Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Luns, 14 de agosto de 2017 Páx. 39196

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 26 de xullo de 2017 pola que se modifica a Orde do 4 de agosto de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a persoas traballadoras afectadas por procedementos de regulación de emprego de suspensión de contratos de traballo por causa de forza maior, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

Mediante a Orde do 4 de agosto de 2016 (DOG nº 157, do 22 de agosto), dítanse as bases reguladoras das axudas destinadas a persoas traballadoras afectadas por procedementos de regulación de emprego de suspensión de contratos de traballo por causa de forza maior, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia que, segundo o establecido no seu artigo 2, teñen por obxecto fixar os criterios e requisitos para a concesión de axudas para compensar a perda de poder adquisitivo das persoas traballadoras afectadas por expedientes de regulación de emprego de suspensión de contratos por causa de forza maior, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

A causa de forza maior, que debe ser constatada por resolución da autoridade laboral competente, ten que derivar de acontecementos catastróficos, imprevisibles ou que, sendo previstos, fosen inevitables, como terremotos, maremotos, incendios, inundacións, pragas, explosións, tormentas de vento e mar, sempre que supoñan a destrución total ou parcial das instalacións do centro de traballo situado na Comunidade Autónoma de Galicia, impedindo a continuidade total ou parcial da actividade empresarial, tal como establece o artigo 4 da referida orde.

Por outra banda, tendo en conta a data de publicación da orde (DOG nº 157, do 22 de agosto de 2016) faise preciso adecuala á Lei 39/2015 do procedemento administrativo común das administracións públicas.

En todo o non establecido na Orde do 4 de agosto de 2016 e na presente orde, observarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 1/2017, do 8 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O procedemento de concesión destas axudas é o de concorrencia non competitiva polo que non é necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007.

Por todo isto, obtidos os informes preceptivos na tramitación, no uso das facultades que teño conferidas, de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Publicar a convocatoria para o exercicio de 2017 das axudas da Orde do 4 de agosto de 2016 (DOG nº 157, do 22 de agosto). (TR820D).

Artigo 2. Normativa reguladora

Esta convocatoria rexerase polas bases reguladoras establecidas no Capítulo II da Orde do 4 de agosto de 2016 (DOG nº 157, do 22 de agosto) e a presente orde.

Artigo 3. Solicitudes

1. As solicitudes de axuda poderán ser formalizadas directamente pola persoa traballadora afectada pola suspensión do contrato ou pola empresa afectada polo expediente de regulación de emprego, en calidade de autorizada pola persoa traballadora, acreditado segundo o anexo III desta orde.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas e para quen exerza a súa representación legal.

Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requeriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos logo da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 4. Documentación

1. As persoas solicitantes deberán achegar coa solicitude, que se formalizará mediante o anexo I desta orde, a seguinte documentación:

a) Certificado emitido pola empresa, segundo o anexo II, en que consten os seguintes datos da persoa traballadora: o período de suspensión efectiva, dentro do período subvencionable que se estableza nesta orde, con indicación do número de xornadas completas de suspensión e os meses concretos en que se fixo efectiva a suspensión, a retribución mensual bruta (excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias) e a base de cotización por continxencias comúns do mes anterior ao inicio da suspensión.

b) Autorización da persoa traballadora para a presentación da solicitude no seu nome, segundo anexo III desta orde, no suposto de presentación pola empresa afectada polo procedemento de regulación de emprego.

c) Copia da documentación fidedigna que acredite a representación, no suposto de actuar mediante representante.

2. Non será necesario achegar documentos que xa fosen presentados anteriormente, sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos aos cales se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 5. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

b) DNI ou NIE da persoa traballadora (cando non sexa a mesma que a persoa solicitante) segundo o anexo III.

c) Certificados de estar ao día no pagamento coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 6. Instrución do procedemento

1. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral da Subdirección Xeral de Relacións Laborais, da Secretaría Xeral de Emprego, que realizará as actuacións necesarias para a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se achega a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente, de conformidade co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirá a persoa interesada para que nun prazo de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

3. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

4. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia, Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta do correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

6. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

7. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e o artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 8. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a referida secretaría xeral técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.gal.

Artigo 9. Crédito orzamentario

O importe é de 82.645,59 €, con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.324A.480.0, e código de proxecto 201600378.

Artigo 10. Período subvencionable

Esta convocatoria afecta as persoas traballadoras que teñan ou tiveran o seu contrato suspendido, en polo menos unha xornada laboral completa, entre o 1 de novembro de 2016 e o 31 de outubro de 2017 (ambos inclusive), por un expediente de regulación de emprego en que a autoridade laboral competente constate a causa de forza maior.

Artigo 11. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes será a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 31 de outubro de 2017.

Artigo 12. Recursos

Contra as resolucións que se diten, que poñen fin á vía administrativa, ou contra as desestimacións por silencio administrativo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo nos termos previstos na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñerse recurso potestativo de reposición, de acordo co establecido no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposión derrogatoria única

Quedan derrogadas as disposicións da Orde do 4 de agosto de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a persoas traballadoras afectadas por procedementos de regulación de emprego de suspensión de contratos de traballo por causa de forza maior, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia que se opoñan ao establecido na presente orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2017

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file