Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Mércores, 4 de outubro de 2017 Páx. 46887

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 20 de setembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2017-2018. Programa II de axudas á creación, ampliación, mantemento e adaptación de postos de traballo (códigos de procedemento TR341E e TR341N).

BDNS (Identif.): 363980.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Os centros especiais de emprego que figuren inscritos como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, a súa organización e funcionamento (DOG núm. 138, do 19 de xullo), sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos no capítulo III das bases reguladoras.

Segundo. Obxecto

O obxecto deste programa é incentivar a creación, ampliación e mantemento de emprego nos CEE mediante o financiamento parcial de iniciativas ou proxectos técnica, económica e financeiramente viables que xeren emprego estable, para traballadores e traballadoras con discapacidade.

Terceiro. Tipos de axudas e contías

1. Axudas para proxectos de creación e ampliación do cadro de persoal do CEE (procedemento TR341E). Finánciase a creación de postos de traballo indefinidos para persoas con discapacidade inscritas como demandantes de emprego non ocupadas ou para a transformación en indefinidos dos contratos temporais de fomento de emprego de persoas con discapacidade ou dos contratos de duración determinada ou temporais, incluídos os formativos.

a) Axudas para asistencia técnica.

b) Subvención en función do investimento en activo fixo.

O límite da subvención polo conxunto das dúas liñas de axudas indicadas na alíneas a) e b) determínase por:

1º. O gasto realizado excluídos os impostos ata o máximo do 80 % do custo directamente relacionado coa actividade do centro (para CEE sen ánimo de lucro ata o 100 %).

2º. O número de postos indefinidos creados para persoas con discapacidade. Subvencionarase unha contía base por cada posto de traballo creado a xornada completa, que será de 12.020 euros (13.222 euros se o CEE está cualificado sen ánimo de lucro).

3º. A contía base someterase a criterios de gradación cando non se cumpran as condicións que se establecen no artigo 40.3 das bases reguladoras.

4º. Unha vez aplicados os criterios de gradación poderá incrementarse a contía resultante nun 25 % por cada unha das tres circunstancias sinaladas no artigo 40.4 das bases reguladoras.

A contía máxima que poderá percibir un CEE por posto de traballo creado é de 21.035 euros (23.139 euros no caso de CEE cualificados sen ánimo de lucro). Cada CEE poderá solicitar axuda por un máximo de 10 postos de traballo (15 postos no caso de CEE cualificados sen ánimo de lucro).

2. Axudas para mantemento de CEE (procedemento TR341N), existen dous tipos de axudas:

a) Subvención para a adaptación de postos de traballo. A contía será de 1.803 euros.

b) Axudas para asistencia técnica. A contía será de 15.000 euros.

Cuarto. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 20 de setembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2017-2018. Capítulo III.

Quinto. Importe

Para a concesión destas axudas destínase un millón oitocentos setenta e dous mil cincocentos euros (1.872.500 euros), repartidos por anualidades.

Ano 2017: un millón setenta mil euros (1.070.000 euros).

Ano 2018: oitocentos dous mil cincocentos euros (802.500 euros).

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de solicitudes será ata o 10 de novembro de 2017.

Sétimo. Período subvencionable e xustificación das axudas

O período subvencionable comprende desde o 1 de outubro de 2016 ata o 30 de xuño de 2018:

a) Con cargo á anualidade 2017 subvencionaranse os postos creados entre o 1 de outubro de 2016 e o 30 de setembro de 2017.

A xustificación desta axuda deberá realizarse como máximo o 10 de decembro de 2017 e as facturas terán que estar emitidas entre o 1 de outubro de 2016 e o 10 de decembro de 2017.

b) Con cargo á anualidade 2018 subvencionaranse os postos creados ou que se prevexa crear (mediante compromiso asinado polo CEE que indique o número de postos e a porcentaxe de xornada) desde o 1 de outubro de 2017 ata o 30 de xuño de 2018.

Neste caso a xustificación da axuda deberá realizarse no prazo de dous meses desde a creación do posto. Este prazo tamén será o prazo máximo de emisión de facturas. En calquera dos casos o prazo finalizará o 31 de agosto de 2018.

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2017

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria