Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Luns, 18 de setembro de 2017 Páx. 42598

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 4 de setembro de 2017, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se aproban as bases reguladoras que rexerán a realización das probas dirixidas á obtención do certificado de capacitación para o adestramento de cans para garda e defensa no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, polo que se regula a tenza de animais potencialmente perigosos na Comunidade Autónoma de Galicia e se crean os rexistros galegos de Identificación de Animais de Compañía e Potencialmente Perigosos e de Adestradores Caninos dedica o seu capítulo IV á regulación do adestramento. Así, no seu artigo 14.1 determínase que o adestramento para garda e defensa deberán efectualo adestradores/as que están en posesión dun certificado de capacitación expedido ou homologado pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

A Orde do 16 de outubro de 2002 publicada o 24 de outubro de 2002 no Diario Oficial de Galicia determina os títulos que habilitan para a expedición directa do certificado de capacitación para o adestramento, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Esta orde establece no seu anexo os títulos que se consideran suficientes para a expedición directa do certificado de capacitación para o adestramento para a garda e defensa, en consideración a que presupoñen a superación de probas ou son expedidos por organismos públicos ou institucións de recoñecida solvencia na materia. Neste caso, as persoas interesadas que reúnan os requisitos de titulación recollidos no anexo da Orde do 16 de outubro de 2002 presentarán ante a Dirección Xeral de Patrimonio Natural a documentación relacionada no artigo 14.2 do Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, a que xuntarán o documento acreditativo da titulación posuída. Tras a comprobación de que a documentación achegada se axusta ao establecido na normativa referida, a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural expedirá o certificado de capacitación para o adestramento para a garda e defensa.

No resto dos casos, e de conformidade co disposto no artigo 14.3 do Decreto 90/2002, do 28 de ferbreiro, as persoas solicitantes deberán someterse a unha proba que será avaliada por unha comisión nomeada para o efecto pola persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural. A proba versará sobre os contidos do programa que figura no anexo VII do Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, e terá por obxecto comprobar os coñecementos teóricos e prácticos das persoas solicitantes. A superación destas probas é requisito previo e indispensable para a expedición do certificado de capacitación para o adestramento para garda e defensa. Consonte o resultado das probas, a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural expedirá o certificado de capacitación para o adestramento para garda e defensa, logo da solicitude por parte das persoas aspirantes que superaron as probas.

De acordo con todo o anterior,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar as bases reguladoras que rexerán as probas para obter o certificado de capacitación para o adestramento de cans para garda e defensa no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e que se incorporan como anexo I desta resolución.

Segundo. Dispoñer a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución cabe interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, todo isto de conformidade co disposto nos artigos 121 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2017

Ana María Díaz López
Directora xeral de Patrimonio Natural

ANEXO I

Bases da convocatoria

Primeira. Obxecto das probas e modalidades

1. As probas que deben superarse para a obtención do certificado de capacitación para o adestramento de cans para garda e defensa no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (código do procedemento administrativo: MT420B) rexeranse pola bases contidas neste anexo.

2. As probas para obter o certificado de capacitación consitirán na realización dun exercicio teórico escrito e dun exame práctico con cans.

Segunda. Requisitos das persoas aspirantes

En consonancia co disposto no artigo 14.2 do Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, para seren admitidas á realización das probas, as persoas aspirantes deben reunir no momento da presentación da solicitude, os seguintes requisitos:

a) Ser maiores de idade.

b) Non estar incapacitadas física nin psiquicamente.

c) Ausencia de antecedentes penais por delictos de homicidio, lesións, torturas, contra a liberdade, ou contra a integridade moral, a liberdade sexual e a saúde pública, de asociación con banda armada ou de narcotráfico.

d) Ausencia de sancións por infraccións en materia de protección animal ou en materia de tenza de animais potencialmente perigosos.

e) Antecedentes e experiencia acreditada durante un mínimo de 5 anos no adestramento de cans.

Terceira. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes para a realización das probas para a obtención do certificado de capacitación para o adestramento de cans para garda e defensa no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia axustarase ao modelo normalizado que se recolle como anexo III desta resolución, e que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), co código MT420B.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. A solicitude inclúe a declaración da persoa solicitante de que todos os datos contidos nela e os documentos que achegan son certos.

4. O prazo para a presentación das solicitudes será de 20 días naturais, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Cuarta. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas aspirantes deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificado de capacidade física e aptitude psicolóxica, expedido para a tenza de animais potencialmente perigosos, por un centro médico-psicotécnico homologado cunha vixencia non superior a un (1) ano desde a data de expedición.

b) Curriculum vitae onde se detalle a experiencia profesional e a formación académica, relacionada en ambos os casos co adestramento de cans, cos correspondentes certificados de formación e experiencia profesional que os demostren.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente e se atopen en prazo de vixencia. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta está autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberá indicarse o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Quinta. Comprobación dos datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) Ausencia de sancións por infraccións en materia de protección animal ou en materia de tenza de animais potencialmente perigosos.

c) Ausencia de antecedentes penais por delictos de homicidio, lesións, torturas, contra a liberdade, ou contra a integridade moral, a liberdade sexual e a saúde pública, de asociación con banda armada ou de narcotráfico emitido polo Ministerio de Xustiza en data posterior á data de publicación desta convocatoria.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Sexta. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sétima. Admisión das persoas aspirantes

1. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural revisará se estas reúnen as condicións previstas nesta convocatoria e no resto de normativa aplicable.

Rematado este proceso, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural exporá no taboleiro de anuncios da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio (Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela) e na sección de adestramento da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio (http://cmaot.xunta.gal/seccion-tema/c/CMAOT_Conservacion?content=Direccion_Xeral_Conservacion_Natureza/Animais_domesticos_e_salvaxes/seccion.html&std=Adestramento.html) a listaxe provisional das persoas admitidas e excluídas, xunto coa causa da súa exclusión.

2. As persoas aspirantes excluídas disporán dun prazo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da exposición da devandita lista na páxina web, para poderen emendar, se for o caso, o defecto que motivou a súa exclusión.

3. Unha vez resoltas as reclamacións presentadas, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural publicará, na mesma forma e lugar previstos no punto 1, as listas definitivas de persoas admitidas e excluídas.

Oitava. Realización das probas

1. A data ou datas da realización das probas, así como os cadros de horarios, serán acordados polo tribunal cualificador e publicados no Diario Oficial de Galicia cunha antelación mínima de quince días naturais á data ou datas elixidas.

Nesta publicación o tribunal cualificador completará, se así o considera conveniente, as instrucións de funcionamento e desenvolvemento das probas coas indicacións que resulten axeitadas para garantir a súa correcta operatividade, sen prexuízo das que, para o mesmo fin, poida adoptar no mesmo momento da súa realización.

2. As persoas aspirantes serán convocadas en chamamento único e perderá o dereito a realizar a proba quen non compareza.

3. As persoas aspirantes deberán presentarse para facer as probas co documento nacional de identidade orixinal e en vigor, ou con outro documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal cualificador. De non facelo así, non serán admitidas á realización das probas.

Novena. Estrutura e cualificación das probas

1. As probas para obter o certificado de capacitación consistirán na realización dun exame teórico escrito e dun exame práctico con cans.

Para poder acceder á realización do exame práctico con cans será requisito imprescindible ter superado o exame teórico.

De acordo co establecido no Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, o programa e contidos sobre os cales versarán as probas será o recollido no anexo II desta resolución.

2. O exame teórico consitirá no desenvolvemento por escrito de dous exercicios, que versarán sobre as materias do programa descrito no anexo II desta convocatoria:

a) O primeiro deles consistirá en responder 40 preguntas tipo test con catro respostas alternativas, das cales só unha é correcta.

Cada resposta acertada valorarase con 0,20 puntos. As respostas erróneas terán unha penalización de 0,10 puntos.

b) O segundo exercicio consistirá en realizar estudos ou supostos e poderán responderse mediante unha explicación escrita ou mediante a selección da resposta correcta entre varias indicadas polo tribunal cualificador.

Este exercicio puntuarase ata un máximo de 2 puntos.

Para o desenvolvemento do exame teórico as persoas aspirantes non poderán consultar textos normativos nin calquera outro de apoio para realizaren este exercicio e disporán para facelo de, como máximo, 120 minutos.

3. O exame teórico puntuarase entre 0 e 10 puntos e será preciso acadar un mínimo de 5 puntos para superalo e acadar a condición de apto/apta. As persoas aspirantes que obteñan unha puntuación inferior a 5 terán a condición de non aptas.

4. O tribunal cualificador publicará a listaxe provisional das persoas aspirantes que realizaron o exame teórico indicando exclusivamente a condición de aptitude, no taboleiro de anuncios da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio (Edificio Administrativo San Lázaro, s/n. 15781 Santiago de Compostela) e na sección de adestramento da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio (http://cmaot.xunta.gal/seccion-tema/c/CMAOT_Conservacion?content=Direccion_Xeral_Conservacion_Natureza/Animais_domesticos_e_salvaxes/seccion.html&std=Adestramento.html).

5. As persoas aspirantes disporán dun prazo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da exposición da devandita lista na páxina web, para presentaren cantas alegacións consideren oportunas respecto á súa condición de non aptas.

6. Unha vez resoltas as reclamacións presentadas, o tribunal cualificador publicará, na mesma forma e lugar previstos no punto 4, as listas definitivas de persoas que superaron con aptitude o exame teórico.

7. O exame práctico consistirá na simulación de exercicios de obediencia e modificación de conduta con cans, nos cales a persoa aspirante deberá defender oralmente as técnicas utilizadas e responderá ás preguntas realizadas polo tribunal cualificador.

As persoas aspirantes poderán utilizar material propio para o desenvolvemento da proba práctica, ben que os cans serán seleccionados polo tribunal cualificador.

8. A realización das probas implicará o consentimento expreso da persoa aspirante para a filmación do exame práctico, co obxecto único de valoración e revisión da proba, dentro do procedemento de obtención do certificado de capacitación para o adestramento de cans para garda e defensa.

9. A valoración da realización do exame práctico realizarase sobre cada un dos seguintes aspectos:

a) Benestar animal.

b) Seguridade durante o exercicio (para o can e o/a guía).

c) Material utilizado durante a proba.

d) Interacción co animal.

e) Técnicas de adestramento empregadas ou descritas para a realización dos exercicios.

f) Secuencias de aprendizaxe.

g) Defensa oral dos exercicios.

h) Proceso de finalización do traballo, durante a realización física da proba e do programa de adestramento que a persoa aspirante propoña.

Cada un destes aspectos será valorado ata un máximo de 3 puntos.

10. O exame práctico puntuarase con ata un máximo de 24 puntos e entederase superado e, por tanto, acadarase a condición de apto/apta cando a puntuación total obtida como resultado da media das puntuacións recibidas en cada un dos aspectos descritos anteriormente sexa como mínimo de 12 puntos. As persoas aspirantes que obteñan unha puntuación inferior a 12 terán a condición de non aptas.

11. O tribunal cualificador publicará a listaxe provisional das persoas aspirantes que realizaron o exame práctico indicando exclusivamente a condición de aptitude, no taboleiro de anuncios da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio (Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela) e na sección de adestramento da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio (http://cmaot.xunta.gal/seccion-tema/c/CMAOT_Conservacion?content=Direccion_Xeral_Conservacion_Natureza/Animais_domesticos_e_salvaxes/seccion.html&std=Adestramento.html).

12. As persoas aspirantes disporán dun prazo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da exposición da devandita lista na páxina web, para presentaren cantas alegacións consideren oportunas respecto á súa condición de non aptas.

13. Unha vez resoltas as reclamacións presentadas, o tribunal cualificador publicará, na mesma forma e lugar previstos no punto 11, as listas definitivas de persoas que superaron con aptitude o exame práctico.

Décima. Tribunal cualificador.

1. O tribunal cualificador das probas será designado pola persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para a súa posterior publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. O procedemento de actuación do tribunal cualificador axustarase en todo momento ao disposto para os órganos colexiados nos preceptos básicos da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Os membros suplentes do tribunal participarán, xunto cos titulares, cando sexa preciso para o bo desenvolvemento das probas.

Décimo primeira. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións informativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio/Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a sxt.mot@xunta.gal

ANEXO II

Programa e contidos para a realización das probas

I. Cinoloxía.

1. Historia dos cans.

a) Historia e evolución da especie.

b) Lexislación de aplicación:

• Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade.

• Decreto 153/1998, do 2 de abril, polo que se aproba o Regulamento que desenvolve a Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección dos animais domésticos e salvaxes en catividade.

• Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, polo que se regula a tenza de animais potencialmente perigosos na Comunidade Autónoma de Galicia e se crean os rexistros galegos de Identificación de Animais de Compañía e Potencialmente Perigosos e de Adestradores Caninos.

2. Bases da aprendizaxe canina.

a) Fases do desenvolvemento da conduta:

• Período neonatal.

• Período de transición.

• Período de socialización.

b) Condutas innatas e aprendizaxe:

• Impulsos.

• Reflexos.

• Comportamentos innatos

• Comportamentos adquiridos:

– Condicionamento clásico ou respondente.

– Condicionamento instrumental ou operante.

c) Razón fixa.

d) Razón variable.

e) Intervalo fixo.

f) Intervalo variable.

3. Bases do comportamento canino.

a) Necesidades básicas do can:

• Exploración.

• Conduta social:

– Conduta de evitación.

– Conduta de aproximación.

– Conduta sexual.

• Conduta de alimentación.

• Enriquecemento ambiental (estimulación física e mental).

• Eliminación.

4. Principios básicos do adestramento canino.

a) A aprendizaxe na etapa de cachorro.

b) Definición e efectos de:

• Reforzo positivo.

• Reforzo negativo.

• Castigo positivo.

• Castigo negativo.

5. Técnicas de modificación de conduta.

a) Habituación.

b) Desensibilización.

c) Contracondicionamento.

d) Inundación.

e) Extinción.

6. O estado mental e emocional do can.

a) Emocións primarias:

• Medo.

• Cólera.

• Alegría.

• Tristeza.

b) Estados alterados:

• Medos e fobias.

• Manifestacións ansiosas:

– Ansiedade por separación.

– Estrés adaptativo.

– Estereotipias.

– Condutas de desprazamento.

• Agresividade:

– Agresividade por conflito social.

– Agresividade por medo.

– Agresividade territorial, posesiva, protectora.

– Agresividade redirixida.

• Hiperquinese-hiperactividade.

• Eliminación non axeitada.

• Condutas destrutivas.

7. Sistemas de aprendizaxe.

a) Definición e conceptos:

• Reforzo primario.

– Trófico.

– Lúdico.

– Social.

– Principio de Premack.

• Reforzo secundario.

b) Técnicas de aprendizaxe:

• Moldeado.

• Targeting (obxecto diana).

• Captura.

• Reclamo.

• Encadeamento.

II. Características físicas e morfolóxicas.

1. Clasificación oficial das razas caninas por grupos.

2. Clasificación morfolóxica das razas: clasificación morfolóxica e funcional das razas caninas.

3. Coñecementos de anatomía canina: anatomía xeral do can.

4. Fisioloxía dos órganos dos sentidos.

5. Coñecemento da razas caninas españolas.

III. Dominio e coñecemento dos sistemas de educación.

missing image file