Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Martes, 22 de agosto de 2017 Páx. 40078

IV. Oposicións e concursos

Parlamento de Galicia

ACORDO do 24 de xullo de 2017, da Mesa do Parlamento, polo que se convoca o proceso selectivo para a provisión dunha praza de uxier en réxime interino reservada para ser cuberta por persoas que acrediten algunha discapacidade intelectual.

1. Normas xerais.

1.1. O obxecto do proceso selectivo será cubrir temporalmente unha (1) praza de uxier (AP89), corpo auxiliar do Parlamento de Galicia, grupo D, polo sistema de acceso reservado a persoas que acrediten algunha discapacidade intelectual. O sistema selectivo será o de oposición.

1.1.1. Ao presente proceso selectivo seralle aplicable o Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia (DOG nº 248, do 26 de decembro de 2007), a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público (en diante, TRLEBEP), e en todo o que sexa de aplicación o Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e á provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade, e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.

1.2. Requisitos das/dos candidatas/os.

Para seren admitidas/os ao proceso selectivo, as/os aspirantes deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manter ata o momento da toma de posesión como funcionario interino os seguintes requisitos:

1.2.1. Ter recoñecida oficialmente unha discapacidade intelectual en grao igual ou superior ao 33 %.

1.2.2. Nacionalidade:

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa aplicable a libre circulación de traballadoras/es.

d) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar as/os seus descendentes e as/os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

1.2.3. Idade: ter feitos os dezaseis anos e non ter cumprida a idade de xubilación forzosa.

1.2.4. Formación: acreditar ter cursada a escolaridade obrigatoria requirida no sistema educativo español segundo o correspondente plan de estudos.

Os aspirantes con formación ou titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título ou da formación. Este requisito non será de aplicación aos aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

1.2.5. Capacidade funcional: posuír a capacidade funcional para o desempeño das tarefas.

1.2.6. Habilitación: non ter sido separado mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do que a persoa fose separada ou inhabilitada.

No caso de nacionais doutros estados, non estar inhabilitado ou en situación equivalente, nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

1.3. Solicitudes.

1.3.1. As persoas que desexen participar no proceso selectivo deberán facelo constar no modelo de solicitude que será facilitado gratuitamente na internet. O prazo para presentar as solicitudes será de vinte días naturais, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

O modelo de solicitude estará á disposición de todas as persoas que desexen participar no proceso selectivo no anexo 2 ou na páxina web http://www.parlamentodegalicia.gal, seguindo a ruta http://www.parlamentodegalicia.es/sitios/web/contenidogal/informacioninstitucional/oposicions.aspx

As/os solicitantes deberán consignar todos os datos que aparecen na pantalla e posteriormente validalos e confirmalos.

As/os aspirantes con discapacidades adicionais poderán solicitar as posibles adaptacións de tempo e de medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación for necesaria, todo conforme a Lei do emprego publico de Galicia e o Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro.

As/os solicitantes das adaptacións sinaladas poderán indicar nela a necesidade de contar durante a realización do exercicio de atención médica especializada. Neste suposto deberán presentar, antes do remate do prazo fixado, o orixinal ou a copia debidamente compulsada do informe médico que acredite a necesidade da dita medida.

Para tal efecto, os órganos de selección poderán requirir un informe e, se é o caso, a colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou dos órganos competentes do Ministerio de Emprego e Seguridade Social.

Unha vez confirmada a alta da solicitude, a/o solicitante deberá imprimir a solicitude, cuberta e asinada, e deberá presentala antes do remate do prazo fixado, no rexistro xeral do Parlamento (rúa do Hórreo, Santiago de Compostela), nas oficinas de Correos ou nos demais lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións publicas.

As solicitudes que se presenten a través das oficinas de Correos deberán ir en sobre aberto para seren datadas e seladas polo persoal de Correos antes de seren certificadas.

Xunto coa solicitude deberase achegar a seguinte documentación:

– Copia compulsada do certificado de discapacidade e ditame técnico facultativo que acredite que ten recoñecida oficialmente unha discapacidade intelectual en grao igual ou superior ao 33 %.

1.3.2. De acordo co disposto no artigo 23 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras de Galicia, quen participe neste proceso selectivo está exento do aboamento da taxa por inscrición na convocatoria.

1.4. Admisión de aspirantes.

1.4.1. Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes, a Presidencia aprobará as listaxes provisionais de aspirantes admitidas/os e excluídas/os a través dunha resolución que será publicada no BOPG, así como no taboleiro de anuncios do Parlamento de Galicia e na páxina web do Parlamento (www.parlamentodegalicia.gal), con indicación dos seus apelidos e nome, do número do documento nacional de identidade e das causas das exclusións que procedan.

1.4.2. As/os aspirantes excluídas/os disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contado a partir do seguinte ao da dita publicación da resolución no BOPG, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

A estimación ou desestimación das ditas peticións de correccións entenderanse implícitas nunha nova resolución da Presidencia que será publicada no BOPG, pola que se aprobarán as listaxes definitivas de aspirantes admitidas/os e excluídas/os. Estas listaxes publicaranse no portal web parlamentodegalicia.gal

O feito de figurar na relación de admitidas/os non prexulgará que se lles recoñeza ás/aos aspirantes a posesión dos requisitos exixidos para participaren no proceso selectivo. Cando da documentación que deben presentar tras superar a oposición se desprenda que non posúen algún dos requisitos, as/os interesados/as decaerán en todos os dereitos que poidan derivar da súa participación.

2. Proceso selectivo.

O programa que rexerá as probas selectivas é o que figura como anexo 1 destas bases.

2.1.1. Primeiro exercicio (eliminatorio).

Consistirá na realización dun cuestionario de 25 preguntas, con 3 respostas alternativas, das cales só unha delas será correcta. Este exercicio constará de dúas partes:

a) Primeira parte: incluirá 10 preguntas da parte xeral do programa do anexo 1.

b) Segunda parte: incluirá 15 preguntas sobre contidos prácticos do traballo que se realizará incluídos na parte específica do programa do anexo 1.

As respostas erróneas non se penalizarán.

Os aspirantes contarán con 90 minutos para realizar este exercicio.

O exercicio cualificarase de 0 a 80 puntos e, para superalo, será necesario obter un mínimo de 40 puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o número de respostas correctas exixido para acadar esta puntuación mínima.

No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes publicarase o contido do exercicio e o modelo coas respostas correctas no mesmo lugar en que se realizou o exercicio e no portal web parlamentodegalicia.gal

Este exercicio realizarase no prazo máximo de corenta (40) días hábiles desde a constitución do tribunal que xulgue as probas.

A data de realización deste exercicio non será anterior ao 1 de decembro de 2017.

2.1.2. Segundo exercicio (obrigatorio e non eliminatorio).

Consistirá na contestación por escrito dun cuestionario de 10 preguntas tipo test con tres respostas alternativas, das cales só unha delas será correcta, mediante o cal se evidencie o coñecemento por parte dos aspirantes da lingua galega.

O exercicio cualificarase de 0 a 20 puntos e as respostas erróneas non se penalizarán.

Os aspirantes contarán con 60 minutos para realizar este exercicio. Estarán exentos de realizar este exercicio os/as aspirantes que acrediten que dentro do prazo sinalado para presentar a solicitude para participar no proceso selectivo posuían o Celga 2 ou o equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), aos cales se lles asignarán 20 puntos.

Os documentos que xustifiquen a exención (orixinais ou fotocopias compulsadas) deberán ser presentados polos aspirantes que superen o primeiro exercicio no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación da resolución pola cal o tribunal faga públicas as cualificacións do primeiro exercicio.

2.2. Desenvolvemento dos exercicios.

2.2.1. A orde de actuación das/dos opositoras/es iniciarase alfabeticamente pola letra I (i latino) de conformidade coa resolución da Presidencia do Parlamento de Galicia do 21 de xullo de 2017 pola que se publica o resultado do sorteo efectuado respecto dos procesos selectivos que se realicen no 2017.

2.2.2. As/os aspirantes deberán presentarse a cada exercicio provistos do DNI ou outro documento fidedigno que a xuízo do tribunal acredite a súa identidade.

2.2.3. Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a das/dos aspirantes, os membros do tribunal e as persoas designadas pola Presidencia como colaboradores.

2.2.4. En calquera momento as/os aspirantes poderán ser requiridas/os polo tribunal coa finalidade de acreditar a súa identidade.

2.2.5. O chamamento para cada exercicio será único, de xeito que as/os aspirantes que non comparezan serán excluídas/os.

Non obstante, as mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización de calquera dos exercicios polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderano pór en coñecemento do tribunal, xuntando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro das corenta e oito (48) horas seguintes ao anuncio da data do exame e implicará o consentimento da interesada para permitir o acceso do tribunal ou do órgano convocante aos datos médicos necesarios relacionados coa súa situación.

O tribunal, baseándose na información recibida, acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as dúas medidas conxuntamente. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible, de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

2.2.6. O anuncio de realización dos exercicios publicarase no BOPG e no portal web parlamentodegalicia.gal con corenta e oito (48) horas, polo menos, de anticipación á sinalada para o seu inicio.

2.2.7. As puntuacións obtidas polos/as aspirantes nos exercicios da oposición publicaranse no lugar onde se realizou a proba de que se trate e no portal web do Parlamento de Galicia.

Concederase un prazo de dez (10) días hábiles para os efectos de alegacións, que se contarán desde a publicación no BOPG da resolución do tribunal pola cal se fan públicas as puntuacións do correspondente exercicio.

2.2.8. Se o tribunal, de oficio ou con base nas reclamacións que as/os interesadas/os poden presentar nos tres (3) días hábiles seguintes á realización do exercicio, anular algunha ou algunhas das súas preguntas, publicarao no BOPG.

2.2.9. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal ten coñecemento ou dúbidas fundadas de que algunha/algún aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, comunicarallo á Oficialía Maior para que esta lle requira os documentos acreditativos do seu cumprimento.

No caso de que a/o aspirante non acredite o cumprimento dos requisitos, a Oficialía Maior proporá a súa exclusión do proceso selectivo e o órgano convocante publicará a orde que corresponda.

3. Tribunal.

3.1. O tribunal cualificador do proceso será nomeado pola Presidencia da Cámara.

3.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

A/o presidenta/e deberá solicitar aos membros do tribunal e, de ser o caso, ás/aos asesoras/es especialistas previstos na base 3.9 e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos, unha declaración expresa de non atoparse incursos en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

En todo caso, as/os aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorra neles algunha das circunstancias referidas nos termos establecidos no artigo 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

3.4. A sesión de constitución deberá realizarse nun prazo máximo de quince (15) días hábiles a partir da publicación do nomeamento do tribunal no BOPG. Na dita sesión o tribunal adoptará todas as decisións que correspondan para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo.

3.5. A partir da sesión de constitución, a actuación válida do tribunal requirirá a concorrencia da metade, polo menos, dos seus membros, con presenza en todo caso da/do presidenta/e e da/do secretaria/o.

3.6. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto nestas bases, na Lei de procedemento administrativo e no resto do ordenamento xurídico.

3.7. Por cada sesión do tribunal levantarase unha acta que, lida ao principio da sesión seguinte e feitas, de ser o caso, as rectificacións que procedan, será autorizada coa sinatura da/o secretaria/o e co visto e prace da/do presidenta/e.

3.8. A/o presidenta/e do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios do proceso selectivo sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das/dos aspirantes e utilizará para iso os impresos adecuados.

O tribunal excluirá aquelas/es candidatas/os en cuxos exercicios figuren marcas ou signos que permitan coñecer a identidade da/do opositora/or.

As decisións e os acordos que afecten a cualificación e valoración da proba (determinación do número de preguntas correctas para acadar a puntuación mínima, fixación de criterios de valoración, etc.) deberán adoptarse sen coñecer a identidade dos opositores aos cales corresponden os resultados obtidos.

3.9. O tribunal poderá propor a incorporación aos seus traballos de asesoras/es especialistas para as valoracións que coide pertinentes. Estas/es asesoras/es deberán limitarse a colaborar nas súas especialidades técnicas e terán voz pero non voto. O seu nomeamento corresponderalle á Oficialía Maior.

3.10. Para os aspirantes que así o fagan constar na súa solicitude, estableceranse as adaptacións posibles de tempo e de medios para a realización dos exercicios.

3.11. O tribunal non poderá propor o acceso ao emprego público dun número superior de persoas aprobadas ao da praza convocada. Calquera proposta de aspirantes aprobadas/os que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

Malia o anterior, e co fin de asegurar a cobertura da praza convocada, de se producir renuncia da persoa seleccionada antes da toma de posesión, ou non acreditar os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano convocante poderá requirir do órgano de selección unha relación complementaria das persoas aprobadas que sigan a persoa proposta, para o seu posible nomeamento como interino.

3.13. Os acordos adoptados polo tribunal do proceso poderán ser obxecto de recurso de alzada ante a Mesa do Parlamento nos termos previstos nos artigos 112 e seguintes da Lei 39/2015.

3.14. As comunicacións que formulen as/os aspirantes ao tribunal dirixiranse á Servizo de Persoal e Réxime Interior.

4. Listaxe de aprobadas/os, presentación de documentación e nomeamento de persoal funcionario interino.

No suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes, posto que non existe na categoría infrarrepresentación feminina, acudirase por orde aos seguintes criterios ata que se resolva:

– Puntuación obtida no primeiro exercicio da oposición.

– De persistir o empate, resolverase pola orde alfabética do primeiro apelido e, de ser igual, polo segundo, a partir da letra resultante no sorteo a que se refire a base 2.2.1.

– En último lugar, o empate dirimirase por sorteo entre as persoas implicadas.

4.2. Unha vez rematado o proceso selectivo, o tribunal publicará no BOPG a relación de aspirantes que o superaron por orde de puntuacións acadadas, con indicación do seu documento nacional de identidade. Na mesma resolución proporá o seu nomeamento como funcionario interino.

A partir do día seguinte ao da publicación no BOPG estas/es disporán dun prazo de vinte (20) días naturais para a presentación dos seguintes documentos:

A) Para acreditar o nivel de estudos, fotocopia compulsada dalgún dos seguintes documentos:

– Certificado de estudos primarios.

– Certificado de escolaridade.

– Libro de escolaridade.

– Historial académico.

– En ausencia do anterior, un certificado do centro educativo acreditativo de que a persoa estivo escolarizada durante os anos correspondentes á escolaridade obrigatoria.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberá presentar credencial da súa validación ou homologación ou ben a credencial de recoñecemento da titulación para exercer a profesión.

B) Declaración baixo a súa responsabilidade de non ter sido despedida/o mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso á mesma categoría profesional á cal se pertencía (anexo 3).

No caso de nacionais doutros estados, declaración xurada ou promesa de non atoparse inhabilitada/o ou en situación equivalente, nin ter sido sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos mesmos termos, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria.

C) Informe sobre o estado de saúde que acredite que a/o aspirante non padece enfermidade nin está afectada/o por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

4.4. Quen, dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presente a documentación ou do exame dela se deduza que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 1.2 non poderá ser nomeada/o funcionario/a interino/a do Parlamento de Galicia e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que puider incorrer por falsidade na solicitude inicial.

4.5. Unha vez presentados os documentos referidos na base anterior, no prazo sinalado, a Mesa procederá ao nomeamento do aspirante que superase o proceso selectivo como persoal interino do Parlamento de Galicia, e se publicará no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e no Diario Oficial de Galicia. Deberá prestar xuramento ou promesa de acatar a Constitución, o Estatuto e das demais leis e tomar posesión dentro do prazo dun mes desde a notificación do seu nomeamento.

5. Disposición derradeira.

Contra esta convocatoria, que pon fin á vía administrativa, poderase presentar recurso potestativo de reposición ante a Presidencia do Parlamento de Galicia no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, ou impugnala directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2017

Miguel Ángel Santalices Vieira
Presidente do Parlamento de Galicia

ANEXO 1
Programa

– Parte xeral (primeira parte do exercicio):

Bloque 0. O Parlamento de Galicia, organización e funcionamento, segundo o Regulamento do Parlamento, o Estatuto de persoal e o Regulamento de organización e funcionamento do Parlamento de Galicia. Igualdade: disposicións xerais do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma en materia de igualdade.

– Parte específica (segunda parte do exercicio):

Bloque 1. Control de acceso, identificación, información, atención e recepción de persoal visitante.

Bloque 2. Recepción, distribución e entrega de paquetaría e documentación.

Bloque 3. Manexo de máquinas reprodutoras e outras análogas.

Bloque 4. Franqueo, depósito, entrega, recollida e distribución de correspondencia.

Bloque 5. Realización de recados oficiais fóra e dentro do centro de traballo.

Bloque 6. Información de anomalías ou incidencias no centro de traballo.

ANEXO 2

SOLICITUDE DE ADMISIÓN A PROCESO SELECTIVO

Selo do Rexistro

Praza de uxier do Parlamento de Galicia, en réxime interino, reservada para ser cuberta por persoas que acrediten algunha discapacidade intelectual

Datos persoais:

Primeiro apelido

Segundo apelido

Nome

DNI

Enderezo (rúa, praza, ... e número)

Localidade

Código postal

Provincia

Teléfono 1

Teléfono 2

Correo electrónico (o/a aspirante acepta recibir as comunicacións a través deste medio):

Discapacidade (%):

Adaptación:

A persoa que asina SOLICITA ser admitida no proceso selectivo ao que fai referencia esta solicitude e DECLARA que son certos os datos consignados nela e que reúne as condicións exixidas para o ingreso no corpo de xestión do Parlamento de Galicia e as especialmente sinaladas na convocatoria, e comprométese a probar documentalmente todos os datos que figuran nesta solicitude.

Santiago de Compostela, ............ de ................................ de 2017

(Sinatura)

Sr. Presidente do Parlamento

ANEXO 3
Declaración xurada ou promesa

D/Dª ………………........……………………......................…….....…………………………, con domicilio en …….………………......……….....................................…………………….., e documento nacional de identidade número ………………………………………….,

Declara baixo xuramento/promete, para os efectos de participar no proceso selectivo para a provisión dunha praza de uxier do Parlamento de Galicia en réxime interino reservada para ser cuberta por persoas que acrediten algunha discapacidade intelectual, que non foi separado/a do servizo de ningunha das administracións públicas e que non está inhabilitado/a para o exercicio das funcións públicas. Así mesmo, declara seren certos todos os datos achegados respecto deste proceso selectivo.

…………………………………….., ……..de ……………… de 2017

(Sinatura)