Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Martes, 22 de agosto de 2017 Páx. 40091

IV. Oposicións e concursos

Parlamento de Galicia

ACORDO do 24 de xullo de 2017, da Mesa do Parlamento, polo que se convoca o proceso selectivo para a provisión de dúas prazas da escala técnica de informática.

1. Normas xerais.

1.1. O obxecto do proceso selectivo será cubrir dúas prazas de técnico informático da escala técnica de informática do Parlamento de Galicia, grupo B, polo sistema de acceso libre. O sistema selectivo será o de oposición.

1.1.1. Ao presente proceso selectivo seralle aplicable o Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia (DOG nº 248, do 26 de decembro de 2007), a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público (en diante, TRLEBEP) e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.

1.2. Requisitos das/dos candidatas/os.

Para seren admitidas/os ao proceso selectivo, as/os aspirantes deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes, e manter ata o momento da toma de posesión como funcionario/a, os seguintes requisitos:

1.2.1. Nacionalidade:

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa aplicable a libre circulación de traballadoras/es.

d) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar as/os seus descendentes e as/os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

1.2.2. Idade: ter feitos os dezaseis anos e non ter cumprida a idade de xubilación forzosa.

1.2.3. Formación: estar en posesión ou en condicións de obter na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes o título de diplomado universitario en Informática, enxeñeiro técnico en Informática ou grao en Enxeñaría Informática, segundo o previsto no Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público e de acordo co establecido no Real decreto 967/2014, do 21 de novembro.

Así mesmo, para estes efectos, considerarase equivalente ao título de diplomado universitario ter superados tres cursos completos de licenciatura, conforme o disposto na disposición adicional primeira do Real decreto 1272/2003, do 10 de outubro.

Os aspirantes con formación ou titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título ou da formación. Este requisito non será de aplicación aos aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

1.2.4. Capacidade funcional: posuír a capacidade funcional para o desempeño das tarefas.

1.2.5. Habilitación: non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do que a persoa fose separada ou inhabilitada.

No caso de nacionais doutros estados, non estar inhabilitado/a ou en situación equivalente, nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

1.3. Solicitudes.

1.3.1. As persoas que desexen participar no proceso selectivo deberán facelo constar no modelo de solicitude que será facilitado gratuitamente na internet. O prazo para presentar as solicitudes será de vinte días naturais, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

O modelo de solicitude estará á disposición de todas as persoas que desexen participar no proceso selectivo no anexo 2 ou na páxina web http://www.parlamentodegalicia.gal, seguindo a ruta http://www.parlamentodegalicia.es/sitios/web/contenidogal/informacioninstitucional/Oposicions.aspx

1.3.2. A solicitude irá acompañada da documentación seguinte:

a) Xustificante de ter aboados os dereitos de exame ou, na súa falta, de ser o caso, documentación acreditativa de encontrarse nalgunha das situacións susceptibles da exención do pagamento a que fai referencia esta convocatoria.

b) Declaración de non atoparse separado/a a través de expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública nin inhabilitado/a para o exercicio de funcións públicas e de non padecer enfermidade ou discapacidade que impida o desempeño das correspondentes funcións (anexo 3).

c) Documento xustificativo orixinal, ou fotocopia debidamente compulsada, de estar en posesión do nivel Celga 4 ou de perfeccionamento de galego, ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, para os efectos da exención prevista no segundo exercicio.

Unha vez confirmada a alta da solicitude, a/o solicitante deberá imprimir a solicitude cuberta e asinada, e deberá presentala, antes do remate do prazo fixado, no rexistro xeral do Parlamento (rúa do Hórreo, en Santiago de Compostela), nas oficinas de Correos ou nos demais lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

As solicitudes que se presenten a través das oficinas de Correos deberán ir en sobre aberto para seren datadas e seladas polo persoal de Correos antes de seren certificadas.

1.3.3. Os/as aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % deberán indicalo na solicitude, especificando claramente o tanto por cento de discapacidade recoñecida polo órgano competente, e deberán solicitar as posibles adaptacións de tempo e medios para a realización dos exercicios nos que esta adaptación sexa necesaria.

1.3.4. Dereitos de exame.

O seu importe, de 35,43 euros, acreditarase achegando á solicitude para participar nas probas selectivas o xustificante do ingreso realizado mediante transferencia bancaria na conta corrente de Abanca ES502080-0388-21-3110000502, e indicarase nela o concepto «Dereitos de exame da escala técnica de informática», o DNI e o nome do aspirante.

Aos/ás aspirantes excluídos devolveráselles o importe ingresado, sempre que o soliciten no prazo dun mes, contado desde a publicación da relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia.

Non obstante, estarán exentos/as do pagamento das taxas dos dereitos de exame os/as aspirantes que estean incursos nalgunha das situacións a que fai referencia a normativa vixente en materia de taxas da Comunidade Autónoma de Galicia.

1.4. Admisión de aspirantes.

1.4.1. Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes, a Presidencia aprobará as listaxes provisionais de aspirantes admitidas/os e excluídas/os a través dunha resolución que será publicada no BOPG, así como no taboleiro de anuncios do Parlamento de Galicia e na páxina web do Parlamento (www.parlamentodegalicia.gal) con indicación dos seus apelidos, nome e número do documento nacional de identidade, e das causas das exclusións que procedan.

1.4.2. As/os aspirantes excluídas/os disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contado a partir do seguinte ao da dita publicación da resolución no BOPG, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

A estimación ou desestimación das ditas peticións de correccións entenderanse implícitas nunha nova resolución da Presidencia que será publicada no BOPG, pola que se aprobarán as listaxes definitivas de aspirantes admitidas/os e excluídas/os. Estas listaxes publicaranse no portal web www.parlamentodegalicia.gal

O feito de figurar na relación de admitidas/os non prexulgará que se lles recoñeza
ás/aos aspirantes a posesión dos requisitos exixidos para participaren no proceso selectivo. Cando da documentación que deben presentar tras superar a oposición se desprenda que non posúen algún dos requisitos, as/os interesados/as decaerán en todos os dereitos que poidan derivar da súa participación.

2. Proceso selectivo.

O programa que rexerá as probas selectivas é o que figura como anexo 1 destas bases.

2.1.1. Primeiro exercicio (obrigatorio e eliminatorio).

Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de cen (100) preguntas tipo test, máis tres (3) preguntas de reserva, con catro (4) respostas alternativas propostas polo tribunal, das que só unha delas será a correcta, correspondentes ao conxunto do programa.

O tempo máximo para a realización do exercicio será de cento quince (115) minutos.

O exercicio cualificarase de 0 a 10 puntos e, para superalo, será necesario obter un mínimo de 5 puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o número de respostas correctas exixido para acadar esta puntuación mínima, para o cal terá en conta que por cada tres (3) respostas incorrectas se descontará unha correcta.

No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes publicarase o contido do exercicio e o modelo coas respostas correctas no mesmo lugar en que se realizou o exercicio e no portal web www.parlamentodegalicia.gal

Este exercicio realizarase no prazo máximo de corenta (40) días hábiles desde a constitución do tribunal que xulgue as probas.

A data de realización deste exercicio non será anterior ao 1 de decembro de 2017.

2.1.2. Segundo exercicio (eliminatorio).

Constará de dúas probas:

Primeira proba: consistirá na tradución dun texto do galego para o castelán elixido por sorteo de entre dous textos propostos polo tribunal.

Segunda proba: consistirá na tradución dun texto do castelán para o galego elixido por sorteo de entre dous textos propostos polo tribunal.

Este exercicio cualificarase como apto ou non apto.

Estarán exentos de realizar este exercicio os/as aspirantes que acrediten que dentro do prazo sinalado para presentar a solicitude para participar no proceso selectivo posuían o Celga 4 ou o equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), aos cales se lles asignará a cualificación de aptos.

2.1.3. Terceiro exercicio (obrigatorio e eliminatorio).

Consistirá en realizar por escrito un suposto práctico proposto polo tribunal, correspondente a diferentes dominios do coñecemento no campo de sistemas e tecnoloxías da información e as comunicacións ou análise e desenvolvemento, relacionados coas materias que figuran no programa.

O tempo máximo de duración deste exercicio será de douscentos corenta (240) minutos.

Posteriormente, os aspirantes serán convocados oportunamente para a lectura do exercicio en sesión pública ante o tribunal, que o cualificará valorando a calidade técnica da solución proposta, a sistemática, a capacidade de análise, os coñecementos sobre o programa, a claridade, a orde de ideas e a calidade da expresión escrita, así como a súa exposición.

O exercicio cualificarase de 0 a 10 puntos e, para superalo, será necesario obter un mínimo de 5 puntos.

A cualificación da fase de oposición dos aspirantes virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nos diferentes exercicios da dita fase.

2.2. Desenvolvemento dos exercicios.

2.2.1. A orde de actuación das/dos opositoras/es iniciarase alfabeticamente pola letra I (i latino), de conformidade coa resolución da Presidencia do Parlamento de Galicia do 21 de xullo de 2017 pola que se publica o resultado do sorteo efectuado respecto dos procesos selectivos que se realicen en 2017.

2.2.2. As/os aspirantes deberán presentarse a cada exercicio provistos do DNI ou outro documento fidedigno que a xuízo do tribunal acredite a súa identidade.

2.2.3. Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a das/dos aspirantes, os membros do tribunal e as persoas designadas pola Presidencia como colaboradoras.

2.2.4. En calquera momento as/os aspirantes poderán ser requiridas/os polo tribunal coa finalidade de acreditar a súa identidade.

2.2.5. O chamamento para cada exercicio será único, de xeito que as/os aspirantes que non comparezan serán excluídas/os.

Non obstante, as mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización de calquera dos exercicios polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación, ou, eventualmente, nos primeiros días do puerperio, poderano pór en coñecemento do tribunal, xuntando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro das corenta e oito (48) horas seguintes ao anuncio da data do exame e implicará o consentimento da interesada para permitir o acceso do tribunal ou do órgano convocante aos datos médicos necesarios relacionados coa súa situación.

O tribunal, baseándose na información recibida, acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as dúas medidas conxuntamente. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible, de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

2.2.6. O anuncio de realización dos exercicios publicarase no BOPG e no portal web www.parlamentodegalicia.gal con corenta e oito (48) horas, polo menos, de anticipación á sinalada para o seu inicio.

2.2.7. As puntuacións obtidas polos/as aspirantes nos exercicios da oposición publicaranse no lugar onde se realizou a proba de que se trate e no portal web do Parlamento de Galicia (www.parlamentodegalicia.gal).

Concederase un prazo de dez (10) días hábiles para os efectos de alegacións, que se contarán desde a publicación no BOPG da resolución do tribunal pola cal se fan públicas as puntuacións do correspondente exercicio.

2.2.8. Se o tribunal, de oficio ou con base nas reclamacións que as/os interesadas/os poden presentar nos tres (3) días hábiles seguintes á realización do exercicio, anular algunha ou algunhas das súas preguntas, publicarao no BOPG e na páxina web do Parlamento (www.parlamentodegalicia.gal).

2.2.9. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal ten coñecemento ou dúbidas fundadas de que algunha/algún aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, comunicarallo á Oficialía Maior para que esta lle requira os documentos acreditativos do seu cumprimento.

No caso de que a/o aspirante non acredite o cumprimento dos requisitos a Oficialia Maior proporá a súa exclusión do proceso selectivo e o órgano convocante publicará a orde que corresponda.

3. Tribunal.

3.1. O tribunal cualificador do proceso será nomeado pola Presidencia da Cámara.

3.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

A/o presidenta/e deberá solicitar aos membros do tribunal e, de ser o caso, ás/aos asesoras/es especialistas previstos na base 3.9 e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos unha declaración expresa de non se atoparen incursos en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

En todo caso, as/os aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorra neles algunha das circunstancias referidas, nos termos establecidos no artigo 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

3.4. A sesión de constitución deberá realizarse nun prazo máximo de quince (15) días hábiles a partir da publicación do nomeamento do tribunal no BOPG. Na dita sesión o tribunal adoptará todas as decisións que correspondan para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo.

3.5. A partir da sesión de constitución, a actuación válida do tribunal requirirá a concorrencia da metade, polo menos, dos seus membros, con presenza, en todo caso, da/do presidenta/e e da/do secretaria/o.

3.6. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto nestas bases, na Lei de procedemento administrativo e no resto do ordenamento xurídico.

3.7. Por cada sesión do tribunal levantarase unha acta que, lida ao principio da sesión seguinte e feitas, de ser o caso, as rectificacións que procedan, será autorizada coa sinatura da/do secretaria/o e co visto e prace da/do presidenta/e.

3.8. A/o presidenta/e do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios do proceso selectivo sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das/dos aspirantes e utilizará para iso os impresos adecuados.

O tribunal excluirá aquelas/es candidatas/os en cuxos exercicios figuren marcas ou signos que permitan coñecer a identidade da/do opositora/or.

As decisións e os acordos que afecten a cualificación e valoración da proba (determinación do número de preguntas correctas para acadaren a puntuación mínima, fixación de criterios de valoración, etc.) deberán adoptarse sen coñecer a identidade dos opositores aos cales corresponden os resultados obtidos.

3.9. O tribunal poderá propor a incorporación aos seus traballos de asesoras/es especialistas para as valoracións que coide pertinentes. Estas/es asesoras/es deberán limitarse a colaborar nas súas especialidades técnicas e terán voz, pero non voto. O seu nomeamento corresponderalle á Oficialía Maior.

3.10. Para os aspirantes que así o fagan constar na súa solicitude, estableceranse as adaptacións posibles de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios.

3.11. O tribunal non poderá propor o acceso ao emprego público dun número superior de persoas aprobadas ao da praza convocada. Calquera proposta de aspirantes aprobadas/os que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

Malia o anterior, e co fin de asegurar a cobertura das prazas convocadas, se se producir a renuncia das persoas seleccionadas antes da toma de posesión, ou non acreditaren os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano convocante poderá requirir do órgano de selección unha relación complementaria das persoas aprobadas que sigan a persoa proposta, para o seu posible nomeamento como persoal funcionario.

3.13. Os acordos adoptados polo tribunal do proceso poderán ser obxecto de recurso de alzada ante a Mesa do Parlamento nos termos previstos nos artigos 112 e seguintes da Lei 39/2015.

3.14. As comunicacións que formulen as/os aspirantes ao tribunal dirixiranse ao Servizo de Persoal e Réxime Interior.

4. Listaxe de aprobadas/os, presentación de documentación e nomeamento de persoal funcionario.

No suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes, acudirase por orde aos seguintes criterios ata que se resolva:

– Maior puntuación obtida no primeiro exercicio da oposición.

– Maior puntuación obtida no terceiro exercicio da oposición.

– De persistir o empate, resolverase pola orde alfabética do primeiro apelido e, de ser igual, polo segundo, a partir da letra resultante no sorteo a que se refire a base 2.2.1.

– En último lugar, o empate dirimirase por sorteo entre as persoas implicadas.

4.2. Unha vez rematado o proceso selectivo, o tribunal publicará no BOPG e no portal web do Parlamento de Galicia (www.parlamentodegalicia.gal) a relación de aspirantes que o superaron por orde de puntuacións acadadas, con indicación do seu documento nacional de identidade. Na mesma resolución proporá o seu nomeamento como persoal funcionario.

A partir do día seguinte ao da publicación no BOPG, estas/es disporán dun prazo de vinte (20) días naturais para a presentación dos seguintes documentos:

A) Para acreditar o nivel de estudos, fotocopia compulsada dalgún dos seguintes documentos:

– Título de diplomado universitario en Informática.

– Título de enxeñeiro técnico en Informática.

– Título de grao en Enxeñaría Informática.

– Certificado de ter superados tres cursos completos de licenciatura en Informática.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberán presentar credencial da súa validación ou homologación ou ben a credencial de recoñecemento da titulación para exercer a profesión.

B) Declaración baixo a súa responsabilidade de non ter sido despedida/o mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso á mesma categoría profesional á cal se pertencía.

No caso de nacionais doutros estados, declaración xurada ou promesa de non atoparse inhabilitada/o ou en situación equivalente, nin ter sido sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos mesmos termos, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria.

C) Informe sobre o estado de saúde que acredite que a/o aspirante non padece enfermidade nin está afectada/o por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

4.4. Quen, dentro do prazo fixado, agás nos casos de forza maior, non presente a documentación ou do exame dela se deduza que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 1.2 non poderá ser nomeada/o funcionario do Parlamento de Galicia e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que puider incorrer por falsidade na solicitude inicial.

4.5. Unha vez presentados os documentos referidos na base anterior, no prazo sinalado, a Mesa procederá ao nomeamento dos aspirantes que superaron o proceso selectivo como persoal funcionario do Parlamento de Galicia, e publicarase no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e no Diario Oficial de Galicia. Deberá prestar xuramento ou promesa de acatar a Constitución, o estatuto e as demais leis e tomar posesión dentro do prazo dun mes desde a notificación do seu nomeamento.

5. Lista de espera.

As persoas que superasen polo menos o primeiro dos exercicios do proceso selectivo pasarán a formar parte da lista de espera que se constituirá no Parlamento de Galicia para as necesidades eventuais que puideren existir.

6. Disposición derradeira.

Contra esta convocatoria, que pon fin á vía administrativa, poderase presentar recurso potestativo de reposición ante a Presidencia do Parlamento de Galicia no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, ou impugnala directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contado desde a mesma data, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2017

Miguel Ángel Santalices Vieira
Presidente do Parlamento de Galicia

ANEXO 1
Programa

• Bloque I. Xeral.

1. A Constitución española de 1978. Dereitos e deberes fundamentais. A súa garantía e suspensión. A Xefatura do Estado. A Coroa. Funcións constitucionais do rei.

2. As Cortes Xerais. Atribucións do Congreso dos Deputados e do Senado. O Tribunal Constitucional. Composición e atribucións. O Defensor do Pobo.

3. O Estatuto de autonomía de Galicia: antecedentes, estrutura e contido. Os poderes da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. O Parlamento de Galicia: composición e elección. O Regulamento do Parlamento de Galicia: natureza e estrutura.

5. O Regulamento de organización e funcionamento do Parlamento de Galicia.

6. A función pública parlamentaria; a súa normativa aplicable.

7. Igualdade: Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma en materia de igualdade; título preliminar e II.

8. Lei 7/2015, do 7 de agosto, de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá no Parlamento de Galicia.

Lexislación informática:

9. Lexislación sobre protección de datos. Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal. Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

10. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público. Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema Nacional de Seguridade no ámbito da Administración electrónica. Real decreto 951/2015, do 23 de outubro, de modificación do Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema Nacional de Seguridade no ámbito da Administración electrónica. Real decreto 4/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema Nacional de Interoperabilidade no ámbito da Administración electrónica.

11. Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público.

12. Factura electrónica. Lei 59/2003, do 19 de decembro, de sinatura electrónica.

13. Normativa no ámbito da propiedade intelectual. A protección xurídica dos programas de ordenador. Tipos de licenzas. Software de fontes abertas (FLOSS).

14. Implantación da Administración electrónica. Sede electrónica e servizos de sede. Rexistro electrónico. Expediente electrónico. Arquivo electrónico de documentos. Dixitalización, compulsa electrónica. Licitación electrónica.

15. Real decreto 421/2004, do 12 de marzo, polo que se regula o Centro Criptolóxico Nacional (CCN-CERT). Funcións e ferramentas dispoñibles. Guías e procedementos de seguridade.

• Bloque II. Tecnoloxía básica.

16. Tecnoloxías actuais de computadores: dos dispositivos móbiles aos supercomputadores e arquitecturas escalables (grid, cluster, MPP, SMP, arquitecturas multinúcleo e outros). Base tecnolóxica. Compoñentes, funcionalidades e capacidades.

17. Conceptos de sistemas operativos. Estruturas, compoñentes e funcións. Características e evolución. Administración de memoria. Procesos e subprocesos. Entrada/saída. Sistemas de arquivo. Sistemas operativos multiprocesador.

18. Características técnicas e funcionais dos sistemas operativos: Windows, Linux e Unix. Sistemas operativos para dispositivos móbiles.

19. Concepto e compoñentes dunha contorna de bases de datos. Utilización de bases de datos na organización: sistemas OLTP, MIS, DSS, e almacéns de datos.

20. Sistemas de xestión de bases de datos relacionais. Antecedentes históricos. Características e elementos constitutivos. A linguaxe SQL. Estándares de conectividade: ODBC e JDBC.

21. Arquitecturas cliente-servidor. Tipoloxía. Compoñentes. Interoperabilidade de compoñentes. Vantaxes e inconvenientes. Arquitectura de servizos web (WS).

22. Modelo OSI. Redes LAN, MAN e WAN. Estrutura de redes: troncal, distribución acceso. Redes públicas de transmisión de datos.

23. O modelo TCP/IP: arquitectura, capas, interfaces, protocolos, direccionamento e encamiñamento.

24. Linguaxes de marca ou etiqueta. Características e funcionalidades. SGML, HTML, XML e as súas derivacións. Linguaxes de script.

25. Auditoría informática. Obxectivos, alcance e metodoloxía. Técnicas e ferramentas. Normas e estándares.

26. A biblioteca de infraestrutura TI (ITIL). Soporte ao servizo. Entrega de servizos. Obxectivos da norma. Mapa e descrición dos procesos.

27. Técnicas de avaliación de alternativas e análises de viabilidade. Persoal, procedementos, datos, software e hardware. Orzamento e control de custos dun proxecto informático.

28. Xestión e arquivo electrónico de documentos. Sistemas de xestión documental. Xestores de contidos. Sindicación de contido. Sistemas de xestión de fluxos de traballos. Procura de información: robots, spiders, outros.

• Bloque 3. Sistemas e redes.

29. Administración do sistema operativo e software de base. Funcións e responsabilidades. Control de cambios.

30. Administración de sistemas de xestión de bases de datos. Funcións. Responsabilidades. Administración de datos.

31. Prácticas de mantemento de equipos e instalacións. Mantemento preventivo, correctivo e perfectivo. Monitorización e xestión de capacidade.

32. Linguaxes de control de traballos. Técnicas e ferramentas de operación automática de sistemas. Ferramentas e técnicas utilizables.

33. Almacenamento masivo de datos. Sistemas SAN, NAS e DAS: compoñentes, protocolos, xestión e administración. Virtualización do almacenamento. Xestión de volumes.

34. Sistemas de backup: hardware e software de backup. Estratexias de backup a disco. Dispoñibilidade da información RPO, RTO. Replicación local e remota, estratexias de recuperación. Plans de continxencia.

35. Deseño dun centro de procesos de datos. Instalacións (electricidade, control de acceso, control de presenza, sistema anti-incendios, climatización, sistemas de alimentación ininterrompida). Factores que hai que considerar. Virtualización da plataforma e de recursos.

36. Virtualización de servidores. Virtualización do almacenamento. Virtualización do posto cliente. Computación baseada en servidor (SBC). Grid computing. Cloud computing. Mecanismos de alta dispoñibilidade.

37. Plataformas de xestión de dispositivos móbiles (MDM). Xestión de dispositivos alleos (BYOD).

38. Redes locais. Tipoloxía. Medios de transmisión. Métodos de acceso. Dispositivos de interconexión. Administración de redes locais. Xestión de usuarios. Xestión de dispositivos. Monitorización e control de tráfico. Xestión SNMP.

39. Redes de fibra óptica. Radioenlaces. Redes de nova xeración (NGN). Calidade do servizo (QOS).

40. Tecnoloxía XDSL. Concepto. Características técnicas. Normativa reguladora. Telecomunicacións por cable: características e normativa reguladora.

41. Telecomunicacións de voz. Tecnoloxías VoIP. Converxencia telefonía fixa-telefonía móbil.

42. Redes sen fíos. Protocolos. Características funcionais e técnicas. Sistemas de expansión do espectro. Sistemas de acceso. Modos de operación. Seguridade. Normativa reguladora.

43. Servidores de mensaxaría. Sistemas de correo.

44. Servidores de aplicacións e servidores web. Xestión de servidores proxy.

45. Seguridade da información. Confidencialidade, integridade e dispoñibilidade. Medidas de seguridade físicas, técnicas, organizativas e legais. Identificación e autenticación. Control de accesos físicos e lóxicos. Control de fluxo de datos.

46. Seguridade en redes. Control de accesos. Tornalumes. DMZ. Intrusións. Redes privadas virtuais.

47. Certificados dixitais. Tarxetas criptográficas. Sinatura dixital. Técnicas de cifraxe. Infraestrutura de clave pública (PKI).

48. Sistemas de xestión da seguridade da información. Sistemas de correlación de eventos. Solucións en modalidade SaaS (Software as a Service).

49. Virus e outro software maligno. Tipos. Medios preventivos e reactivos. Sistemas antivirus e de protección.

• Bloque 4. Análise e desenvolvemento.

50. Enxeñaría do software. Metodoloxías de desenvolvemento de sistemas de información. Métrica 3. Metodoloxías áxiles.

51. Estratexias de determinación de requirimentos: entrevistas, derivación de sistemas existentes, análise e prototipos.

52. Diagramas de fluxo de datos. Diagramas estruturados. Fluxogramas de sistema. Fluxogramas de programa.

53. Modelización conceptual. Elementos: entidades, atributos, relacións, identificadores, roles. Regras de modelización. Validación e construción de modelos de datos.

54. Deseño de bases de datos. A arquitectura ANSI/SPARC. O modelo lóxico relacional. Normalización. Deseño lóxico. Deseño físico. Problemas de concorrencia de acceso. Mecanismos de resolución de conflitos.

55. Tipos abstractos de datos e estruturas de datos. Táboas, listas e árbores. Algoritmos: ordenación, procura. Grafos. Organizacións de ficheiros.

56. Deseño de programas. Diagramas estruturados. Análise de transformación e de transacción. Cohesión e acoplamento.

57. Métodos de proba do software. Fundamentos. Caixa negra e caixa branca. Estratexias de proba do software.

58. Análise e deseño orientado a obxectos. Concepto. Elementos. O proceso unificado de software. A linguaxe de modelado unificado (UML). Patróns de deseño. Antipatróns.

59. A plataforma .Net. Modelo de programación. Servizos. Ferramentas. A tecnoloxía ADO.NET.

60. Aplicacións web. Deseño web multiplataforma/multidispositivo. Tecnoloxías de programación: JavaScript, applets, servlets, ASP, JSP e PHP. Servizos web: estándares e protocolos asociados. Interoperabilidade e seguridade en servizos web.

61. Sistemas de xestión de contidos. Sistemas de xestión documental. Xestión do coñecemento.

62. A calidade do software e a súa medida. Modelos, métricas, normas e estándares.

63. Accesibilidade, deseño universal e usabilidade. Accesibilidade e usabilidade das tecnoloxías, produtos e servizos relacionados coa sociedade da información.

64. Minaría de datos. Aplicación á resolución de problemas de xestión. Tecnoloxía e algoritmos. Procesamento analítico en liña (OLAP). Big data.

ANEXO 2

SOLICITUDE DE ADMISIÓN A PROCESO SELECTIVO

Selo do Rexistro

Técnico/a de xestión de tecnoloxías da información do Parlamento de Galicia

Datos persoais:

Primeiro apelido

Segundo apelido

Nome

DNI

Enderezo (rúa, praza, ... e número)

Localidade

Código postal

Provincia

Teléfono 1

Teléfono 2

Correo electrónico (o/a aspirante acepta recibir as comunicacións a través deste medio):

Discapacidade (%):

Adaptación:

A persoa que asina SOLICITA ser admitida no proceso selectivo ao que fai referencia esta solicitude e DECLARA que son certos os datos consignados nela e que reúne as condicións exixidas para o ingreso no corpo de xestión do Parlamento de Galicia e as especialmente sinaladas na convocatoria, e comprométese a probar documentalmente todos os datos que figuran nesta solicitude.

Santiago de Compostela, ............ de ................................ de 2017

(Sinatura)

Sr. Presidente do Parlamento

ANEXO 3
Declaración xurada ou promesa

D/Dª ………………........……………………......................…….....…………………………, con domicilio en ……………………......……….....................................………………….….., e documento nacional de identidade número ………………………………………….,

Declara baixo xuramento/promete, para os efectos de participar no proceso selectivo de técnico/a de xestión de tecnoloxías da información do Parlamento de Galicia, que non foi separado/a do servizo de ningunha das administracións públicas e que non está inhabilitado/a para o exercicio das funcións públicas. Así mesmo, declara seren certos todos os datos achegados respecto deste proceso selectivo.

…………………………………….., …….. de ……………… de 2017

(Sinatura)