Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Mércores, 27 de setembro de 2017 Páx. 44087

IV. Oposicións e concursos

Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos

RESOLUCIÓN do 22 de setembro de 2017 relativa á publicación do modelo definitivo de respostas dos distintos exercicios e das puntuacións provisionais da fase de oposición do proceso selectivo para cubrir postos de traballo desta axencia mediante contratación laboral fixa, convocado pola Resolución do 20 de xaneiro de 2015.

A base oitava da Resolución desta Axencia do 20 de xaneiro de 2015 pola que se convocou un proceso selectivo para cubrir postos de traballo de diversas categorías e se nomearon os membros dos tribunais, establece un prazo de cinco días hábiles seguintes ao da publicación dos modelos provisionais de respostas para que os/as interesados/as poidan presentar reclamación contra os exercicios.

Se o tribunal de oficio ou con base nas reclamacións presentadas, anulase algunha ou algunhas das preguntas incluídas nun exercicio, anunciarao na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Neste caso serán tidas en conta as preguntas de reserva, que terán unha puntuación igual que o resto das preguntas do correspondente exercicio.

A estimación ou desestimación das reclamacións entenderase implícita na resolución pola que se publiquen as puntuacións provisionais e as respostas definitivas dos distintos exercicios, que se efectuará na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Á vista das reclamacións presentadas en prazo, este centro directivo, de conformidade coa dita base,

RESOLVE:

Primeiro. Dar publicidade, a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde
(www.sergas.es) ao modelo definitivo de respostas, aprobado polo órgano de selección, correspondente a cada un dos exercicios que integran a fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso nas categorías de médico especialista en hematoloxía e hemoterapia, médico xeral, técnico superior, responsable de comunicación, enfermeiro/a, técnico especialista de laboratorio, promotor da doazón, auxiliar administrativo, auxiliar de informática, auxiliar clínica/laboratorio, e condutor/celador, convocado pola Resolución do 20 de xaneiro de 2015.

Segundo. Publicar, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), as puntuacións provisionais obtidas polos/las aspirantes presentados/as aos exercicios da fase de oposición do citado proceso selectivo.

Terceiro. Contra esta resolución, as persoas interesadas poderán presentar reclamación ante o tribunal no prazo de cinco días hábiles seguintes ao da súa publicación, unicamente de existir erros na confección aritmética da puntuación obtida.

A reclamación deberá presentarse nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e deberá dirixirse á sede do tribunal para os efectos de comunicadores, situada na Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, sita na avenida Monte da Condesa, s/n, 15705 Santiago de Compostela, e deberá enviarse comunicación por fax ao número 981 59 00 85 de que se presentou reclamación noutro rexistro diferente ao da axencia, de ser o caso.

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2017

María Luisa López García
Directora da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos