Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Mércores, 9 de agosto de 2017 Páx. 38304

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 21 de xullo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos galegos, destinadas á mellora da accesibilidade nos edificios e espazos de uso público, cofinanciadas polo programa operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para os anos 2017 e 2018.

A accesibilidade universal é a condición que deben cumprir os contornos, procesos, bens, produtos e servizos, así como os obxectos ou instrumentos, ferramentas e dispositivos, para que todas as persoas poidan ter unha participación social plena. Trátase dun concepto relacionado coa idea de «deseño para toda a cidadanía», o deseño universal entendido como factor que permite crear produtos, contornos e comunicacións de modo que sexan utilizables por todas as persoas en condicións de seguridade e comodidade e da forma máis autónoma e natural posible, sen necesidade de adaptación nin deseño especializado. Polo tanto, beneficia o conxunto da poboación, con independencia das súas capacidades.

Este enfoque conceptual recóllese na Estratexia galega sobre discapacidade 2015-2020, dada a gran relevancia que ten esta dimensión para a vida das persoas con discapacidade e xustifica que, ademais da súa consideración transversal a toda a estratexia, se lle dedique á accesibilidade unha das súas liñas, co fin de garantir o pleno exercicio dos dereitos e liberdades desta parte da cidadanía e asegurar a accesibilidade universal, xa sexa ao contorno físico en xeral como aos ámbitos social, económico, político, cultural, etc.

Con independencia doutras normas anteriores, cómpre sinalar o Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, en que se establece que, co fin de que as persoas con discapacidade poidan participar plenamente en todos os aspectos da vida en igualdade de condicións coas demais persoas, os poderes públicos adoptarán medidas para asegurar a accesibilidade universal, entre outros ámbitos, nos servizos e instalacións de uso público. Así mesmo, a Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade de Galicia, ten como obxectivo acadar unha sociedade inclusiva e accesible que garanta a autonomía das persoas, evite a discriminación e favoreza a igualdade de oportunidades para toda a cidadanía, especialmente para as persoas que teñen discapacidades.

É indubidable que se ten avanzado na aplicación dos criterios de accesibilidade, pero resulta necesario continuar apoiando medidas de fomento que reduzan as carencias de accesibilidade existentes e lograr que os contornos e servizos sexan sempre universalmente accesibles e, neste sentido, o programa operativo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Galicia 2014-2020, en que se enmarca esta convocatoria, recolle no seu obxectivo temático 9 «Promover a inclusión social, loitar contra a pobreza e contra calquera forma de discriminación», prioridade de investimento 9.7 «Investimento en infraestrutura sanitaria e social que contribúa ao desenvolvemento nacional, rexional e local e á redución das desigualdades sanitarias, ao fomento da inclusión social mediante un acceso mellorado aos servizos sociais, culturais e recreativos e a transición dos servizos institucionais aos servizos locais», obxectivo específico 9.7.1 «Investimento en infraestrutura social e sanitaria que contribúa ao desenvolvemento nacional, rexional e local e reduza as desigualdades sanitarias e transición dos servizos institucionais aos servizos locais», actuacións dirixidas a establecer a accesibilidade universal como un elemento fundamental das infraestruturas sociais e espazos públicos, de xeito que as persoas con discapacidade poidan acceder a todos os contornos, procesos, bens, produtos e servizos, transportes, información e comunicacións, e calquera outro servizo ou instalación aberto ao público e/ou de uso público, concretamente na actuación 9.7.1.3.

A Consellería de Política Social, de conformidade co Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, asume, entre outras, as competencias en materia de atención ás persoas con discapacidade, así como as relativas ao desenvolvemento de accións de fomento destinadas á promoción da accesibilidade universal e deseño para toda a cidadanía.

No marco desas competencias, así como en virtude do principio de colaboración entre administracións, a través da presente orde promoverase a realización de actuacións destinadas a mellorar a accesibilidade en edificios e espazos de uso público.

A finalidade desta convocatoria conta tamén co compromiso das entidades sociais representativas do sector da discapacidade para que, a través de actuacións como as que son obxecto dela, se garantan as condicións necesarias para que toda a cidadanía poida desenvolver a súa vida en condicións de igualdade e, para isto, a accesibilidade universal debe ser un elemento transversal en todos os ámbitos.

Esta orde de convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Por iso, e facendo uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e procedemento

1. Esta orde ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria, para os anos 2017 e 2018, de subvencións destinadas aos concellos galegos para a mellora ou adaptación de infraestruturas e/ou dotación de equipamento en espazos públicos e edificios destinados á prestación de servizos públicos co fin de garantir a accesibilidade e a supresión de barreiras arquitectónicas e de comunicación.

2. Serán subvencionables as actuacións referidas ás intervencións que figuran no artigo 8 e cuxa execución material se desenvolva dentro do prazo que abrangue desde o 1 de setembro de 2017 ata o 31 de outubro de 2018. Isto sen prexuízo do establecido no artigo 6.1.b) respecto da obrigatoriedade de opción entre as dúas modalidades sinaladas, así como a excepción aplicable a determinados gastos.

Para os efectos desta orde entenderase como edificios de uso público os referidos no artigo 16 da Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade. Isto sen prexuízo do establecido no artigo 6.1, letras d) e g), da presente norma.

4. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde será tramitado en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. A súa xestión realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

6. Dado que a presente convocatoria conta con financiamento comunitario procedente do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, respectarase o previsto no Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006, do Consello. Así mesmo, o Regulamento (UE) nº 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006, e na Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

7. O procedemento de concesión de subvencións regulado na presente orde ten o código BS701A para os efectos de identificación na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e o acceso aos formularios de inicio específicos, de uso obrigatorio para os interesados.

Artigo 2. Financiamento

1. Para o financiamento desta convocatoria destínase crédito por importe total de novecentos mil euros (900.000 €), distribuído nas seguintes anualidades e que se imputará á aplicación que se sinala:

Aplicación orzamentaria

Código de proxecto

Anualidade

Importe

12.04.312 E.760.1

2016 00169

2017

  62.711 €

2018

837.289 €

Total

900.000 €

Está cofinanciada con fondos Feder no programa operativo de Galicia 2014-2020, nunha porcentaxe do 80 %, e encádrase no obxectivo temático 9 «Promover a inclusión social, loitar contra a pobreza e contra calquera forma de discriminación», prioridade de investimento 9.7 «Investimento en infraestrutura sanitaria e social que contribúa ao desenvolvemento nacional, rexional e local e á redución das desigualdades sanitarias, ao fomento da inclusión social mediante un acceso mellorado aos servizos sociais, culturais e recreativos e á transición dos servizos institucionais aos servizos locais», obxectivo específico 9.7.1 «Investimento en infraestrutura social e sanitaria que contribúa ao desenvolvemento nacional, rexional e local e reduza as desigualdades sanitarias e transición dos servizos institucionais aos servizos locais». A actuación é a 9.7.1.3 «Conversión e adaptación de vivendas e infraestruturas de servizos sociais a un modelo accesible e acorde coas innovacións sociais e demandas da sociedade, así como a creación e habilitación de espazos públicos de formación, captación e investigación».

2. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.

Artigo 3. Contía das subvencións

1. A contía máxima de subvención por entidade beneficiaria, que unicamente poderá formular solicitude respecto dunha actuación, será do 70 % do orzamento total, cun máximo de 60.000 euros.

2. En todo caso, respecto da concorrencia entre solicitudes terase en conta a distribución do crédito por anualidades e regras de imputación do gasto e o prazo de execución material da actuación sinalado naquelas. Polo tanto, a prelación segundo os criterios de valoración calcularase en función de cada unha das citadas anualidades.

Artigo 4. Compatibilidade das axudas

1. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado, agás a excepción sinalada a continuación.

Porén, as partidas de gasto financiadas ao abeiro desta orde non poderán acollerse a outras axudas procedentes do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional ou doutros fondos ou instrumentos financeiros comunitarios, nos termos sinalados no artigo 65.11 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013. En consecuencia, unha operación unicamente poderá recibir axuda dun ou varios fondos EIE ou dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión, coa condición de que a partida de gasto incluída nunha solicitude de pagamento para o reembolso por un dos fondos EIE non estea subvencionada por outro fondo ou instrumento da Unión, nin polo mesmo fondo de conformidade cun programa distinto.

2. En caso de compatibilidade, o importe da subvención concedida non poderá en ningún caso, en concorrencia con outras subvencións ou axudas, superar o custo da actuación que vai desenvolver a entidade solicitante. En caso contrario, esta subvención reducirase na cantidade necesaria ata acadar o cumprimento do establecido anteriormente.

3. No suposto de entidades solicitantes que sexan perceptoras doutras axudas para o mesmo fin concedidas por outra entidade, deberán acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución do obxecto da subvención. En todo caso, deberá/n facerse constar de forma clara o/s concepto/s de gasto/s afectado/s, así como o/s importe/s imputado/s a cada unha delas e a/s correspondentes anualidades afectadas. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á aplicación dada aos fondos percibidos.

Artigo 5. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarios destas subvencións os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que cumpran os requisitos previos establecidos na presente orde e demais normativa aplicable.

2. Non poderá obterse a condición de entidade beneficiaria destas subvencións cando concorra algunha das circunstancias ou prohibicións sinaladas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 6. Requisitos e obrigas específicos

1. Para ser admitida a solicitude ao abeiro desta orde, sen prexuízo da totalidade da normativa aplicable, deberán cumprirse os seguintes requisitos específicos con carácter previo ao remate do prazo de presentación, que se deberán acreditar na forma establecida nos artigos 11 e 12:

a) Ter adoptado acordo de solicitude de subvención, aceptación das condicións e demais requisitos establecidos nesta orde, así como os compromisos de cofinanciamento da actuación concreta que se pretende executar, con base no documento técnico de que se trate, e de non iniciar a execución material da actuación antes da data sinalada no punto e), sen prexuízo do cumprimento do período e prazo que se sinalen.

E en canto ao contido concreto da actuación deberá referirse exclusivamente a unha baseada nun único documento técnico, así como ao prazo de execución material.

b) Ter previsto o inicio e o remate da execución material da actuación, encadrada no correspondente plan ou programa de accesibilidade segundo o previsto na letra h) seguinte, no prazo que se determine, que deberá estar dentro do respectivo intervalo alternativo:

1º. Desde o 1 de setembro de 2017 e ata o 30 de novembro de 2017: o gasto imputarase á anualidade 2017.

2º. Desde o 1 de decembro de 2017 e ata o 31 de outubro de 2018: o gasto imputarase á anualidade 2018. Neste suposto, deberá iniciarse, en todo caso, antes do 31 de decembro de 2017.

Dado que a respectiva data de inicio está referida á execución material da actuación, o procedemento de contratación que corresponda ou trámites para o efecto poderán terse levado a cabo con antelación a aquela. Isto sen prexuízo do reflectido nos artigos 6.4 e 7 e de que, en todo caso, respecto dos contratos menores en que se opte por adxudicación directa deba terse cumprido o establecido no 7.4.

Sen prexuízo do anterior, consideraranse subvencionables os gastos de amoreamento de materiais de construción e/ou adquisición de equipamento en que se incorrese desde o día seguinte ao da data de publicación desta orde, sempre que a execución material da obra e/ou instalación non tivese lugar antes do 1 de setembro de 2017 e se desenvolva no prazo que se determine que, en todo caso, deberá estar dentro do período sinalado no punto 1º anterior.

c) Ter cumprida a obriga establecida nos artigos 208 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais: ter remitido a conta xeral do exercicio orzamentario que corresponda ao Consello de Contas.

d) Posuír a titularidade municipal e plena dispoñibilidade ou unicamente a dispoñibilidade do espazo e/ou edificio en que se pretende realizar a actuación. En ningún caso poderá adquirir a condición de beneficiario o concello propietario dun edificio en que presten servizos outras entidades públicas ou privadas cando, por disposición legal ou acordo entre as partes, lle corresponda a obriga de realizar aquela á entidade xestora.

Para os efectos desta orde entenderase que existe plena dispoñibilidade cando a actuación obxecto de solicitude non está pendente de ningunha autorización ou licenza urbanística ou sectorial tanto municipal como por parte doutros organismos ou administracións públicas en materia de dominico público hidráulico, patrimonio cultural ou estradas, entre outras, ben por dispoñer dela ben por non ser preceptiva.

Sen prexuízo do anterior, para os efectos do establecido no artigo 198.5 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, entenderase que concorre a plena dispoñibilidade se non existe limitación para o uso pretendido, acreditada nun informe urbanístico favorable.

e) Non ter iniciado a execución material da actuación e comprometerse a non iniciala antes do 1 de setembro de 2017, sen prexuízo do cumprimento do período e prazo de execución que se sinalen en función do disposto na alínea b) anterior. E isto, así mesmo, sen prexuízo do reflectido no último inciso desa alínea.

f) Contar co correspondente documento técnico que sirva de base para a execución da actuación, que deberá estar elaborado en función dos requisitos establecidos na normativa de accesibilidade. Segundo a súa tipoloxía e nas condicións especificadas no artigo 12, será o seguinte:

1º. Obras que non teñan a consideración de contrato menor segundo o estipulado na normativa de contratación pública: proxecto e/ou, se é o caso, anteproxecto.

2º. Obras que, de acordo coa citada normativa, teñan a consideración de contrato menor: proxecto e/ou anteproxecto ou, na súa falta, memoria valorada.

3º. Subministración consistente na adquisición e instalación de equipamento: memoria valorada.

g) Se a actuación, na súa totalidade ou parcialmente, se pretende executar nun edificio de uso público, a data de construción ou de última reforma integral debe ser anterior ao 4 de decembro de 2010, agás que a intervención non estea incluída entre as actuacións exixibles no Código técnico da edificación, aprobado polo Real decreto 314/2006, do 17 de marzo.

h) Contar cun plan de accesibilidade municipal en vigor ou, na súa falta, programa de accesibilidade en que se encontre encadrada a actuación. No caso de programa, deberá estar integrado pola totalidade de aspectos sinalados no artigo 12.g).

2. Respecto das condicións e formulación da solicitude, sen prexuízo da obrigatoriedade de cumprimento da totalidade de requisitos e a súa acreditación, deberá corresponderse co contido do acordo referido no punto 1.a) e:

a) Conter unicamente unha actuación, entendida esta como a reflectida nun único e correspondente documento técnico: anteproxecto, proxecto ou memoria valorada, segundo a natureza do investimento en función do previsto no punto 1.f), sempre que se refira a unha obra completa ou ben a unha actuación de carácter homoxéneo no caso de adquisición e instalación de equipamento, que sexan susceptibles da súa posta en servizo inmediata como consecuencia directa da execución. Todo isto con independencia de que se desenvolva ben nun espazo ou ben nun edificio público ou teña carácter mixto e se realice en ambos os dous e, así mesmo, que nel se inclúa nunha ou varias das intervencións especificadas no artigo 8.

b) Referir o prazo de inicio e de finalización da actuación, entendido como o de execución material, en función da opción por unha das modalidades sinaladas no punto 1.b).

3. No suposto de que se conceda a subvención, sen prexuízo das demais obrigas establecidas nesta orde e demais normativa de aplicación, na execución material da actuación deberá respectarse o seguinte:

a) Cumprir a totalidade de exixencias previstas na normativa vixente en materia de accesibilidade.

b) Iniciar e rematar a execución material no prazo determinado na solicitude e, en consecuencia, na resolución de concesión.

Non será admisible solicitude de modificación do prazo de execución que afecte a data de inicio e/ou de finalización cando implique alteración do período de execución material polo que se optase de entre os sinalados no punto 1.b).

c) Cumprir as prescricións de dar adecuada publicidade do carácter público do financiamento da actuación, en cumprimento do previsto no artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 xuño, e 20 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, así como no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, e sen prexuízo do reflectido no artigo 27 desta orde:

1º. Colocación de carteis (cando menos, un) en que se inclúa o logotipo da imaxe institucional da Xunta de Galicia, o emblema da Unión Europea, a marca turística de Galicia, a denominación da actuación, mención á axuda financeira da UE, referencia ao fondo que dá apoio á operación (Feder) e lema asociado a este («Feder, unha maneira de facer Europa»). O tamaño mínimo será A3 e estarán colocados en lugares ben visibles para o público. Figurará na páxina web da consellería (http://politicasocial.xunta.gal), na epígrafe relativa á información da presente orde o correspondente modelo.

2º. Nas comunicacións escritas relacionadas coa execución da actuación incluirase o logotipo da imaxe institucional da Xunta de Galicia, o emblema da Unión Europea, a marca turística de Galicia, a denominación da actuación, mención á axuda financeira da UE, referencia ao fondo que dá apoio á operación (Feder) e lema asociado a este. Figurará na páxina web da consellería (http://politicasocial.xunta.gal), na epígrafe relativa á información da presente orde, o correspondente modelo.

3º. Información na páxina web da entidade beneficiaria, en caso de que dispoña dela, de maneira proporcional ao apoio prestado. Incluirase o logotipo da imaxe institucional da Xunta de Galicia e marca turística de Galicia, o emblema e referencia á Unión Europea, así como ao fondo que dá apoio á operación (Feder) e unha breve descrición da operación, con indicación dos seus obxectivos (denominación resumida do obxectivo temático: O.T. 9. «Promover a igualdade, a saúde e a inclusión social») e resultados (mención aos indicadores programados).

4º. Por outra banda, se é o caso, deberán trasladar a todos os trámites da actuación como ao procedemento de contratación (convocatoria, resolución de concesión) e a todas as publicacións que se realicen en diarios oficiais e outros medios de comunicación, as seguintes medidas:

4.1º. Nas convocatorias de licitación ou documentos similares incluiranse os seguintes parágrafos: «Este proxecto cofinanciarao o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder)». Ademais, adaptado á actuación concreta de que se trate: «Se finalmente é aceptada, a súa proposta vai aparecer na lista pública de operacións prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro».

4º.2. Nas resolucións de adxudicación incluiranse: «Este proxecto cofinanciarao o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder)»; «Esta adxudicación supón a súa aceptación a ser incluído na lista pública que se recolle no artigo 115.2 do Regulamento (UE) 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro».

En todo caso, a información pormenorizada figura nos seguintes documentos: Estratexia de comunicación 2014-2020 e Guía de comunicación 2014-2020 relativas aos programas operativos Feder e FSE de Galicia. Na citada páxina web constará documentación e/ou correspondentes ligazóns, co fin de que as entidades poidan acceder á información sobre a totalidade de obrigas relativas a isto, así como a outros modelos.

4. Todo o anterior, así mesmo, sen prexuízo do reflectido no artigo seguinte respecto do cumprimento da normativa aplicable en materia de contratación das administracións públicas e demais requisitos establecidos na presente orde en relación con esta cuestión.

5. Deberá manterse a titularidade e/ou dispoñibilidade do espazo ou edificio público en que se leve a cabo a actuación durante un período mínimo de 5 anos contados desde o pagamento final ao beneficiario.

Artigo 7. Cumprimento da normativa en materia de contratación pública

1. Na xestión da contratación en relación coa actuación, as entidades deberán respectar as prescricións establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público e demais normativa aplicable.

2. Será responsabilidade da entidade beneficiaria o cumprimento da citada normativa e o seu incumprimento poderá dar lugar á perda do dereito ao cobramento total ou parcial e demais responsabilidades previstas na normativa de subvencións públicas.

3. O anterior, sen prexuízo do envío á unidade tramitadora destas subvencións da copia do expediente de contratación completo na fase de remisión da documentación xustificativa da execución.

4. En todo caso, deberá respectarse o procedemento de contratación que proceda segundo a natureza e o importe do correspondente contrato. No suposto de contratos menores, sen prexuízo do disposto na citada normativa, de optarse por adxudicación directa, para os efectos da presente orde deberá, así mesmo, cumprirse inescusablemente o seguinte:

a) Solicitar e obter, como mínimo, tres ofertas de distintos empresarios, agás que polas características dos gastos non exista no mercado suficiente número de entidades que poidan executar o contrato.

b) As empresas convidadas non poderán estar vinculadas entre elas. Esta vinculación apreciarase nos termos establecidos na lexislación de contratación pública. Así mesmo, non serán convidadas empresas que actúen baixo unha unidade de decisión ou unha dirección única; en particular, cando a maioría dos membros do órgano de administración da sociedade dominada sexan membros do órgano de administración ou altos directivos da sociedade dominante ou doutra dominada por esta.

Exixiráselles ás ditas empresas, en todo caso, unha declaración das entidades coas cales teñan vinculación, nos termos expostos neste punto.

c) Ditar resolución de adxudicación en que se xustifique a elección entre as ofertas presentadas que, con carácter xeral, recaerá na proposta económica máis vantaxosa. No caso de non recaer nesta, deberá reflectirse debidamente nunha memoria a elección do adxudicatario do contrato.

Artigo 8. Actuacións e intervencións subvencionables e non subvencionables

1. Ao abeiro desta orde considéranse subvencionables, de acordo co establecido no artigo 1, a mellora ou adaptación de infraestruturas e/ou dotación de equipamento en espazos públicos e edificios destinados á prestación de servizos públicos co fin de garantir a accesibilidade e a supresión de barreiras arquitectónicas e de comunicación.

A actuación responderá a unha das seguintes tipoloxías, sempre que se leven a cabo coa citada finalidade:

a) Obra de reforma que implique a mellora, adaptación ou adecuación dun espazo público e/ou edificio destinado á prestación dun servizo público xa existente.

b) Subministración de equipamento: adquisición e instalación.

2. O obxecto concreto das ditas intervencións poderá ser o seguinte:

a) En espazos públicos:

1º. Creación de itinerarios accesibles e comprensibles, a través de recursos tales como a construción e/ou adaptación de beirarrúas, instalación de vaos, pasos de peóns, ramplas non mecánicas ou pasamáns.

2º. Dotación de espazos e elementos accesibles, tales como prazas de aparcadoiro, puntos de atención ou puntos de chamada.

3º. Dotación de mobiliario urbano, tal como semáforos sonoros, contedores, papeleiras, fontes, bancos, puntos de información, paradas de autobuses, marquesiñas.

4º. Sinalización de espazos e elementos accesibles e instalación de mecanismos e alternativas técnicas que fagan accesibles os sistemas de comunicación e sinalización á toda a poboación, tales como mapas urbanos, cartelaría con braille e altorrelevo, pictogramas, lectura fácil, bucles magnéticos ou pantallas de información.

5º. Dotación de ascensores e plataformas elevadoras, ramplas mecánicas e escaleiras mecánicas de carácter urbano.

6º. Dotación de vestiarios, aseos, guindastres para piscina, mostradores, máquinas expendedoras, aparatos telefónicos, caixeiros e outros elementos interactivos, sinalética.

b) En edificios destinados á prestación de servizos públicos, entendendo como tales os sinalados no artigo 1.3:

1º. Na comunicación vertical: ascensores ou ramplas, plataformas elevadoras, pasamáns e, excepcionalmente e debidamente xustificado, ramplas non mecánicas.

2º. Nos andares: itinerarios accesibles desde o acceso á planta coas zonas de uso público.

3º. Dotación de elementos accesibles, tales como vestiarios, aseos, puntos de atención ou de chamada.

4º. Sinalización de espazos e elementos accesibles e instalación de mecanismos e alternativas técnicas que fagan accesibles os sistemas de comunicación e sinalización a toda a poboación, tales como cartelaría con braille e altorelevo, pictogramas, lectura fácil, bucles magnéticos ou pantallas de información.

5º. Dotación de guindastres para piscina, mostradores, máquinas expendedoras, aparatos telefónicos, caixeiros e outros elementos interactivos, sinalética, asentos accesibles.

3. O anterior, sen prexuízo da posibilidade de formulación de solicitude segundo o sinalado no artigo 6.2.a) respecto dunha actuación de carácter mixto e, polo tanto, que afecte simultaneamente un espazo e un edificio públicos, así como que a actuación de que se trate abranga unha ou varias intervencións.

4. Poderán admitirse intervencións distintas ás reflectidas sempre que se especifique e xustifique a súa vinculación coa mellora da accesibilidade do espazo e/ou edificio.

En todo caso, calquera das intervencións subvencionables deberá axustarse á normativa vixente en materia de accesibilidade.

5. Non serán subvencionables:

a) Actuacións cuxa execución material fose iniciada antes do 1 de setembro de 2017.

b) A execución de obras de primeiro establecemento, reparación, conservación e mantemento, restauración, rehabilitación e demolición, segundo a cualificación destas reflectida no artigo 122 do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro.

c) A adquisición de equipamento que non leve aparellada a súa instalación.

d) A reposición ou mera substitución de material de obra e/ou equipamento.

e) A adquisición de material de obra e/ou equipamento que reúna estas características: ser funxible, de duración previsiblemente inferior a un ano, non susceptible de inclusión en inventario e cuxo gasto sexa previsiblemente reiterativo.

f) A adquisición de material de obra e/ou equipamento de segunda man.

Artigo 9. Gastos subvencionables e non subvencionables

1. Consideraranse como gastos subvencionables os que se correspondan de maneira inequívoca coa execución da actuación constituída por unha das tipoloxías e abranga unha ou varias das intervencións definidas no artigo 8, en que se incorrese no concreto período de execución material segundo o previsto no artigo 6.3.b) e sen prexuízo da excepción reflectida no 6.1.b).

2. Non serán subvencionables:

a) Gastos de honorarios profesionais derivados de elaboración de anteproxectos e/ou proxectos de obra, estudos de viabilidade, memorias técnicas e similares.

b) Gastos de honorarios profesionais en concepto de dirección de obra e/ou de coordinación de seguridade e saúde e similares.

c) Os pagamentos efectuados polo contratista á Administración en concepto de taxa de dirección de obra ou control de calidade ou calquera outro concepto que supoña ingresos ou descontos que deriven da execución do contrato de que se trate.

d) Gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e sancións administrativas e penais e os gastos de procedementos xudiciais.

3. Respecto do imposto sobre o valor engadido, os concellos e demais entidades de dereito público non teñen a consideración de suxeito pasivo, segundo o establecido no artigo 13.1 da Directiva 2006/112/CE do Consello, do 28 de novembro de 2006, relativa ao sistema común do imposto sobre o valor engadido, polo que o soportado por estes non é recuperable e considérase subvencionable ao abeiro do disposto no artigo 69.3.c) do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro.

4. O período de referencia para a imputación dos gastos subvencionables abranguerá desde o 1 de setembro de 2017 e ata o 31 de outubro de 2018, segundo a desagregación por anualidades previsto, e sen prexuízo da obrigatoriedade de opción establecida no artigo 6.1.b).

5. As entidades beneficiarias deberán xustificar os gastos segundo o período de execución material polo cal optasen na solicitude e que se reflectira na resolución de concesión:

1º. Desde o 1 de setembro e ata o 30 de novembro de 2017: imputaranse a 2017.

2º. Desde o 1 de decembro de 2017 e ata o 31 de outubro de 2018: imputaranse a 2018.

Isto, sen prexuízo do sinalado no artigo 6.1.b) respecto do procedemento de contratación ou trámites para o efecto e determinados gastos de amoreamento ou adquisición.

6. En todo caso nas actuacións e gastos obxecto da presente convocatoria deberán cumprirse, ademais, as normas establecidas no Regulamento (UE) nº 1301/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, segundo corresponda en función do financiamento da axuda.

7. As dúbidas ou controversias en relación coa subvencionabilidade dos gastos serán resoltas pola Consellería de Política Social por propia iniciativa ou por pedimento de calquera das entidades solicitantes.

Artigo 10. Subcontratación

1. Poderá ser obxecto de subcontratación ata o 100 % da actuación subvencionada, nos termos establecidos no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. En todo caso, quedan fóra da subcontratación aqueles gastos en que teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actividade subvencionada.

2. En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo da actividade subvencionada, non proporcionen valor engadido ao seu contido.

Artigo 11. Prazo e solicitudes

1. As entidades interesadas deberán achegar a solicitude segundo o modelo normalizado que figura como anexo I, dirixida á Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social, en que se fará constar a totalidade de datos reflectidos naquel e que acreditan os aspectos relacionados no punto 4 deste artigo. A súa presentación implica a aceptación da totalidade de prescricións previstas nesta orde, así como na demais normativa aplicable. Á solicitude xuntaráselle a documentación complementaria indicada no artigo seguinte.

2. O prazo de presentación será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. Na solicitude, anexo I, que deberá estar asinada polo/a representante da entidade, ademais dos correspondentes datos identificativos para os efectos de notificacións e bancarios, figurarán, entre outros, os acreditativos de determinados aspectos sinalados nos artigos 4 e 5 desta orde e demais normativa aplicable que a seguir se relacionan, así como os do/a interlocutor:

a) Declaración responsable comprensiva dos seguintes aspectos:

1º. Solicitude ou non doutras subvencións co mesmo obxecto e, se é o caso, datos relativos á concesión e percepción, así como compromiso de comunicación inmediata de calquera variación para este respecto.

2º. Veracidade dos datos contidos na solicitude e documentación complementaria.

3º. Inexistencia de concorrencia de causa que implique prohibición para obter a condición de beneficiario, segundo o establecido na normativa reguladora de subvencións.

4º. Coñecemento do cofinanciamento a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (P. O. Galicia 2014-2020) nun 80 %.

5º. Coñecemento das obrigas derivadas da presente orde e demais normativa aplicable.

6º. Acordo coas actuacións de control, supervisión e verificación dos órganos da Administración do Estado, da Comunidade Autónoma e da Unión Europea.

b) Se é o caso, manifestación da oposición á consulta dos documentos sinalados no artigo 13.1.

c) Se é o caso, constancia dos datos relativos a documentos xa presentados anteriormente: tipo de documento, órgano administrativo ante o cal se presentou, código de procedemento e data de presentación.

d) Indicación dos datos da persoa que se designa para as funcións de coordinación e comunicación coa unidade tramitadora do procedemento e medios de contacto.

e) Sinalamento da documentación complementaria que se xunta.

Artigo 12. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Coa solicitude achegarase a documentación xustificativa da personalidade e cumprimento de obrigas, se é o caso, da representación e dos requisitos establecidos no artigo 6, puntos 1 e 2:

a) Unicamente para o caso sinalado no artigo 13.2, a documentación sinalada no seu punto 1.

b) Documentación acreditativa da representación.

c) Anexo II. Certificación. Deberá estar expedida polo/a secretario/a do concello e nela constará o seguinte, en función da necesidade de acreditación dos requisitos establecidos e datos susceptibles de valoración segundo os artigos que se especifican:

1º. Artigo 6.1.a) e b) e 6.2.a) e b). Datos relativos ao acordo sobre solicitude de subvención, aceptación das condicións e requisitos establecidos nesta orde e demais normativa aplicable, así como os compromisos de cofinanciamento da actuación e de non iniciar a execución material da actuación antes do 1 de setembro de 2017 e sen prexuízo do cumprimento do período e prazo de execución que se sinalen.

Especificarase a data de adopción daquel, a denominación concreta da actuación que se pretende executar, a súa natureza: en espazo ou edificio público ou mixta, a tipoloxía: obra ou subministración, o orzamento total, a denominación do documento técnico en que se baseará: anteproxecto e/ou proxecto ou memoria valorada, segundo proceda. Así mesmo, indicación da opción sobre período de execución material e do prazo concreto dentro deste.

2º. Artigo 6.1.c). Declaración relativa á remisión de contas ao Consello de Contas de Galicia.

3º. Artigo 6.1.d). Declaración sobre a titularidade municipal e plena dispoñibilidade ou unicamente dispoñibilidade do espazo e/ou edificio en que se pretende executar a actuación nos termos especificados no dito artigo.

4º. Artigo 19.1.b). Indicación da porcentaxe de persoas con discapacidade que presta servizos na entidade en función dos datos do cadro de persoal.

5º. Artigo 19.1.c). Indicación da existencia ou non entre os departamentos dunha concellería específica en materia de accesibilidade.

6º. Artigo 19.1.d). Indicación da existencia ou non dun plan de accesibilidade do concello en vigor.

d) Artigo 6.1.e). Anexo III. Certificación ou acta en que se reflicta de maneira fidedigna o non inicio da execución material da actuación na data de presentación da solicitude, asinada polo/a secretario/a da entidade e/ou técnico/a competente que teña a condición de empregado público.

e) Artigo 6.1.f). Anexo IV. Certificación ou informe sobre adecuación da actuación aos requisitos exixidos na normativa vixente en materia de accesibilidade, asinado por técnico/a competente da entidade que teña a condición de empregado público.

f) Artigo 6.1.g). Anexo V. Unicamente para os casos de actuación de carácter mixto, en espazo e edificio/s públicos, ou exclusivamente en edificio público: certificación ou acta acreditativa da data de licenza da obra de construción ou de última reforma integral daquel/eles ou, na súa falta, do acordo municipal en que se aprobase o proxecto de obra ou de reforma integral ou, alternativamente, declaración sobre a non exixencia deste requisito por non estar incluída a actuación entre as exixibles no Código técnico de edificación. Deberá estar asinada polo secretario/a da entidade e/ou técnico competente que teña a condición de empregado público.

g) Artigo 6.1.h): documentación xustificativa da existencia dun plan de accesibilidade municipal en vigor en que se encadre a actuación: documento acreditativo da súa aprobación e copia del.

Na falta de plan, programa de accesibilidade en que se encadra a actuación cuxo contido mínimo obrigatorio será o seguinte:

1º. Análise da situación actual da totalidade do territorio municipal por ámbitos de intervención: barreiras urbanísticas en espazos públicos, viario, espazos peonís; barreiras arquitectónicas en edificios de uso público; barreiras da comunicación; sinalización, mobiliario urbano e equipamentos de uso público.

2º. Propostas de actuacións por cada un dos ámbitos de intervención reflectidos.

3º. Criterios que se aplican para determinar a prioridade de execución das actuacións.

4º. Relación de actuacións, ordenadas en función da aplicación dos citados criterios.

5º. Detalle orzamentario de cada actuación.

6º. Cronograma de execución das actuacións: plan de etapas e orzamento distribuído segundo estas.

h) Artigo 6.1.a) e f) e 6.2.a): documentación técnica, redactada en función dos requisitos establecidos na normativa aplicable en materia de accesibilidade. Segundo a natureza da actuación sobre a cal se solicita a subvención deberá achegarse a seguinte:

1º. Obras que non teñan a consideración de contrato menor segundo o estipulado na normativa de contratación pública: proxecto que sirva de base para a súa execución que permita a definición exacta da actuación, que deberá ter o contido sinalado na citada normativa e estar subscrito por técnico/a competente. Nos casos en que de acordo con aquela sexa admisible, poderá achegarse, na súa falta, anteproxecto nas condicións establecidas nela e sen prexuízo de presentación do correspondente proxecto na fase de xustificación do investimento. Sen prexuízo do anterior, para os efectos da solicitude ao abeiro da presente orde, en todo caso, deberán figurar nos citados documentos técnicos os aspectos sinalados no punto seguinte respecto das obras que teñan consideración de contrato menor e o contido da memoria valorada.

2º. Obras que de acordo coa citada normativa teñan a consideración de contrato menor: proxecto que sirva de base para a súa execución que permita a definición exacta da actuación, que deberá ter o contido sinalado na citada normativa e estar subscrito por técnico/a competente ou, na súa falta, anteproxecto nas condicións establecidas nela e sen prexuízo da presentación do correspondente proxecto na fase de xustificación do investimento. Na falta dos anteriores, será suficiente unha memoria valorada subscrita por técnico/a competente sempre que conte co seguinte contido:

2º.1. Xustificación e descrición da actuación.

2º.2. Planos de localización do investimento.

2º.3. Planos do estado actual.

2º.4. Reportaxe fotográfica do inmoble e do contorno. No caso de tratarse dun edificio deberán constar, ademais, tanto exteriores como interiores.

2º.5. Relación detallada das partidas que se executarán con constancia do orzamento parcial de cada unha delas e, cando proceda, indicación de calidades, materiais e equipamentos.

2º.6. Orzamento total da actuación calculado segundo os conceptos reflectidos na referida normativa.

2º.7. Se é o caso, calquera outra documentación que permita comprobar a boa execución da actuación e a súa suxeición á normativa de obrigado cumprimento.

3º. Subministración: adquisición e instalación de equipamento. Deberá achegarse memoria valorada subscrita por técnico/a competente, sempre que conte co seguinte contido:

3º.1. Xustificación e descrición da actuación.

3º.2. Planos de localización do investimento.

3º.3. Planos do estado actual.

3º.4. Reportaxe fotográfica do inmoble e do contorno. No caso de tratarse dun edificio deberán constar, ademais, tanto exteriores como interiores.

3º.5. Relación detallada do equipamento que se prevé instalar, con indicación de calidades e materiais.

3º.6. Orzamentos parciais relativos tanto a cada unha das partidas/unidades de equipamento como á prestación de instalación.

3º.7. Orzamento total da actuación.

3º.8. Se é o caso, calquera outra documentación que permita comprobar a boa execución da actuación e a súa suxeición á normativa de obrigado cumprimento.

Sen prexuízo de todo o anterior, poderase achegar calquera outra documentación que a entidade solicitante entenda que é pertinente para unha mellor valoración. Así mesmo, a unidade tramitadora destas subvencións poderá solicitar a documentación complementaria aclaratoria que se considere pertinente.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, agás que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberá indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa física que compareza como representante da entidade.

b) NIF da entidade.

c) Certificación sobre o cumprimento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificación sobre cumprimento de obrigas fronte á Seguridade Social.

e) Certificación sobre cumprimento de obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Emenda da solicitude

1. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente requirirá a entidade solicitante para que, no prazo máximo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo de que se dite resolución ao abeiro do artigo 21 desta lei.

2. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue a información e/ou a documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación da solicitude presentada.

3. Os requirimentos realizaranse de acordo co sinalado no artigo 21 e nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o órgano ou entidade responsable da iniciativa, a Consellería de Política Social, publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

3. Así mesmo, a consellería concedente publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, entidade beneficiaria, cantidade concedida e a finalidade da subvención, ao abeiro do disposto no artigo 15.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 17. Instrución do procedemento

1. A instrución do procedemento corresponderalle á Subdirección Xeral de Promoción da Autonomía Persoal e Prevención da Dependencia, que realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. Revisada a documentación inicial e, de ser o caso, realizado o trámite de emenda, a citada unidade:

a) Formulará as correspondentes propostas de resolución de inadmisión, así como de declaración ou aceptación de desistencia respecto dos expedientes en que concorran causas para isto.

b) Remitirá á comisión de valoración aqueles respecto dos cales se verificase a presentación da documentación en prazo e forma e o cumprimento de requisitos previos.

Artigo 18. Comisión de valoración e proposta de resolución

1. De conformidade co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as solicitudes admitidas serán examinadas por unha comisión de valoración, coa seguinte composición:

a) Presidencia: a persoa titular da Subdirección Xeral de Promoción da Autonomía Persoal e Prevención da Dependencia ou persoa que a substitúa.

b) Secretaría: a persoa titular do Servizo de Promoción da Autonomía Persoal da Subdirección Xeral de Promoción da Autonomía Persoal e Prevención da Dependencia.

c) Vogalías: a persoa titular do Servizo de Supervisión de Proxectos e un/unha arquitecto/a superior ou arquitecto/a técnico/a da Subdirección Xeral de Proxectos e Accesibilidade e un/unha funcionario/a do Servizo de Promoción da Autonomía Persoal.

No caso de ausencia dalgunha/s das persoas que a integran, será/n substituída/s pola persoa designada pola presidencia da comisión.

2. A comisión examinará o contido das actuacións obxecto de solicitude co fin de verificar se estas e os gastos que abranguen son susceptibles de subvención e, posteriormente, valorará as que se consideren con tal carácter seguindo os criterios establecidos no artigo 19. E poderá determinar unha puntuación por debaixo da cal non se considera axeitado conceder a subvención.

3. Posteriormente emitirá un informe, segundo o cal o órgano instrutor formulará proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou denegación da subvención, segundo proceda. A proposta de concesión formularase seguindo a orde de puntuación e polo importe da axuda que corresponda, ata esgotar o crédito dispoñible.

4. No suposto de que algunha entidade non acepte a axuda ou renuncie a esta, o órgano instrutor poderá formular proposta de resolución de concesión complementaria e adxudicar o importe dispoñible ás solicitudes avaliadas pola comisión e que non acadaron axuda por límites orzamentarios, de acordo coa orde de puntuación obtida.

Artigo 19. Criterios de valoración

1. Sempre que se cumpran os requisitos establecidos para a admisión, a comisión de valoración valorará as solicitudes, en función de cada unha das anualidades previstas nesta orde de acordo coas regras de imputación do gasto, respectivo crédito e segundo o prazo de execución material da actuación sinalado polas entidades, e de conformidade cos seguintes criterios:

a) Concellos que non solicitasen ou non obtivesen axuda ao abeiro da convocatoria anterior: Orde do 21 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos galegos, destinadas á mellora da accesibilidade nos edificios e espazos de uso público, cofinanciadas polo programa operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para os anos 2016 e 2017; DOG núm. 149, do 8 de agosto de 2016: 4 puntos.

Non se outorgará puntuación no caso de resolución de concesión ao abeiro da citada convocatoria que fose obxecto de revogación por causa imputable á entidade solicitante.

b) Porcentaxe de persoas con discapacidade no cadro de persoal da entidade solicitante sobre o número total: ata 5 puntos, coa seguinte ponderación:

1º. Superior ao 2 %: 5 puntos.

2º. Ata o 2 %: 3 puntos.

c) Contar cunha concellería específica en materia de accesibilidade universal: 3 puntos.

d) Dispor dun plan de accesibilidade en vigor: 5 puntos.

e) En función da natureza da actuación. Ata 5 puntos, segundo o seguinte:

1º. En espazo público: 5 puntos.

2º. Mixta, espazo público e edificio público: 3 puntos.

3º. En edificio público: 2 puntos.

f) Actuacións que teñan en conta a todas as posibles persoas usuarias e, polo tanto, a través das cales se atendan de xeito integral as necesidades derivadas tanto de discapacidade física como sensorial e cognitiva: 10 puntos.

g) Poboación da entidade solicitante, segundo a cifra oficial en data 1 de xaneiro de 2016, fonte: Instituto Galego de Estatística. Ata 18 puntos, coa seguinte ponderación:

1º. Ata 5.000 habitantes: 18 puntos.

2º. De 5.001 a 10.000 habitantes: 16 puntos.

3º. De 10.001 a 20.000 habitantes: 13 puntos.

4º. Máis de 20.000 habitantes: 10 puntos.

h) Porcentaxe de poboación e idade igual ou superior a 65 anos sobre o total de poboación da entidade solicitante, segundo as cifras oficiais en data 1 de xaneiro de 2016, fonte: Instituto Galego de Estatística. Ata 10 puntos, coa seguinte ponderación:

1º. Superior ao 20 %: 10 puntos.

2º. Superior ao 15 % e ata o 20 %: 8 puntos.

3º. Entre o 10 % e ata o 15 %: 6 puntos.

4º. Inferior ao 10 %: 4 puntos.

i) Poboación con discapacidade da entidade. Outorgase en función da porcentaxe que resulte da comparativa entre os datos oficiais da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade e as cifras de poboación reflectidas na letra g) anterior. Ata 10 puntos, coa seguinte ponderación:

1º. Superior ao 10 %: 10 puntos.

2º. Entre o 5 % e ata o 10 %: 8 puntos.

3º. Inferior ao 5 %: 6 puntos.

2. No caso de empate na puntuación entre dúas ou varias solicitudes, resolverase segundo a seguinte prioridade en función da natureza da actuación:

1º. En espazo público.

2º. De carácter mixto.

3º. En edificio público.

De persistir o empate, atenderase á data de presentación da solicitude e, de ser idéntica, ao maior importe do orzamento total da actuación.

Artigo 20. Resolución

1. As resolucións que procedan ao abeiro desta orde serán ditadas pola persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, que actuará por delegación do conselleiro de Política Social, despois da proposta do órgano instrutor. E no caso de que o seu contido sexa a concesión de subvención, tras a fiscalización pola Intervención delegada.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude por silencio administrativo.

3. En todo caso, deberá notificarse a cada beneficiario un documento en que se establezan as condicións da axuda. A resolución de outorgamento da subvención abranguerá a identificación do beneficiario, a contía da subvención e as obrigas que correspondan ao beneficiario, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deben obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección da operación, que debe conter o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA).

Artigo 21. Publicación e notificacións

1. De acordo co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, os actos administrativos que afecten as entidades interesadas serán obxecto de publicación e esta producirá os efectos de notificación. A publicación realizarase a través do Diario Oficial de Galicia e a páxina web da consellería (https://politicasocial.xunta.gal). Esta última poderá ter o carácter de complementaria por ter o contido pormenorizado do respectivo acto. Excepcionalmente, no suposto de existir imposibilidade de realizar a publicación, efectuaranse notificacións de acordo co reflectido nos parágrafos seguintes.

2. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións ao dispositivo electrónico e/ou ao enderezo de correo electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán en ningún caso efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 22. Aceptación e renuncia

1. Notificada a resolución de concesión, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez días (10) hábiles a súa aceptación, comprometéndose a executar a acción subvencionada nas condicións establecidas na presente convocatoria. No caso de non comunicar o dito aspecto no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada.

2. A renuncia á subvención poderase formular por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Os importes que, se é o caso, resultaren sobrantes por causa de renuncia poderán destinarse ao outorgamento de máis subvencións segundo o determinado nos artigos 18, 19 e 20.

Artigo 23. Réxime de recursos

1. As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro da presente orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse:

a) Recurso potestativo de reposición ante o/a director/a xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Ou ben recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

2. Non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se desestime por silencio o recurso de reposición interposto.

Artigo 24. Modificación e rectificación da resolución

1. De acordo co disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras axudas ou subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Así mesmo, segundo o previsto no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, unha vez ditada a resolución de concesión, a entidade beneficiaria poderá solicitar a modificación do seu contido, agás no suposto sinalado no artigo 6.3.b) e sempre que se respecte a actuación subvencionable e non dea lugar a execución deficiente e/ou incompleta. Será de aplicación o seguinte:

a) A solicitude deberá presentarse antes de que conclúa o prazo para a realización da actividade e a esta xuntarase:

1º. Memoria xustificativa.

2º. Relación e identificación concreta dos cambios introducidos.

3º. Orzamento modificado, se é o caso.

b) Poderase autorizar sempre que non dane dereitos de terceiros.

c) Non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tiveron lugar con posterioridade a ela.

d) Cando implique modificación do importe total concedido, tramitarase conxuntamente a do expediente de gasto.

3. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade por delegación do conselleiro de Política Social, logo da correspondente tramitación e, se é o caso, con audiencia da entidade interesada.

4. Cando a entidade beneficiaria da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta, que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que deberían ter dado lugar á modificación da resolución téndose omitido o trámite de autorización administrativa previa, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre que tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros.

Esta aceptación polo órgano concedente non exime a entidade beneficiaria das sancións que poidan corresponderlle de conformidade coa citada Lei 9/2007, do 13 de xuño.

5. A Administración poderá rectificar de oficio a resolución cando dos elementos que figuren nela se deduza a existencia de erro material, de feito ou aritmético.

Artigo 25. Xustificación da subvención: obxecto, prazo e documentación

1. A actuación executada deberá coincidir co contido da resolución de concesión da subvención (entre outros, obxecto, prazo de execución e documento técnico sobre que se basee) e, se é o caso, coas modificacións autorizadas.

Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas para a concesión da subvención e responder de xeito indubidable á natureza da actividade subvencionada.

Só se considerará gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado na presente convocatoria.

E deberase acreditar o cumprimento das obrigas establecidas na normativa aplicable.

2. A documentación xustificativa da subvención presentarase ante a Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade dentro do prazo límite que se sinala no punto seguinte, sempre que non se opoña ao que se estableza na orde da Consellería de Facenda que regule as operacións de cerramento do exercicio, segundo o período de execución e de imputación de gastos que corresponda. A xustificación, sen prexuízo da achega dos demais documentos, efectuarase a través de conta xustificativa do gasto realizado.

3. Os prazos de xustificación e documentación correspondente serán os seguintes en función do prazo de execución que figure na resolución de concesión e a consecuente imputación de gastos ao período que corresponda, segundo os dous supostos que se relacionan a continuación:

3.1. Actuacións con execución material que abrangue desde o 1 de setembro e ata o 30 de novembro de 2017 e, polo tanto, con imputación a 2017:

a) Prazo límite de presentación: o 5 de decembro de 2017.

b) Documentación:

1º. Anexo VI. Solicitude de pagamento e declaración, asinada polo/a representante da entidade. Ademais dos correspondentes datos identificativos, faranse constar os seguintes aspectos:

1º.1. Declaración responsable sobre:

1º.1.1. Cumprimento do fin para o cal foi concedida a subvención e de toda a normativa aplicable.

1º.1.2. Actualizada na data de xustificación, en relación coa solicitude ou non doutras subvencións co mesmo obxecto e, se é o caso, datos relativos á concesión e percepción, así como compromiso de comunicación inmediata de calquera variación para este respecto.

1º.1.3. Inexistencia de concorrencia de causa que implique prohibición para obter a condición de beneficiario segundo o establecido na normativa reguladora de subvencións.

1º.2. Indicación da documentación complementaria que se xunta.

2º. Anexo VII. Certificación asinada polo/a secretario/a da entidade sobre o nivel de logro dos indicadores de produtividade asociados a esta convocatoria, en función dos seguintes datos:

2º.1. Identificador: E036.

2º.2. Nome: poboación beneficiada pola actuación de infraestrutura (ou equipamento) social.

2º.3. Unidade de medida: número de persoas con grao de discapacidade recoñecido empadroadas no concello.

2º.4. Valor estimado: consignarase o número de persoas con grao de discapacidade recoñecido empadroadas no concello.

3º. Conta xustificativa do gasto realizado, de acordo co disposto no artigo 28.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, que incorporará:

3º.1. Anexo VIII. Certificación asinada polo/a secretario/a da entidade baseada, se é o caso, no órgano de intervención ou que teña atribuídas as facultades de control sobre os seguintes aspectos:

3º.1.1. Cumprimento da finalidade para a cal foi concedida a subvención.

3º.1.2. Toma de razón en contabilidade do gasto correspondente á execución da actuación subvencionada.

3º.1.3. Cumprimento da normativa aplicable en materia de contratación pública vixente na tramitación do procedemento de contratación e, se é o caso, respecto de contrato menor con adxudicación directa, ademais, dos requisitos específicos establecidos no artigo 7.4.

3º.1.4. Cumprimento da normativa aplicable en materia de publicidade ás subvencións financiadas a través de fondos da Unión Europea, de conformidade co previsto nos artigos 6.3.c) e 27.e) da presente orde.

3º.2. Memoria xustificativa da execución da actuación subvencionada, que incluirá:

3º.2.1. Relación de infraestruturas melloradas e/ou equipamentos instalados.

3º.2.2. Relación clasificada dos gastos con identificación do acredor, concepto que permita identificar dun xeito inequívoco a subvencionabilidade de acordo coas normas aplicables, número de factura, importe, data de emisión e data de pagamento, e as sumas parciais (folla por folla) e total da relación.

3º.2.3. Facturas orixinais ou documentos contables de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, con expresión do seu número, acredor, data de emisión, concepto, importe e data de pagamento. Deben cumprir o disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

3º.2.4. Documento/s xustificativo/s de ter realizados os pagamentos do correspondente gasto: extractos e/ou certificacións bancarias debidamente identificados e selados pola entidade bancaria e asinados polo/a representante da entidade beneficiaria da subvención. No caso de que o/s xustificante/s inclúa/n varias facturas, deberase xuntar unha relación delas.

3º.2.5. Fotografías do lugar ou lugares onde se efectuou a actuación, tomadas en tres momentos: antes, durante e con posterioridade á súa execución. Deberán permitir a identificación do/s lugar/es e os momentos da execución a que correspondan.

3º.2.6. Documentación xustificativa da adecuada publicidade, segundo o especificado nos artigos 6.3.c) e 27.e):

3º.2.6.1. Fotografías dos carteis informativos. Deberá indicarse a data de colocación.

3º.2.6.2. Documentos relativos á publicidade a través da páxina web (por exemplo, capturas de pantalla).

3º.2.6.3. Documentos referentes á publicidade a través da documentación escrita: copia dun exemplar de cada tipo de documento utilizado.

3º.3. Copia do expediente de contratación completo. Sen prexuízo disto:

3º.3.1. Contrato de obra que non teña a consideración de contrato menor; deberá figurar:

3º.3.1.1. Certificación/s asinada/s por técnico/a competente.

3º.3.1.2. Acta de recepción.

3º.3.2. Contrato de obra que teña a consideración de menor; deberá figurar:

3º.3.2.1. Certificación/s asinada/s por técnico/a competente ou, na súa falta, certificación do/a secretario/a baseada en informe do/a técnico/a competente en que figurarán as datas de inicio e finalización da execución material.

3º.3.2.2. Acta de recepción.

3º.3.2.3. De concorrer o suposto reflectido no artigo 6.1.b), último inciso: certificación relativa á data do amoreamento de materiais.

3º.3.2.4. E no caso de contrato menor mediante adxudicación directa: a totalidade de documentación xustificativa dos aspectos sinalados no artigo 7.4.

3º.3.3. Contrato de subministración; deberá figurar:

3º.3.3.1. Certificación do/a secretario/a baseada en informe do/a técnico/a competente en que figurarán as datas de inicio e finalización da execución material.

3º.3.3.2. Acta de recepción.

3º.3.3.3. De concorrer o suposto reflectido no artigo 6.1.b), último inciso: certificación relativa á data de adquisición de equipamento.

3º.3.3.4. E no caso de contrato menor mediante adxudicación directa: a totalidade de documentación xustificativa dos aspectos sinalados no artigo 7.4.

3.2. Actuacións con execución material que abrangue desde o 1 de decembro de 2017 e ata o 31 de outubro de 2018 e, polo tanto, con imputación de gastos á anualidade 2018:

a) Prazo límite de presentación: 15 de novembro de 2018.

b) Documentación: idéntica á reflectida no anterior punto 3.1.b), ben que a conta xustificativa se referirá ao gasto imputable á anualidade 2018.

4. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido levará consigo a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, segundo o disposto nela e no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

No caso de que a xustificación fose incorrecta e/ou incompleta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días. Advírtese que, de non facelo, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.

5. Os órganos competentes poderán solicitar as aclaracións ou os informes relativos a xustificación do gasto que consideren convenientes.

Artigo 26. Pagamento da subvención

1. Unha vez xustificada a subvención nos termos establecidos no artigo 25 o órgano competente, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o gasto xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución de concesión, e sempre que estea garantida a consecución do obxecto. Así mesmo, procederá a minoración do importe da subvención concedida ou, de ser o caso, a perda do dereito ao seu cobramento, nos termos e nos casos previstos no artigo 27 e nos demais supostos previstos na normativa de aplicación relacionada no artigo 32.

Artigo 27. Obrigas das entidades beneficiarias

Sen prexuízo do disposto no artigo 6.3, as entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, os requisitos e obrigas reflectidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como as demais condicións e obrigas establecidas nesta orde e todas as que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación. En particular, as seguintes:

a) Destinar os fondos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos, executar e acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención e o cumprimento dos requisitos e das condicións desta ante o órgano concedente.

b) As infraestruturas e/ou equipamentos obxecto da actuación subvencionada deberán permanecer destinados ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención por un período non inferior a cinco (5) anos desde o pagamento final ao beneficiario, tal e como se recolle no artigo 31.4.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, no artigo 29.4.a) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro. O incumprimento disto dará lugar á revogación da resolución de concesión, ao reintegro das cantidades percibidas e á exixencia dos xuros de demora legalmente establecidos desde o momento do pagamento da subvención.

c) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

d) Conservar toda a documentación relativa á subvención durante un período de tres anos, que se contará a partir do 31 de decembro seguinte á presentación destas contas ante a Comisión Europea, data esta que se publicará oportunamente no Diario Oficial de Galicia.

e) Dar cumprimento á obriga da adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do disposto no artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e 20 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, así como nos artigos 3, 4 e 5 do do Regulamento de execución (UE) nº 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ás modalidades concretas de transferencia e xestión das contribucións do programa, presentación de información sobre os instrumentos financeiros, as características técnicas das medidas de información e comunicación das operacións, e o sistema para o rexistro e almacenamento de datos. En todo caso, durante a execución da actuación respectarase o reflectido no artigo 6.3.c), sen prexuízo de que os carteis deberán permanecer colocados e a páxina web coa correspondente información, cando menos, ata a data en que remata o prazo de xustificación da subvención establecido no artigo 25.3.

f) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidas polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a solicitude e/ou a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e sempre con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

g) Someterse ás actuacións de comprobación e facilitar toda a información requirida pola Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 72, 73 e 74 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento europeo e do Consello, do 17 de decembro, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

h) Reintegrar os fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

i) Así mesmo, cumprir coa obriga de subministración de información nos termos establecidos no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro.

Artigo 28. Responsabilidade

1. A organización e materialización da actuación obxecto de subvención será responsabilidade exclusiva da entidade beneficiaria.

2. A actuación da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social quedará limitada ao outorgamento daquela e a garantir o cumprimento da normativa en materia de axudas públicas.

Artigo 29. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta orde ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. Para facer efectiva a devolución, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. Procederá o reintegro do 5 % da axuda percibida no caso de incumprir a obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas.

3. Procederá o reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder, no caso de non comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas que financien a acción subvencionada.

4. Non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período establecido suporá a perda da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período incumprido.

5. Non comunicar a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención suporá a perda do 5 % da subvención concedida.

6. Particularmente, acadarán a porcentaxe dun 2 % de minoración sobre a contía total da axuda percibida, no caso de incumprimento da obriga recollida no artigo 27, letras c) e e).

7. Ás entidades beneficiarias destas subvencións seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 30. Seguimento e control

1. A Consellería de Política Social levará a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das obrigas derivadas desta orde e demais normativa aplicable.

2. Sen prexuízo do indicado no punto anterior, a consellería poderá realizar, ben con persoal propio ben a través de empresas auditoras, actuacións de comprobación e control para verificar sobre o terreo o cumprimento das condicións para a percepción das subvencións. As comprobacións incidirán sobre todos aqueles aspectos que garantan a realización dos compromisos adquiridos e o cumprimento dos requisitos fixados nesta orde. O persoal encargado da verificación levantará acta da actuación de control, que asinará a entidade á cal se lle entregará unha copia, e presentaralla ao órgano competente da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade xunto co informe de verificación. A entidade queda obrigada a facilitarlle ao persoal designado copia da documentación que se lle solicite relativa ao expediente obxecto de control.

3. Ademais do anterior, todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos establecidos no título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas. Tamén quedarán suxeitas ás verificacións previstas no artigo 125.5 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e aos demais controis que procedan por mor do financiamento no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Artigo 31. Comprobación de subvencións

O órgano competente para conceder a subvención comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

Artigo 32. Remisión normativa

Respecto de todo o non previsto nesta orde observarase o disposto nas seguintes normas, entre outras de procedente aplicación:

a) Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006, do Consello.

b) Regulamento de execución (UE) nº 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ás modalidades concretas de transferencia e xestión das contribucións do programa, á presentación de información sobre os instrumentos financeiros, ás características técnicas das medidas de información e comunicación das operaciones, e do sistema para o rexistro e almacenamento de datos.

c) Regulamento (UE) nº 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006.

d) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

e) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

f) Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

g) Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

h) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

i) Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

j) Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

k) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Artigo 33. Información ás entidades interesadas

Sobre a presente orde poderase obter información adicional a través das seguintes páxinas web: a da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos, a da Consellería de Política Social: http://politicasocial.xunta.gal. Así mesmo, na Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Subdirección Xeral de Promoción da Autonomía Persoal e Prevención da Dependencia, a través dos teléfonos 981 54 67 36/54 73 98/54 01 42, ou do enderezo electrónico autonomiapersoal.sxps@xunta.gal, ou ben de xeito presencial.

Artigo 34. Datos de carácter persoal

1. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e as entidades», co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer a través de correo electrónico dirixido a: sxt.politicasocial@xunta.gal.

2. Así mesmo, serán incluídos no ficheiro denominado «Xestión, seguimento e control de proxectos e fondos europeos», cuxo obxecto, entre outras finalidades, é a xestión, o seguimento, o control, a coordinación e o estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europa. O órgano responsable deste é a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer a través de correo electrónico dirixido a: fondos.europeos.facenda@xunta.gal.

Disposición adicional. Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade a actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias en relación coas subvencións previstas nesta orde, así como para realizar os actos de autorización e disposición de gasto, recoñecemento de obrigas e proposta de pagamentos previstos no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade para ditar as normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2017

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file