Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Martes, 26 de setembro de 2017 Páx. 43843

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 11 de setembro de 2017 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para contratar axentes de emprego e unidades de apoio, e se convocan para o ano 2017.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través do Decreto 146/2016, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia; e o Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, a Consellería de Economía, Emprego e Industria asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Corresponde, pois, á Consellería de Economía, Emprego e Industria para o exercicio orzamentario 2017 a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego, entre as cales están as medidas dirixidas, por unha banda, a fomentar a creación de emprego de calidade e, por outra, a incrementar a empregabilidade das persoas desempregadas, mellorando as condicións do mercado de traballo, no marco da Estratexia europea para o emprego e de acordo coa Axenda 20 para o emprego, e no eido da colaboración institucional e o diálogo social en curso entre o Goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia.

Mantense a prioridade absoluta establecida para as entidades prestadoras de servizos sociais, especialmente para discapacidade e risco de exclusión social, colectivos estes con especiais dificultades de inclusión laboral e niveis superiores de paro e desocupación.

A Axenda 20 para o emprego contén, entre as medidas en materia de emprego de calidade, as relacionadas coa orientación a servizos na atención ás persoas demandantes e empresas, entre outras, afondar na formación continua do persoal técnico da Rede de técnicos de emprego de Galicia, desenvolvendo un currículo específico e especializado en relación cos servizos que se prestan.

Tendo en conta o anterior e coa finalidade de poder cumprir cos obxectivos de estabilidade orzamentaria da Facenda da Comunidade Autónoma, ao tempo de proseguir na senda iniciada na regulación dos programas de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro, nun marco de axuste económico, esta consellería vese obrigada a adoptar medidas de apoio a aqueles colectivos con maiores dificultades de inserción, especialmente a persoas con discapacidade e, en consecuencia, na presente convocatoria recóllense de maneira única e exclusiva aquelas liñas de axuda que teñen por obxecto a dinamización do emprego no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da subvención para a contratación ou prórroga da contratación de axentes de emprego e unidades de apoio por parte das entidades sen ánimo de lucro de carácter social que, en execución das políticas activas de emprego, establezan accións específicas de conformidade cos seus estatutos para a inserción das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social, persoas con especiais dificultades de inserción sociolaboral, como un programa autonómico. Esta nova regulamentación autonómica é posible á vista do novo enfoque que deu ao deseño e á xestión das políticas activas de emprego o número 2 da disposición derradeira décimo segunda da Lei 3/2012, do 6 de xullo, de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral, da cal resulta que as comunidades autónomas están habilitadas para o deseño e a execución de novos programas e medidas de políticas activas de emprego adaptadas ás peculiaridades e características dos seus mercados de traballo locais que, en todo caso, deberán dirixirse ao cumprimento dos obxectivos que se establezan no Plan anual de política de emprego (PAPE) de cada ano, requisitos e condicións que se cumpren no presente caso.

Para o exercicio de 2017 mantense a exixencia do uso e a aplicación de medios telemáticos para tramitar e presentar a solicitude, exclusivamente, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, creada polo Decreto 198/2010, do 2 de decembro, que establece o marco de desenvolvemento da Administración electrónica na Administración pública galega, como canle principal de relación da cidadanía coa Administración e co obxectivo de avanzar na mellora da calidade e da eficacia dos servizos ofrecidos.

As subvencións contidas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación 09.40.322C.481.8 polo importe global de 1.022.082,51 euros, contida na Lei 1/2017, do 8 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017.

En consecuencia, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e da Intervención Delegada, e tendo en conta as regras establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, en virtude das atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas cales se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública en réxime de concorrencia competitiva das axudas e subvencións que, baixo a denominación xeral de programas de cooperación institucionais, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración con entidades sen ánimo de lucro prestadoras de servizos sociais sinaladas no artigo 3, a través da concesión de axudas e subvencións para a contratación ou prórroga da contratación concedida na convocatoria do ano 2016 de axentes de emprego e unidades de apoio (procedemento TR352B), que colaborarán na implantación das políticas activas de emprego e na realización de funcións relacionadas coa dinamización e coa creación de emprego no ámbito das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social.

2. Para o adecuado exercicio das súas funcións e actividades os e as axentes de emprego poderán contar coa axuda e asistencia de unidades de apoio de carácter administrativo, que serán coordinadas por aqueles.

3. A concesión e gozo destas axudas para contratar de axentes de emprego ou unidades de apoio non suporá, en ningún caso, relación contractual ou laboral coa Xunta de Galicia.

Artigo 2. Financiamento

1. O financiamento destas axudas efectuarase con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2017 a través dos créditos consignados na aplicación 09.40.322C.481.8 (código de proxecto 2015 00522) polo importe global de 1.022.082,51 euros.

2. Os ditos créditos estimados poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais, nos supostos e nas condicións previstos nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Entidades beneficiarias. Requisitos

1. Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas na presente orde as entidades sen ánimo de lucro sinaladas no artigo 1 que establezan accións específicas de conformidade cos seus estatutos para a inserción, preferentemente, das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social, sempre que non estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Para seren beneficiarias, ademais, deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter personalidade xurídica e capacidade de obrar e estar debidamente inscritas no correspondente rexistro público.

b) Dispor de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos correspondentes proxectos.

c) En todo caso, as entidades beneficiarias deberán acreditar que as persoas contratadas no marco deste réxime de axudas non están afectas ao desenvolvemento dunha actividade económica conforme o establecido pola xurisprudencia comunitaria, tal como exixe a letra h) do artigo 21 desta orde.

3. Para os efectos do disposto na letra b) do parágrafo anterior, presumirase que as entidades dispoñen de capacidade técnica e de xestión suficiente cando concorran, cando menos, dúas das seguintes circunstancias:

a) Que dispoñan dun centro de traballo, entendendo por tal unha oficina ou delegación permanente que poida ser habilitada para o efecto, na Comunidade Autónoma de Galicia, distinta da sede social da entidade cando coincida co domicilio das persoas físicas que outorgasen a escritura de constitución e/ou dirixen a entidade, en propiedade, arrendada ou cedida formalmente a esta.

b) Que teñan conexión telemática.

c) Que tiveran contratada por conta allea por máis de seis meses algunha persoa traballadora nos últimos tres anos, sen que se poidan computar os contratados, nese período, mediante as axudas e subvencións correspondentes aos programas e medidas das políticas activas de emprego.

Artigo 4. Definición e funcións dos e das axentes de emprego

Os e as axentes de emprego na súa colaboración na implantación das políticas activas de emprego realizarán, entre outras, as seguintes funcións:

a) Prospección de recursos ociosos ou infrautilizados, de proxectos empresariais de promoción económica local e iniciativas innovadoras para a xeración de emprego no ámbito local, identificando novas actividades económicas e posibles emprendedores.

b) Difusión e estímulo de potenciais oportunidades de creación de actividade entre as persoas desempregadas con especiais dificultades de inserción laboral e, en especial, as persoas con discapacidade e en risco de exclusión social, en prol de mellorar a súa empregabilidade.

c) Desenvolvemento, avaliación e execución de programas de acción encamiñados a favorecer a igualdade de oportunidades e a discriminación positiva dos colectivos de persoas con discapacidade e en risco de exclusión social.

d) Acompañamento técnico no inicio de proxectos empresariais, asesorando e informando sobre a viabilidade técnica, económica e financeira destes.

e) Apoio aos promotores de empresas, unha vez constituídas estas, acompañándoos tecnicamente durante as primeiras etapas de funcionamento, mediante a aplicación de técnicas de consultoría en xestión empresarial e asistencia nos procesos formativos adecuados para contribuír á boa marcha das empresas creadas.

Calquera outra que contribúa á promoción e implantación de políticas activas de emprego, relacionadas fundamentalmente coa creación de emprego, a actividade empresarial e a inserción laboral dos colectivos de persoas con discapacidade e en risco de exclusión social.

Artigo 5. Subvención: contía

1. A subvención que percibirán as entidades beneficiarias consistirá nunha contía calculada tomando como referencia os custos salariais e de Seguridade Social dos e das axentes de emprego e unidades de apoio que se van contratar nos termos previstos no parágrafo seguinte.

2. A contía máxima da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será igual ao resultado de multiplicar o número de persoas contratadas polo número de meses e polo importe do módulo C, no caso dos e das axentes de emprego, e do módulo B, para as unidades de apoio, conforme a seguinte escala:

Módulo C: os custos salariais totais que se van subvencionar ascenderán a tres veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), vixente en cada ano, máis a parte proporcional das pagas extraordinarias -por importe, cada unha delas, dunha mensualidade do dito IPREM- e a correspondente cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos por cada persoa traballadora contratada dentro do grupo de cotización da Seguridade Social 2 ao 1, ambos inclusive. A contía máxima da subvención reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos sexan a tempo parcial.

Módulo B: os custos salariais totais que se van subvencionar ascenderán a dúas veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), vixente en cada ano, máis a parte proporcional das pagas extraordinarias -por importe, cada unha delas, dunha mensualidade do dito IPREM- e a correspondente cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos por cada persoa traballadora contratada dentro do grupo de cotización da Seguridade Social 8 ao 3, ambos inclusive. A contía máxima da subvención reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos sexan a tempo parcial.

Para calcular a contía correspondente aos custos da Seguridade Social, o tipo de cotización aplicable será o que se corresponda coa ocupación A.

3. O salario que percibirán as persoas contratadas como axentes de emprego ou unidades de apoio será aquel que corresponda legal ou convencionalmente e será acorde coa súa categoría profesional e titulación.

4. A subvención prevista nesta orde será incompatible con outras subvencións ou axudas públicas, con independencia do seu importe, para a mesma finalidade, procedentes de fondos de políticas activas de emprego.

5. Estas subvencións, en ningún caso, poderán ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, supere os custos totais da contratación.

As entidades beneficiarias deberán comunicarlle á Consellería de Economía, Emprego e Industria a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.

6. Para os efectos destas subvencións, non se consideran custos salariais subvencionables o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1º c) do Estatuto dos traballadores, así como os incentivos e complementos extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

Artigo 6. Presentación de solicitudes e prazo

1. Para poder ser entidade beneficiaria das axudas reguladas nesta orde, deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que, a título exclusivamente informativo, figura como anexo I desta orde, á cal se xuntará a documentación a que se fai referencia no artigo 8 que, necesariamente, se deberá anexar en formato electrónico. Para isto, no proceso de presentación electrónica permitirase anexar á solicitude os arquivos informáticos necesarios (en formato pdf, odt, ods, doc, xls, docx, xlsx, jpg, png, tiff e bmp).

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requiririda para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). Estes formularios só terán validez se están debidamente asinados polo representante legal da entidade correspondente ou persoa debidamente acreditada.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houbese día equivalente, entenderase que o prazo finalizar ao derradeiro día do mes.

4. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras.

5. O non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electrónicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para tramitar o procedemento TR352B

1. Xunto co formulario de solicitude (anexo I) deberá anexarse a seguinte documentación que, nos casos recollidos no número 3 deste artigo, poderá ser identificada como información accesible de xeito que a Secretaría Xeral de Emprego poderá acceder á dita documentación sen que sexa presentada pola entidade solicitante:

a) Acreditación da persoa que, en nome e representación da entidade, asina a solicitude, mediante a correspondente documentación de apoderamento, resolución, mandato, certificado expedido polo secretario ou secretaria, ou acta, onde se determine a dita representación.

b) Copia da escritura pública e/ou dos estatutos vixentes da entidade solicitante en que resulte acreditada a ausencia de ánimo de lucro e os fins sociais segundo o disposto no artigo 3.1.

c) Memoria que fundamente a solicitude, segundo o modelo que se publica como anexo II, incluíndo unha descrición dos obxectivos perseguidos coa contratación, as accións e actividades que teña que desempeñar a persoa axente de emprego e as unidades de apoio administrativas, de ser o caso, así como, se é o caso, un breve resumo comprensivo dos obxectivos acadados polos/as axentes con cargo ás axudas do exercicio anterior, en relación coas iniciativas empresariais xeradas e coa inserción laboral das persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, como consecuencia da súa actuación.

2. Forma parte da solicitude a declaración responsable que se contén nesta e que fai constar os seguintes aspectos:

a) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especificamente de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

b) A ausencia de ánimo de lucro.

c) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

d) O cumprimento dos requisitos previstos para obter a condición de entidade beneficiaria da subvención a que se refire o artigo 3 da convocatoria, relativos á súa capacidade técnica e de xestión.

e) A veracidade da titularidade da conta bancaria da entidade solicitante onde se deba efectuar o pagamento da subvención.

f) Que a entidade solicitante se obriga a presentar ante a Secretaría Xeral de Emprego, logo de petición desta, a documentación acreditativa dos aspectos a que se refire a declaración responsable.

g) Que as copias dos documentos sinalados na letra b) do punto anterior coinciden cos orixinais e póñense á disposición da Administración actuante para achegar estes cando sexan requiridos.

3. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, e sempre que non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

7. Se do exame do expediente se comprobase que a documentación non reúne os requisitos necesarios, é insuficiente ou non se achega na súa totalidade, faráselle un único requirimento á entidade solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, de acordo co disposto artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se terá por desistida da súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– NIF da entidade solicitante.

– DNI da persoa representante que solicita a subvención.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os ditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 10. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Economía, Emprego e Industria publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.gal.

Artigo 12. Procedemento e criterios de valoración

1. O procedemento de concesión de axudas será o de concorrencia competitiva.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Programas de Cooperación da Secretaría Xeral de Emprego.

3. Unha vez revisados os expedientes e completados, de ser o caso, remitiranse á comisión de valoración para que esta, nun acto único, avalíe e informe, en que se concretará o resultado da avaliación efectuada á totalidade dos expedientes, tendo en conta que as propostas de resolucións se poderán tramitar en diversas fases, en función das dispoñibilidades orzamentarias.

Para estes efectos, a comisión de valoración estará composta pola persoa responsable da Subdirección Xeral de Emprego, que a presidirá, e como vogais, polas persoas responsables da Xefatura do Servizo de Programas de Cooperación e unha persoa adscrita ao dito servizo, que realizará as funcións de secretaría.

Se, por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será substituída pola persoa que para o efecto se designe polo órgano competente para resolver.

4. Dos proxectos presentados polas entidades de atención de colectivos de discapacidade e en risco de exclusión social que cumpran os requisitos sinalados no artigo 3 farase unha avaliación para o outorgamento da correspondente subvención, tendo en conta os seguintes criterios de valoración específicos:

a) As solicitudes de axudas para a prórroga da contratación concedidas no exercicio 2016: ata 15 puntos.

b) Os proxectos que acrediten un maior nivel de inserción laboral dos e das axentes de emprego e unidades de apoio, mediante a súa contratación indefinida: ata 10 puntos.

c) Os proxectos que teñan un ámbito de actuación superior ao municipal: ata 5 puntos.

– Ámbito de actuación autonómico: 5 puntos.

– Ámbito de actuación pluriprovincial: 4 puntos.

– Ámbito de actuación provincial: 3 puntos.

– Ámbito de actuación comarcal: 2 puntos.

– Ámbito de actuación municipal: 1 punto.

d) Os proxectos que, na súa realización, permitan e apoien a creación de proxectos empresariais para a súa consolidación en empresas, ou permitan a inserción laboral dun maior número de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social: ata 10 puntos.

e) A valoración das actuacións levadas a cabo polas ditas entidades, no ámbito do fomento do emprego e da inserción laboral das persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, en anos anteriores: ata 10 puntos. Valorarase a antigüidade de constitución da entidade en máis de 3 anos á data de publicación da convocatoria, así como a eficacia na xestión e execución dos proxectos daquelas entidades que participaron en convocatorias anteriores, e puntuarase negativamente unha mala xestión por parte da entidade restando ata 5 puntos.

No caso de que se produza un empate nas puntuacións obtidas en aplicación destes criterios, terán preferencia aquelas solicitudes en que se utilice a lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos.

5. Para a comparación das solicitudes presentadas, establécese unha puntuación máxima de 50 puntos, co fin de establecer unha prelación entre elas de acordo cos criterios de valoración anteriores e adxudicar, co límite fixado na disposición adicional primeira dentro do crédito dispoñible sinalado no parágrafo primeiro do artigo 2, aquelas que obteñan maior valoración en aplicación dos citados criterios.

6. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. A notificación entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Resolución

1. O órgano instrutor elevará o informe da comisión de valoración, xunto coa proposta de resolución, á persoa responsable da Secretaría Xeral de Emprego, quen resolverá a concesión ou denegación da axuda mediante resolución motivada e individualizada por delegación da persoa responsable da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

2. O prazo de resolución e notificación será de tres meses contados a partir da finalización do prazo de presentación da solicitude. Se no prazo indicado non existe resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A resolución pola cal se conceda a subvención determinará, entre outras cuestións, a denominación do proxecto aprobado, a data límite de inicio e realización de todas as contratacións, a duración, a contía da subvención que se vai outorgar e demais requisitos exixibles para a súa percepción e seguimento.

4. A resolución que, se é o caso, aprobe a concesión da prórroga terá efectos retroactivos, sempre que non se interrompa a contratación, así como a prestación de servizos.

5. As resolucións dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nesta orde esgotan a vía administrativa, polo que, contra elas poderá interporse recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes computado desde o día seguinte á súa notificación, ou presentar directamente recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, a teor do disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

6. As subvencións concedidas ao abeiro desta orde publicaranse, con expresión da entidade beneficiaria, contía e finalidade, no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto na Lei xeral de subvencións e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 14. Selección e contratación dos e das axentes de emprego e das persoas traballadoras integrantes das unidades de apoio

1. A selección dos e das axentes de emprego e das persoas traballadoras que formen parte da unidade administrativa de apoio corresponderalle á entidade beneficiaria da subvención, logo da presentación da correspondente oferta de emprego na oficina pública de emprego do Servizo Público de Emprego que corresponda ao enderezo do centro de traballo.

2. Para seren contratadas como axentes de emprego ou persoal integrante das unidades de apoio, cando proceda, as persoas candidatas deberán figurar inscritas como demandantes de emprego, desempregadas ou coa tarxeta de mellora de emprego. No caso dos e das axentes de emprego deberán, necesariamente, ter superado con éxito os estudos universitarios. Valorarase a experiencia profesional, así como os coñecementos extraacadémicos adquiridos en cursos monográficos ou proxectos de emprego.

3. Se ao tramitar a dita oferta non se atopasen persoas candidatas idóneas, a entidade beneficiaria, logo de autorización expresa da Secretaría Xeral de Emprego, poderá acudir a outros procedementos de selección, de conformidade coa normativa vixente na materia, sempre que se garanta a idoneidade e o cumprimento dos requisitos das persoas candidatas mencionadas no parágrafo anterior, sen que sexa necesario, neste caso, a inscrición das persoas que se van contratar como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia.

4. As persoas axentes de emprego ou unidades de apoio, seleccionadas de conformidade co procedemento establecido, serán contratadas pola entidade beneficiaria mediante a modalidade contractual máis adecuada, de acordo coa normativa vixente, nos prazos expresados na resolución de concesión, e deberáselle comunicar á oficina de emprego correspondente, necesariamente a través do aplicativo Contrat@, agás no caso de entidades de menos de 5 traballadores, que poderán facelo a través deste aplicativo ou ben por escrito.

Artigo 15. Substitución de traballadores e traballadoras

1. Con carácter xeral, cando se produza a extinción do contrato antes de que remate o período de tempo tomado como referencia para o cálculo da subvención, a entidade beneficiaria poderá contratar outra persoa en substitución daquela que causou baixa durante o tempo restante, sempre que a contratación se produza dentro dos 30 días seguintes ao da baixa na Seguridade Social da inicialmente contratada.

2. No suposto de baixas temporais por maternidade ou por outras causas que se prevexa que sexan de duración superior a 30 días, a substitución só será posible tras a autorización expresa da Secretaría Xeral de Emprego, logo de solicitude fundamentada da entidade contratante.

3. A nova contratación deberá cumprir os requisitos exixidos na orde de convocatoria para as contratacións iniciais subvencionadas e deberá ser notificada á Secretaría Xeral de Emprego. Indicarase a causa da baixa, nun prazo máximo de 15 días desde a correspondente contratación, e achegarase a seguinte documentación orixinal ou copia cotexada:

a) Parte de baixa na Seguridade Social da persoa traballadora substituída.

b) Parte de alta na Seguridade Social da persoa traballadora substituta.

c) Contrato de traballo mediante a modalidade contractual máis adecuada, de acordo coa normativa vixente.

d) Certificado de selección da persoa traballadora substituta, no modelo publicado na web institucional da Xunta de Galicia, agás que se trate dunha persoa candidata que quedase en lista de espera na primeira selección.

4. Tanto no caso de extinción como de substitución por suspensión do contrato, a selección da nova persoa traballadora deberase levar a cabo logo de solicitude á correspondente oficina de emprego do Servizo Público de Emprego de Galicia, agás que se trate de persoas candidatas remitidas por el na oferta inicial e cumpran a condición de demandantes de emprego, desempregadas ou coa tarxeta de mellora de emprego, inscritas como tales no Servizo Público de Emprego de Galicia. No caso dos e das axentes de emprego deberán cumprir os requisitos exixidos no artigo 14.2.

5. Se ao tramitar a dita oferta non se atopasen persoas candidatas idóneas, a entidade beneficiaria, logo de autorización expresa da Secretaría Xeral de Emprego, poderá acudir a outros procedementos de selección de conformidade coa normativa vixente na materia, sempre que se garanta a idoneidade e o cumprimento dos requisitos das persoas candidatas mencionadas no parágrafo anterior, sen que sexa necesario, neste caso, a inscrición das persoas que se van contratar como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia.

Artigo 16. Coordinación da Rede de técnicos de emprego de Galicia

A coordinación da Rede de técnicos de emprego de Galicia, integrada polos e polas axentes de emprego e desenvolvemento local (AEDL), levarase a cabo desde a Secretaría Xeral de Emprego.

Artigo 17. Actualización permanente da formación dos e das axentes de emprego

1. As entidades beneficiarias garantirán a adaptación do persoal técnico contratado aos seus postos de traballo, facilitándolles o acceso á metodoloxía e cantas técnicas sexan necesarias para o mellor desenvolvemento das súas funcións, e porán á súa disposición os equipamentos e medios materiais adecuados, tales como equipos informáticos precisos, así como acceso á internet e correo electrónico, ademais do acceso á formación que se estableza.

2. Co fin de garantir a adecuada coordinación, formación e actualización permanente deste persoal técnico, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración con outros departamentos e/ou entidades públicas da Xunta de Galicia, organizará, con medios propios ou alleos, cantas actuacións considere convenientes, a través de reunións de coordinación, cursos ou xornadas de traballo, facilitándolle a este regularmente información sobre normativa, desenvolvemento de plans e outras cuestións que se consideren de interese.

3. A asistencia e participación nestas actividades de formación, coordinación, divulgación e actualización será obrigatoria, polo que as entidades beneficiarias da subvención deberán facilitar a participación dos/as técnicos e técnicas nas citadas actuacións durante o horario de traballo.

Artigo 18. Avaliación das actividades levadas a cabo polos e polas axentes de emprego

1. Co obxecto de ofrecer unha información detallada sobre a xestión e os resultados acadados para cada unha das actuacións e servizos promovidos polos técnicos e técnicas subvencionados, estableceuse un sistema electrónico de elaboración e xestión da memoria de actividades que permita avaliar, en tempo real, as actuacións que están sendo levadas a cabo por aqueles (XATEmprego).

2. Os datos e a información sobre os servizos e actuacións en que os e as axentes tomen parte deberán ser subministrados en tempo real, de xeito que a Consellería de Economía, Emprego e Industria poida, en calquera momento, ter coñecemento das distintas actuacións que están a levar a cabo os e as axentes.

Artigo 19. Publicidade

1. Para os efectos de difusión pública, no lugar onde se realice o servizo deberá figurar, de forma visible, un cartel informativo, no modelo normalizado establecido no Manual de identidade corporativa da Rede de técnicos de emprego de Galicia, publicado na web institucional da Xunta de Galicia http://emprego.ceei.xunta.gal/portada-emprego, no cal constará o cofinanciamento por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

2. Para os efectos de ofrecer unha imaxe unificada e global da Rede de técnicos de emprego de Galicia, cara aos usuarios e ás usuarias dos seus servizos en toda a Comunidade Autónoma, que permita unha mellor e máis rápida identificación destes, deberá utilizarse o conxunto de normas gráficas recollidas no Manual de identidade corporativa da Rede de técnicos de emprego de Galicia, para utilizar o logotipo da rede nos distintos elementos de comunicación, o que redundará nunha maior calidade das prestacións desenvolvidas polos e polas axentes.

Artigo 20. Xustificación e pagamento

1. O aboamento da subvención para a contratación de axentes de emprego e/ou unidades de apoio farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o cal foi concedida, o que se xustificará mediante a presentación da seguinte documentación, na data límite establecida na resolución de concesión:

a) Contratos de traballo, na modalidade contractual máis axeitada, formalizados e debidamente comunicados, e dos partes de alta na Seguridade Social xunto co informe de datos de cotización (IDC), se é o caso.

b) Certificado ou declaración responsable onde conste, se é o caso, que foi acordada a prórroga da contratación do ou da axente de emprego e/ou unidade de apoio para o cal se solicita subvención.

c) Certificado do órgano competente da entidade beneficiaria relativo ao procedemento de selección da persoa axente de emprego/unidade de apoio, segundo o modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia no enlace http://emprego.ceei.xunta.gal/portada-emprego, se é o caso.

d) Certificado do órgano competente da entidade beneficiaria, segundo o modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia no enlace http://emprego.ceei.xunta.gal/portada-emprego, onde consten as retribucións salariais brutas dos traballadores e traballadoras, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mais as cotizacións empresariais á Seguridade Social, con indicación, se é o caso, das cantidades achegadas pola entidade.

e) Unha declaración responsable da entidade solicitante do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes, e de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nin ser debedor por resolución de procedencia de reintegro, no modelo que se publica como anexo III.

f) Unha fotografía do cartel informativo en que se reflicta a súa localización, nos termos sinalados no artigo 19.

g) O documento de consentimento de cesión de datos do axente de emprego contratado, segundo o modelo que estableza a Secretaría Xeral de Emprego.

h) A declaración responsable de que a actividade que vaian desenvolver as persoas traballadoras contratadas como axentes de emprego e/ou unidades de apoio está destinada a promover e implantar políticas activas de emprego relacionadas coa dinamización e coa creación de emprego e inserción laboral das persoas con especiais dificultades de inserción sociolaboral, en entidades prestadoras de servizos sociais que establezan accións específicas de conformidade cos seus estatutos para a inserción, preferentemente, das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social, segundo o modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia no enlace http://emprego.ceei.xunta.gal/portada-emprego

2. A comprobación da permanencia en alta na Seguridade Social, no caso das prórrogas, realizaraa o Servizo de Programas de Cooperación a través das correspondentes aplicacións informáticas.

3. Os certificados, declaracións, documentos e carteis informativos sinalados neste parágrafo deberán realizarse segundo os respectivos modelos que se publican na web institucional da Xunta de Galicia no enlace http://emprego.ceei.xunta.gal/portada-emprego

4. Unha vez recibidos os fondos, a entidade beneficiaria deberá remitir á Secretaría Xeral de Emprego unha certificación acreditativa da súa recepción. Para estes efectos deberá presentar:

a) O certificado de recepción de fondos, de acordo co modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia http://emprego.ceei.xunta.gal/portada-emprego

b) Extracto bancario (orixinal ou copia compulsada) xustificativo do ingreso do importe da subvención concedida.

Artigo 21. Obrigas das entidades beneficiarias

1. As entidades beneficiarias, ademais das establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Aceptación da subvención no prazo de 10 días, de conformidade co disposto no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Transcorrido o citado prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

b) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

c) Aboar ás persoas contratadas os salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes coa súa categoría profesional e titulación e asumir a diferenza entre a cantidade subvencionada e os custos salariais e de Seguridade Social totais.

d) Con independencia do cobramento ou non da subvención, deberán satisfacer no momento do seu vencemento e mediante transferencia bancaria as obrigas económicas que deriven do funcionamento dos servizos subvencionados, especialmente as de carácter salarial.

e) Someterse ás actuacións de comprobación e control que poida efectuar a Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas.

Para os efectos dun correcto seguimento do desempeño das tarefas subvencionadas, a entidade beneficiaria da subvención deberá manter unha planificación permanentemente actualizada e respecto de cada unha das persoas traballadoras contratadas, no relativo ao lugar de realización do servizo e distribución do tempo de traballo por día da semana. A dita planificación deberá estar á disposición da Administración actuante para achegala cando se lle requira.

f) Comunicarlle á Consellería de Economía, Emprego e Industria aquelas modificacións substantivas que afecten a realización da actividade que vaian desenvolver as traballadoras e traballadores contratados, co obxecto de que poida valorar se o seu carácter produce unha alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

g) Comunicarlle á Consellería de Economía, Emprego e Industria a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.

h) Presentar ante a Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, no prazo establecido na resolución concedente da subvención, unha declaración responsable de que a actividade que vaian desenvolver as persoas traballadoras contratadas como axentes de emprego e/ou unidades de apoio está destinada á promoción e implantación de políticas activas de emprego relacionadas coa dinamización e coa creación de emprego e inserción laboral das persoas con especiais dificultades de inserción sociolaboral, en entidades prestadoras de servizos sociais que establezan accións específicas de conformidade cos seus estatutos para a inserción, preferentemente, das persoas con discapacidade e/ou risco de exclusión social.

2. Co fin de efectuar un seguimento adecuado da execución dos proxectos por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a entidade beneficiaria deberá someterse ao cumprimento das seguintes obrigas:

a) Dar publicidade da actuación, así como da utilización do logotipo da Rede de técnicos de emprego de Galicia, nos distintos elementos de comunicación, segundo establece o artigo 19.

b) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

c) Presentar ante a Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, no prazo de dous meses, unha vez que teña finalizado a súa execución, a seguinte documentación:

1º. Un certificado de fin de servizo segundo o modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia http://emprego.ceei.xunta.gal/portada-emprego. Non será necesario remitir a memoria de actividades, pero terán a obriga de utilizar os aplicativos postos á súa disposición, que permitirán a obtención e xestión da memoria de actividades mediante un sistema electrónico (XATEmprego), en prol de avaliar as actuacións levadas a cabo por aqueles.

2º. Nóminas aboadas aos traballadores e traballadoras que se contraten e dos boletíns de cotización á Seguridade Social (recibo de liquidación de cotizacións e modelo TC-2 ou documento equivalente expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social), así como os documentos bancarios correspondentes que acrediten o seu pagamento (transferencias bancarias necesariamente no caso das nóminas) e mais o modelo 190 (retencións e ingresos á conta do IRPF) e xustificantes do seu pagamento (modelo 111) correspondentes aos trimestres en que se desenvolveu o proxecto, unha vez que se dispoñan destes.

d) Someterse ás actuacións de comprobación sobre o terreo que, con base na mostra seleccionada estatisticamente e/ou segundo criterios baseados no risco, realice por persoal técnico da Secretaría Xeral de Emprego.

e) Comunicar, no prazo de 10 días, á Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria:

1º. As subvencións ou axudas solicitadas e/ou obtidas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.

2º. Aquelas modificacións substantivas que afecten a realización da actividade que van desenvolver as persoas técnicas contratadas, co obxecto de que poida valorar se o seu carácter produce unha alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

f) Cumprir as demais obrigas que poidan derivar desta orde ou das resolucións e instrucións que, se é o caso, se diten para o seu desenvolvemento e execución.

3. Polo que respecta á protección de datos de carácter persoal:

a) As entidades beneficiarias obríganse a dar cumprimento ao contido do artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, así como a cantos outros artigos lles sexan de aplicación ao tratamento de datos das persoas beneficiarias que leven a cabo como responsables do ficheiro.

b) A entidade beneficiaria deberá tratar os datos coa finalidade exclusiva da xestión da subvención. En ningún caso os datos poderán ser obxecto dun tratamento distinto ao previsto na convocatoria. Calquera tratamento dos datos que non se axuste ao disposto na presente orde será responsabilidade exclusiva da entidade beneficiaria, e responderase fronte a terceiros das infraccións en que incorrese, e fronte á Consellería de Economía, Emprego e Industria polos danos e perdas que lle puidese causar.

c) A entidade beneficiaria deberá manifestar cumprir coa normativa vixente en materia de protección de datos de carácter persoal e, en particular, coas medidas de seguridade correspondentes aos seus ficheiros.

Artigo 22. Perda do dereito ao cobramento e reintegro

1. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

2. De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o importe que se deberá reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) Incumprimento das condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

b) Non realizar a actividade ou adoptar un comportamento contrario ao que fundamenta a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

c) Incumprimento do prazo establecido para presentar a documentación xustificativa para o pagamento sinalada no artigo 20.1: no caso de que o atraso sexa de ata o 30 % do prazo establecido suporá unha perda do dereito ao cobramento do 2 % sobre o gasto subvencionado; cando o atraso sexa entre o 31 % e o 100 % do prazo establecido a perda do dereito ao cobramento será do 10 % sobre o gasto subvencionado; e no suposto de que o atraso supere o 100 % do prazo establecido procederá a perda total do dereito ao cobramento da subvención.

d) Incumprimento da obriga de presentación da documentación exixida no artigo 21.2.c): no caso de que non se presente ningunha documentación procederá o reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado, e no suposto de presentación de parte da documentación exixida ou de que a documentación presentada sexa incorrecta, o importe que se deberá reintegrar será proporcional ao gasto non xustificado.

e) Incumprimento da obriga de satisfacer, con independencia do cobramento da subvención, e mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas de carácter salarial mensualmente: cando o importe salarial aboado fóra de prazo sexa inferior ao 50 % do gasto subvencionado, o importe que se deberá reintegrar será equivalente ao importe aboado fóra do prazo establecido; e no suposto de que o importe salarial aboado fóra de prazo sexa igual ou superior ao 50 %, procederá o reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

f) Incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas no artigo 19: reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

3. A obriga do reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Disposición adicional primeira. Existencia de crédito

A concesión das axudas e subvencións reguladas nesta orde estará supeditada á existencia de crédito orzamentario na aplicación 09.40.322C.481.8 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017.

Disposición adicional segunda. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, así como as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En caso de ausencia, vacante ou enfermidade da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, as atribucións citadas no parágrafo anterior serán exercidas temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, de conformidade co réxime disposto na disposición adicional primeira do Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Disposición adicional terceira. Infraccións e sancións

As entidades beneficiarias destas axudas están suxeitas ao réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións, previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional cuarta. Consentimento escrito

Para o adecuado desenvolvemento das súas funcións, os datos de carácter identificativo (DNI, nome e apelidos, sinatura), así como os académicos e profesionais dos e das axentes de emprego contratados, serán públicos e deberán estar á disposición de quen requira dos seus servizos como tales, polo que deberán prestar o seu consentimento por escrito segundo o modelo que estableza a Secretaría Xeral de Emprego, que serán tratados só e exclusivamente para o correcto desenvolvemento das finalidades previstas nesta orde e en ningún caso se utilizarán para outro fin.

Para os efectos do disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e no Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, que a desenvolve, as entidades beneficiarias das axudas para a contratación de axentes de emprego incorporarán os datos de carácter persoal nun ficheiro propio, declarado previamente no Rexistro da Axencia Española de Protección de Datos.

A entidade beneficiaria comunicará á Consellería de Economía, Emprego e Industria os datos necesarios para o seguimento, control e supervisión das accións citadas, solicitando previamente da persoa interesada o seu consentimento sobre a cesión dos datos de carácter identificativo (DNI, nome e apelidos, sinatura), así como os académicos e profesionais. A Consellería comprométese a utilizar os ditos datos exclusivamente para a finalidade mencionada.

Aplicaranse, en todo caso, sobre os datos de carácter persoal obxecto de tratamento as medidas de seguridade establecidas no artigo 20.3 desta orde, así como na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e no Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, que a desenvolve.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento e execución

Autorízase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2017

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file