Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Martes, 29 de agosto de 2017 Páx. 40832

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 22 de agosto de 2017 pola que se establecen as bases que regulan a concesión dos premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca de Galicia e se convocan para o ano 2017.

A produción de leite reviste en Galicia unha enorme relevancia económica, social e mesmo ambiental e cultural, representando as explotacións leiteiras o auténtico motor de moitas bisbarras rurais, pola xeración de emprego e demanda de bens e servizos especializados que ocasionan.

O leite é un alimento de primeira calidade e constitúe a principal fonte de calcio nunha dieta equilibrada, que se acompaña da presenza de vitaminas liposolubles, como a vitamina D, que favorecen a súa absorción, e de proteínas de alto valor biolóxico. Este alimento, grazas ao bo facer dos gandeiros, atópase dispoñible para o consumidor a prezos realmente vantaxosos e cunha calidade superior.

Avala esta calidade do leite galego o feito de que na actualidade 4.905 explotacións están en disposición de usar o distintivo de calidade Galega 100 %, por cumpriren cos requisitos de excelencia na calidade do seu leite exixidos no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada.

Por esta razón, establécense os premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca de Galicia, cos cales se recoñecerá a excelencia do proceso produtivo das explotacións leiteiras de gando vacún de Galicia na obtención dun leite cru da mellor calidade hixiénico-sanitaria. Estes premios organízanse en colaboración co Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL), que colaborará na selección das explotacións con base na información existente nas súas bases de datos e sempre aplicando os criterios que se establecen nesta orde.

En consecuencia, de acordo co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e na Lei 1/1983, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto da orde

1. A presente orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a concesión dos premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria das explotacións leiteiras de gando vacún de Galicia que realizan os seus autocontrois de calidade no LIGAL. Estes premios terán carácter anual.

2. As bases reguladoras publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial da Consellería do Medio Rural.

3. Así mesmo, por medio desta orde convócanse os I premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria das explotacións leiteiras de gando vacún de Galicia para o ano 2017.

Artigo 2. Obxecto dos premios

Os presentes premios teñen como finalidade recoñecer a excelencia do proceso produtivo das explotacións leiteiras de gando vacún de Galicia na obtención dun leite cru da mellor calidade hixiénico-sanitaria.

Os premios distinguirán as explotacións en tres categorías en función do seu tamaño, pequenas, medianas e grandes e, pola súa vez, estas categorías subdividiranse cada unha delas en tres grupos en función do sistema de produción, entendido este como a posibilidade de aproveitamento de recursos propios da explotación. Recoñeceranse tamén especificamente as mellores explotacións ecolóxicas.

Artigo 3. Beneficiarios

Poderán optar a estes premios todas as explotacións leiteiras de gando vacún de Galicia que realizan os seus autocontrois de calidade no LIGAL, de tal xeito que consten na base de datos deste laboratorio os resultados das mostras de leite correspondentes ao período de referencia.

Artigo 4. Selección de explotacións.

1. As explotacións seleccionadas cumprirán os seguintes criterios:

a) Atoparse de alta no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada (Recaldi), segundo o establecido no Decreto 57/2010, do 8 de abril, polo que se crea o Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada (DOG núm. 71, do 16 de abril).

b) No caso das explotacións que se seleccionen para a distinción na categoría de explotacións ecolóxicas, de modo complementario ao anterior, deberán atoparse inscritas no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), ter rematado o período de conversión, ter certificado de produción nos derradeiros 12 meses de referencia e non ter sancións e/ou suspensións deste organismo nos derradeiros tres anos, nin ter incoado expediente sancionador pola autoridade competente en materia de agricultura ecolóxica.

2. Para os efectos de selección das explotacións tomarase como referencia o período de 12 meses, de agosto a xullo, de cada ano.

3. Ordenación das explotacións en función da calidade do leite producido.

Utilizaranse, para estes efectos, os valores existentes na base de datos do LIGAL correspondentes aos recontos microbiolóxicos e de células somáticas do período considerado como indicadores da condición hixiénico-sanitaria da explotación, que inclúe o proceso de muxidura e a eficacia da aplicación de frío, e a saúde do rabaño e, concretamente, dos ubres das vacas, respectivamente. Con base nos recontos, obterase unha puntuación única por explotación que permitirá a ordenación da base de datos segundo a calidade hixiénico-sanitaria das explotacións.

Artigo 5. Establecemento de grupos en función do tamaño e do sistema de produción.

1. Estratificación segundo tamaño, considerando este como capacidade produtiva, e, polo tanto, en función das declaracións de entregas de leite e/ou venda directa (artigo 6 do Real decreto 319/2015, do 24 de abril, sobre declaracións obrigatorias que deben efectuar por primeiros compradores e produtores de leite e produtos lácteos de vaca, ovella e cabra). Segundo o tamaño medio do derradeiro período de 12 meses de entregas dispoñible, aplicarase a desviación típica para obter tres grupos de pequenas, medianas e grandes explotacións. As entregas serán as que consten nas bases de datos do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga)

2. Estratificación segundo o sistema de produción. Aplicarase sobre os tres estratos de tamaño previamente obtidos; considerando a intensificación ou a extensificación como a correlación entre a capacidade produtiva da explotación (entregas) e a derradeira superficie admisible da solicitude única no marco da convocatoria en Galicia que regulara a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control. Sobre o ano de referencia, aplicarase a desviación típica para obter tres grupos de menor a maior intensificación. As superficies serán as que figuren na derradeira declaración de superficies do Fogga.

3. Nos cálculos estatísticos non se terán en conta os valores extremos.

Artigo 6. Selección de finalistas

1. Por cada un dos nove estratos obtidos, tres en función do tamaño e, de cada un destes, outros tres en función do sistema de produción, seleccionaranse as explotacións situadas nos cinco primeiros lugares pola súa puntuación lineal.

2. Seleccionaranse as explotacións ecolóxicas situadas nos cinco primeiros lugares pola súa puntuación lineal.

3. A estas explotacións comunicaráselles o feito de ter resultado finalistas nestes premios e a Consellería do Medio Rural solicitará aos seleccionados a súa aceptación expresa de participación na correspondente edición.

4. O xurado responsable da concesión dos premios estará constituído, en representación da Consellería do Medio Rural, polas persoas directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e subdirectora xeral de Gandaría; e, en representación do LIGAL, polas persoas directora xerente e presidente da Xunta Directiva.

5. O xurado designará técnicos das dúas entidades para actuaren como comité de avaliación nas visitas que se realicen ás explotacións. En cada actuación do comité de avaliación contarase, ao menos, con dúas persoas, unha por parte de cada organización, non sendo en ningún caso o número de técnicos superior a catro. Para garantir a homoxeneidade das actuacións, a persoa xefa do Servizo de Seguridade Alimentaria nas Producións Gandeiras, pertencente á Consellería do Medio Rural, actuará como coordinadora do comité de avaliación.

6. O comité de avaliación visitará as explotacións finalistas que teñan aceptado a participación na correspondente edición. Na visita revisarase o estado da explotación, tomando como referencia as guías de boas prácticas para as explotacións de gando vacún leiteiro (FENIL-MAPAMA) e os ítems do control oficial da hixiene das explotacións de gando vacún leiteiro que aplican os servizos veterinarios oficiais de Galicia.

7. O comité de avaliación redactará unha acta cos resultados da avaliación de cada explotación visitada; a persoa coordinadora do comité trasladará as actas ao xurado.

Esta visita ás explotacións do comité non suporá modificación da puntuación lineal da explotación. A constatación da non observancia dalgunha desas prácticas de hixiene significaría un maior risco para a produción de leite tanto desde o punto de vista da calidade como da seguridade alimentaria, polo que, se é o caso, a explotación deixaría de ser considerada como seleccionable para os premios.

Artigo 7. Adxudicación de premios

1. Premiaranse aquelas dúas explotacións para cada un dos nove estratos definidos anteriormente sen incidencias na visita do comité de avaliación, aplicando rigorosamente a súa posición na puntuación lineal obtida. A mesma metodoloxía empregarase coas dúas primeiras explotacións ecolóxicas da puntuación lineal.

2. No momento da selección e entrega dos premios, as explotacións premiadas continuarán a cumprir os requisitos establecidos no Recaldi (artigo 2 do Decreto 57/2010, do 8 de abril, modificado polo Decreto 228/2011, do 24 de novembro)

3. A entrega de premios realizarase nun acto convocado e organizado para tal fin, que se dotará da difusión, transcendencia e solemnidade axeitada. O premio consistirá na entrega dun trofeo e diploma acreditativo para os produtores gañadores de cada estrato, incluídos os de explotacións ecolóxicas.

4. A Consellería publicitará na súa web e, se é o caso, en medios sectoriais axeitados a relación de explotacións finalistas e premiadas.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias para ditar cantas instrucións sexan necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2017

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural