Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Luns, 25 de setembro de 2017 Páx. 43548

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 14 de setembro de 2017 pola que se modifica a Orde do 19 de xullo 2017 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos á creación de emprego e incremento da estabilidade laboral, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

A Orde do 19 de xullo de 2017, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos á creación de emprego e incremento da estabilidade laboral, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017, regula os incentivos dirixidos a fomentar a contratación indefinida e temporal daqueles grupos ou categorías de traballadores que presentan dificultades ou desvantaxes particulares para acceder e permanecer no mercado de traballo, co obxecto de mellorar a súa situación de emprego e corrixir os desequilibrios do mercado laboral, afastando a potencialidade de que xurdan novas situacións de risco ou desvantaxe social.

O artigo 7.3 desta orde establece que «As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables realizadas entre o 1 de outubro de 2016 e a data de publicación desta orde deberanse presentar no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación.» e, ao mesmo tempo, no Portal de emprego da páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria, por erro, establécese un prazo de dous meses. Así, en relación con estes programas e con base nos principios de publicidade, seguridade xurídica, confianza lexítima e transparencia, resulta necesario realizar unha modificación da Orde do 19 de xullo.

Por isto, no exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e en aplicación das competencias atribuídas no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 19 de xullo de 2017, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á creación de emprego e incremento da estabilidade laboral, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017

A Orde do 19 de xullo de 2017, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos á creación de emprego e incremento da estabilidade laboral, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017, queda modificada como segue:

O punto 3 do artigo 7 queda redactado do seguinte modo:

«3. O prazo para a presentación das solicitudes das axudas polas contratacións subvencionables realizadas entre o 1 de outubro de 2016 e a data da publicación desta orde rematará o 30 de setembro de 2017».

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2017

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria