Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 166 Venres, 1 de setembro de 2017 Páx. 41344

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural

ORDE do 2 de agosto de 2017 pola que se crea a Mesa da Castaña e se regula a súa organización, funcionamento e composición.

A Comunidade Autónoma de Galicia conta con máis de dous millóns de hectáreas de monte, das cales o 70 % aproximadamente se atopan arboradas. Contamos cunha extensa superficie con presenza da especie Castanea sp., ben como especie principal, ocupando o castiñeiro unha superficie de 12.500 hectáreas en masas puras, ou secundaria en formacións mixtas, chegando a unha superficie de 46.455 hectáreas segundo os datos do último Inventario forestal nacional. Asemade, a superficie de soutos produtivos de froito ascende aproximadamente a unhas 38.000 hectáreas.

A produción de castañas en montes ou terreos forestais está recoñecida como un aproveitamento forestal pola Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. No seu artigo 84 recoñece á persoa titular do monte como propietaria dos recursos forestais que nel se producen. Seguidamente, o artigo 85 declara de xeito expreso o dereito das persoas propietarias de montes ao coutamento das súas propiedades co fin de obter un mellor aproveitamento dun recurso forestal como é a castaña.

Na actualidade Galicia é a principal comunidade autónoma en produción e exportación de castañas. Na campaña de 2015 os datos de produción superaron os 20 millóns de quilogramos, que se traducen en máis de 30 millóns de euros pagados aos produtores e que xeran un valor superior aos 70 millóns de euros en comercialización unha vez transformados. Ademais desta enorme importancia produtiva, están, por outro lado, os valores ecolóxicos e culturais que achegan á nosa sociedade as formacións arboradas desta especie. Os bosques de Castanea sativa están considerados como un hábitat de interese comunitario da Rede Natura 2000 (código 9260), cuxa conservación require a designación de zonas de especial conservación segundo a Directiva 92/43/CEE do Consello, de 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres.

Neste contexto, e debido a que no artigo 101 da Lei de montes de Galicia se instrumenta a posibilidade de que a Administración forestal poida impulsar e crear outras mesas sectoriais para o fomento, promoción e a mellora dos produtos forestais, enténdese que este é o momento idóneo para a creación dunha Mesa da Castaña, como órgano colexiado de representación sectorial, a fin de cumprir os obxectivos anteriormente referidos.

Na tramitación desta disposición foi consultado o Consello Forestal de Galicia.

En consecuencia, de conformidade co ditame do Consello Consultivo de Galicia, en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é crear a Mesa da Castaña ao abeiro do previsto no artigo 101 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, así como regular a súa organización, funcionamento e composición.

Artigo 2. Creación da Mesa da Castaña

1. Créase a Mesa da Castaña como un órgano colexiado de carácter consultivo e asesor, integrado pola Administración autonómica e polos principais axentes sociais relacionados coa castaña na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A Mesa da Castaña intégrase na consellería competente en materia de montes, aínda que sen participar na súa estrutura xerárquica.

Artigo 3. Finalidades

As finalidades e obxectivos da Mesa da Castaña son:

a) Establecer un foro continuado de diálogo e traballo que aglutine os principais axentes relacionados coa castaña en Galicia.

b) Estudar e impulsar medidas que contribúan ao fomento, promoción e mellora da castaña como produto forestal e ao seu aproveitamento sustentable.

c) Organizar, promover e dar apoio ás iniciativas do sector da castaña destinadas a reforzar as súas actuacións para conseguir a súa propia vertebración económica e social e fomentar a súa actividade.

d) Contribuír ao coñecemento por parte da sociedade da auténtica dimensión do sector da castaña e das súas achegas no ámbito económico, social e ambiental.

e) Calquera outra finalidade que a Mesa da Castaña entenda que pode redundar en beneficio do sector da castaña.

Artigo 4. Composición

1. A Mesa da Castaña está composta pola presidencia e por trece vogais.

2. A composición da Mesa da Castaña atenderá, sempre e cando sexa posible, a criterios de equilibrio efectivo entre homes e mulleres de conformidade co previsto no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade definitiva entre homes e mulleres, e demais normativa que resulte de aplicación nesta materia.

3. A presidencia nomeará, entre o persoal funcionario da dirección xeral competente en materia de montes, unha persoa titular da secretaría, que a exercerá con voz e sen voto.

Artigo 5. A presidencia

1. A presidencia da Mesa da Castaña corresponde á persoa titular da dirección xeral competente en materia de montes.

2. As funcións da persoa titular da presidencia son:

a) Desempeñar a representación da Mesa da Castaña.

b) Acordar e promover a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias e a fixación da orde do día, para o que terá en conta, se for o caso, as peticións das demais persoas membros formuladas con quince días de antelación á celebración da reunión.

c) Presidir as sesións, moderar o desenvolvemento dos debates e suspendelos por causas xustificadas.

d) Asegurar o cumprimento da normativa en vigor que resulte de aplicación ao caso concreto.

e) Visar as actas e certificacións expedidas pola secretaría da Mesa da Castaña.

f) Cantas outras sexan inherentes á súa condición de presidente/a.

3. En caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, as funcións da presidencia serán exercidas pola persoa membro da consellería competente en materia de montes designada previamente pola súa persoa titular.

4. Sempre e cando o considere oportuno, a presidencia poderá invitar a participar nas reunións da Mesa da Castaña aquelas entidades ou persoas expertas na materia para o mellor asesoramento nos temas concretos que se van debater. En ningún caso ditas persoas ou entidades terán a condición de membros deste órgano colexiado.

Artigo 6. Vogais

A Mesa da Castaña estará integrada polas seguintes persoas coa condición de vogais:

1. Cinco persoas en representación da Administración autonómica:

a) A persoa titular da subdirección competente en materia de recursos e aproveitamentos forestais.

b) A persoa titular da dirección do Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

c) Unha persoa representante da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, nomeada pola persoa titular da dirección xeral.

d) Dúas persoas expertas na materia designadas pola persoa titular da presidencia.

2. Oito persoas en representación dos axentes sociais relacionados co sector da castaña dentro da Comunidade Autónoma:

a) Unha persoa en representación da indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia, nomeada polo seu consello regulador.

b) Tres persoas en representación das organizacións de propietarios forestais de ámbito autonómico.

c) Unha persoa en representación das persoas produtoras.

d) Unha persoa en representación das operadoras, comercializadoras e almacenistas en fresco.

e) Unha persoa en representación do sector de industrias de procesamento.

f) Unha persoa en representación dos viveiros de produción de planta de castaña.

Artigo 7. Funcións das persoas vogais e réxime de substitución

1. As funcións das persoas vogais son as seguintes:

a) Participar nos debates das sesións.

b) Formular rogos e preguntas.

c) Cantas outras sexan inherentes á súa condición.

2. No exercicio das súas funcións as persoas vogais teñen dereito a recibir, cunha antelación mínima de 48 horas previas á celebración da sesión, a documentación da convocatoria, e tamén teñen dereito a obter toda a información sobre os temas que figuren na orde do día e ao dispor de toda a información precisa para cumprir as súas funcións. A orde do día deberá estar ao dispor dos restantes membros do órgano colexiado cunha antelación de 48 horas previas á celebración da sesión.

3. As persoas vogais, en caso de ausencia ou enfermidade e, en xeral, cando concorra algunha causa xustificada, poderán ser substituídos polas súas persoas suplentes, que deberán ser designadas ao mesmo tempo que se designa á persoa titular. Corresponde á persoa titular a comunicación da convocatoria á súa persoa suplente, nos supostos en que non poida asistir á sesión a que foi convocada.

Artigo 8. A secretaría

1. Corresponde á persoa titular da secretaría da Mesa da Castaña:

a) Efectuar a convocatoria das sesións da Mesa da Castaña por orde da presidencia, así como as citacións aos seus membros.

b) Recibir os actos de comunicacións dos membros coa Mesa da Castaña e, por tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos de que deba ter coñecemento.

c) Preparar o despacho dos asuntos e redactar e autorizar as actas das sesións.

d) Custodiar a documentación da Mesa da Castaña.

e) Expedir certificacións das consultas, ditames e acordos aprobados.

f) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de secretario/a.

2. A persoa titular da secretaría da Mesa da Castaña poderá dispoñer da asistencia de persoal técnico de apoio, pertencente á consellería competente en materia de montes, para o desenvolvemento das súas funcións.

3. No caso de ausencia, vacante, enfermidade ou outras causas que imposibiliten a súa asistencia, a persoa titular da secretaría será substituída por unha persoa que teña a condición de persoal funcionario da dirección xeral competente en materia de montes, designada pola presidencia da Mesa da Castaña.

Artigo 9. Réxime de reunións

A Mesa da Castaña reúnese como mínimo dúas veces ao ano, en sesión ordinaria, e con carácter extraordinario sempre que o seu presidente/a o considere oportuno ou tres quintas partes (3/5) da totalidade dos seus membros así o acorden.

Artigo 10. Convocatorias

1. As sesións, tanto ordinarias como extraordinarias, serán convocadas polo/pola secretario/a por orde da persoa titular da presidencia nun prazo mínimo de quince días naturais de antelación.

2. No caso de reunións extraordinarias, estas poderán ser solicitadas por un mínimo de tres quintas partes (3/5) da totalidade dos membros da Mesa da Castaña, e a convocatoria realizarase dentro dos sete días naturais seguintes á solicitude e formalizarase cunha antelación de dous días á celebración da sesión. No caso de urxencia, as reunións extraordinarias pódense convocar cunha antelación de corenta e oito horas.

3. As convocatorias serán remitidas aos membros do órgano colexiado a través de correo electrónico, facendo constar nelas a orde do día xunto coa documentación necesaria para a súa deliberación cando for posible, as condicións en que se vai celebrar a sesión, o sistema de conexión e, se for o caso, os lugares en que estean dispoñibles os medios técnicos necesarios para asistir e participar na reunión e sinalando se a convocatoria é urxente.

4. O sistema de notificación electrónica acreditará a data e a hora en que se produza a posta á disposición da persoa interesada da convocatoria notificada, así como o acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais; en todo caso, presumirase que a notificación se produciu polo transcurso de vinte e catro horas, excluíndo sábados, domingos e festivos, desde a posta á disposición da persoa interesada da convocatoria notificada, salvo que, de oficio ou por instancia da persoa destinataria, se comprobe a imposibilidade técnica ou material de acceso.

5. Todos os membros da Mesa da Castaña que teñan a condición de cargo público ou persoal empregado público da Administración, de conformidade co establecido no artigo 6.1 da presente orde, serán notificados no seu enderezo electrónico institucional correspondente. O resto dos membros da Mesa da Castaña serán notificados electronicamente no enderezo de correo electrónico que se sinale para tal efecto.

6. A comunicación de convocatoria deberá conter, como mínimo, a data e o lugar onde terá lugar a sesión, o seu carácter ordinario ou extraordinario e a orde do día cos asuntos que se van tratar. A este respecto, a presidencia terá en conta as peticións dos demais membros da Mesa da Castaña que se formulasen coa suficiente antelación, e serán incluídas na orde do día sempre e cando se consideren oportunas e acordes ás finalidades deste órgano colexiado e resolveranse motivadamente no caso de que se denegue a petición de inclusión dun asunto na orde do día.

Artigo 11. Sesións

1. As sesións da Mesa da Castaña celebraranse na data, na hora e no lugar indicados na comunicación de convocatoria.

2. Terán lugar en primeira convocatoria cando estean presentes a persoa titular da presidencia e da secretaría, e tres quintas partes (3/5) das persoas que teñan a condición de vogais. De non existir este quórum, a sesión celebrarase en segunda convocatoria sempre e cando estean presentes as persoas titulares da presidencia e da secretaría e, polo menos, máis da metade das persoas vogais.

3. Non será obxecto de deliberación ningún asunto que non figure incluído na orde do día, salvo que estean presentes todos os membros deste órgano colexiado e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para a execución

Facúltase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de montes para ditar cantas resolucións e instrucións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira terceira. Remisión normativa

Nos aspectos non contidos nesta orde aplicarase o disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia para os órganos colexiados.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual rango se opoñan ao disposto na presente orde.

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2017

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural