De conformidade co artigo 8 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, e cos artigos 8 e 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico, dáse publicidade ás seguintes encomendas coas seguintes características:
1. Acordo de colaboración entre a Consellería de Facenda e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) polo que se encomenda a realización de verificacións administrativas das operacións cofinanciadas no programa operativo FSE (Fondo Social Europeo) Galicia 2014-2020, subscrito o 30 de xuño de 2017.
– Actividade: o Igape realizará as verificacións administrativas previstas no artigo 125 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo do Consello, do 17 de decembro, nos casos das axudas de Estado e nas de minimis, onde a verificación ten que facerse de cada unha das entidades que reciben a axuda en función do indicado no artigo 2.10 e 2.13 do mencionado regulamento.
Estas verificacións teñen carácter previo á declaración do gasto e consisten en constatar que os produtos e servizos cofinanciados se entregaron e prestaron, que o gasto declarado polos beneficiarios foi pagado, que cumpre a lexislación aplicable e que cumpre as condicións do programa operativo e as condicións para o apoio á operación.
– Natureza e alcance da xestión encomendada: encomenda de xestión intersubxectiva das previstas no artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico.
– Orzamento: a realización das actividades obxecto desta encomenda de xestión por parte do Igape terá carácter gratuíto e non xerará nin se liquidará taxa de ningunha natureza a favor deste.
– Prazo de vixencia: ata o 31 de decembro de 2023, data de finalización do período subvencionable previsto no programa operativo FSE Galicia 2014-2020.
– Causas de resolución: a denuncia do acordo de colaboración por calquera das partes, o incumprimento total ou parcial dalgunha das cláusulas que regulan este acordo de colaboración, o transcurso do tempo estipulado sen que teñan realizadas as actividades acordadas ou o mutuo acordo das partes asinantes.
2. Resolución do 30 de xuño de 2017, do conselleiro de Facenda, pola que se lle encomenda á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a realización das verificacións administrativas das operacións cofinanciadas no programa operativo FSE (Fondo Social Europeo) Galicia 2014-2020.
– Actividade: a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a través da Secretaría Xeral Igualdade, realizará as verificacións administrativas previstas no artigo 125 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, nos casos das axudas de Estado e nas de minimis, cofinanciadas con FSE dentro do PO FSE Galicia 2014-2020, nas cales a verificación se ten que facer de cada unha das entidades que reciben a axuda en función do indicado no artigo 2.10 e 2.13 do mencionado regulamento.
Estas verificacións teñen carácter previo á declaración do gasto e consisten en constatar que os produtos e servizos cofinanciados se entregaron e prestaron, que o gasto declarado polos beneficiarios foi pagado, que cumpre a lexislación aplicable e que cumpre as condicións do programa operativo e as condicións para o apoio á operación.
– Natureza e alcance da xestión encomendada: encomenda de xestión intrasubxectiva das previstas no artigo 8 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico.
– Orzamento: a realización das actividades obxecto desta encomenda de xestión por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria terá carácter gratuíto e non xerará nin se liquidará taxa de ningunha natureza a favor desta.
– Prazo de vixencia: ata o 31 de decembro de 2023, data de finalización do período subvencionable previsto no programa operativo FSE Galicia 2014-2020.
3. Resolución do 30 de xuño de 2017, do conselleiro de Facenda, pola que se lle encomenda á Consellería de Economía, Emprego e Industria a realización das verificacións administrativas das operacións cofinanciadas no programa operativo FSE (Fondo Social Europeo) Galicia 2014-2020 e Programa operativo de emprego xuvenil (POEX).
– Actividade: a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Secretaría Xeral de Emprego e da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, realizará as verificacións administrativas previstas no artigo 125 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, nos casos das axudas de Estado e nas de minimis cofinanciadas con FSE dentro do PO FSE Galicia 2014-2020 e POEX, nas cales a verificación se ten que facer de cada unha das entidades que reciben a axuda en función do indicado no artigo 2.10 e 2.13 do mencionado regulamento.
Estas verificacións teñen carácter previo á declaración do gasto e consisten en constatar que os produtos e servizos cofinanciados se entregaron e prestaron, que o gasto declarado polos beneficiarios foi pagado, que cumpre a lexislación aplicable e que cumpre as condicións do programa operativo e as condicións para o apoio á operación.
– Natureza e alcance da xestión encomendada: encomenda de xestión intrasubxectiva das previstas no artigo 8 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico.
– Orzamento: a realización das actividades obxecto desta encomenda de xestión por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria terá carácter gratuíto e non xerará nin se liquidará taxa de ningunha natureza a favor desta.
– Prazo de vixencia: ata o 31 de decembro de 2023, data de finalización do período subvencionable previsto no programa operativo FSE Galicia 2014-2020.
Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2017
Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda