Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Mércores, 6 de setembro de 2017 Páx. 41771

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ACORDO do 26 de xullo de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, polo que se somete a información pública o proxecto sectorial e o estudo ambiental estratéxico das areeiras da Limia, nos concellos de Sandiás e Vilar de Santos da provincia de Ourense.

O Consello da Xunta de Galicia acordou, na súa xuntanza do 7 de abril de 2016, declarar a incidencia supramunicipal do proxecto sectorial das areeiras da Limia, nos concellos de Sandiás e Vilar de Santos da provincia de Ourense, promovido polas empresas Áridos Antelanos, S.L., Corporación Arenera da Limia, S.L., Graveras Castro, S.L. e Manuel Jardón Dapoza, para os efectos previstos na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

Polo tanto, en cumprimento do disposto no artigo 13.2 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, segundo o cal os plans e proxectos que o Consello da Xunta de Galicia declare como de incidencia supramunicipal someteranse, polo prazo mínimo dun mes, ao trámite de información pública, mediante anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia e nun dos diarios dos de maior circulación na Comunidade Autónoma, e ao trámite de audiencia aos concellos afectados.

O proxecto sectorial das areeiras da Limia é obxecto de avaliación ambiental estratéxica ordinaria, posto que está incluído dentro do ámbito de aplicación indicado no artigo 6.1.a) da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

Polo tanto, en cumprimento do disposto no artigo 21 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a versión inicial do proxecto sectorial e o estudo ambiental estratéxico someteranse, polo prazo mínimo de corenta e cinco días hábiles, ao trámite de información pública, mediante anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia e, de ser o caso, na correspondente sede electrónica.

Á vista de todo o anterior,

ACORDO:

Someter a información pública o proxecto sectorial das areeiras da Limia e o seu estudo ambiental estratéxico, nos concellos de Sandiás e Vilar de Santos da provincia de Ourense, declarado como de incidencia supramunicipal por acordo do Consello da Xunta de Galicia do 7 de abril de 2016 e sometido ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria, por un prazo de corenta e cinco días hábiles contado a partir da última das dúas publicacións que se farán deste acordo no Diario Oficial de Galicia e no xornal La Voz de Galicia, así como a súa disposición na sede electrónica.

Os interesados disporán do citado prazo de corenta e cinco días hábiles para examinar o devandito proxecto sectorial na Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Consellería de Economía, Emprego e Industria e nos concellos afectados da provincia de Ourense (Sandiás e Vilar de Santos), e presentar ante esta dirección xeral as alegacións que consideren pertinentes.

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2017

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas