Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Mércores, 6 de setembro de 2017 Páx. 41748

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 21 de agosto de 2017, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se publica a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo de tesoureiro/a xeral do Concello da Coruña, entre funcionarios/as con habilitación de carácter nacional.

Mediante acordo de Xunta de Goberno Local, o Concello da Coruña levou a cabo a aprobación da convocatoria para a cobertura polo sistema de libre designación do posto de tesoureiro/a xeral, reservado a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional, así como as bases desta, tras a tramitación do oportuno expediente ao abeiro do disposto no artigo 28 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, e o artigo 37 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, remitíndoas á Dirección Xeral de Administración Local, para a súa publicación no DOG e posterior remisión ao Ministerio de Facenda e Función Pública para os efectos da súa publicación no BOE.

O xefe de Servizo de Réxime Xurídico e Xestión de Funcionarios con Habilitación Nacional, tendo en conta a normativa aplicable (Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, en virtude do mandato recollido na disposición transitoria sétima da Lei 27/2013, do 27 de decembro, así como polo Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre exercicio de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos funcionarios con habilitación de carácter nacional), tras o exame da solicitude emitiu o correspondente informe proposta favorable á publicación da convocatoria solicitada.

Con base no informe proposta sinalado e tendo en conta as competencias conferidas polo artigo 15.e) da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia e o artigo 1.6 da Orde do 14 maio de 2013, sobre delegación de competencias (DOG núm. 92 do 15 maio),

RESOLVO:

Primeiro. Dar publicidade á convocatoria e ás bases que rexerán esta, para a provisión polo sistema de libre designación, do posto de tesoureiro/a xeral, reservado a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional cuio extracto:

Concello: A Coruña.

Posto: tesoureiro/a xeral.

Subescala: intervención-tesouraría.

Forma provisión: libre designación.

Nivel complemento destino: 30.

Complemento específico: 40.338,17 €/anuais.

Requisitos: os recollidos nas bases que figuran como anexo.

Segundo. Publicar esta resolución no DOG, así como remitir a publicación á Dirección Xeral de Función Pública do Ministerio de Facenda e Función Pública para os efectos da súa publicación no BOE.

Terceiro. A presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderá impugnarse directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da publicación, segundo a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Poderá tamén potestativamente interpoñerse recurso de reposición ante a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no prazo dun mes contado desde a mesma data, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2017

Marta Fernández-Tapias Núñez
Directora xeral de Administración Local

ANEXO
Bases específicas para a provisión polo sistema de libre designación
do posto de tesoureiro xeral do Concello da Coruña

Primeira. Constitúe obxecto da presente convocatoria a provisión, polo sistema de libre designación, de conformidade co disposto no artigo 99.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora de bases de réxime local, do seguinte posto de traballo reservado a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional:

Corporación: Concello da Coruña.

Denominación do posto: tesoureiro xeral.

Características do posto:

a) O posto para cubrir atópase recollido no cadro de persoal e na relación de postos de traballo deste concello.

b) O complemento de destino asignado a este posto é o correspondente ao nivel 30.

c) O sistema de provisión é o de libre designación.

d) O complemento específico anual fixado para este posto é de 40.338,17 €, o posto ten especial dedicación.

Segunda. Será requisito indispensable para concorrer á convocatoria ser funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, pertencentes á subescala de intervención-tesouraría, de acordo co establecido na Lei 7/1985, reguladora de bases do réxime local e no disposto na relación de postos de traballo do Concello da Coruña e no artigo 2.f) do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, sobre provisión de postos de traballo reservados a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

Non poderán concorrer a esta convocatoria os funcionarios que se atopen comprendidos nos supostos a), b), c) que sinala o artigo 18, apartado 3, do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, sobre provisión de postos de traballo da Administración local reservados a funcionarios/as con habilitación de carácter nacional, e que son os seguintes:

a) Os/as funcionarios/as inhabilitados e os suspensos en virtude de sentenza ou resolución administrativa firme, se non transcorrese o tempo sinalado nelas.

b) Os/as funcionarios/as destituídos a que se refire o artigo 148.5 do texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local, aprobado polo Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, durante o período a que se estende a destitución.

c) Os/as funcionarios/as que se atopan en situacións de excedencia voluntaria a que se refire o artigo 29.3.c) e d) da Lei 30/1984, de medidas para a reforma da función pública, se non transcorre o prazo de dous anos desde a pasaxe a estas.

Terceira. Os aspirantes deberán acreditar que están en posesión do certificado de lingua galega, Celga 4 ou o seu equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia. Aqueles aspirantes que non acrediten estar en posesión do Celga 4 ou o seu equivalente deberán facer unha proba na que se avaliará, co resultado de apto ou non apto, o grao de coñecemento do galego, que deberá ser equivalente ao exixido para o Celga 4.

Cuarta. A convocatoria será remitida ao órgano competente da Xunta de Galicia para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e remisión á Dirección Xeral de Función Pública do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas para a súa publicación no Boletín Oficial del Estado, conforme o artigo 28 do Real decreto 1732/1994.

Quinta. As instancias mediante as que se solicite tomar parte no proceso selectivo dirixiranse ao alcalde e presentaranse no Rexistro Xeral do Concello debidamente cubertas, durante o prazo de quince días naturais contados desde o seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial del Estado. Poderán así mesmo remitirse na forma determinada na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Á instancia acompañarase inescusablemente:

– Fotocopia do DNI.

– Certificado que acredite o coñecemento de lingua galega, Celga 4 ou o seu equivalente.

– Un curriculum vitae no que figure:

Titulación académica.

Acreditación da condición de funcionario/a da Administración local con habilitación de carácter nacional, subescala intervención-tesouraría.

Os postos de traballo desempeñados na subescala de intervención-tesouraría.

Os postos de traballo desempeñados nas administracións públicas distintos dos anteriores.

Os anos de servizo.

Estudos, cursos, formación e especialización impartidos e recibidos.

Calquera outro mérito que considere oportuno destacar en relación coas funcións atribuídas ao posto solicitado, pertencente a un municipio de gran poboación nos termos da Lei 57/2003, do16 de decembro, de medidas para a modernización do goberno local.

Ao devandito currículum deberán acompañarse os documentos xustificativos dos méritos que se aleguen, mediante certificacións ou fotocopias compulsadas, pois non serán valorados aqueles que non queden debidamente acreditados, en todos os seus puntos, dentro do prazo de presentación de instancias.

Sexta. Segundo o disposto nos artigos 127 e 130 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora de bases de réxime local e dada a súa natureza de órgano directivo segundo o regulamento orgánico municipal, o nomeamento do titular da Tesouraría Xeral será realizado pola Xunta de Goberno local, logo de constatación da concorrencia dos requisitos exixidos na convocatoria e da acreditación dos méritos alegados polo/pola candidato/a. O acordo de nomeamento da Xunta de Goberno local, por proposta da concelleira de Facenda e Administración, adoptarase no prazo de 45 días desde a finalización do prazo de presentación de instancias, dando conta ao Pleno da Corporación e traslado deste ao órgano competente da Xunta de Galicia e á Dirección Xeral de Función Pública do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. O acordo da Xunta de Goberno local deberá ser motivado, con referencia ao cumprimento, por parte do/da candidato/a, dos requisitos e especificacións exixidas na convocatoria e da competencia para proceder ao seu nomeamento. O posto será adxudicado entre os/as candidatos/as que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria. En todo caso, deberá quedar acreditado no procedemento, como fundamento do acordo adoptado, a observación do procedemento debido.

Sétima. Esta convocatoria e a súa resolución serán remitidas ao órgano competente da Xunta de Galicia e á Dirección Xeral de Función Pública do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, para os efectos oportunos.

Oitava. Os prazos para a toma de posesión serán os mesmos que os establecidos para os funcionarios con habilitación nacional nomeados en virtude do procedemento de concurso.

Novena. Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderán os interesados interpoñer recurso de reposición ante a Xunta de Goberno local no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña, no prazo de dous meses desde a citada data.