Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Venres, 29 de setembro de 2017 Páx. 44456

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 14 de setembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, das subvencións para o financiamento das bolsas ás persoas novas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil que realizan prácticas non laborais en empresas, con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil (procedemento TR363A).

BDNS (Identif.): 363727.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias as empresas con centro de traballo en Galicia que, logo da sinatura dun convenio de prácticas non laborais co Servizo Público de Emprego de Galicia no marco do Real decreto 1543/2011, do 31 de outubro, subscriban acordos con persoas novas para a realización de prácticas non laborais.

Segundo. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública das subvencións para o financiamento ás empresas das bolsas das persoas novas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, que realizan prácticas non laborais nestas empresas (procedemento TR363A).

As subvencións previstas nesta orde tramitaranse de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras establécense nesta orde.

Cuarto. Importe

O financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria elévase a 553.073,00 euros e farase con cargo aos créditos do programa 09.41.323A.471.0, con código de proxecto 201500571 (248.361,00 euros, que figuran na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2017, e 304.712,00 euros para o ano 2018).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes de axudas será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2017

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria