Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Martes, 29 de agosto de 2017 Páx. 40765

I. Disposicións xerais

Consellería de Economía, Emprego e Industria

DECRETO 81/2017, do 3 de agosto, polo que se crea a Axencia Galega da Industria Forestal e se aproban os seus estatutos.

A disposición adicional sexta da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, autoriza a creación da Axencia Galega da Industria Forestal como axencia pública autonómica adscrita á consellería competente en materia de economía, que ten como fins xerais e obxectivos básicos actuar como un instrumento de xestión eficiente no exercicio de funcións relacionadas co impulso da actividade económica asociada ao sector forestal, coa mellora da competitividade e da innovación das empresas do sector e coa coordinación dos centros de investigación en materia forestal.

O modelo instrumental elixido, o de axencia, recollido no artigo 74 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, é o que mellor se adapta ás necesidades de autonomía, eficacia e racionalización da Axencia Galega da Industria Forestal, que nace cunha vocación integradora, e co obxectivo de mellorar a competitividade e a innovación das empresas do sector forestal, con especial incidencia na segunda e seguintes fases de transformación do recurso.

A importancia estratéxica do bosque na economía galega explica este esforzo investidor e de innovación, na idea de que tanto a actuación da industria forestal como a súa potenciación pola Axencia asegure a compatibilidade e a sustentabilidade dos diversos usos produtivos do monte. Trátase de lograr unha convivencia saudable e sustentable entre o aproveitamento e industrialización forestal e a conservación dos bosques orixinais, impulsando e promovendo a investigación en biotecnoloxía forestal.

O complicado escenario económico actual afianza a nosa misión de contribuír ao desenvolvemento sustentable do sector forestal e da industria que transforma os recursos forestais, coa mirada posta na xeración de emprego, o valor engadido e a utilización, defensa e promoción dos recursos naturais.

Desde a Axencia Galega da Industria Forestal preténdese revalorizar a competitividade e a innovación das empresas forestais, especialmente na segunda e seguintes fases de transformación do recurso, participando, como interlocutor cualificado, na elaboración dos instrumentos de planificación, e de ordenación e mellora da xestión e aproveitamento dos recursos forestais que regula a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

A creación da Axencia Galega da Industria Forestal, autorizada, como se acaba de sinalar, na citada disposición adicional sexta da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, e a aprobación dos seus estatutos, constitúen o obxecto deste decreto, que consta dun único artigo, cinco disposicións adicionais, dúas disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e tres disposicións derradeiras.

A disposición adicional primeira refírese á constitución e entrada en funcionamento da Axencia Galega da Industria Forestal.

Na disposición adicional segunda trátase da integración e adscrición do persoal.

A disposición adicional terceira refírese á asunción das competencias e medios persoais e materiais dos centros de investigación e innovación forestal.

A disposición adicional cuarta alude á obriga de realizar o primeiro inventario de bens da Axencia Galega da Industria Forestal no prazo dun ano desde a súa posta en funcionamento.

A disposición adicional quinta refírese á aprobación da proposta do primeiro contrato plurianual de xestión.

A disposición transitoria primeira establece as condicións nas que discorrerá o período de transición, necesario en tanto a Axencia Galega da Industria Forestal non dispoña dos medios materiais e persoais necesarios para acadar a súa autonomía, co fin de exercer os fins que lle son encomendados.

A disposición transitoria segunda refírese ao réxime dos expedientes iniciados, e non resoltos, con anterioridade á posta en funcionamento da Axencia Galega da Industria Forestal.

A disposición derradeira primeira ten por finalidade recoller a modificación da estrutura orgánica da consellería con competencias en economía.

Por último, as disposicións derradeiras segunda e terceira tratan da habilitación para o desenvolvemento do decreto e da súa entrada en vigor.

Os estatutos están incluídos en corenta e catro artigos agrupados en oito capítulos.

O capítulo I reúne as disposicións xerais relativas á natureza, réxime xurídico, adscrición, obxecto e fins, así como as funcións da Axencia Galega da Industria Forestal.

O capítulo II ocúpase da organización da Axencia. A estrutura da Axencia Galega da Industria Forestal conta con dous órganos de goberno, un órgano encargado da xestión ordinaria, e dúas unidades orgánicas denominadas áreas.

O contrato plurianual de xestión, no que se recollen os obxectivos da Axencia, os medios para cumprilos e as consecuencias do grao de cumprimento, e o plan de acción anual constitúen o obxecto do capítulo III.

O capítulo IV regula o réxime de persoal da Axencia, ordenación de postos, selección e condiccións de acceso persoal directivo.

O capítulo V regula o réxime patrimonial e de contratación, que é o xeral de aplicación a todas as administracións públicas.

O réxime económico e financeiro da Axencia constitúe o obxecto do capítulo VI. Neste especifícanse os recursos económicos necesarios para que a Axencia desenvolva as súas funcións.

O capítulo VII regula, pola súa banda, as disposicións aplicables á actuación da Axencia, con especificación do réxime xurídico que rexerá o seu funcionamento.

O capítulo VIII establece os procedementos a seguir para a modificación dos estatutos da Axencia e para a extinción desta, con enumeración das causas que poden motivar esta última circunstancia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día tres de agosto de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Artigo único. Creación da Axencia Galega da Industria Forestal e aprobación dos seus estatutos

En virtude da autorización prevista na disposición adicional sexta da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, créase a Axencia Galega da Industria Forestal, para o cal se aproban os seus estatutos, cuxo texto se insire no presente decreto.

Disposición adicional primeira. Constitución da Axencia Galega da Industria Forestal

A constitución da Axencia Galega da Industria Forestal producirase coa celebración da sesión constitutiva do seu Consello Reitor, que terá lugar no prazo de dous meses desde a entrada en vigor deste decreto.

Disposición adicional segunda. Integración e adscrición do persoal

1. No momento da súa constitución, traspásanse á Axencia Galega da Industria Forestal, os postos de traballo con nivel orgánico inferior a Xefatura de Servizo previstos na relación de postos de traballo ou instrumento equivalente que desenvolva tarefas inherentes ás competencias asumidas pola nova Axencia. A adscrición efectuarase aos órganos da estrutura orgánica da Axencia previstos nos seus estatutos, segundo se dispoña por resolución da Dirección. Estes postos de traballo continuarán subsistentes e serán retribuídos con cargo aos créditos orzamentarios da Axencia, adaptada á estrutura orgánica dos seus estatutos.

2. O persoal empregado público da Xunta de Galicia que preste servizos na Axencia Galega da Industria Forestal por ocuparen postos de traballo aos que correspondan funcións asignadas a ela, estarán na situación de servizo activo no seu corpo ou escala ou categoría de procedencia, conservando a súa antigüidade e o grao que tivesen consolidado e cos mesmos dereitos e obrigas que tivesen no momento da súa incorporación.

3. O persoal funcionario interino e o persoal laboral temporal que ocuparen postos de traballo aos que corresponden funcións asinadas á Axencia Galega da Industria Forestal, poderán seguir desempeñando co mesmo réxime e nas mesmas condicións que tiñan ata o momento do traspaso destes postos á Axencia, baixo o mesmo vínculo temporal, e con efectos da entrada en vigor da relación de postos de traballo onde figuren incorporados estes postos.

Disposición adicional terceira. Centros de investigación forestal

Esta Axencia, en concreto, asumirá os medios persoais e materiais e as competencias do centro de investigación e innovación autonómico CIS-Madeira, que se integrará por Orde da consellería de adscrición da Axencia, no prazo de seis meses desde a constitución do Consello Reitor.

Adscribirase á Axencia todo aquel persoal, independentemente do seu vínculo administrativo ou laboral, que no momento da entrada en funcionamento da Axencia presten servizos nas diferentes áreas do centro CIS-Madeira, e conservarán os mesmos dereitos e obrigas que tivesen no momento da súa incorporación.

A Axencia Galega da Industria Forestal establecerá, así mesmo, mecanismos de colaboración con outros centros de investigación públicos nas diferentes materias que o sector traslade á Administración por consideralas do seu interese.

Disposición adicional cuarta. Inventario

A Axencia Galega da Industria Forestal realizará o primeiro inventario dos bens que lle resulten adscritos en aplicación do disposto na normativa de patrimonio da Comunidade Autónoma.

Disposición adicional quinta. Primeiro contrato plurianual de xestión

O Consello Reitor da Axencia Galega da Industria Forestal aprobará a proposta do primeiro contrato plurianual de xestión no prazo de tres meses desde a súa constitución.

Disposición transitoria primeira. Servizos comúns

Sen prexuízo da creación e posta en funcionamento da Axencia Galega da Industria Forestal, mentres esta non dispoña dos medios persoais e materiais necesarios para acadar a súa autonomía e executar os fins que lle corresponden, os servizos comúns da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria exercerán, en relación coa Axencia Galega da Industria Forestal, as competencias que lle son propias.

Disposición transitoria segunda. Réxime transitorio dos procedementos

Os procedementos iniciados con anterioridade á posta en funcionamento da Axencia Galega da Industria Forestal, e non resoltos, relativos a ámbitos de competencia asignados á nova Axencia polos estatutos que aproban este decreto, serán resoltos polo órgano competente da Axencia de acordo coa atribución do exercicio de competencias establecido polos seus estatutos.

Disposición derrogatoria. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Modificación da estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia

Modifícase a letra b) do artigo 5 do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, quedando a súa redacción do seguinte xeito:

Artigo 5

b. Quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

2. O organismo autónomo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

3. O ente público Instituto Galego de Promoción Económica.

4. A Axencia Galega de Innovación.

5. A axencia Instituto Enerxético de Galicia.

6. A Axencia Galega da Industria Forestal.

7. O ente público Consello Galego de Relacións Laborais.

Disposición derradeira segunda. Desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da consellería competente en materia de economía a ditar cantas disposicións normativas sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de agosto de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

Estatutos da Axencia Galega da Industria Forestal

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Sección 1ª. Configuración Institucional

Artigo 1. Natureza e adscrición

1. A Axencia Galega da Industria Forestal é unha axencia pública autonómica encadrada nas entidades instrumentais do sector público autonómico reguladas no título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. A Axencia Galega da Industria Forestal está adscrita á consellería competente en materia de economía e conta con personalidade xurídica propia diferenciada respecto da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, patrimonio e tesouraría propios e autonomía de xestión nos termos que precisan as leis.

Artigo 2. Finalidade e obxectivos

1. A Axencia Galega da Industria Forestal ten como finalidade actuar como un instrumento de xestión eficiente no exercicio de funcións relacionadas co impulso da actividade económica asociada á industria forestal, coa mellora da competitividade e da innovación das empresas do sector e coa coordinación dos centros de investigación e tecnolóxicos vinculados á industria forestal.

2. A Axencia Galega da Industria Forestal perseguirá os seguintes obxectivos, sen prexuízo das competencias doutros organismos e entidades e, en todo caso, en estreita colaboración con eles:

a) Procurar a diversificación dos produtos do monte destinados á industria forestal, promovendo as sinerxias entre os distintos sectores da cadea monte-industria.

b) Mellorar a competitividade e a innovación das empresas do sector forestal desde a primeira fase de transformación do recurso, e con especial incidencia na segunda e seguintes fases.

c) Ser o centro de servizos ao que acuda o sector da industria forestal, madeireira e non madeireira, para analizar e implantar medidas que contribúan ao seu desenvolvemento, actuando como interlocutor da Administración fronte á totalidade de axentes económicos vinculados á industria forestal.

d) Definir e promover estratexias para lograr unha convivencia saudable e sustentable entre o aproveitamento e a industrialización dos recursos naturais, e que deberá realizarse tendo en conta a conservación do patrimonio natural e a biodiversidade, baseándose no uso sustentable dos ditos recursos naturais.

e) Participar na planificación, ordenación e mellora da xestión e aproveitamento dos recursos forestais, sen menoscabo dos seus valores ambiental e social e da conservación do patrimonio natural, evitando a fragmentación de hábitos naturais, tendo en conta a súa integridade.

f) Coordinar os centros de investigación e tecnolóxicos vinculados á industria forestal, adscritos á Axencia.

g) Promover a utilización da biotecnoloxía como técnica na mellora dos produtos forestais.

h) Incentivar o deseño de produtos derivados do sector forestal na procura de solucións estruturais verdes que contribúan co ambiente.

i) Impulsar a creación de emprego de calidade no medio rural.

j) Favorecer a transferencia de coñecemento e tecnoloxía entre os diferentes axentes vinculados á industria forestal, particularmente entre as empresas do sector, as universidades do Sistema Universitario de Galicia e os centros públicos de investigación forestal.

k) Incentivar a certificación de procesos e produtos asociados ao monte, e destinados á industria forestal, para acreditar a calidade e sustentabilidade das actividades, e por esta vía aumentar a competitividade das empresas do sector.

l) Apoiar a transformación, diferenciación e diversificación de uso dos aproveitamentos forestais.

m) Incentivar a mellora da formación e a cualificación do persoal empregado no sector forestal, favorecendo a capacitación profesional, e contribuíndo á mellora da produtividade e competitividade das empresas do sector, así como a información/formación sobre actividades coherentes coa conservación do patrimonio natural e a biodiversidade, e coa xestión sustentable dos recursos.

n) Asesorar os axentes e as empresas do sector forestal nas distintas liñas de financiamento nacional e internacional que lles poidan beneficiar.

Artigo 3. Réxime xurídico

1. A Axencia Galega da Industria Forestal axustará a súa actuación ao establecido na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. O seu réxime xurídico interno regúlase polo dereito administrativo e o réxime xurídico externo, polo dereito privado ou polo dereito administrativo, segundo determina a normativa aplicable.

2. A Axencia Galega da Industria Forestal e o seu persoal axustará a súa actuación aos principios establecidos nas disposicións contidas nos presentes estatutos e nas normas de conduta aplicables conforme á lexislación vixente.

Artigo 4. Condición de medio propio e servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia

1. A Axencia Galega da Industria Forestal ten a consideración de medio propio e servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e dos poderes adxudicadores dela dependentes, polo que está obrigada a realizar os traballos que aquela ou estes lle encomenden no ámbito das súas competencias e nos termos fixados nestes estatutos.

2. As relacións da Axencia Galega da Industria Forestal cos poderes adxudicadores dos que é medio propio e servizo técnico teñen natureza instrumental e non contractual, articulándose a través das encomendas de xestión previstas no punto 6 do artigo 24 do texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que, para todos os efectos, as devanditas relacións son de carácter interno, dependente e subordinado.

3. A Axencia Galega da Industria Forestal non poderá participar nos procedementos para a adxudicación de contratos convocados polos poderes adxudicadores dos que sexa medio propio e servizo técnico. Porén, cando non concorra ningún licitador, poderá encargárselle a execución da actividade obxecto de licitación pública.

4. En todo caso, será de aplicación a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 5. Potestades administrativas

1. Correspóndelle á Axencia Galega da Industria Forestal, no marco das competencias que estes estatutos e, se é o caso, outras normas lle atribúan, o exercicio, de acordo coa lexislación aplicable, das potestades administrativas precisas para o cumprimento dos seus fins e funcións.

2. As relacións da Axencia cos órganos da administración autonómica e das restantes administracións públicas ás que dea lugar o exercicio das competencias e funcións establecidas nestes estatutos, será mantido pola persoa titular da Presidencia da Axencia, no marco que estableza o Consello Reitor. A Presidencia poderá delegar o desenvolvemento ordinario das ditas relacións na persoa titular da Dirección.

Artigo 6. Sede

A Axencia Galega da Industria Forestal ten a súa sede institucional en Santiago de Compostela.

Sección 2ª. Réxime básico de actuación

Artigo 7. Principios de actuación

1. Con base no establecido na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a actuación da Axencia Galega da Industria Forestal estará baseada na xestión transparente, apoiándose no cumprimento de obxectivos claros, medibles e orientados de cara á mellora na prestación do servizo, de forma que sirva mellor á sociedade, especificamente, os seguintes:

a) Principio de transparencia e participación, entendidos, respectivamente, como a rendición de contas á cidadanía e como o compromiso de consulta e participación das persoas interesadas na realización dos seus traballos.

b) Principios de autonomía e responsabilidade, entendidos, respectivamente, como a capacidade da Axencia de xestionar con autonomía os medios postos ao seu dispor para alcanzar os obxectivos comprometidos, e como a disposición desta de asumir as consecuencias dos resultados alcanzados.

c) Principios de cooperación interadministrativa e participación institucional, entendidos, respectivamente, como a disposición activa a colaborar con outras adminsitracións e institucións.

d) Principio de calidade e mellora contínua, entendido como o compromiso sistemático coa autoavaliación e a utilización de modelos que permitan establecer áreas de mellora.

e) Principio de incorporación transversal da perspectiva de xénero e do obxectivo da igualdade efectiva entre homes e mulleres en toda a actividade da Axencia.

2. O principio de transparencia e participación cidadá, enunciado na alínea a) do número anterior, concretarase, en relación co ámbito xeral de actuación da Axencia Galega da Industria Forestal, coa publicación na súa sede electrónica dos seguintes puntos:

a) O contrato de xestión da Axencia, o plan de acción anual, o informe xeral de actividade e as contas anuais, acompañadas do informe de auditoría de contas.

b) As redes de coñecemento e intercambio de información que impulse e, de ser o caso, outras que existan no territorio de Galicia.

c) Os recursos públicos destinados pola Xunta de Galicia ás políticas que desenvolve a Axencia e, de ser o caso, condicións e formas de acceso a eles.

d) Outros recursos públicos ou privados destinados a tales fins e dispoñibles no ámbito de Galicia, dos que a Axencia teña coñecemento.

e) Os procedementos e medios de acceso das persoas interesadas aos servizos da Axencia e os dereitos que para ese efecto lles correspondan.

Logo de aprobados o contrato de xestión, o plan de acción, o informe xeral de actividade e as contas anuais, publicarase no Diario Oficial de Galicia un resumo de cada un deses documentos, indicando na dita publicación a dirección web na que se pode acceder ao contido íntegro daqueles.

Artigo 8. Competencias e funcións

1. Para a consecución dos seus fins, correspóndenlle á Axencia Galega da Industria Forestal o exercicio das seguintes competencias e funcións sen prexuízo das que correspondan a outras entidades integrantes do sector público autonómico:

a) Elaborar e propoñer á consellería competente en materia de economía plans e programas en materia de innovación e transferencia tecnolóxica para o mellor aproveitamento dos recursos do monte destinados á industria forestal.

b) Promover e, se é o caso, executar os plans e programas indicados, aprobados pola consellería competente en materia de economía, particularmente, un plan estratéxico para a industria forestal.

c) Participar, como interlocutor cualificado, na elaboración dos instrumentos de planificación, e de ordenación e mellora da xestión e aproveitamento dos recursos forestais que regula a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na procura da mellora da competitividade das empresas vinculadas ás diferentes fases de transformación destes recursos, así como da mellora na xestión sustentable e da conservación e restauración dos ecosistemas forestais e da biodiversidade.

d) Fomentar e desenvolver programas de asesoramento para a industria forestal.

e) Promover e coordinar programas de actividades científicas centradas no ámbito forestal.

f) Elaborar estudos e realizar e emitir informes e recomendacións en materia de usos forestais, especialmente na mellora da súa xestión sustentable, para entes públicos ou privados, en coordinación coa consellería competente en materia de montes.

g) Participar en institucións e foros nacionais e internacionais para a consecución dos seus fins.

h) Organizar programas de formación e reciclaxe profesional no ámbito da industria forestal, en colaboración con centros de formación públicos e privados.

i) Coordinar a rede de centros de investigación e transferencia tecnolóxica forestal, relacionados coa industria forestal e adscritos á Axencia.

j) Outorgar e xestionar subvencións nas materias da súa competencia, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 3 de xuño, de subvencións de Galicia, e na normativa que a desenvolva.

k) Deseñar estratexias e elaborar e xestionar programas de captación de fondos estatais e internacionais dirixidos á innovación e biotecnoloxía forestal.

l) Promover e apoiar o crecemento de novas empresas de aproveitamento e transformación de produtos do monte destinados á industria forestal no medio rural, incidindo especialmente na segunda e seguintes fases de transformación industrial do recurso, por ser as que proporcionan un maior valor engadido ao produto e reportan maiores beneficios globais.

m) Desenvolver programas específicos que permitan relacionar os produtos do monte destinados á industria forestal cun criterio global de «material precioso e alto nivel», que faciliten a integración destes produtos con empresas de deseño especializadas.

n) Desenvolver unha marca colectiva única que facilite a integración das diversas actividades produtivas da industria forestal: materia prima, deseño, industrialización e comercialización.

o) Aquelas outras que, non estando incluídas nos puntos anteriores, lle sexan atribuídas pola normativa vixente, así como as que, dentro do seu ámbito competencial, lle sexan asignadas ou delegadas.

2. Para o exercicio das devanditas funcións, a Axencia Galega da Industria Forestal poderá actuar tanto directamente como a través de calquera das entidades dependentes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo das limitacións establecidas pola lexislación vixente no caso de que a súa actuación comporte o exercicio de potestades administrativas.

Artigo 9. Colaboración con outras administracións públicas e co sector privado

A Axencia Galega da Industria Forestal poderá cooperar con outras administracións públicas, no ámbito das súas respectivas competencias e funcións, e con entes do sector privado a través de convenios de colaboración.

A persoa titular da Presidencia, en calidade de máxima representación da Axencia, poderá subscribir con entidades públicas e privadas convenios de colaboración excluídos da lexislación de contratos do sector público en nome da entidade que preside.

CAPÍTULO II
Organización

Sección 1ª. Órganos

Artigo 10. Órganos da Axencia

1. Os órganos da Axencia Galega da Industria Forestal son:

a) De Goberno:

A Presidencia.

O Consello Reitor.

b) Executivos:

A Dirección.

c) Outros:

A Comisión de Control e Seguimento.

2. Na designación das persoas titulares e dos membros dos órganos de goberno da Axencia respetarase a paridade entre mulleres e homes.

Artigo 11. A Presidencia

1. A Presidencia da Axencia Galega da Industria Forestal correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de economía.

Por razóns organizativas e de oportunidade, a persoa titular da consellería competente en materia de economía poderá propoñer ao Consello da Xunta o nomeamento dunha persoa para desempeñar a presidencia da Axencia no seu lugar.

2. No suposto de ausencia, vacante, enfermidade ou outro impedimento legal, a persoa titular da Dirección substituirá á persoa titular da Presidencia.

Artigo 12. Competencias da Presidencia

1. Son competencias da persoa titular da Presidencia:

a) A representación institucional e legal da Axencia, sen prexuízo das delegacións que poida establecer na persoa titular da Dirección da Axencia e das funcións que a este lle poidan corresponder.

b) As relacións da Axencia Galega da Industria Forestal cos órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das restantes administracións públicas a que dea lugar o exercicio das competencias e funcións establecidas nestes estatutos, manteranse pola Presidencia da Axencia, no marco que, por proposta desta, estableza o Consello Reitor. A Presidencia poderá delegar o desenvolvemento ordinario das ditas relacións na persoa titular da Dirección.

c) Presidir o Consello Reitor e desempeñar as demais competencias que, en exercicio desta función, lle correspondan, segundo o disposto na normativa de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

d) Subscribir con entidades públicas e privadas, en nome da Axencia Galega da Industria Forestal, convenios de colaboración excluidos da lexislación de contratos do sector público, sen prexuízo da súa posible desconcentración.

e) Propoñer ao Consello da Xunta o nomeamento e cesamento da persoa titular da Dirección da Axencia.

f) Remitir a proposta de contrato plurianual de xestión á consellería con competencias en materia de facenda e á consellería competente en materia de administracións públicas para a súa presentación ao Consello da Xunta.

g) Remitir a proposta de modificación dos estatutos da Axencia á consellería con competencias en materia de facenda e á consellería competente en materia de administracións públicas para a súa presentación ao Consello da Xunta, nos casos en que proceda.

h) Resolver os recursos de alzada interpostos fronte aos actos da Dirección da Axencia.

i) Informar o Parlamento de Galicia, cando fose requirido, das actuacións desenvolvidas pola Axencia.

j) Calquera outra que lle atribúan estes estatutos ou as demais normas que resulten de aplicación ou, se é o caso, delegar o seu exercicio na persoa titular da Dirección da Axencia.

2. A persoa titular da Presidencia poderá obter dos órganos regulados nos presentes estatutos os informes e ditames que sexan precisos para o correcto exercicio das funcións que ten encomendadas.

Artigo 13. O Consello Reitor

1. O Consello Reitor é o órgano colexiado de goberno da Axencia Galega da Industria Forestal.

2. O Consello Reitor estará integrado polos seguintes membros:

a) Presidente/a: a persoa titular da Presidencia da Axencia.

b) Vicepresidente/a: a persoa titular da Dirección da Axencia.

c) Nove vogais, nomeados/as pola persoa titular da consellería de adscrición:

1º. Dous/dúas vogais representarán á consellería competente en materia de economía e serán designados por esta entre as persoas titulares dos seus órganos superiores ou de dirección.

2º. Dous/dúas vogais representarán á consellería competente en materia de medio rural, e serán propostos por esta entre as persoas titulares dos seus órganos superiores ou de dirección.

3º. Dous/dúas vogais en representación da consellería competente en materia de ambiente e ordenación do territorio, e serán propostos por esta entre as persoas titulares dos seus órganos superiores ou de dirección.

4º. Un/unha vogal en representación da consellería competente en materia de facenda, e será proposto por esta entre as persoas titulares dos seus órganos superiores ou de dirección.

5º. Dous/dúas vogais representarán ás corporacións locais e serán propostos pola Fegamp.

d) Secretario/a: designado/a e nomeado/a polo Consello Reitor entre o persoal que presta servizos na Axencia. A persoa titular da Secretaría asistirá ás reunións con voz pero sen voto.

No caso de reestruturación das consellerías da Xunta de Galicia, o Consello da Xunta poderá variar a composición do Consello Reitor para adaptalo á nova estrutura, o cal será obxecto de publicidade no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da Presidencia da Axencia Galega da Industria Forestal.

3. Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou cando concorra outra causa legal xustificada:

a) A persoa titular da Vicepresidencia do Consello Reitor substituirá a persoa titular da Presidencia.

b) Os/as vogais serán substituídos/as polos seus respectivos suplentes, propostos pola mesma persoa ou entidade que tivese designado as persoas titulares.

c) A persoa titular da Secretaría será substituída pola persoa nomeada polo Consello Reitor para estes efectos.

4. Poderán asistir ás reunións do Consello Reitor, con voz pero sen voto, todas aquelas persoas que sexan convocadas pola Presidencia en calidade de persoas expertas nalgunha das materias incluídas na orde do día.

5. O cargo no Consello Reitor non será retribuído.

Artigo 14. Funcións do Consello Reitor

Corresponden ao Consello Reitor as seguintes funcións:

a) A aprobación da proposta de modificación dos estatutos e das normas de réxime interno.

b) A aprobación da proposta de contrato de xestión da Axencia.

c) A aprobación dos obxectivos e plans de acción anuais e plurianuais da Axencia e dos criterios cuantitativos e cualitativos de medición do cumprimento dos ditos obxectivos e do grao de eficiencia na xestión, no marco establecido polo contrato de xestión.

d) A aprobación das disposicións, plans e programas en materia de innovación e transferencia da tecnoloxía forestal, singularmente o anteproxecto dun plan estratéxico para a industria forestal.

e) A aprobación do anteproxecto de orzamento anual e da contracción de obrigas de carácter plurianual dentro dos límites fixados no contrato de xestión.

f) O seguimento, a supervisión e o control da actuación da entidade e da xestión da persoa titular da Dirección e a exixencia das responsabilidades que procedan.

g) A aprobación das contas anuais e, de ser o caso, a distribución do resultado do exercicio, consonte a lexislación de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia.

h) A aprobación dun informe xeral anual da actividade desenvolvida e de cantos extraordinarios considere necesarios sobre a súa xestión, coa valoración dos resultados obtidos e a consignación das deficiencias observadas.

i) A designación e o nomeamento da persoa titular da Secretaría do Consello Reitor.

j) O nomeamento e cesamento do persoal directivo, por proposta motivada da Dirección.

k) A proposta de aprobación e modificación da relación de postos de traballo da Axencia logo do informe favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos, de función pública e de avaliación e reforma administrativa, logo de negociación coas organizacións sindicais representativas da función pública.

l) A aprobación da iniciativa de creación ou participación de sociedades mercantís e fundacións con carácter previo ao procedemento establecido no artigo 104 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

m) A aprobación das normas de desenvolvemento dos presentes estatutos propostas pola Dirección.

Artigo 15. Funcionamento do Consello Reitor

1. O Consello Reitor reunirase con carácter ordinario, logo de convocatoria da Presidencia, cunha periodicidade trimestral e, en sesión extraordinaria, cando o acorde a persoa titular da Presidencia, por iniciativa propia ou por solicitude da metade dos seus membros.

2. A convocatoria do Consello Reitor será realizada pola persoa titular da Secretaría cunha antelación mínima de setenta e dúas horas e incorporará a orde do día dos asuntos que se vaian tratar.

3. Para a válida constitución do Consello Reitor, ademais das persoas titulares da Presidencia e da Secretaría, ou de quen as substitúa, deberán estar presentes, na primeira convocatoria, a metade dos seus membros e, na segunda convocatoria, a terceira parte deles.

4. Os acordos do Consello Reitor tomaranse por maioría de votos dos seus membros presentes ou representados. En caso de empate, a persoa titular da Presidencia terá voto de calidade.

5. Os demais aspectos relativos ao funcionamento do Consello Reitor axustarase ao disposto no seu regulamento de réxime interno, na normativa de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 16. A Dirección

1. A Dirección é o órgano executivo da Axencia Galega da Industria Forestal, e correspóndelle a súa xestión ordinaria.

2. A persoa titular da Dirección será nomeada e separada polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da persoa titular da consellería de adscrición, con rango de director/a xeral.

3. Son funcións da Dirección:

a) Elaborar os proxectos normativos de desenvolvemento dos presentes estatutos.

b) Elaborar o proxecto de contrato de xestión da Axencia.

c) Elaborar propostas de modificación dos estatutos da Axencia e proxectos de normas de réxime interior desta e, se é o caso, das unidades adscritas.

d) Elaborar a proposta dos obxectivos, dos plans de acción anuais e plurianuais da axencia e dos criterios cuantitativos e cualitativos de medición do cumprimento dos devanditos obxectivos e do grao de eficiencia na xestión, no marco establecido polo contrato de xestión.

e) Elaborar a proposta de relación de postos de traballo da Axencia, e as súas propostas de modificación.

f) Propoñer ao Consello Reitor o nomeamento do persoal directivo, así como o seu cesamento, de acordo cos criterios de profesionalidade, mérito e capacidade e atendendo a criterios de idoneidade. O proceso de nomeamento levarase a cabo mediante procedementos que garantan a publicidade e a concorrencia.

g) Exercer a xefatura do persoal da Axencia.

h) Impulsar, orientar, coordinar e inspeccionar as áreas, os servizos e as unidades adscritas á Axencia e ditar as instrucións e circulares relativas ao seu funcionamento.

i) Elaborar o anteproxecto de orzamentos da Axencia, así como render as contas correspondentes.

j) Autorizar as modificacións orzamentarias.

k) Executar os orzamentos da Axencia e, polo tanto, dispoñer os créditos e dotacións, os recoñecementos das obrigas e a ordenación dos pagamentos dentro dos límites que lle correspondan.

l) Autorizar os pagamentos e os gastos da Axencia.

m) Propoñer as variacións da contía global do orzamento, así como as que afecten os gastos de persoal e de capital, para a súa autorización pola consellería competente en materia de facenda.

n) Executar o plan anual de actividades da Axencia.

o) Elaborar o informe anual sobre a actuación e a xestión da Axencia.

p) Informar a consellería de adscrición e as competentes en materia de facenda e de administracións públicas, respecto da execución e do cumprimento dos obxectivos fixados no contrato de xestión ao longo do anterior exercicio.

q) Resolver os expedientes tramitados no ámbito de programas de apoio convocados pola Axencia.

r) Executar os acordos da Presidencia e do Consello Reitor e exercer as funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas ou delegadas.

s) Actuar como órgano de contratación da Axencia.

t) As demais que se lle atribúan na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, nestes estatutos ou noutras disposicións aplicables, así como calquera outra competencia da Axencia non encomendada a outro órgano desta.

u) A Dirección poderá delegar nas persoas titulares das áreas as atribucións específicas que teña encomendadas nos presentes estatutos.

Artigo 17. A Comisión de Control e Seguimento: composición e réxime de funcionamento

1. A Comisión de Control e Seguimento é o órgano de control do funcionamento da Axencia Galega da Industria Forestal, e estará composta polos seguintes membros:

a) Unha persoa representante da entidade titular do contrato de xestión.

b) Unha persoa representante da consellería de adscrición da Axencia.

c) Unha persoa representante da consellería que ten as competencias en materia de orzamentos.

d) Unha persoa representante da consellería que ten as competencias en materia de avaliación e reforma administrativa.

2. En ningún caso, os membros da Comisión de Control e Seguimento serán coincidentes cos membros do Consello Reitor, a excepción dos membros que non teñan voto no dito consello.

3. A Presidencia da Comisión de Control e Seguimento ostentaraa a persoa representante da consellería que ten competencias en materia de orzamentos.

4. A Secretaría da comisión será exercida pola persoa titular da Secretaría da entidade obxecto do contrato, que dará comunicación de todas as propostas e acordos, tanto ao Consello Reitor ou órgano equivalente da entidade, como á dirección política das consellerías que forman parte da comisión.

5. Os membros da comisión serán designados pola persoa titular da entidade/consellería con presenza na comisión, de entre o seu persoal técnico que ocupe postos con nivel de subdirección xeral, xefatura de servizo ou equivalente.

6. Sempre que se xustifique debidamente, poderán exixirse determinados coñecementos como requisito para formar parte da Comisión de Control e Seguimento.

7. Os membros da comisión poderán asistir cun asesor ou asesora sempre que os asuntos que se vaian tratar o xustifiquen.

8. O cargo na Comisión de Control e Seguimento non será retribuído.

Artigo 18. Funcións da Comisión de Control e Seguimento

1. Son funcións da Comisión de Control e Seguimento:

a) Elaborar o seu regulamento de réxime interno.

b) Informar o Consello Reitor coa periodicidade que este decida, e cando menos, unha vez ao semestre, sobre a execución do contrato de xestión.

c) Analizar os resultados da xestión económico-financeira a través da información que, de forma periódica, deberán proporcionarlle os órganos xestores.

d) Informar o Consello Reitor sobre a execución do orzamento da Axencia. Para tal efecto, deberá recibir da dirección informes mensuais sobre o estado de execución orzamentaria.

e) Recoller información sobre os sistemas de control e procedementos internos establecidos para asegurar o debido cumprimento das disposicións legais e demais normas aplicables, así como coñecer dos informes de auditoría de contas e informes adicionais sobre funcionamento do control interno e propor ao Consello Reitor as estratexias encamiñadas a corrixir as deficiencias observadas.

2. Ademais de conter un pronunciamento sobre as cuestións formuladas, os informes emitidos pola comisión poderán conter propostas ou recomendacións para a súa toma en consideración polo Consello Reitor.

3. Os informes da Comisión de Control e Seguimento teñen carácter preceptivo nas materias sinaladas, sen que sexan vinculantes para o Consello Reitor.

4. O funcionamento da Comisión de Control e Seguimento axustarase ao disposto no seu regulamento de réxime interno; na normativa vixente en materia de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Sección 2ª. Estrutura orgánica

Artigo 19. Estrutura orgánica

A Axencia Galega da Industria Forestal estrutúrase internamente nas seguintes áreas, con nivel orgánico de subdirección xeral, e baixo a dependencia directa da persoa titular da Dirección:

a) Xerencia.

b) Área de Innovación Forestal.

c) Área de Promoción e Calidade Forestal.

Artigo 20. Xerencia

A persoa titular da Xerencia da Axencia Galega da Industria Forestal, persoal funcionario do subgrupo A1, serao tamén de todos os órganos colexiados desta.

A este órgano correspóndenlle as funcións de xestión e administración dos servizos xerais que darán soporte administrativo aos distintos órganos da Axencia, facilitando todos os procesos administrativos e executando as funcións de carácter administrativo e os procedementos administrativos competencia da Axencia.

Para o exercicio das súas funcións contará cun departamento, con nivel orgánico de xefatura de servizo:

1. Departamento de xestión administrativa, ao que se lle atribúen todas as competencias da axencia en materia orzamentaria, xestión económica, contabilidade, contratación administrativa, convenios, réxime patrimonial e calquera outra de contido propio da xestión administrativa.

Artigo 21. Área de Innovación Forestal

A esta área correspóndelle o impulso e establecemento de mecanismos de colaboración con centros de investigación públicos nas diferentes materias que o sector da industria forestal traslade á Administración por consideralos do seu interese. Exercerá as seguintes funcións:

a) O impulso á investigación e á innovación das empresas forestais.

b) A coordinación e a cooperación dos distintos centros de investigación e innovación tecnolóxica vinculados á industria forestal e adscritos á Axencia.

c) A promoción na utilización de modernas técnicas biotecnolóxicas nos diferentes proxectos da investigación forestal.

d) A coordinación da transferencia de coñecemento e tecnoloxía entre os diferentes axentes vinculados á industria forestal (administracións, universidades, e empresas e plataformas forestais).

e) O impulso dos instrumentos necesarios para o fomento da cooperación público-privada.

f) A prestación de asistencia a entidades e empresas do sector forestal para a mellora da calidade no desenvolvemento de proxectos innovadores na industria forestal.

g) Incentivar a mellora da formación e a cualificación do persoal empregado no sector forestal favorecendo a capacitación profesional, e contribuíndo á mellora da produtividade e competitividade das empresas do sector forestal.

h) O deseño de políticas que permitan desenvolver un tecido industrial forestal no medio rural.

i) O desenvolvemento de programas de apoio á diversificación da actividade económica forestal no medio rural.

j) Calquera outra función que se lle encomende no ámbito da súa competencia.

Artigo 22. Área de Promoción e Calidade Forestal

A esta área correspóndelle o fomento das accións de mellora na xestión e promoción da calidade nas empresas do sector forestal. Exercerá as seguintes funcións:

a) O impulso dos instrumentos necesarios para a transformación, diferenciación e diversificación dos recursos forestais, e do sector industrial asociado.

b) O fomento de procedementos de certificación forestal, da conservación e restauración dos ecosistemas forestais e da súa biodiversidade, en coordinación con outros departamentos da Administración autonómica.

c) A promoción na certificación da calidade cun distintivo de marca única dos produtos derivados da industria forestal.

d) O impulso á internacionalización da industria forestal, como eixe clave na comercialización e diversificación dos seus produtos.

e) A participación na planificación e na ordenación dos aproveitamentos forestais, como garante dunha xestión sustentable dos terreos forestais.

f) A participación na promoción das estratexias e programas que contribúan a conseguir o apropiado nivel de desenvolvemento sustentable.

g) Asesorar os axentes e as empresas da industria forestal, nas distintas liñas de financiamento nacional e internacional a proxectos da súa competencia que lles poidan beneficiar.

h) A coordinación con outros departamentos da Administración autonómica das liñas de apoio a proxectos de desenvolvemento do sector forestal públicos e/ou privados.

i) O desenvolvemento de accións e alianzas estratéxicas entre deseñadores e empresas da industria forestal, facilitando a diversificación e impulsando o valor engadido dos produtos do monte destinados á industria forestal.

j) Asesorar os axentes e as empresas da industria forestal nas distintas liñas de financiamento nacional e internacional a proxectos do seu ámbito competencial que lles poidan beneficiar.

k) Calquera outra función que se lle encomende no ámbito da súa competencia.

CAPÍTULO III
Xestión transparente por obxectivos

Artigo 23. O contrato plurianual de xestión

1. O contrato plurianual de xestión terá por obxecto regular a actividade da Axencia Galega da Industria Forestal e as relacións recíprocas entre esta e a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, no marco da lexislación xeral e específica vixente durante o seu período de aplicación.

2. O Consello Reitor da Axencia aprobará a proposta do primeiro contrato plurianual de xestión no prazo de tres meses desde a súa constitución. Os posteriores contratos plurianuais de xestión presentaranse no último trimestre da vixencia do anterior.

3. O contrato plurianual de xestión deberá establecer, como mínimo e para o período da súa vixencia, os seguintes aspectos:

a) Os obxectivos que se persigan, os resultados que se pretende obter e, en xeral, a xestión que se vai desenvolver.

b) Os plans necesarios para alcanzar os obxectivos, con especificación dos marcos temporais correspondentes e dos proxectos asociados a cada unha das estratexias e os seus prazos temporais.

c) O marco de actuación en materia de xestión de recursos humanos, que comprenderá a determinación das necesidades de persoal durante a vixencia do contrato, incluíndo a previsión máxima do cadro de persoal; a natureza e características dos postos de traballo da Axencia e o seu réxime de retribucións.

d) A determinación dos recursos persoais, materiais e orzamentarios que a Administración autonómica debe soportar para a consecución dos obxectivos, establecendo o seu escenario plurianual.

e) Os efectos asociados ao grao de cumprimento dos obxectivos establecidos no que atinxe á exixencia de responsabilidade pola xestión dos órganos executivos e do persoal directivo.

f) De ser o caso, a contía da masa salarial destinada ao complemento de produtividade ou concepto equivalente do persoal laboral, segundo o establecido na normativa da función pública e nas leis anuais de orzamentos da Comunidade Autónoma. Esta contía estará vinculada estritamente ao grao de cumprimento dos obxectivos fixados, co informe previo favorable das direccións xerais competentes en materia de función pública e de orzamentos, nos termos aprobados no contrato plurianual de xestión.

g) O procedemento que se seguirá para a cobertura dos déficits anuais que, de ser o caso, se puideran producir por insuficiencia dos ingresos reais respecto dos estimados e as consecuencias de responsabilidade na xestión que, de ser o caso, se deban seguir de tales déficits.

h) O procedemento para a introdución das modificacións ou adaptacións anuais que, de ser o caso, procedan.

i) Os mecanismos que permitan a exixencia de responsabilidade a que se refire a alínea e) por incumprimento de obxectivos.

4. A aprobación do contrato plurianual de xestión terá lugar por acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería de adscrición e das competentes nas materias de administracións públicas e de facenda, nun prazo máximo de tres meses contados desde a súa presentación. No caso de non ser aprobado neste prazo, manterá a súa vixencia o contrato anterior.

5. O contrato plurianual de xestión aprobarase para períodos de tres anos coincidentes cos respectivos exercicios orzamentarios.

Artigo 24. O plan de acción anual, o informe de actividade e as contas anuais

1. O Consello Reitor da Axencia, por proposta da súa Dirección, aprobará:

a) O plan de acción anual no marco do contrato de xestión e sobre a base dos recursos dispoñibles. O plan de acción anual comprenderá a definición dos obxectivos que se teñen que acadar no exercicio, a previsión dos resultados que se pretende obter e os instrumentos de seguimento, control e avaliación á que se ten que someter a actividade da Axencia.

b) O informe xeral da actividade correspondente ao ano inmediatamente anterior.

c) As contas anuais acompañadas do informe de auditoría de contas.

2. Os documentos a que se refire o punto anterior son públicos, e a cidadanía terá acceso ao seu contido desde a súa aprobación.

3. No primeiro trimestre de cada ano, a persoa titular da Dirección da Axencia Galega da Industria Forestal informará a consellería de adscrición e as competentes en materia de administracións públicas e de facenda, verbo da execución e do cumprimento dos obxectivos fixados no contrato de xestión durante o anterior exercicio.

CAPÍTULO IV
Réxime de persoal

Artigo 25. Persoal da Axencia Galega da Industria Forestal

1. A Axencia Galega da Industria Forestal contará con persoal funcionario e laboral da Xunta de Galicia. En todo caso, quédanlle reservadas ao persoal funcionario as funcións que impliquen a participación, directa ou indirecta, no exercicio de potestades públicas ou na salvagarda dos intereses xerais da Comunidade Autónoma de Galicia e das administracións públicas, así como aquelas que se determinen na normativa aplicable en materia de emprego público.

2. O persoal funcionario da Axencia réxese pola normativa reguladora da función pública galega e polas súas normas de desenvolvemento.

3. O persoal laboral que preste servizos na Axencia rexerase pola normativa reguladora da función pública e as súas normas de desenvolvemento, polas disposicións do Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, pola demais normativa que resulte de aplicación ao persoal laboral ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e polos propios estatutos desta Axencia.

4. A determinación das condicións de traballo do persoal que presta servizos na Axencia Galega da Industria Forestal será negociada coas organizacións sindicais representativas da función pública.

5. O persoal da Axencia quedará sometido ao réxime xeral de incompatibilidades aplicable ao persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 26. Ordenación de postos de traballo

1. A relación de postos de traballo da Axencia determinará a natureza, contido e características do desempeño e retribución de cada posto de traballo, de acordo co disposto na normativa de emprego público. Esta relación será pública e, en todo caso, os postos de nova creación integraranse na oferta de emprego público da Xunta de Galicia ou nos sistemas de provisión de postos de traballo.

2. A proposta de aprobación e modificación da relación de postos de traballo da Axencia serán acordadas polo Consello Reitor, por proposta da Dirección, logo do informe favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos, de función pública e de avaliación e reforma administrativa, logo de negociación coas organizacións sindicais representativas da función pública.

3. A aprobación da relación de postos de traballo corresponderá ao Consello da Xunta de Galicia e na súa tramitación estará sometida á normativa xeral establecida na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia sobre estes instrumentos de planificación de persoal.

Artigo 27. Selección do persoal, provisión de postos de traballo e mobilidade

1. Os procesos de selección do persoal funcionario e/ou laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia destinado na Axencia serán realizados polo centro directivo competente en materia de función pública e seranlle de aplicación as disposicións da lexislación galega sobre emprego público.

2. A provisión de postos de traballo e a mobilidade do persoal funcionario e/ou laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma destinado na Axencia correspóndelle á consellería competente en materia de función pública, de conformidade cos principios xerais e procedementos previstos na normativa da función pública.

Artigo 28. Condicións de traballo e réxime retributivo

1. Os conceptos retributivos do persoal que presta os seus servizos na Axencia son os establecidos na normativa reguladora da función pública de Galicia e dos orzamentos da Comunidade Autónoma.

2. As condicións retributivas do persoal laboral da Axencia serán as establecidas no convenio colectivo aplicable e as súas contías fixaranse de acordo co establecido no punto anterior.

3. A aprobación dos instrumentos polos que se regulen as condicións de traballo do persoal da Axencia e o seu réxime retributivo require informe previo e favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos e de función pública e deberán ser negociados previamente coas organizacións sindicais representativas no ámbito da función pública.

Artigo 29. Persoal directivo

1. En atención á responsabilidade, competencia técnica e relevancia das tarefas asignadas, terán consideración de persoal directivo as persoas titulares das áreas.

2. O persoal directivo é nomeado e separado do posto polo Consello Reitor, logo da proposta motivada da Dirección. A súa designación atenderá a principios de mérito e capacidade e a criterios de idoneidade e competencia profesional e levarase a cabo mediante procedementos que garantan a publicidade e concorrencia.

3. Cando o persoal directivo da Axencia teña a condición de persoal funcionario, permanecerá na situación administrativa que lle corresponda segundo a normativa reguladora da función pública.

4. Cando o persoal directivo da Axencia teña a condición de persoal laboral estará sometido á relación laboral de carácter especial de alta dirección. Neste caso, a fixación das súas retribucións deberá contar cun informe previo favorable dos centros directivos da Administración xeral da Comunidade Autónoma competentes en materia de orzamentos e de función pública.

5. O persoal directivo da Axencia poderá percibir unha parte da súa retribución como incentivo de rendemento, mediante o complemento correspondente que valore a produtividade, de acordo cos criterios e porcentaxes que se establezan polo Consello Reitor e de conformidade coa normativa reguladora da función pública e co Decreto 119/2012, do 3 de maio.

CAPÍTULO V
Réxime patrimonial e de contratación

Artigo 30. Patrimonio

1. A Axencia Galega da Industria Forestal terá, para o cumprimento dos seus fins, un patrimonio propio, distinto do da Administración xeral da Comunidade Autónoma, integrado polo conxunto de bens e dereitos dos que sexa titular.

2. Así mesmo, quedarán adscritos á Axencia para o cumprimento dos seus fins, sen necesidade de declaración expresa, os bens do patrimonio da Comunidade Autónoma xa vinculados aos fins, funcións ou servizos que asume a Axencia. Tamén se lle poderán adscribir outros bens do patrimonio da Comunidade Autónoma de calquera titularidade que así se acorde, de conformidade co disposto na normativa aplicable na materia.

Artigo 31. Bens e dereitos propios

1. A Axencia poderá adquirir toda clase de bens e dereitos por calquera dos modos admitidos no ordenamento xurídico, entendéndose implícita a afectación aos fins da Axencia dos bens mobles ao aprobarse a súa adquisición.

2. A adquisición de bens inmobles ou de dereitos sobre eles requirirá previo informe favorable da consellería competente en materia de patrimonio.

3. No caso de alleamento estarase ao disposto na lexislación patrimonial da Comunidade Autónoma.

Artigo 32. Bens adscritos

A adscrición e desadscrición de bens por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma rexerase pola lexislación autonómica de patrimonio, conservando aqueles a súa cualificación e titularidade xurídica orixinaria e correspondéndolle á Axencia as facultades de administración, xestión, conservación e colaboración na protección e defensa dos bens adscritos.

Artigo 33. Inventario

A Axencia Galega da Industria Forestal, a través da persoa titular da Dirección, formará e manterá actualizado o seu inventario de bens e dereitos, tanto propios como adscritos.

Artigo 34. Contratación

1. A contratación da Axencia Galega da Industria Forestal réxese pola normativa básica vixente en materia de contratos do sector público e polas normas de desenvolvemento aprobadas pola Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O órgano de contratación da Axencia é a Dirección, que precisará a autorización do Consello da Xunta de Galicia cando, por razón da contía, lle corresponda a este autorizar o gasto.

CAPÍTULO VI
Réxime económico-financeiro, orzamentario e xurídico

Artigo 35. Recursos económicos

1. Os recursos económicos da Axencia Galega da Industria Forestal son:

a) As transferencias consignadas nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Os ingresos propios que perciban como contraprestación polas actividades que poida realizar en virtude de contratos, convenios ou disposicións legais para outras entidades públicas ou privadas ou persoas físicas.

c) O produto do alleamento dos bens e valores que constitúan o seu patrimonio, de acordo co establecido na lexislación de patrimonio da Comunidade Autónoma.

d) Os rendementos procedentes dos seus bens e valores.

e) As achegas voluntarias, doazóns, herdanzas e legados e demais achegas a título gratuíto de entidades privadas e particulares.

f) Os ingresos procedentes de persoas físicas e xurídicas como consecuencia do patrocinio de actividades ou instalacións.

g) Os demais ingresos de dereito público ou privado que estea autorizada a percibir.

h) Calquera outro recurso que lle poida ser atribuído conforme o ordenamento xurídico vixente.

2. Os recursos que deriven das alíneas b), e) e f) do número anterior e non recollidos inicialmente no orzamento da Axencia poderán destinarse a financiar maiores gastos por acordo da súa Dirección.

3. Poderá ser realizada pola Axencia a contratación de pólizas de crédito ou préstamo, cando isto sexa necesario para atender desfases temporais de tesouraría, entendendo como tales as situacións de falta de liquidez que se poidan producir de forma ocasional.

4. A Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de cada exercicio autorizará o límite máximo do endebedamento a curto prazo.

5. A Axencia non poderá acudir ao endebedamento a longo prazo, salvo que unha lei así o autorice expresamente.

Artigo 36. Participación en sociedades mercantís e fundacións

Para o mellor cumprimento dos seus fins e cun obxecto acorde cos seus obxectivos, a Axencia, de acordo co que se estableza no contrato de xestión, poderá formular proposta de creación de sociedades mercantís ou fundacións ou participar nelas. Será requisito imprescindible a pertinente aprobación da proposta polo Consello Reitor e o cumprimento dos trámites previstos nos artigos 104 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 37. Orzamento

1. A Axencia Galega da Industria Forestal elaborará o seu anteproxecto de orzamento conforme o disposto no contrato de xestión e coa estrutura e documentación establecida pola consellería competente en materia de facenda. Unha vez aprobado polo Consello Reitor, o anteproxecto será remitido á consellería de adscrición que, logo do seu exame, o achegará, xunto co orzamento da propia consellería, á competente en materia de facenda, para a súa integración no anteproxecto de Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O orzamento deberá estar equilibrado e terá carácter limitativo polo seu importe global e carácter estimativo para a distribución dos créditos en categorías económicas, agás os correspondentes a gastos de persoal e capital que, en todo caso, teñen carácter limitativo e vinculante pola súa contía total.

3. Correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de facenda, por proposta do Consello Reitor, a autorización das variacións da contía global do orzamento, así como as que afecten a gastos de persoal e de capital. A autorización das restantes variacións que superen o inicialmente orzamentado, mesmo na contía global, cando sexan financiadas con recursos derivados das alíneas b), e), f) e g) do artigo 35, por riba dos inicialmente orzamentados e sempre que existan garantías suficientes da súa efectividade e do correspondente equilibrio orzamentario, correspóndelle á Dirección, logo de informe favorable da Comisión de Control e Seguimento, que deberá dar conta posteriormente á consellería competente en materia de facenda.

4. Non se poderán adquirir compromisos de gastos que se estendan máis de catro exercicios, e o gasto que se lle impute a cada un deles non poderá exceder a cantidade que resulte de lle aplicar ao importe total de cada programa, excluídos o capítulo de persoal e os restantes créditos que teñan carácter vinculante, as seguintes porcentaxes: o 70 % no exercicio inmediato seguinte, o 60 % no segundo, e o 50 % nos exercicios terceiro e cuarto.

5. En casos especialmente xustificados, o Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de facenda e logo do informe preceptivo do centro directivo competente en materia de orzamentos e daqueles que se consideren oportunos, poderá modificar as porcentaxes e os importes anteriores, así como modificar o número de anualidades.

6. A Dirección da Axencia poderá acordar incorporar o remanente de tesouraría non afectado ao orzamento do exercicio seguinte, logo do informe preceptivo e vinculante do centro directivo da Comunidade Autónoma competente en materia de orzamentos, que se pronunciará respecto dos seus efectos sobre a estabilidade orzamentaria. Do devandito acordo daráselle conta á Comisión de Control e Seguimento.

7. Os déficits derivados do incumprimento das estimacións de ingresos anuais compensaranse na forma prevista no contrato de xestión.

Artigo 38. Contabilidade

1. O réxime de contabilidade será o establecido na lexislación de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. A Axencia deberá aplicar os principios contables que lle correspondan, para o que contará cun sistema de información económico-financeiro e orzamentario que teña por obxecto mostrar, a través de estados e informes, a imaxe do patrimonio, da situación financeira, dos resultados e da execución do orzamento e proporcione información dos custos sobre a súa actividade que sexa suficiente para unha correcta e eficiente adopción de decisións.

2. Así mesmo, a Axencia contará cun sistema de contabilidade de xestión que permita seguir o cumprimento dos compromisos asumidos no contrato de xestión.

Artigo 39. Control da xestión económico-financeira

1. O control externo da xestión económico-financeira da Axencia correspóndelle ao Consello de Contas de Galicia, de acordo coa súa normativa específica.

2. O control interno da actividade económico-financeira da Axencia correspóndelle á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e realizarase de acordo co disposto na lexislación de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

3. Sen prexuízo do control establecido no número anterior, a Axencia estará sometida a un control de eficacia que será exercido, a través do seguimento do contrato de xestión, pola consellería competente en materia de economía. Este control ten por finalidade comprobar o grao de cumprimento dos obxectivos e a adecuada utilización dos recursos asignados.

Artigo 40. Réxime xurídico

A asistencia xurídica e defensa en xuízo da Axencia Galega da Industria Forestal ante toda clase de órganos xudiciais correspóndelle ao persoal letrado da Xunta de Galicia, de acordo coa distribución de funcións que se estableza nas disposicións orgánicas da Asesoría Xurídica Xeral, segundo determina a Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público.

CAPÍTULO VII
Disposicións e actos administrativos

Artigo 41. Disposicións, actos administrativos e recursos contra estes

1. A Axencia Galega da Industria Forestal ditará as disposicións necesarias para o cumprimento do seu obxecto e para o seu funcionamento, que poderán adoptar a forma de:

a) Resolucións, instrucións e circulares da Presidencia e da Dirección da Axencia.

b) Acordos do Consello Reitor.

c) Resolucións da Dirección.

Artigo 42. Actos administrativos

1. Os actos ditados polos órganos de goberno da Axencia poñen fin á vía administrativa, e serán susceptibles de impugnación na vía contencioso-administrativa, sen prexuízo da posibilidade de interpoñer contra eles recurso potestativo de reposición.

2. Os actos administrativos da Dirección da Axencia poderán ser impugnados en alzada perante a Presidencia, agás que foran ditados por delegación desta.

3. A competencia para resolver os procedementos de revisión de oficio dos actos administrativos nulos, declarar a lesividade dos anulables e revogar os de gravame ou desfavorables, correspóndelle á persoa titular da consellería de adscrición.

4. A rectificación de erros materiais, de feito ou aritméticos corresponderá ao propio órgano que ditou o acto.

5. O recurso extraordinario de revisión interporase de acordo co que estableza a lexislación xeral do procedemento administrativo, e será competente para resolvelo o propio órgano que ditou o acto recorrido.

CAPÍTULO VIII
Modificación e extinción

Artigo 43. Modificación dos estatutos

A modificación destes estatutos levarase a cabo por decreto aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería de adscrición, logo do informe favorable das consellerías competentes en materia de administracións públicas e facenda, previamente negociada coas organizacións sindicais representativas no ámbito da función pública cando a modificación proposta afecte os contidos regulados na normativa vixente en materia do empregado público.

Artigo 44. Extinción

1. A Axencia Galega da Industria Forestal extinguirase por algunha das seguintes causas:

a) Polo cumprimento total dos fins e obxectivos polos que foi creada a Axencia, de tal xeito que non se xustifique a pervivencia desta.

b) Pola asunción dos seus fins e obxectivos polos servizos da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A supresión da Axencia levarase a cabo por decreto aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería de adscrición, logo do informe favorable das consellerías competentes en materia de administracións públicas e facenda. O dito decreto, que será negociado previamente coas organizacións sindicais representativas no ámbito da función pública, determinará o destino dos bens, dereitos e obrigas da Axencia, así como as medidas aplicables ao persoal empregado da Axencia no marco da lexislación reguladora de cada tipo de persoal.