Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 11 de agosto de 2017 Páx. 38941

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 17 de xullo de 2017, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, de incoación do expediente para ampliar a delimitación dos muíños do Folón e do Picón no termo municipal do Rosal como lugar de valor etnolóxico.

O Decreto 27/1998, do 22 de xaneiro, declaraba ben de interese cultural, con categoría de lugar de interese etnográfico, os muíños do Folón/Picón, sitos en Santa Mariña, no concello do Rosal, provincia de Pontevedra.

No anexo descritivo do devandito decreto defínese o ámbito de protección integral do conxunto etnográfico a través dunha liña poligonal que, á vista da información dispoñible, non recolle a totalidade de muíños deste ámbito, senón só os asociados ao río Folón, sen que tampouco coincida a posición de cada un deles coas áreas sinaladas na información anexa ao decreto.

Ben que a existencia dos diferentes grupos de muíños era coñecida e está recollida nalgunhas publicacións e estudos, o Concello do Rosal advertiu de que o grupo de muíños do Picón, situados cara ao leste da delimitación actual, cunha disposición, funcionalidade, tipoloxía e materiais análogas aos do río Folón, non estaban recollidos no decreto de declaración.

Dispóñense dun modo semellante e sérvense das augas do sistema fluvial tanto permanente dos regos coma o descontinuo das fervenzas e dun mesmo contexto social e económico, constituído non só polas edificacións de moer senón tamén o sistema de captación e distribución, como os lugares da Enxubrigada e do Nivel, elemento este de interese para a comprensión de todo o sistema, e que facilita uns amplos e magníficos panoramas, e se reparten en regos e canles de abondosa variedade toponímica, así como un camiño tradicional cara a ermida que destaca en tramos pola súa construción e estado de conservación.

Estímase que este grupo de muíños mantén, cos xa declarados unha íntima relación de proximidade e comparte tradicións entre as comunidades locais, polo que a delimitación do lugar debe tamén estenderse cara ao noroeste para incluír a ermida de San Martiño, na cal se celebra no outono unha tradicional e multitudinaria romaría e que emprega o mesmo sistema de camiños, e cara ao sur para incluír o ámbito protexido do Castro do Picón.

A directora xeral do Patrimonio Cultural, exercendo as competencias que lle atribúe o artigo 13.1.d) do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (DOG núm. 13, do 18 de xaneiro); en virtude do que dispón o título I da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 92, do 16 de maio) e, en especial, o seu artigo 24, no cal se establece o procedemento para deixar sen efecto ou modificar unha declaración; o contido do Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e se crea o Rexistro de bens de interese cultural de Galicia (DOG núm. 14, do 22 de xaneiro de 1992) nas condicións establecidas na disposición transitoria primeira da devandita Lei 5/2016; e finalmente á vista dos informes técnicos e da documentación xustificativa recollida no expediente,

RESOLVE:

Primeiro. Incoar o procedemento para ampliar a delimitación dos muíños do Folón e do Picón no termo municipal do Rosal (Pontevedra), conforme a descrición e delimitación descritos nos anexos desta resolución, e proceder cos trámites para a súa modificación efectiva.

Segundo. Ordenar que se anote esta incoación de forma preventiva no Rexistro de bens de interese cultural de Galicia e que se lle comunique ao Rexistro xeral de bens de interese cultural da Administración do Estado.

Terceiro. Aplicar de forma inmediata e provisional o réxime de protección que establece a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, para os bens de interese cultural e para os lugares de valor etnolóxico en particular, con eficacia desde o momento da notificación ás persoas interesadas. O expediente deberá resolverse no prazo máximo de vinte e catro meses, desde a data desta resolución, ou producirase a caducidade do trámite e o remate do réxime provisional establecido.

Cuarto. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Quinto. Abrir un período de información pública durante o prazo dun mes, que se comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación, co fin de que as persoas que poidan ter interese poidan examinar o expediente e alegar o que consideren conveniente. A consulta realizaríase nas dependencias administrativas da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, situada no Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 3, piso 2, en Santiago de Compostela, despois da correspondente petición da cita e no servizo de Patrimonio Cultural da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en Pontevedra (avda. Fernández Ladreda, 46-7º e 8º, 36071 Pontevedra).

Sexto. Notificar esta resolución aos interesados, ao Concello do Rosal e aos departamentos con competencias no ámbito afectado pola delimitación.

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2017

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO I

Descrición dos conxuntos de muíños do Folón e do Picón

1. Denominación: Muíños do Folón e do Picón.

2. Descrición.

a) Inmobles obxecto da declaración:

Os muíños do Folón eran coñecidos historicamente pola denominación de Riobó, nome empregado para o río Folón ou San Martiño, e teñen a súa orixe cando menos o século XVII, coa implantación e xeneralización do cultivo do millo, ben que é probable que aumentando o número dalgúns xa existentes con anterioridade. Os muíños do Picón, situados máis cara ao leste, alimentábanse das augas de recollida de varios regos e fontes, en especial do que adopta a denominación de rego da Cal, no lugar denominado O Nivel, e teñen un número e disposición semellante, ben que o seu funcionamento está condicionado pola periodicidade dos usos e caudais.

Estes muíños tiñan a función principal de moer gran de millo, trigo e centeo, aínda que excepcionalmente está acreditado o uso para moer mineral, polo que mantiveron o uso ata mediados do século XX, cando se produce case o seu total abandono.

Todos os muíños do conxunto, ata un total de sesenta e sete (trinta e seis no Folón e trinta e un no Picón) teñen unha feitura moi semellante e homoxénea. Son construcións rectangulares de pequeno tamaño, de muros de cachotaría concertada con linteis, xambas e algún canto de cantaría traballada, e cubertas de tella curva a unha auga, sen beiril. Os ocos principais son o acceso, cunha porta de madeira, de folla partida, e os cubos de entrada da auga, protexidos cunha grade, e o inferno, no cal se asenta o enxeño hidráulico que move as moas.

Nestes ocos emprégase a mellor e máis precisa técnica de cantaría. Tamén dispoñen polo xeral dunha pequena fornela para entrada da luz. Nas cantarías son abondosas as inscricións, en especial de cruces latinas con algunha sinxela ornamentación xeométrica, aínda que tamén hai inscritas iniciais e datas. Estes símbolos, que ás veces ocupan paneis enteiros de varias cruces, tamén se repiten en laxes exteriores próximas aos muíños. Ocasionalmente o sistema podía completarse cun pequeno alboio cuberto para as bestas, ás cales se lles dispoñía pías ou bacías para alimentalos.

O sistema construtivo e o seu uso continuo e intenso obrigaba a constantes reparacións e melloras, polo que debe entenderse como unha construción viva e adaptable que debe axeitarse a diferentes usos e circunstancias.

No interior dalgún tamén existe, na parede a unha media altura, unha urna ou lacena para as funcións auxiliares da moenda. O pavimento é tamén de pedra e acubilla de ordinario dúas estancias, unha a da moa -aínda que algún deles tiña dúas-, e outra a dos sacos (de gran ou de fariña) na cal podía haber tamén mesmo un pequeno lar e un lugar para durmir, separadas por un tabique lixeiro de madeira.

A auga condúcese a través de levadas e regos, que manteñen o potencial da súa forza motriz e o reparten para o funcionamento de todo o sistema. Orixinalmente este sistema hidráulico compartía a súa función coa de rega de hortas e campos de cereal, polo que o funcionamento debía ser compartido, deixando a moenda para os meses máis propicios, co gran oureado e a auga abondosa, ben que con preferencia do uso para o regadío.

b) Partes integrantes:

Considéranse partes integrantes do lugar de valor etnográfico, ademais das propias edificacións dos muíños, os sistemas hidráulicos para a captación, retención e distribución das augas, en especial as pesqueiras, así como as levadas e regos que conducen a auga aos cubos.

Os lugares da Enxubrigada, en que se recollen e conducen as augas por unha longa canle, e O Nivel, en que se distribúen de forma equitativa coa base dunha pedra con orificios elaborada para tal fin, son moi importantes no funcionamento deste sistema. Parte destas canles están na actualidade feitas con prefabricados de formigón, se ben amosan unha boa integración cromática e funcional, sen que produza unha deturpación significativa dos seus valores.

Como parte integrante do lugar tamén se identifica a ermida de San Martiño, aínda que, dadas as súas características arquitectónicas, deberá aplicárselle un nivel de protección estrutural. Dentro destes elementos protexibles, o pórtico de acceso de recente construción pode considerarse como un elemento deturpador cando menos desde un punto de vista estético. Porén, ten unha funcionalidade relevante para a súa comunidade e, se for o caso, deberá avaliarse a conveniencia da súa eliminación ou substitución por un elemento arquitectónico máis axeitado en dimensións e materiais para unha integración máis acaída no contorno.

Os camiños tradicionais, en especial o de San Martiño (no cal aínda se conserva algún pousadoiro e unha parte de pavimento aberto na propia pedra con fondas rodeiras de carro) ou os que soben polas carreiras de Martín e Cereixeira, deben ser conservados na súa funcionalidade e localización, tomando en consideración que se trata de camiños empedrados que deberan conservar tal fisionomía.

c) Outros elementos e manifestacións de valor cultural:

Só parcialmente algún dos muíños conserva en funcionamento a maquinaria que lles dá sentido funcional. Porén, tampouco pode acreditarse que todas elas sexan orixinais. Por tal motivo, aínda que se considera axeitada a procura da reconstrución integral do sistema de usos e maquinaria interior, non deben recollerse como bens mobles catalogados singularmente. En calquera caso, as mostras, cunha función de valorización e de difusión, deberan completarse con outros mobles e enxoval relacionado coa actividade da moenda, como poden ser vasoiras, picos, pancas ou candís, os trespés, perois e cacharros e outros que acrediten dunha forma verídica e complexa todas as dimensións da actividade.

Ademais da tradición ligada á moenda e ás relacións sociais que arredor dela se producían, tan abondosas no patrimonio inmaterial galego, tamén os dereitos sobre os muíños constitúen unha parte do seu interese cultural, xa que son reflexo das dinámicas sociais e económicas, e son ao mesmo tempo mostra de diferentes accesos á súa titularidade: propiedade e copropiedade, parzaría, maquía, alugueiro... Tamén os preitos e as transmisións de dereitos son múltiples e de interese, así como os referidos aos dereitos das augas tamén para a rega que constitúen de por si un modo de organización propio e sinalable, entre os cales estarían o dereito ao acceso á auga de rega e as obrigas para o mantemento do sistema e as limpezas e reparacións necesarias. Tamén é un valor cultural relevante a riqueza toponímica do ámbito, así como a dos propios termos referidos á actividade. No expediente recóllense a terminoloxía e toponimia referidas na publicación Os muíños do Folón e do Picón na vila do Rosal de Juan Ramón Martínez Barbosa e Xoán Martínez Tamuxe (2009), que resulta o informe histórico e documental máis relevante e completo sobre o conxunto e as persoas relacionadas con el e que tamén foi usado como referencia para esta delimitación e identificación.

3. Estado de conservación.

A maior parte do conxunto de muíños está rehabilitado desde 1991 polo Concello do Rosal en diferentes fases, despois dun proceso de cesións por parte dos seus propietarios e titulares de dereitos recoñecidos, e coa reserva do seu uso. Algún foi mantido ao longo do tempo polos seus propietarios e outros, os menos, atópanse en ruínas ou deteriorados. As intervencións tiveron por obxecto a rehabilitación arquitectónica das edificacións, e só parcialmente dos enxeños hidráulicos da moa e rodicio, principalmente con funcións culturais. Así mesmo, a valoración do conxunto levou tamén á mellora e acondicionamento dos accesos e espazos de descanso, de tal xeito que o lugar pode ser disfrutado tamén como un percorrido con altos valores ambientais, como as augas en fervenza da fonte do Aloque, ou panorámicas do treito final do río Miño e o monte Trega.

Ambientalmente a contorna está nun proceso entre a propia valoración natural do lugar e o uso forestal de especies de crecemento rápido. Neste senso cumprirá avaliar a posibilidade de que, cando menos o ámbito das grandes parcelas propiedade tanto do Concello do Rosal como das comunidades locais de Santa Mariña, prevexan a posibilidade dunha restauración ambiental a medio prazo, de tal xeito que os muíños, os camiños e a propia ermida poidan ser interpretados nun contexto máis próximo ao da súa función orixinal, aínda que tendo en conta as dinámicas normais do aproveitamento do solo deberán ser compatibles co seu uso forestal. No actual contexto, a formación en serie dos repetidos muíños, dispostos en diferentes ringleiras, posúe un valor estético sobranceiro e son mostra de como unha instalación para aproveitar e explotar os recursos naturais pode reunir en si beleza e utilidade, ademais dun enorme potencial identitario relacionado coa historia da moenda, na cal participa toda a comunidade.

ANEXO II

Delimitación do lugar de interese etnolóxico dos muíños do Folón e do Picón

1. Xustificación da delimitación.

Dado que o lugar de interese etnolóxico se distribúe polas abas dos montes do Campo do Couto ao oeste e os montes da Valga ou San Martiño ao norte, debe establecerse unha delimitación que abranga todos os seus elementos, con especial interese para os camiños e as pesqueiras e levadas que conforman a totalidade do sistema hidráulico, non só de moenda, senón para o propio regadío do cereal por moitas comunidades e propietarios. Deste xeito estímase que polo norte estará limitado polo propio límite do termo municipal, enmarcado polos cumios dos altos de Picouto, Carrolo e Castelo, dos cales proveñen as augas principalmente polo rego da Cal ata A Enxubrigada. Polo leste o propio rego da Cal ata O Picón, mentres que polo sur estaría delimitado polo lugar de Ponte das Penas e Martín e polo oeste polo Campo do Couto. Este ámbito recolle a totalidade do sistema e inclúe a ermida de San Martiño no extremo noroeste e o castro do Picón no extremo sueste.

Dada a extensión do lugar de interese etnolóxico delimitado e polas súas características xeográficas e delimitación topográfica, non se considere preciso establecer ningún contorno de protección nin área de amortecemento para este lugar, xa que se delimitan todos os espazos necesarios tanto para a conservación da súa integridade como para manter as relacións co seu territorio.

2. Descrición literal.

O contorno de protección proposto queda literalmente xeorreferenciado mediante a cita das parcelas catastrais, regatos e camiños polos cales discorre a demarcación detallada graficamente na planimetría que se xunta. As parcelas identifícanse mediante dous grupos numéricos separados por unha barra que indican o polígono e parcela catastrais (polígono/parcela).

– O contorno de protección parte do punto «A» situado no monte veciñal de Santa Mariña, no límite municipal co concello de Oia, nun camiño que baixa cara ao sur, entre as parcelas 011/1 e 014/5000. No extremo máis ao oeste desta parcela, baixa un pequeno tramo polo camiño que discorre polo norte da ermida de San Martiño.

– O punto «B» sinálase na intersección co camiño que baixa cara ao sur, ata atoparse co que discorre polo limite da parcela 011/1. Continúa baixando en dirección ao Campo do Couto, ata atoparse co camiño que sobe, case paralelo coa subparcela «e», onde se sitúa o punto «C».

– Desde o punto «C» cambia de dirección cara ao sueste, en liña recta ata o punto «D», no extremo noroeste da parcela 37/5000, no cal se cruzan dous camiños. Segue polo que limita esta parcela polo oeste ata a 37/416.

– O punto «E» colócase no extremo suroeste da 37/416 e continúa o contorno cara ao sur polo lindeiro oeste da parcela 37/414. Segue nesta dirección polo nordeste da 37/415 e continúa ata o extremo sur da 37/408. Desde aquí diríxese ao leste, polo norte das parcelas 37/407 e 37/568 e, no mesmo sentido, polos límites da 37/693, 37/687 e 37/550; quedando todas elas excluídas do contorno de protección.

– O punto «F» sinálase ao oeste da parcela 37/689 e continúa polo norte desta excluíndoa do perímetro protexido. Desde aquí, colle o camiño que coincide coa delimitación do solo de núcleo rural de Martín (segundo o PXOM aprobado inicialmente en 2013), de xeito que o núcleo permanece excluído desta delimitación. Segue igualmente polo límite do núcleo, excluíndo do contorno as parcelas 37/676 e 37/512. Rodeando esta, volve ao camiño anterior para continuar cara ao nordeste.

– O punto «G» está na intersección co eixe do camiño que baixa cara Cancela Salgosa, entre as parcelas 013/45 e 013/44. Neste tramo o contorno inclúe parte das parcelas do núcleo, coincidindo co ámbito de protección do castro do Picón (GA36048006). No lugar de Bautista discorre polo linde norte das parcelas catastrais 013/6002 e 013/201, para baixar polo leste desta ata abranguer, as b e c das catro subparcelas da 013/8, ao igual que as c e d da 013/9. Polo leste desta, continúa o contorno cara o norte polo camiño, ata o punto «H», coincidindo coa prolongación da liña divisoria entre as subparcelas a e b do predio catastral 026/41.

– Inclúe no perímetro as parcelas do Picón: 026/43, 026/47, 026/48, 026/52, 026/55 e 026/59. Desde o extremo sueste desta, atravesa a parcela 026/58, subindo polo leste desta ata o camiño que vai a enlazar coa estrada da Moca, que leva a Cruces.

– Defínese aquí o punto «I», do cal parte o contorno cara ao norte, avanzando un pequeno tramo polo camiño sinalado, ata o recollido na cartografía do PXOM aprobado inicialmente en xuño de 2013. Este camiño atravesa a parcela 014/110, e enlaza co que baixa cara aos muíños, bordeando a parcela 014/11, despois de discorrer uns sesenta metros polo predio catastral 014/5000.

– No límite oeste desta, na intersección co camiño sinalado, é onde se sitúa o punto «K». Por ese lindeiro segue subindo o contorno cara ao noroeste e logo en dirección nordeste, polo límite entre as subparcelas e/a do mesmo predio 014/5000. Tras o río da Cal, colle a liña de máxima pendente para rematar no límite co termo municipal de Oia (segundo a planimetría das normas urbanísticas de ambos os dous municipios), onde situamos o punto «L».

– O contorno diríxese ao punto de inicio «A», cara ao oeste, para pechar o perímetro que aquí se define.

ANEXO III

Réxime de protección específico

No referido ao seu réxime de protección, cómpre indicar que as construcións, froito do abandono sufrido desde mediados do século XX ata o momento do comezo da súa restauración xeneralizada en 1991, están reconstruídas na súa maior parte con técnicas e materiais tradicionais. Pode considerarse que os procesos de restauración foron respectuosos cos seus valores e tiveron a virtude de valorizalos, aínda que esta restauración non puido acadar a reconstrución de todos os sistemas hidráulicos e motrices.

Muíños: aínda que se considera axeitado aplicar un nivel de protección integral para as edificacións, enténdese que nas futuras actuacións e procesos de consolidación, restauración e rehabilitación poderán revisarse puntualmente algunhas solucións construtivas que redunden na mellor interpretación e uso das técnicas tradicionais, tanto no uso de materiais, medios e técnicas tradicionais, como é o sistema construtivo da pedra en seco, os modelos de carpintarías, de remates da cubrición, pavimentos... coa base nos orixinais que se documenten convenientemente.

Por outra banda, e posto que na actualidade a función esencial deste conxunto é a propiamente cultural, estímase que serán aceptables e mesmo recomendables as intervencións nalgún dos muíños e os seus alboios que permitan mellorar as condicións globais de uso dos visitantes, tanto para a valoración do conxunto e a súa interpretación como para o seu confort e seguridade, de tal forma que, naqueles que dispoñan das mellores condicións para isto ou que carezan de elementos internos ligados ao uso orixinal poidan rehabilitarse para funcións complementarias, como a recepción de visitantes e servizos asociados a eles, aínda que só de forma puntual e sempre que se manteñan as condicións xerais da construción.

Ámbito territorial: no referido ao espazo e medio en que se asentan, as intervencións deberían procurar, como criterio específico, a recuperación dunha vexetación e arboredo propio e autóctono, de tal forma que o conxunto recupere as condicións de accesibilidade e visibilidade que lle son propias e características. Neste senso, os traballos das comunidades locais, propietarias da práctica totalidade dos predios que rodean as edificacións e os regos, deben ser recoñecidos.

A incorporación de medios de seguridade como as pasarelas, pasais e varandas estímanse necesarios e oportunos en relación co uso, mais deben limitarse aos lugares estritamente necesarios e limitar a súa disposición e tamaño en función das perspectivas visuais e a proximidade aos muíños e ao resto de instalacións hidráulicas e nunca de forma xeneralizada e continua, de tal forma que poida chegar a perverter as condicións de apreciación e comprensión do conxunto e a súa autenticidade.

Sistemas de captación e distribución da auga: o sistema de augas, os seus percorridos e as instalacións necesarias son bens de tanto valor como os propios e máis evidentes muíños, polo que un obxectivo a medio prazo debera ser a súa recuperación, interpretación e posta en funcionamento, e non deben ser sacrificados estes aspectos en función doutros. Na actualidade parte destas captacións están realizadas con medias canas de pezas prefabricadas de formigón, que pola súa disposición, tamaño e paso do tempo manteñen unhas suficientes condicións de integración ambiental, se ben poderían ser obxecto de avaliación, revisión e mesmo substitución nun futuro.

Ermida de San Martiño: para o caso da capela ou ermida de San Martiño, e dadas as características construtivas e de deseño recentes do seu pórtico, estímase que será axeitada unha protección estrutural dos muros de pedra da capela, e poderán ser revisadas en futuras intervencións tanto o pórtico de entrada como a propia solución de cuberta e carpintarías.

ANEXO IV

Plano coa delimitación

missing image file

ANEXO V

Fotografías

missing image file