Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Venres, 29 de setembro de 2017 Páx. 44612

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 13 de setembro de 2017, da Xefatura Territorial de Pontevedra, polo que se dá publicidade á Resolución do 28 de agosto de 2017, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, que modifica o acordo de concentración parcelaria da zona de San Salvador de Meis (Meis-Pontevedra).

O 28 de agosto de 2017 a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural ditou resolución de modificación do acordo de concentración parcelaria da zona de San Salvador de Meis (Meis-Pontevedra), que se transcribe a seguir:

O acordo de concentración parcelaria da zona de San Salvador de Meis (Meis-Pontevedra) foi aprobado pola dirección xeral de competencia por razón da materia con data do 22 de abril de 2005 e publicado na forma legalmente establecida, e atópase na actualidade pendente de firmeza.

Con posterioridade a estes actos, o Concello de Meis solicitou a cesión da titularidade do predio número 1974 para a instalación dunha estación depuradora de augas residuais.

Vista a proposta da xunta local da zona, a disposición transitoria primeira da Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, a Lei de reforma e desenvolvemento agrario, do 12 de xaneiro de 1973, a Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, modificada pola Lei 12/2001, do 10 de setembro, a Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais disposicións vixentes de aplicación ao caso.

Á vista do destino para o cal se solicita o referido predio, e respecto do cal é perfectamente subsumible o suposto recollido no artigo 32 da antedita lei galega, esta dirección xeral resolve:

1. Modificar o acordo de concentración parcelaria da zona de San Salvador de Meis (Meis-Pontevedra),dando de alta como propietario na zona co número 1084 o Concello de Meis e adxudicándolle a titularidade do predio número 1974 –que causa baixa no fondo de terras da zona– para destinalo á instalación dunha estación depuradora de augas residuais, tal e como se recolle na parte expositiva da presente resolución.

2. Transcorridos cinco anos desde a cesión da propiedade sen que os predios fosen destinadas aos fins para os cales son adxudicados, a titularidade dos referidos predios reverterá sobre o fondo de terras da zona, o patrimonio da Comunidade Autónoma, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) ou outra entidade que corresponda, segundo o caso.

3. Ordenar que á presente resolución se lle dea a oportuna publicidade, sen prexuízo da súa notificación ao Concello de Meis.

Contra esta resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural no prazo dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio.

Pontevedra, 13 de setembro de 2017

Antonio Crespo Iglesias
Xefe territorial de Pontevedra