos de: insuficiente (IN), para as cualificacións negativas, e suficiente (SU), ben (BE), notable (NT) ou sobresaliente (SB), para as cualificacións positivas.

Artigo 15. Consello orientador

Ao final de cada curso de educación secundaria obrigatoria entregarase ao pai, á nai ou aos/ás titores/as legais de cada alumno ou alumna un consello orientador que incluirá unha proposta a pais, nais ou titores/as legais ou, de ser o caso, ao alumno ou á alumna do itinerario máis adecuado para seguir, así como a identificación, mediante informe motivado, do grao de logro dos obxectivos da etapa e de adquisición das competencias correspondentes que xustifica a proposta. De consideralo necesario, o consello orientador poderá incluír unha recomendación aos pais, ás nais ou aos/ás titores/as legais e, de ser o caso, ao alumno ou á alumna sobre a incorporación a un programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento, ou a un ciclo de formación profesional básica.

Este consello orientador elaborarao o profesorado titor, logo da información recollida na sesión de avaliación final e co asesoramento do Departamento de Orientación. Levará a sinatura do profesorado titor, da xefa ou do xefe do Departamento de Orientación e o visto e prace da dirección do centro docente. O consello orientador incluirase no expediente do alumno ou da alumna.

CAPÍTULO III
Bacharelato

Artigo 16. Materias que debe cursar o alumnado no primeiro curso de bacharelato

1. De acordo co establecido no artigo 29 do Decreto 86/2015, do 25 de xuño, o alumnado admitido nun centro docente para cursar as ensinanzas de bacharelato matricularase nunha das modalidades ofertadas.

2. O alumnado cursará no primeiro curso e dentro da modalidade correspondente, segundo o establecido no artigo 30 e no anexo IV do Decreto 86/2015, do 25 de xuño, as seguintes materias:

a) Catro materias xerais do bloque de materias troncais.

b) Dúas materias de entre as materias troncais de opción.

c) Lingua Galega e Literatura.

d) Educación Física.

e) Un mínimo de dúas e un máximo de tres materias de entre as materias específicas de elección.

Artigo 17. Repetición do primeiro curso de bacharelato

Os alumnos e as alumnas do primeiro curso de bacharelato que non cumpran coas condicións de promoción establecidas no artigo 35 do Decreto 86/2015 deberán matricularse de todas as materias e repetir o curso na súa totalidade.

Artigo 18. Materias que debe cursar o alumnado no segundo curso de bacharelato

1. O alumnado cursará no segundo curso e dentro da modalidade correspondente, segundo o establecido no artigo 31 e no anexo IV do Decreto 86/2015, do 25 de xuño, as seguintes materias:

a) Catro materias xerais do bloque de materias troncais.

b) Dúas materias de entre as materias troncais de opción.

c) Lingua Galega e Literatura.

d) Un mínimo de dúas e un máximo de tres materias de entre as materias específicas de elección.

Para os efectos deste punto o alumnado poderá cursar como materias específicas dúas materias troncais non cursadas.

Artigo 19. Horario establecido como de libre configuración do centro

O horario establecido como de libre configuración do centro, en función da oferta formativa establecida polos centros docentes, poderase destinar a:

a) Afondamento e/ou reforzo dalgunha materia.

b) Materia de libre configuración autonómica.

c) Materia de libre configuración do centro. A carga horaria desta materia será dun ou de dous períodos lectivos semanais.

Cando no horario establecido como de libre configuración do centro se opte por dedicalo ao afondamento e/ou reforzo dalgunha materia, tal e como está disposto no punto 6 do artigo 30 do Decreto 86/2015, do 25 de xuño, a súa avaliación estará integrada na materia obxecto do afondamento e/ou reforzo.

Artigo 20. Cambio de idioma da materia primeira lingua estranxeira

O alumnado que no segundo curso de bacharelato desexe cambiar o idioma da materia primeira lingua estranxeira poderá incorporarse ás ensinanzas da lingua estranxeira II coa autorización do/da director/a do centro e sempre que curse simultaneamente a materia de primeiro curso.

A solicitude de cambio á dirección do centro realizarase no momento da matrícula e, en calquera caso, antes do inicio das actividades lectivas do segundo curso.

A dita materia de primeiro non será computable para os efectos de modificar as condicións en que o alumnado promocionou ao segundo curso.

Será requisito indispensable a superación previa da materia do primeiro curso para poder ser avaliado/a na materia de segundo.

Nos casos en que, por motivo da organización do centro, o alumnado de segundo curso non poida asistir ás clases de Lingua Estranxeira I, esta materia tratarase de forma análoga ás pendentes e o departamento didáctico que a imparte proporá ao alumnado un plan de traballo con expresión dos contidos mínimos exixibles e das actividades recomendadas e programará probas parciais para verificar a superación desa materia.

Artigo 21. Organización da oferta nos centros

1. Os centros deberán ofrecer todas as materias xerais e de opción do bloque de materias troncais das modalidades que se imparten no centro.

2. As materias troncais de opción contarán, con carácter xeral, cun mínimo de cinco alumnos/as para poder ser impartidas.

3. Con carácter xeral, a impartición das materias específicas quedará vinculada a que exista un número mínimo de dez alumnos/as.

Coa finalidade de atender a diversidade en ámbitos rurais, pequenos núcleos de poboación e/ou outras circunstancias que así o aconsellen, poderán impartirse cun número menor de alumnos ou alumnas, que en ningún caso será inferior a cinco.

4. Co obxecto de ofertar unha preparación especializada ao alumnado, acorde coas súas perspectivas e intereses de formación, os centros docentes poderán elaborar itinerarios para orientar o alumnado na elección das materias de opción.

5. As variacións no número de alumnos/as necesario para ofrecer algunha materia terán sempre carácter extraordinario e precisarán a autorización expresa da xefatura territorial provincial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

6. A oferta das materias do bloque de troncais de opción e de materias específicas deberá atender aos criterios de demanda do alumnado, a dispoñibilidade de profesorado no centro e as posibilidades organizativas e a dispoñibilidade de recursos.

7. Cando un centro docente non poida ofrecer algunha materia troncal de opción, facilitaralle ao alumnado que a curse noutro centro próximo, sempre que a organización dos horarios de ambos os dous o permitan, ou a través das ensinanzas de persoas adultas, en calquera das súas modalidades, presencial ou a distancia. En calquera caso, contará coa autorización do pai, da nai ou da persoa que teña a titoría legal, cando se trate de alumnado menor de idade.

8. O alumnado procedente doutras comunidades autónomas ou dun país estranxeiro que se incorpore ao sistema educativo de Galicia en bacharelato poderá obter unha exención temporal da cualificación das probas de avaliación da materia de lingua galega durante un máximo de dous cursos escolares consecutivos.

9. O alumnado que tivese realizado estudos en Galicia e curse fóra da Comunidade Autónoma tres cursos completos ou menos e se reincorpore ao sistema educativo galego non terá dereito á exención da cualificación das probas de avaliación da materia de lingua galega e literatura.

10. Tal e como establece a disposición adicional terceira do Decreto 86/2015, do 25 de xuño, as ensinanzas de Relixión incluiranse no bacharelato, pero o alumnado maior de idade ou os seus pais, as súas nais ou os/as titores/as legais, de ser menor de idade, poderá optar por recibir ou non ensinanzas de Relixión.

Artigo 22. Cambio de modalidade

1. O alumnado poderá solicitar á dirección do centro o cambio de modalidade en calquera dos dous cursos de bacharelato. Con carácter xeral, a dita solicitude efectuarase durante os dous primeiros meses do primeiro curso, e antes do comezo das actividades lectivas do segundo curso.

2. Ao finalizar o segundo curso de bacharelato, o alumnado deberá ter cursadas e superadas todas as materias xerais do bloque de materias troncais de cada un dos cursos da modalidade (ou itinerario na modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais) pola que remata; catro materias de opción do bloque de materias troncais das cales polo menos tres deben ser da modalidade pola que remata, das cales dúas serán de segundo curso; a materia de Educación Física; a materia de libre configuración de Lingua Galega e Literatura e un mínimo de catro do bloque de materias específicas das cales dúas serán de primeiro e dúas de segundo.

3. A autorización de cambio de modalidade ou de itinerario, para o alumnado matriculado en centros privados, será realizada pola dirección do centro público ao cal estean adscritos, que deberá ter en conta o correspondente informe elaborado pola dirección do centro.

4. Cambio de modalidade ao promocionar a segundo.

O alumnado que promocione ao segundo curso poderá cambiar de modalidade ou de itinerario, na modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais, de acordo coas seguintes condicións:

a) Deberá cursar, da nova modalidade ou do novo itinerario, as materias xerais do bloque de materias troncais de segundo e, de ser o caso, as de primeiro que non tivese superado.

b) Deberá cursar a materia xeral do bloque de materias troncais propia do primeiro curso da nova modalidade ou do novo itinerario.

c) Non será necesaria a superación da materia xeral do bloque de materias troncais propia do primeiro curso da modalidade ou do itinerario que abandona.

d) Deberá cursar, da nova modalidade, dúas materias do bloque de materias troncais de opción de segundo curso, e polo menos unha de primeiro curso.

e) As materias troncais de opción de primeiro curso superadas, da modalidade que abandona, poderán computarse: unha delas como materia troncal de opción da nova modalidade, e outra como materia específica de primeiro da nova modalidade.

f) A materia xeral superada do bloque de materias troncais propia da modalidade ou do itinerario que abandona de primeiro curso poderase computar como materia específica de primeiro curso da nova modalidade ou do novo itinerario.

g) Nos casos en que, por motivo da organización do centro, o alumnado de segundo curso non poida asistir ás clases das materias de primeiro que deba cursar como consecuencia do cambio de modalidade, estas materias trataranse de forma análoga ás pendentes e os departamentos didácticos que as imparten proporán ao alumnado un plan de traballo con expresión dos contidos mínimos exixibles e das actividades recomendadas e programarán probas parciais para verificar a superación desas materias.

5. Cambio de modalidade ao permanecer un ano máis no segundo curso.

O alumnado que ao finalizar o segundo curso teña avaliación negativa nalgunha materia poderá cambiar de modalidade ou de itinerario nas condicións xerais establecidas nos puntos anteriores deste artigo.

6. Dos cambios de modalidade ou de itinerario deixarase constancia mediante dilixencia no historial académico e no expediente académico.

Artigo 23. Elección no segundo curso de materias condicionadas á superación das correspondentes materias do primeiro curso

1. O alumnado poderá cursar en segundo materias condicionadas á superación das correspondentes materias do primeiro curso non cursadas en primeiro.

Esta acreditación poderase realizar:

a) Cursando e superando a correspondente materia de primeiro.

b) O alumnado poderase matricular da materia de segundo curso sen cursar a correspondente materia de primeiro curso, sempre que o profesorado que a imparta considere que o alumno ou a alumna reúne as condicións necesarias para poder seguir con aproveitamento a materia de segundo.

En calquera caso, a decisión de que o alumnado reúne as condicións para poder seguir con aproveitamento a materia de segundo curso deberase adoptar segundo criterios obxectivos e avaliables, de maneira que sexa posible acreditar tal condición. O departamento didáctico correspondente poderá realizar unha proba.

A data límite para realizar esta acreditación será antes do inicio das actividades lectivas. Desta circunstancia deixarase constancia mediante unha dilixencia no historial académico, no expediente académico e, de ser o caso, por medio de observación no informe persoal por traslado.

Esta materia de primeiro curso non computará en ningún caso como materia exixible para reunir as condicións necesarias para poder presentarse á avaliación final da etapa.

2. No caso de cursar simultaneamente as materias de primeiro e de segundo, a materia de primeiro non será computable para os efectos de modificar as condicións en que o alumno promocionou ao segundo curso.

Cando, por motivo da organización do centro, o alumnado de segundo curso non poida asistir á clase da materia de primeiro, esta materia tratarase de forma análoga ás pendentes e o departamento didáctico que a imparte proporalle un plan de traballo con expresión dos contidos mínimos exixibles e das actividades recomendadas, e programará probas parciais para verificar a superación desa materia.

Artigo 24. Anulación da matrícula

1. O alumnado poderá solicitar a anulación de matrícula á dirección do centro docente, antes do 30 de abril, cando circunstancias de doenza prolongada, de incorporación a un posto de traballo ou de obrigas de tipo familiar ou persoal lle impidan seguir, en situación normal, os estudos.

2. A solicitude, á cal cumprirá achegar as xustificacións pertinentes, resolveraa nun prazo de 10 días a dirección do centro. No caso dos centros privados, a competencia da dita anulación corresponderalle ao director ou á directora do centro público a que estea adscrito.

CAPÍTULO IV
Materias de libre configuración

Artigo 25. Materias de libre configuración do centro

A oferta de materias de libre configuración do centro precisa a autorización do servizo territorial correspondente, logo do informe da Inspección Educativa.

Para estes efectos, os centros docentes remitirán ao servizo territorial a documentación necesaria, que incluirá, polo menos:

a) Título da materia.

b) Xustificación da súa inclusión na oferta do centro, en atención ao seu proxecto educativo.

c) Profesorado que a impartirá no ano académico 2017/18.

d) Currículo da materia, conforme o establecido no Decreto 86/2015, do 25 de xuño.

A carga horaria destas materias será dun ou de dous períodos lectivos semanais.

CAPÍTULO V
Programacións didácticas

Artigo 26. Programacións didácticas

1. Os departamentos didácticos dos centros docentes desenvolverán o currículo establecido mediante a programación didáctica de cada materia de cada curso que teña encomendada na organización docente do centro.

2. A programación didáctica deberá ser o instrumento de planificación curricular específico e necesario para desenvolver o proceso de ensino e aprendizaxe do alumnado de maneira coordinada entre o profesorado integrante do departamento.

3. As programacións didácticas incluirán en cada materia, polo menos, os seguintes elementos:

a) Introdución e contextualización.

b) Contribución ao desenvolvemento das competencias clave. Concreción que recolla a relación dos estándares de aprendizaxe avaliables da materia que forman parte dos perfís competenciais.

c) Concreción, de ser o caso, dos obxectivos para o curso.

d) Concreción para cada estándar de aprendizaxe avaliable de:

1º. Temporalización.

2º. Grao mínimo de consecución para superar a materia.

3º. Procedementos e instrumentos de avaliación.

e) Concrecións metodolóxicas que require a materia.

f) Materiais e recursos didácticos que se vaian utilizar.

g) Criterios sobre a avaliación, a cualificación e a promoción do alumnado.

h) Indicadores de logro para avaliar o proceso de ensino e a práctica docente.

i) Organización das actividades de seguimento, recuperación e avaliación das materias pendentes.

j) Organización dos procedementos que lle permitan ao alumnado acreditar os coñecementos necesarios en determinadas materias, no caso do bacharelato.

k) Deseño da avaliación inicial e medidas individuais ou colectivas que se poidan adoptar como consecuencia dos seus resultados.

l) Medidas de atención á diversidade.

m) Concreción dos elementos transversais que se traballarán no curso que corresponda.

n) Actividades complementarias e extraescolares programadas por cada departamento didáctico.

ñ) Mecanismos de revisión, de avaliación e de modificación das programacións didácticas en relación cos resultados académicos e procesos de mellora.

CAPÍTULO VI

Artigo 27. Alumnado que estea en posesión do título de técnico ou de técnico superior de formación profesional

O alumnado que estea en posesión do título de técnico ou de técnico superior de formación profesional e desexe obter o título de bacharel poderá matricularse unicamente das materias xerais do bloque de materias troncais da modalidade de bacharelato elixida e da materia de Lingua Galega e Literatura.

Artigo 28. Simultaneidade das ensinanzas do bacharelato coas ensinanzas profesionais de música e danza

1. O alumnado que estea matriculado nos dous últimos cursos das ensinanzas profesionais de música ou de danza poderá cursar simultaneamente as materias xerais do bloque de materias troncais da modalidade de bacharelato elixida e a materia de Lingua Galega e Literatura, sempre que acredite ante o centro de educación secundaria en que vaia cursar as citadas materias estar matriculado nas ditas ensinanzas profesionais.

2. O alumnado que, tendo cursado segundo de bacharelato nunha das tres modalidades, teña superadas as ensinanzas profesionais de música ou danza e todas as materias xerais do bloque de materias troncais da modalidade de bacharelato elixida e a materia de Lingua Galega e Literatura obterá o título de bacharel, aínda que non teña completada a modalidade en que estivese matriculado.

Artigo 29. Alumnado que estea en posesión do título de técnico das ensinanzas profesionais de música ou de danza

O alumnado que estea en posesión do título de técnico das ensinanzas profesionais de música ou de danza e desexe obter o título de bacharel poderase matricular unicamente das materias xerais do bloque de materias troncais da modalidade de bacharelato elixida e da materia de Lingua Galega e Literatura, sempre que acredite no centro de educación secundaria onde vai cursar as citadas materias que superou as ensinanzas profesionais de música ou de danza.

Artigo 30. Solicitude e formalización da matrícula

O alumnado que desexe cursar exclusivamente as materias xerais do bloque de materias troncais da modalidade de bacharelato elixida e a materia de Lingua Galega e Literatura deberá solicitalo ao formalizar a matrícula de bacharelato. A solicitude deberá ir acompañada de documento acreditativo de estar en posesión do título de graduado en educación secundaria obrigatoria ou equivalente, así como do certificado da súa matrícula, nese ano académico, nalgún dos cursos quinto ou sexto das ensinanzas de profesionais de música ou de danza ou, de ser o caso, da documentación que acredite que superou as ensinanzas profesionais de música ou de danza ou que está en posesión do título de técnico ou de técnico superior de formación profesional.

Artigo 31. Permanencia en bacharelato e promoción

Tanto o alumnado que curse simultaneamente as ensinanzas de bacharelato e as ensinanzas profesionais de música ou de danza, como o que curse o bacharelato estando en posesión do título de técnico das ensinanzas profesionais de música ou de danza, ou de técnico ou técnico superior de formación profesional, terá as mesmas condicións de permanencia e promoción no bacharelato que o resto do alumnado. Estas condicións son as establecidas no artigo 35 do Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 32. Título de bacharel

1. Para o alumnado que obteña o título de bacharel por estar en posesión dun título de técnico ou de técnico superior de formación profesional, a cualificación final será a media aritmética das cualificacións obtidas nas materias xerais do bloque de materias troncais da modalidade de bacharelato elixida e na materia de Lingua Galega e Literatura, expresada nunha escala de 0 a 10 con dous decimais, redondeada á centésima.

2. Para o alumnado que obteña o título de bacharel por estar en posesión dun título de técnico das ensinanzas profesionais de música ou de danza, a cualificación final será a media aritmética das cualificacións obtidas nas materias xerais do bloque de materias troncais da modalidade cursada máis as cualificacións da materia de Lingua Galega e Literatura, e das materias dos cursos quinto e sexto das ensinanzas profesionais de Música ou de Danza na correspondente especialidade, expresada nunha escala de 0 a 10 con dous decimais, redondeada á centésima. No caso do alumnado que accedese directamente a sexto curso das ensinanzas profesionais de Música ou de Danza, para o cálculo da nota media serán consideradas as cualificacións das materias do dito curso e das materias xerais do bloque de materias troncais da modalidade cursada máis as cualificacións da materia de Lingua Galega e Literatura.

CAPÍTULO VII
Educación de persoas adultas

Artigo 33. Educación Secundaria Obrigatoria

1. De acordo co disposto no artigo 68.1 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, as persoas adultas que queiran adquirir as competencias e os coñecementos correspondentes á educación secundaria obrigatoria contarán cunha oferta adaptada ás súas condicións e necesidades, que se rexerá polos principios de mobilidade e transparencia e poderase desenvolver a través da ensinanza presencial e tamén mediante a educación a distancia.

2. Co obxecto de que o alumnado adquira unha visión integrada do saber que lle permita desenvolver as competencias da aprendizaxe permanente nun contexto global, e para mellorar a súa capacidade de adaptación a cambios sociais e económicos aos que está sometida a sociedade actual, as ensinanzas de educación secundaria para as persoas adultas poderán integrar as opcións de ensinanzas académicas e aplicadas e poderanse organizar de forma modular en tres ámbitos de coñecemento e dous niveis cada un deles:

a) Ámbito de comunicación, no cal se integrarán elementos do currículo referidos ás materias Lingua Castelá e Literatura, Lingua Galega e Literatura e Primeira Lingua Estranxeira.

b) Ámbito social, no cal se integrarán elementos do currículo relacionados coa materia Xeografía e Historia.

c) Ámbito científico-tecnolóxico, no cal se integrarán elementos do currículo relacionados coas materias Física e Química, Bioloxía e Xeoloxía, Matemáticas, Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Académicas, Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Aplicadas e Tecnoloxía.

En todos ou nalgúns dos tres ámbitos descritos incluiranse aspectos básicos do currículo das materias Cultura Clásica, Economía, Iniciación á Actividade Emprendedora e Empresarial, Música e Tecnoloxías da Información e a Comunicación.

Disposición adicional. Medidas de ordenación académica para o alumnado que cursa as ensinanzas profesionais de música e de danza e as ensinanzas de réxime xeral

A Orde do 7 de xullo de 2010 pola que se establecen medidas de ordenación académica para o alumnado que cursa as ensinanzas profesionais de música e de danza e as ensinanzas de réxime xeral será de aplicación no curso 2017/18 tendo en conta as seguintes consideracións:

1. O alumnado que teña superado o primeiro curso de instrumento ou voz das ensinanzas profesionais de música ou o primeiro curso de Música das ensinanzas profesionais de danza poderá validar a materia de Música dos cursos segundo e terceiro da educación secundaria obrigatoria, ou calquera dos ditos cursos de maneira independente.

2. A materia optativa de primeiro ou de segundo curso da ESO, do anexo VI da orde, entenderase referida a unha materia de libre configuración.

3. A materia optativa de terceiro curso da ESO do anexo VI da orde entenderase referida a unha das materias específicas de opción (Cultura Clásica ou Segunda lingua estranxeira).

4. A materia optativa de cuarto curso da ESO do anexo VI da orde entenderase referida a unha materia do bloque de materias específicas.

5. A materia optativa de primeiro ou de segundo de bacharelato, do anexo VII da orde, entenderase referida a unha das materias específicas de opción e libre configuración recollidas no anexo V do Decreto 86/2015, do 25 de xuño.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2017

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación
Profesional e Innovación Educativa