Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Martes, 26 de setembro de 2017 Páx. 43891

IV. Oposicións e concursos

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 14 de setembro de 2017 pola que se convoca o proceso selectivo para a provisión, mediante contrato laboral temporal, dunha praza de titulado/a superior, xestor/a de proxecto.

A Axencia Galega de Innovación (Gain), creada mediante o Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro (DOG núm. 19, do 28 de xaneiro), ten, dentro dos seus obxectivos estratéxicos, a ordenación, planificación, coordinación, execución e seguimento das competencias en materia de fomento da investigación que ten atribuídas a Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude do establecido no artigo 27.19 do Estatuto de autonomía de Galicia, e a promoción e execución do Plan galego de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica, asume, por tanto, a súa coordinación, seguimento e avaliación.

A Axencia Galega de Innovación tamén asume a coordinación do proxecto europeo MonitoRIS3 (Exchange of experiences in monitoring mechanisms, indicators and methodologies addressed to improvement in the delivery of policies and instruments in the framework of Regional RIS3 across Regions).

A Lei 1/2017, do 8 de febreiro (DOG núm. 28, do 9 de febreiro), de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2017, no seu artigo 14, prevé a contratación de persoal laboral temporal para a realización de obras ou servizos concretos e dotados de orzamento.

Polo exposto, en virtude das competencias atribuídas polo Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos, esta dirección

RESOLVE:

Anunciar a convocatoria dun proceso selectivo para a provisión, mediante contrato laboral temporal, dunha praza de titulado/a superior para a execución e xestión do proxecto europeo MonitoRIS3 (Exchange of experiences in monitoring mechanisms, indicators and methodologies addressed to improvement in the delivery of policies and instruments in the framework of Regional RIS3 across Regions) e aprobar as bases que rexerán o proceso.

As bases reguladoras do indicado proceso inclúense como anexo I desta resolución.

Para participar nesta convocatoria, os/as interesados/as utilizarán o modelo de solicitude que se inclúe no anexo II.

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2017

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación

ANEXO I

Bases da convocatoria para a provisión, mediante contrato laboral temporal, dunha praza de titulado/a superior xestor/a de proxecto para a Área de Programas da Axencia Galega de Innovación

De conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 17 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos (DOG núm. 19, do 27 de xaneiro), a Dirección da Axencia Galega de Innovación, no exercicio das competencias atribuídas, dispón publicar as seguintes bases para a selección dun efectivo de persoal laboral temporal para traballar na execución e xestión do proxecto europeo MonitoRIS3 (Exchange of experiences in monitoring mechanisms, indicators and methodologies addressed to improvement in the delivery of policies and instruments in the framework of Regional RIS3 across Regions).

Primeira. Normas xerais

1.1. Número e características das prazas.

Ao abeiro do artigo 59 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, convócase o proceso selectivo para a contratación dun efectivo persoal laboral temporal con titulación de grao ou licenciatura.

O centro directivo é a Axencia Galega de Innovación adscrita á Consellería de Economía, Emprego e Industria, aínda que o/a empregado/a terá que facer desprazamentos a países de Europa por mor do seu traballo.

A duración comprenderá desde a data da súa formalización ata o 31 de decembro de 2019.

De acordo co artigo 14 da Lei 1/2017, do 8 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, a duración do contrato queda condicionada a que exista crédito adecuado e suficiente na aplicación orzamentaria que corresponda, computado sempre na súa proxección anual.

A persoa seleccionada vai traballar na execución e xestión do proxecto europeo MonitoRIS3 (Exchange of experiences in monitoring mechanisms, indicators and methodologies addressed to improvement in the delivery of policies and instruments in the framework of Regional RIS3 across Regions). Trátase dun proxecto de colaboración entre rexións europeas que pretende mellorar as súas capacidades no seguimento e na mellora do impacto das súas respectivas RIS3 no ecosistema rexional de innovación, mediante un plan de traballo transnacional. En concreto, a persoa seleccionada contrátase para a realización das funcións de apoio á Gain na realización das tarefas propias dun/dunha xefe/a de fila para a coordinación e xestión dun proxecto trasnacional, utilizando o inglés como lingua de traballo e con dispoñibilidade para desprazarse ás reunións e aos eventos relacionados co proxecto que teñan lugar nas rexións socias deste.

Entre as tarefas que se van realizar inclúense as seguintes:

1. Preparar, organizar e dinamizar as reunións de traballo internacionais que se realicen co resto dos socios do proxecto e outros axentes implicados, e participar nelas en calquera das rexións europeas en que teñan lugar. O idioma de traballo delas será exclusivamente o inglés.

2. Representar a Gain nas reunións dos diferentes foros, redes e organismos europeos que teñan relación co proxecto nos países en que teñan lugar, así como a interlocución con outros axentes públicos e privados europeos relacionados co proxecto. O idioma de traballo deles será exclusivamente o inglés.

3. Coordinar e realizar en inglés informes, publicacións e comunicacións de actividades e resultados do proxecto, así como calquera outro documento necesario para o desenvolvemento do proxecto.

4. De acordo coa normativa, regulamentación e prácticas dos proxectos europeos, desenvolver metodoloxías de control do proxecto, así como indicadores de seguimento deste.

5. Analizar e priorizar metodoloxías e ferramentas europeas susceptibles de seren incorporadas ao proxecto.

6. Elaborar a xustificación anual do proxecto.

7. Calquera outra función non definida aquí e considerada desde a Gain relacionada coa execución e coordinación do proxecto MonitoRIS3.

1.2. Retribucións.

As retribucións serán as establecidas para o grupo correspondente de acordo coa estrutura salarial definida nos artigos 25 e 26 do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, na Lei 1/2017, do 8 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, desenvolvida na Orde do 3 de xullo de 2017 (DOG núm. 130, do 10 de xullo) pola que se ditan instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica para o ano 2017 e se actualiza con efectos do 1 de xaneiro de 2017 a contía das retribucións.

1.3. Modalidade de contrato.

A persoa seleccionada asinará un contrato de traballo de obra ou servizo determinado seguindo as prescricións dos artigos 15 e 17 do RDL 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, ao abeiro do Real decreto 2720/1998, do 18 de decembro, e demais lexislación vixente que resulte de aplicación.

1.4. Incompatibilidades.

As persoas contratadas estarán sometidas ao réxime xeral de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas e demais disposicións complementarias.

Segunda. Requisitos dos/das aspirantes

Para seren admitidos/as no proceso de selección, os/as aspirantes deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manter ata o momento da toma de posesión como persoal laboral temporal os seguintes requisitos, agás o certificado médico referente ao recollido no punto 2.7, que deberá acreditarse no momento da contratación.

2.1. Nacionalidade.

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as.

d) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os/as cónxuxes dos/das españois e dos/das nacionais doutros Estados membros da Unión Europea sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións, poderán participar os/as seus/súas descendentes e os/as do/da seu/súa cónxuxe, sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores de idade dependentes.

e) Ter residencia legal en España, no caso de tratarse de estranxeiros/as non incluídos/as nos puntos anteriores.

2.2. Idade.

Teren cumpridos dezaseis anos de idade.

2.3. Titulación académica.

Estar en posesión dunha titulación de grao ou licenciatura.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberá acreditar que está en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título. Este requisito non será obrigatorio para os/as aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional no ámbito das profesións reguladas ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

2.4. Competencia lingüística.

Dispor dun manexo competente e fluído do inglés a nivel profesional oral e escrito, con capacidade para liderar reunións de traballo no dito idioma e realizar presentacións en xornadas, foros ou similares. Deberá acreditarse a posesión dun certificado, como mínimo, de nivel C1 ou equivalente, de acordo coa táboa de equivalencia de certificados e a súa correspondencia co Marco común europeo de referencia para as linguas (MCER).

2.5. Dispoñibilidade para viaxar.

Ter dispoñibilidade para desprazarse a calquera país europeo para participar en reunións, xornadas, foros ou similares.

2.6. Coñecemento do idioma galego.

Acreditar coñecemento do idioma galego: Celga 4, título de perfeccionamento do idioma galego ou estudos equivalentes.

2.7. Capacidade funcional.

Posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

2.8. Habilitación.

Non ter sido despedido/a mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder á mesma categoría profesional á cal se pertencía.

No caso de nacionais doutros Estados, non estar inhabilitado/a ou en situación equivalente, nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

Terceira. Presentación de solicitudes

De conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ademais dos/das posibles candidatos/as seleccionados/as polo Servizo Público de Emprego ao cal se cursará a oferta xenérica do posto obxecto desta convocatoria, aquelas persoas que desexen formar parte no presente proceso selectivo deberán presentar a documentación que a seguir se sinala, tendo en conta que no suposto de que os documentos sexan fotocopias, estas terán que estar debidamente compulsadas:

a) Instancia. Segundo o modelo contido no anexo II que se xunta a estas bases.

b) Curriculum vitae pormenorizado e debidamente xustificado, onde se acredite a súa traxectoria e experiencia profesional, así como os títulos, cursos e diplomas obtidos que se valorarán, se é o caso, no proceso de selección.

c) Fotocopia compulsada das titulacións académicas obtidas que, no caso de se obteren no estranxeiro, deberá estar homologada en España.

d) Acreditación da posesión dun certificado, como mínimo, de nivel C1 ou equivalente, en lingua inglesa, de acordo coa táboa de equivalencia de certificados e a súa correspondencia co Marco común europeo de referencia para as linguas (MCER).

e) Acreditación da experiencia no estranxeiro indicada no punto 4.1., mediante certificado expedido polos órganos competentes en materia de persoal da correspondente organización onde se desempeñaron as actividades ou servizos, onde se especifiquen as funcións e o período (con data de inicio e remate).

f) Copias compulsadas de certificados de asistencia a cursos ou similares que se valorarán, se é o caso, no proceso de selección.

g) Cando se trate de aspirantes nacionais doutros países, deberán presentar fotocopia compulsada dos certificados de estudos cursados de castelán que acrediten suficientemente os seus coñecementos deste idioma.

h) Fotocopia compulsada do titulo acreditativo de superación do Celga 4, curso de perfeccionamento de galego ou equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo).

O enderezo que figura nas instancias considerarase o único válido para efectos de notificacións e serán responsabilidade exclusiva do/da candidato/a tanto os erros na consignación deste como a comunicación de calquera cambio do dito domicilio.

Para que teñan validez neste proceso selectivo, os documentos que se presenten deberán estar expedidos nalgunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia (galego ou castelán); no caso de documentos expedidos noutras comunidades autónomas, para que teñan validez, deberán estar redactados en castelán ou traducidos por titulado/a ou polo organismo correspondente. Tratándose de documentos expedidos nun país estranxeiro, deberán estar debidamente traducidos, validados e apostilados pola oficina diplomática española. Este parágrafo non fai referencia ás publicacións.

A presentación da solicitude farase nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, oficinas de Correos e demais lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles desde o día seguinte ao da súa publicación oficial.

As solicitudes para participar na presente convocatoria presentaranse no Rexistro da Axencia Galega de Innovación (praza de Europa nº 10A-6º B, Santiago de Compostela) ou nas oficinas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Neste caso, deberá remitirse por fax ao número 981 54 10 39 e antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes, a solicitude rexistrada e a relación individualizada dos méritos que se aleguen.

Para calquera aclaración ou información adicional, os/as interesados/as poderán dirixirse á Área de Xestión da Axencia Galega de Innovación no número de teléfono 981 54 10 78 ou no correo electrónico persoal.gain@xunta.gal (indicar no asunto do correo «proceso MonitoRIS3»).

Cuarta. Baremo de méritos. Acreditación de méritos e desempates

Para establecer a orde de prelación na puntuación dos/das aspirantes que corresponda á acreditación de méritos establecida nas presentes bases, aplicarase o seguinte baremo:

4.1. Servizos prestados: ata un máximo de 5 puntos.

1. Por cada mes de servizos prestados na execución de proxectos internacionais ou transnacionais nos últimos 5 anos: 0,25 puntos ao mes, ata un máximo de 3 puntos.

2. Por cada mes de servizos prestados no estranxeiro en actividades relacionadas coas políticas e o financiamento comunitarios no ámbito da I+D+i: 0,30 puntos/mes, ata un máximo de 3 puntos.

4.2. Formación: ata un máximo de 5 puntos.

1. Por posuír un máster relacionado co desenvolvemento económico, a xestión e administración de empresas, a innovación, a xestión e o seguimento de políticas públicas, ou calquera outro equivalente cun contido similar: 3 puntos.

2. Por cada curso directamente relacionado coas funcións propias do posto a que se opta e organizado e impartido directamente pola Escola Galega de Administración Públicas, a Fegas, a Academia Galega de Seguridade Pública, o INAP, as escolas oficiais de formación das restantes comunidades autónomas, universidades, o Inem, a Dirección Xeral de Formación Ocupacional da Consellería de Traballo, os cursos de formación continua do AFCAP e pola Administración xeral do Estado, ata un máximo de 1 punto:

Cursos de ata 75 horas: 0,2 puntos.

Cursos de máis de 75 horas: 0,3 puntos.

3. Por cada curso de coñecemento ofimático, ata un máximo de 1 punto:

Cursos de ata 75 horas: 0,1 puntos.

Cursos de máis de 75 horas: 0,2 puntos.

4. Polo coñecemento doutros idiomas europeos ademais dos oficiais no Estado español e o inglés, ata un máximo de 1 punto:

Igual ou menor a B1: 0,2 puntos por cada idioma.

Igual ou maior a B2: 0,3 puntos por cada idioma .

De producirse empate na puntuación, acudirase para dirimilo á outorgada polos méritos alegados segundo a orde establecida neste anexo e, de persistir, a favor da primeira letra do primeiro apelido, segundo a orde establecida anualmente na resolución da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza pola que se publica o resultado do sorteo a que se refire o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Non obstante o anterior, no suposto de infrarrepresentación do sexo feminino nos termos establecidos no artigo 49 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, que aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, o primeiro criterio de desempate será o de ter a condición de muller.

Quinta. Tribunal de selección

O tribunal de selección será nomeado mediante resolución da Dirección da Axencia Galega de Innovación e será constituído unha vez publicada na web http://gain.xunta.gal a relación definitiva de aspirantes. Serán de aplicación a este órgano as instrucións relativas ao funcionamento e á actuación dos órganos de selección do 11 de abril de 2007, modificadas polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010.

Sexta. Desenvolvemento do proceso de selección

6.1. Unha vez expirado o prazo de presentación de solicitudes, farase pública na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal/) a relación provisional de admitidos/as e excluídos/as, así como as causas da súa exclusión.

Poderanse formular alegacións contra a listaxe provisional nun prazo de cinco días hábiles, contados a partir do seguinte ao da súa publicación na páxina web da Axencia Galega de Innovación.

As alegacións presentaranse no Rexistro da Axencia Galega de Innovación (praza de Europa nº 10-A 6º B, Santiago de Compostela) ou nas oficinas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Neste último caso deberá remitirse por fax (número 981 54 10 39), antes da finalización do prazo, aviso da súa presentación.

Unha vez resoltas as reclamacións, ditarase resolución pola que se aprobe a lista definitiva de persoas admitidas e excluídas.

Esta resolución farase pública na páxina web da Axencia Galega de Innovación.

O feito de figurar na relación de admitidos/as non prexulga que se lles recoñeza aos/ás interesados/as a posesión dos requisitos exixidos na presente convocatoria. Cando da documentación que se debe presentar no caso de superar o proceso de selección se desprenda que non posúen algún dos requisitos, os/as interesados/as decaerán en todos os dereitos que poidan derivar da súa participación neste procedemento.

6.2. O proceso constará de dúas fases:

Primeira fase: valoración de méritos. A puntuación máxima da fase de méritos será de dez (10) puntos. Exixirase un mínimo de seis (6) puntos na fase de valoración de méritos para pasar á segunda fase do proceso.

Segunda fase: realización dunha entrevista. A puntuación máxima da entrevista será dun (1) punto.

6.3. Primeira fase: o tribunal procederá a unha baremación provisional dos méritos alegados polos/as aspirantes con expresión da puntuación obtida nunha orde decrecente de maior a menor puntuación.

Poderanse formular alegacións contra a baremación da listaxe provisional nun prazo de cinco días hábiles, contados a partir do seguinte ao da súa publicación na páxina web da Axencia.

As alegacións presentaranse no Rexistro da Axencia Galega de Innovación (praza de Europa nº 10-A 6º B, Santiago de Compostela) ou nas oficinas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Neste último caso deberá remitirse por fax (número 981 54 10 39), antes da finalización do prazo, aviso da súa presentación.

O tribunal de selección, se é o caso, e só para os efectos de aclarar posibles dúbidas sobre a documentación achegada, poderá requirir a presenza dos/das aspirantes que considere oportuno.

A estimación ou desestimación das ditas alegacións entenderase implícita na publicación da puntuación definitiva da primeira fase do proceso.

6.4. Segunda fase: consistirá nunha entrevista persoal non eliminatoria para valorar o grao de adecuación dos/das aspirantes.

A entrevista versará sobre o curriculum vitae dos/as candidatos/as, as funcións que van desempeñar no posto de traballo e os seus coñecementos sobre as políticas e programas comunitarios relacionados coa I+D+i.

Para a realización da entrevista disporase dun tempo máximo de quince (15) minutos. A entrevista cualificarase de 0 a 1 punto.

O tribunal de selección publicará na web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal) os nomes dos/das convocados/as, o lugar e a data e hora de realización da entrevista. Nesta fase valoraranse as cuestións relativas á experiencia dos/das candidatos/as, os seus coñecementos, a formación e participación en proxectos.

Os/as convocados/as a esta fase deberán presentarse no lugar indicado co orixinal do DNI, permiso de conducir ou, na súa falta, pasaporte.

Unha vez realizadas as entrevistas, o tribunal publicará na web http://gain.xunta.gal a listaxe coa puntuación provisional dos/das aspirantes.

Poderanse formular alegacións contra a puntuación provisional da segunda fase nun prazo de tres (3) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da súa publicación.

Unha vez transcorrido o prazo de alegacións, o tribunal procederá á puntuación global definitiva, que será elevada á Dirección da Axencia Galega de Innovación para que dite resolución coas puntuacións globais definitivas dos/das aspirantes polo mesmo medio que a listaxe provisional, con expresión da puntuación obtida nunha orde decrecente.

6.5. O/a primeiro/a aspirante da lista definitiva publicada será o/a candidato/a seleccionado/a para a cobertura da praza obxecto desta convocatoria, que deberá presentar no prazo de cinco (5) días hábiles, desde que se faga pública a dita lista, a seguinte documentación ante a Axencia:

− Tarxeta sanitaria e/ou número de afiliación á Seguridade Social.

− Certificado médico oficial ou informe de saúde nos cales se acrediten os aspectos sinalados na base 2.7.

− Declaración, baixo a súa responsabilidade, de non ter sido separado/a do servizo de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin encontrarse inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio de funcións públicas para efectos de acreditar os aspectos sinalados na base 2.8.

6.6. Se o/a candidato/a seleccionado/a non presenta a documentación indicada no punto anterior no prazo establecido, ou presenta a súa renuncia á contratación para o posto para o cal foi seleccionado/a (caso en que se fará mediante solicitude expresa ao respecto, no mesmo prazo sinalado no punto anterior), resultará, en calquera caso, automaticamente seleccionado/a o/a seguinte aspirante segundo a orde de prelación da lista, que deberá presentar nun novo prazo de cinco días hábiles desde o remate do anterior a documentación citada no punto 6.5. Procederase desta forma ata que un/unha candidato/a presente en prazo e validamente a súa documentación.

6.7. Logo de seleccionado/a o/a candidato/a e presentada a súa documentación, segundo o establecido nos puntos anteriores, unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos exixidos, procederase á formalización da contratación obxecto da convocatoria.

Sétima. Norma derradeira

7.1. Todas as resolucións do proceso de selección publicaranse na páxina web da Axencia Galega de Innovación no punto de procesos selectivos.

7.2. Esta convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos deriven dela ou da actuación do tribunal, co carácter de definitivos ou que, sendo de trámite, decidan sobre o fondo do asunto, poderán ser impugnados polos/as interesados/as no prazo e na forma establecidos pola Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común.

missing image file