Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Xoves, 21 de setembro de 2017 Páx. 43035

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 8 de setembro de 2017 de delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar, nas direccións xerais e xefaturas territoriais e na Presidencia do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia.

O Decreto 168/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Mar, recolle o marco de distribución de competencias entre os diferentes órganos da consellería.

A actividade administrativa da Consellería do Mar leva consigo unha concentración de funcións no seu titular, cuxo volume aconsella, naqueles asuntos que non exixan unha atención directa e persoal da persoa titular da consellería, recorrer á delegación de competencias, co debido respecto aos principios informadores da actividade administrativa que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1, en prol dunha maior axilidade da actuación que beneficie tanto a Administración como as/os administradas/os.

As modificacións da estrutura orgánica da Consellería do Mar comportan a necesidade de introducir modificacións nas delegacións vixentes, co obxecto de adaptalas a esta nova organización da consellería.

Por isto, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3 e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia; do disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector publico autonómico de Galicia, e demais disposicións de xeral aplicación,

ACORDO:

Artigo 1. Delegacións na Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar

Primeiro. Administración de persoal

Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar o exercicio das facultades que lle corresponden á persoa titular da Consellería do Mar en materia de persoal segundo o establecido no artigo 17 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

Segundo. Contratación

Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar o exercicio das seguintes facultades en materia de contratación, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos nesta materia:

a) O inicio e a aprobación dos expedientes de contratación e a aprobación e disposición do gasto.

b) O recoñecemento de obrigas e proposta de ordenación dos pagamentos correspondentes aos créditos da Secretaría Xeral Técnica.

c) As competencias que lle corresponden á persoa titular da consellería en materia de contratos menores correspondentes á Secretaría Xeral Técnica.

d) Dispoñer a tramitación urxente ou adoptar as medidas pertinentes nos supostos previstos nos artigos 112 e 113 do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público.

e) A aprobación dos pregos de prescricións técnicas, de cláusulas administrativas particulares e dos modelos tipo destes.

f) A adxudicación e formalización dos contratos, as prerrogativas da súa interpretación, resolver as dúbidas que ofreza o seu cumprimento, a aprobación das súas modificacións por razóns de interese público, acordar a súa resolución e determinar os efectos desta, así como as restantes prerrogativas que, de acordo coa lexislación, lle corresponden ao órgano de contratación.

g) A aprobación dos proxectos e das súas modificacións.

h) O inicio, a aprobación e a disposición do gasto de expedientes de encomendas de xestión, así como o recoñecemento de obrigas e proposta de ordenación de pagamentos das que correspondan a créditos da Secretaría Xeral Técnica.

Terceiro. Xestión financeira e orzamentaria

Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar o exercicio das seguintes facultades en materia de xestión financeira e orzamentaria, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos nesta materia:

a) Autorizar e dispoñer os gastos xerais dos servizos da Consellería do Mar ata o límite do créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, incluídos aqueles que deriven de compromisos recoñecidos ou xerados en exercicios anteriores, así como recoñecer as obrigas de gasto e propor os pagamentos, sen prexuízo das competencias de cada dirección xeral.

b) O exercicio da facultade de aprobación das contas xustificativas daqueles gastos realizados con cargo ás aplicacións orzamentarias do estado de gasto dos orzamentos xerais asignadas á Secretaría Xeral Técnica que teñan a consideración de gastos por xustificar, sen prexuízo das competencias dos órganos territoriais competentes respecto dos que correspondan a créditos que fosen desconcentrados.

c) As facultades que en materia de xestión orzamentaria lle corresponden á persoa titular da Consellería do Mar conforme o previsto no artigo 67 e concordantes do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

d) As facultades que corresponden á persoa titular da Consellería do Mar en materia de validación do gasto prevista no artigo 102 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

e) As competencias delegadas nas alíneas anteriores inclúen a sinatura dos documentos contables en que se reflicten as correspondentes fases dos gastos.

Cuarto. Xestión patrimonial

Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar o exercicio das facultades que a normativa en materia de patrimonio lle atribúe á persoa titular da Consellería do Mar.

Quinto. Sancións en materia de subvencións

Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar a competencia para iniciar e resolver os procedementos de reintegro e perda do dereito ao cobramento de axudas e subvencións e a incoación de procedementos sancionadores e imposición de sancións tipificadas como leves e graves nos artigos 54 e 55 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica a competencia para a imposición das sancións que lle correspondan á persoa titular da Consellería do Mar en virtude da cualificación da infracción cometida ou da contía da sanción proposta, e a adopción de medidas ao longo do proceso sancionador que lle correspondan á persoa titular da Consellería do Mar.

Sexto. Recursos e reclamacións

1. Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar o exercicio das competencias seguintes:

a) Resolver os recursos administrativos de alzada e extraordinario de revisión cando a facultade de resolución corresponda á persoa titular da Consellería do Mar, e mesmo suspender a execución dos actos impugnados. Igualmente corresponderalle a resolución do recurso especial en materia de contratación.

b) Resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra as resolucións que dite en virtude das facultades delegadas, así como os recursos de reposición interpostos contra as resolucións ditadas polas persoas titulares das direccións xerais e outros órganos en exercicio das facultades delegadas.

c) Iniciar e resolver os procedementos de revisión de oficio, declaración de lesividade dos actos anulables e a revogación de actos de gravame ou desfavorables, así como a rectificación de erros cando ditase o acto rectificado por delegación, segundo o previsto no capítulo I do título V da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

d) Resolver os procedementos de responsabilidade patrimonial a que se refire a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, incluíndo, se é o caso, as correspondentes reclamacións contra as entidades do sector público adscritas á Consellería do Mar.

e) Resolver os procedementos de suspensión condicional de sancións, a súa remisión e revogación previstos no artigo 151 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

f) Presentar e dar resposta aos requirimentos, que con carácter previo á vía contencioso-administrativa, se formulen entre a Consellería do Mar e outras administracións publicas, así como a tramitación dos requirimentos e peticións formulados á consellería polo Valedor do Pobo e outras institucións.

Sétimo. Comisións de servizo con dereito a indemnización

Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar a designación das comisións de servizo, con dereito a indemnización, previstas no artigo 4 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de todo o persoal dependente dos servizos centrais da Consellería do Mar.

Oitavo. Réxime interno

Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar a disposición de todo o relativo ao réxime interno da consellería, cando non sexa competencia do/da conselleiro/a ou doutra dirección xeral.

Noveno. Fundacións

Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar o exercicio das facultades que a normativa en materia de fundacións lle atribúe ao protectorado destas.

Décimo. Convenios

A sinatura de convenios ata o límite de 150.000,00 euros no ámbito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar.

Décimo primeiro. Criterios complementarios

Na aplicación das delegacións contidas nesta orde teranse en conta os seguintes criterios:

a) Atribúeselle á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar o exercicio das competencias que, en materia de xestión financeira e orzamentaria, non están expresamente delegadas noutros órganos.

b) Atribúeselle á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar o despacho e a resolución daqueles expedientes e asuntos de índole administrativa que estean atribuídos á persoa titular da Consellería do Mar.

Artigo 2. Delegacións nas direccións xerais

1. Deléganse nas persoas titulares das direccións xerais as seguintes competencias:

Primeiro. Contratación

a) O exercicio das facultades que o ordenamento xurídico atribúe á persoa titular da Consellería do Mar en relación cos contratos que teñan a consideración de menores na súa dirección xeral, sen prexuízo das competencias que correspondan ás xefaturas territoriais respecto dos créditos que para tal fin sexan desconcentrados.

b) O recoñecemento de obrigas e a proposta de ordenación dos pagamentos correspondentes aos contratos e encomendas de xestión da súa dirección xeral.

Segundo. Xestión financeira e orzamentaria

a) Autorizar e dispoñer os gastos con cargo ás aplicacións orzamentarias do estado de gastos dos orzamentos xerais asignados á súa dirección xeral, inclusive aqueles que deriven de compromisos recoñecidos ou xerados en exercicios anteriores, ata o límite dos créditos autorizados e que non se atopen reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia.

b) Recoñecer as obrigas de gasto e propoñer os pagamentos correspondentes aos créditos sinalados no punto anterior, cos límites igualmente indicados.

c) O exercicio da facultade de aprobación das contas xustificativas daqueles gastos que teñan a consideración de gastos por xustificar realizados con cargo ás aplicacións orzamentarias do estado de gasto dos orzamentos xerais asignadas á súa dirección xeral, sen prexuízo das competencias dos órganos territoriais competentes respecto dos que correspondan a créditos que fosen desconcentrados.

d) As competencias delegadas nas alíneas anteriores inclúen a sinatura dos documentos contables en que se reflicten as correspondentes fases dos gastos.

Terceiro. Subvencións

A competencia para resolver os procedementos de axudas e subvencións que se tramiten no ámbito das súas competencias.

Cuarto. Convenios

A sinatura de convenios ata o límite de 150.000,00 euros no ámbito da súa dirección xeral.

2. Deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica as seguintes competencias en materia de acuicultura:

2.1. De acordo co disposto no título V da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia:

a) O outorgamento e a extinción dos títulos administrativos habilitantes para o exercicio da actividade da acuicultura nas zonas marítima, marítimo-terrestre e terrestre.

b) A autorización para o cambio de cultivo de especies autorizadas ou a realización de cultivos poliespecíficos, en establecementos na zona marítimo-terrestre e zona terrestre.

c) O outorgamento das concesións experimentais na zona marítima e marítimo-terrestre.

d) A autorización para a comercialización dos produtos obtidos no desenvolvemento dos proxectos de concesións experimentais outorgadas na zona marítima e marítimo-terrestre.

e) A revogación das concesións experimentais na zona marítimo-terrestre.

2.2. De acordo co disposto no Decreto 406/1996, do 7 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia:

a) A autorización para a constitución de hipotecas e outros dereitos de garantía sobre as concesións.

b) A autorización para o cambio de cultivo de especies autorizadas ou a realización de cultivos poliespecíficos, de acordo co establecido na Orde do 18 de abril de 2001, que regula o procedemento que rexerá a permuta de puntos de fondeadura e os cambios de sistema, localización e cultivo nos viveiros de cultivos mariños.

c) A revogación das concesións experimentais.

d) O acordo de retirada, á custa do titular, do viveiro que, logo da comunicación ao seu titular de que este non reúne as condicións mínimas de seguridade exixibles e da perigosidade que representa, así como da necesidade de reparación inmediata, non se levase a efecto no prazo establecido.

e) A autorización para o traslado de semente, desdobramento de adultos, entre distintas rías comprendidas en ámbitos territoriais correspondentes a máis dunha xefatura territorial, de acordo co establecido na Orde do 14 de marzo de 1997, que establece as condicións para o traslado de moluscos bivalvos entre viveiros situados en augas da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) A autorización para a actividade de reparqueo de moluscos na zona marítima de conformidade co artigo 65 bis da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, así como a resolución dos expedientes para outorgar o permiso de traslado de moluscos ás zonas marítimas autorizadas durante o tempo necesario para a eliminación de toxinas.

2.3. De acordo co disposto no artigo 17 da Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial de Galicia:

O outorgamento dos títulos administrativos habilitantes para o exercicio da actividade da acuicultura.

Artigo 3. Delegacións nas xefaturas territoriais

1. Deléganse nas persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería do Mar as seguintes competencias:

a) Autorizar e dispoñer os gastos, recoñecer as obrigas e propoñer os pagamentos con cargo ás aplicacións orzamentarias do capítulo II do estado de gastos dos orzamentos xerais, ata o límite dos créditos que para tal fin sexan desconcentrados e distribuídos pola persoa titular da Consellería do Mar, que non se atopen reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia.

b) O exercicio das competencias que en materia de contratos menores corresponden á persoa titular da Consellería do Mar ata o límite dos créditos que para tal fin sexan desconcentrados.

c) O exercicio da facultade de aprobación das contas xustificativas daqueles gastos que teñan a consideración de gastos por xustificar realizados con cargo a créditos que lle fosen desconcentrados.

d) As competencias delegadas nas alíneas anteriores inclúen a sinatura dos documentos contables en que se reflicten as correspondentes fases dos gastos.

e) Respecto dos referidos créditos, as funcións que como órgano de contratación lle son atribuídas ao/á titular da consellería pola lexislación vixente.

2. Deléganse nas persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería do Mar as seguintes competencias en materia de acuicultura:

2.1. As seguintes funcións, de acordo co disposto no Decreto 406/1996, do 7 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia:

a) A autorización de cambios de sistema, de acordo co establecido na Orde do 18 de abril de 2001, que regula o procedemento que rexerá a permuta de puntos de fondeadura e os cambios de sistema, localización e cultivo nos viveiros de cultivos mariños.

b) A comunicación ao titular do viveiro de que non reúne as condicións mínimas de seguridade exixibles da perigosidade que aquel representa, así como da necesidade de reparación inmediata e o prazo para levala a efecto.

c) As autorizacións para o traslado de semente, desdobramento e adultos entre distintas rías, sempre dentro do seu ámbito territorial, de acordo co establecido na Orde do 14 de marzo de 1997, que establece as condicións para o traslado de moluscos bivalvos entre viveiros situados en augas da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) As habilitacións para a extracción de semente de mexillón como consecuencia dos acordos subscritos entre concesionarios de bateas ou as súas asociacións e as confrarías de pescadores ou agrupacións de mariscadores, de acordo co establecido no capítulo III da Orde do 26 de outubro de 2000, que regula a extracción de semente de mexillón en bancos naturais.

2.2. A resolución dos expedientes en materia de transmisión dos seguintes títulos:

a) As concesións de viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia, de acordo co artigo 63 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia; o artigo 10 do Decreto 406/1996, do 7 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia, e a Orde do 15 de xuño de 1999, que regula o procedemento para a transmisión da titularidade das concesións dos viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia.

b) As concesións de establecementos de cultivos na zona marítimo-terrestre, de acordo co artigo 54 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

c) Os permisos de actividade de establecementos de acuicultura na zona terrestre, de acordo co artigo 70 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia; o Decreto 274/2003, do 4 de xuño, polo que se regula o procedemento de obtención do permiso e a concesión de actividade para os establecementos de acuicultura e auxiliares de acuicultura na zona terrestre, e a Orde do 21 de xullo de 2000, que regula o procedemento para a transmisión da titularidade do permiso de actividade en establecementos de cultivos mariños e auxiliares na zona terrestre.

2.3. A resolución dos expedientes en materia de prórrogas:

a) Das concesións de viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia, de acordo co artigo 61 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia; o artigo 13 do Decreto 406/1996, do 7 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia, e a Orde do 17 de novembro de 1999, que regula o procedemento para o outorgamento de prórrogas das concesións dos viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia.

b) Das concesións de establecementos de cultivos mariños na zona marítimo-terrestre e terrestre, de acordo cos artigos 53 e 66.3 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

2.4. A resolución dos expedientes en materia de cambios de localización e permuta dos puntos de fondeadura dos viveiros de cultivos mariños habilitados mediante concesión, de acordo coa Orde do 18 de abril de 2001, que regula o procedemento que rexerá a permuta de puntos de fondeadura e os cambios de sistema, localización e cultivo nos viveiros de cultivos mariños.

2.5. A resolución dos expedientes en materia de inmersión de especies mariñas nas augas de Galicia, de acordo co artigo 8 bis da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia; e cos artigos 54 e seguintes do Decreto 423/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de marisqueo, extracción de algas e cultivos mariños.

Artigo 4. Delegacións na Presidencia do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia

Deléganse na Presidencia do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia:

a) O exercicio da facultade de aprobar os plans de utilización dos espazos portuarios dos portos de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) A competencia atribuída á persoa titular da Consellería do Mar para a imposición das sancións en materia de portos nos casos de infraccións graves previstas no artigo 39.1.c) do Decreto 227/1995, do 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do ente público Portos de Galicia, ditado en aplicación e desenvolvemento da Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do ente público Portos de Galicia.

c) A competencia para resolver recursos de reposición que se interpoñan contra as resolucións que dite en virtude das facultades delegadas.

d) Outorgar as concesións e autorizacións por ocupación do dominio público adscrito á Comunidade Autónoma dentro do recinto portuario e aplicar os correspondentes canons, sen prexuízo do disposto no artigo 3.3 da Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do ente público Portos de Galicia.

Artigo 5. Réxime xurídico das delegacións

1. As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas pola autoridade que as conferiu.

2. En calquera momento o/a conselleiro/a poderá reclamar para si o exercicio das competencias que son delegadas por esta orde, das que quedan excluídos, en todo caso, os supostos previstos no artigo 6.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; no artigo 9.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e no artigo 42.2 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

3. En caso de vacante, ausencia ou enfermidade da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar, as súas competencias serán asumidas pola Vicesecretaría Xeral, durante o tempo que persistan as devanditas causas.

4. En caso de vacante, ausencia ou enfermidade das persoas titulares das direccións xerais as súas atribucións serán asumidas, durante o tempo que persistan as devanditas causas, pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

5. En caso de ausencia, vacante ou enfermidade das persoas titulares das xefaturas territoriais, as súas funcións serán asumidas pola persoa que designe a persoa titular da Consellería do Mar.

6. A suplencia da Presidencia do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia rexerase polo disposto na normativa do citado ente público.

Disposición adicional

A delegación de competencias nas persoas titulares das direccións xerais para resolver procedementos de concesión de axudas e subvencións e na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar para resolver os procedementos de reintegro prevalecerá sobre as normas especificas de igual o inferior rango que regulen esta materia.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas a Orde do 30 de marzo de 2012, de delegación de competencias no secretario xeral técnico, secretarios xerais e xefes territoriais da Consellería do Medio Rural e do Mar e no presidente do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia, na parte que afecta a Consellería do Mar; a Resolución do 5 de xuño de 2017, de delegación de sinatura en materia de acuicultura nas persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería do Mar, e cantas outras disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao previsto nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2017

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar