Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Xoves, 14 de setembro de 2017 Páx. 42346

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 12 de setembro de 2017, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se amplía o prazo de presentación da documentación xustificativa e da solicitude de pagamento, establecido na Resolución do 5 de maio de 2017, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas á conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade para as persoas traballadoras que se acollan á redución da súa xornada de traballo, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE), con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2017 (SI440A).

Mediante a Resolución da Secretaría Xeral da Igualdade, do 5 de maio de 2017, establecéronse as bases reguladoras e convocáronse as axudas á conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade para as persoas traballadoras que se acollan á redución da súa xornada de traballo (DOG nº 95, do 19 de maio).

O artigo 13.2 da Resolución do 5 de maio de 2017 establece que o prazo para resolver e notificar será de catro (4) meses, contados as partir do día seguinte ao da publicación de dita resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada.

Pola súa vez, o artigo 16.1 da Resolución do 5 de maio de 2017 establece que para a xustificación das axudas concedidas, as persoas beneficiarias presentarán, con data límite do 15 de setembro de 2017, a documentación que se indica no punto 2.

Tendo en conta o volume de solicitudes presentadas e o longo proceso de tramitación, e co fin de optimizar os procesos de xestión e dado que non se causa prexuízo a terceiros, procede modificar os ditos artigos 13.2 e 16.1, ampliando o prazo ata unha data que permita a mellor xustificación por parte das persoas beneficiarias. Por todo o exposto, no uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único

1. Modifícase o punto 2 do artigo 13 (resolución e notificación) da Resolución do 5 de maio de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas á conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade para as persoas traballadoras que se acollan á redución da súa xornada de traballo, que queda redactado como segue:

«O prazo para resolver e notificar será de cinco meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada».

2. Modifícase o punto 1 do artigo 16 (solicitude de pagamento e prazo) da Resolución do 5 de maio de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas á conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade para as persoas traballadoras que se acollan á redución da súa xornada de traballo, que queda redactado como segue.

«A axuda concedida será aboada nun pagamento único polo importe que corresponda segundo as contías determinadas no artigo 6 desta resolución, unha vez presentada a documentación sinalada no punto 2 deste artigo, coa data límite do 14 de decembro de 2017. O pagamento farase por transferencia na conta que as persoas solicitantes fagan constar no modelo de solicitude (anexo I)».

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2017

Susana López Abella
Secretaria Xeral da Igualdade